Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Xoves, 6 de xuño de 2019 Páx. 27515

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANUNCIO do 28 de maio de 2019, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, polo que se acorda someter ao procedemento de información pública o proxecto de decreto polo que se regula o censo de solo empresarial de Galicia.

Conforme cos principios reitores establecidos nos artigos 47 e 148.1.3º e 13º da Constitución española, o artigo 27.3 do Estatuto de autonomía para Galicia atribúe á Comunidade Autónoma de Galicia a competencia da regulamentación do solo para o fomento do desenvolvemento económico de acordo co interese xeral.

O artigo 12 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais de Galicia, crea o censo de solo empresarial de Galicia como un instrumento de avaliación, planificación e actualización das necesidades de solo empresarial na Comunidade Autónoma.

Correspóndelle á consellería competente en materia de vivenda e solo, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), no marco do establecido na Lei 3/1988, do 27 de abril, de creación do referido instituto e consonte a súa estrutura orgánica, aprobada polo Decreto 97/2014, do 24 de xullo, a proposta de disposicións para o establecemento, desenvolvemento e xestión da política en materia de solo empresarial da Comunidade Autónoma de Galicia, así como a súa execución e avaliación, planificación, desenvolvemento e xestión do solo empresarial no ámbito autonómico.

Tendo en conta o establecido no parágrafo anterior e co fin de asegurar que se observen as garantías en materia de participación na elaboración de disposicións de carácter xeral, unha vez iniciada a tramitación do Proxecto de decreto polo que se regula o censo de solo empresarial de Galicia,

ACORDO:

Primeiro. Someter a información pública, por un prazo de quince (15) días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio, o Proxecto de decreto polo que se regula o censo de solo empresarial de Galicia.

Segundo. Durante o citado prazo, poderase consultar o texto do Proxecto de decreto na seguinte ligazón do portal de transparencia da Xunta de Galicia:

http://transparencia.xunta.gal/tema/informacion-de-relevancia-xuridica/normativa-entramitacion/en-prazo-de-envio-de-suxestions

Terceiro. As persoas interesadas poden enviar as súas alegacións:

• Preferentemente, mediante correo electrónico ao seguinte enderezo:

reximexuridico.cmatv@xunta.gal

• Alternativamente, mediante a presentación de escrito dirixido á Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, en calquera dos lugares previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Tamén se poden remitir suxestións a través do formulario disposto para este fin na ligazón do portal de transparencia da Xunta de Galicia indicado no punto segundo deste anuncio.

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2019

Carmen Bouso Montero
Secretaria xeral técnica da Consellería de Medio Ambiente,
Territorio e Vivenda