Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 185 Xoves, 27 de setembro de 2018 Páx. 43723

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ANUNCIO do 18 de setembro de 2018, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, polo que se acorda someter a participación pública o documento preliminar do Marco de acción prioritaria da Rede Natura 2000 para Galicia para o Marco financeiro plurianual do período 2021-2027.

O artigo 8 da Directiva 92/43/CEE do Consello, do 21 de maio de 1992, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres establece a posibilidade de cofinanciamento comunitario de Natura 2000 a través dun marco de acción prioritaria (MAP, en diante). Este documento é unha ferramenta de planificación estratéxica para o financiamento da Rede Natura 2000 que busca identificar as medidas prioritarias para a xestión destes espazos e os fondos comunitarios a través dos cales é posible financialas.

Actualmente, contamos cun MAP para o ciclo orzamentario 2014-2020 que foi utilizado para a programación operativa dos fondos comunitarios.

A Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea, como resultado de diferentes avaliacións da Rede Natura 2000, aprobou un plan de acción que inclúe un bloque de medidas para aumentar os investimentos en Natura 2000 e mellorar as sinerxías cos instrumentos de financiamento da UE. Entre estas medidas está a de actualizar os MAP coa finalidade de captar un maior financiamento.

Deste xeito, preténdese que o MAP teña unha maior incidencia e utilidade no Marco financeiro plurianual comunitario 2021-2027 e para iso considera imprescindible que estea elaborado nas primeiras fases de negociación.

Na realización deste novo MAP, o Ministerio para a Transición Ecolóxica considera conveniente que, con independencia de que se elabore un documento a nivel estatal, sexan as administracións xestoras de espazos da Rede Natura 2000 as encargadas da súa elaboración a nivel autonómico, seguindo un formulario proposto polo propio Ministerio. Ademais, poderán incluírse medidas adicionais relacionadas coa infraestrutura verde.

Para a súa elaboración convén facer partícipes a todos os sectores e individuos interesados en Natura 2000 que poidan cooperar na elaboración deste documento tendo en conta non só a conservación da natureza, senón tamén as actividades que se desenvolven nestes espazos.

A Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de ambiente, establece, no seu título III, o dereito a que o público poida expresar observacións e opinións cando están abertas todas as posibilidades, antes de que se adopten decisións sobre o plan, programa ou disposición de carácter xeral.

Conforme o establecido no artigo 16 desta lei,

ACORDO:

Primeiro. Abrir un período de participación ao público do Marco de acción prioritaria (MAP) para Natura 2000 en Galicia durante un prazo de 20 días hábiles, contado o dito período desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, coa finalidade de que aquelas persoas que se consideren directamente interesadas poidan remitir observacións e opinións mediante escrito dirixido á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou ao enderezo de correo electrónico planificacion.conservacion@xunta.gal, poñendo no Asunto: MAP Galicia.

Segundo. Durante o citado prazo o documento poderá ser examinado nos seguintes lugares:

– Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

– Xefaturas territoriais da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio da Coruña, Pontevedra, Lugo e Ourense.

– Na sección de conservación da natureza da páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, http://cmaot.xunta.gal/tema/c/CMAOT_Conservacion, entrando na subsección de documentos en información pública.

Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2018

Ana María Díaz López
Directora xeral de Patrimonio Natural