Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 13 Martes, 21 de xaneiro de 2020 Páx. 3077

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 27 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para a realización de Programas de emprego para persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil (formación e aprendizaxe) no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento TR353B).

Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta comunidade autónoma asumiu as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego no ámbito do traballo, o emprego e a formación e, a través do Decreto 88/2018, do 26 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, o Decreto 177/2016, do 15 de decembro polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia e o Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a súa estrutura orgánica, a Consellería de Economía, Emprego e Industria asume o exercicio das competencias e funcións, entre outras materias, no relativo ás políticas activas de emprego.

Corresponde pois, a esta consellería para o exercicio de 2020, a xestión das subvencións e axudas públicas das políticas activas de emprego, entre as que están as medidas dirixidas a incrementar a empregabilidade das persoas desempregadas, mellorando as condicións do mercado de traballo, no marco da Estratexia europea para o emprego, do Programa nacional de reformas, do Sistema nacional de garantía xuvenil, do respectivo Plan anual de política de emprego (PAPE) e no eido da colaboración institucional e o diálogo social entre o goberno galego e os axentes económicos e sociais de Galicia.

As recomendacións da UE en materia de emprego van encamiñadas a que os estados membros deben, en aras a unha maior flexibilidade, descentralizar a xestión das políticas de emprego, de forma que estas se acheguen e adecúen ás necesidades concretas de cada territorio e á realidade do mercado de traballo local coa fin de lograr unha estratexia de acción común. Estas directrices poñen especial fincapé na importancia de que todas as persoas reciban unha boa oferta de emprego, educación continua, formación de aprendiz ou período de prácticas nun prazo de catro meses tras quedar desempregados ou rematar a educación formal.

Á súa vez, debe terse en conta que o Plan estratéxico de Galicia 2015-2020, aprobado polo Parlamento galego o 11 de maio do 2016, fixa como eixe 1, a «Empregabilidade e crecemento intelixente», que recolle un modelo integral de desenvolvemento coa finalidade de superar a situación laboral previa á crise e a creación de postos de traballo sustentables. Dentro do dito eixe 1 recóllese como prioridade de actuación o aumento da empregabilidade e produtividade das persoas traballadoras de Galicia a través da formación e innovación constante, que, á súa vez, marca, como un dos seus obxectivos estratéxicos ou prioritarios, o da mellora da calidade da formación profesional para o emprego, e como un dos eixes que agrupa os obxectivos estruturais, o da formación e o das oportunidades de emprego.

Na Axenda da Competitividade “Galicia Industria 4.0”, aprobada polo Consello de Goberno da Xunta de Galicia o 13 de maio do 2015, contémplase a formación das persoas como un dos compoñentes necesarios do programa de reforzo das persoas e das organizacións, así como a necesidade de que o sistema formativo se oriente ás necesidades da industria, de maneira que cómpre que se impartan accións formativas vinculadas con certificados de profesionalidade vinculados coa Industria 4.0.

No informe sobre a Axenda 20 para o emprego, que se abordou no Consello de Goberno da Xunta de Galicia do 3 de marzo do 2016, incluíuse, como reto 2 a formación e capacitación como pancas de cambio.

A redución do desemprego xuvenil constitúe un dos retos máis importantes para o período de programación 2014-2020. Para facerlle fronte implementouse a Iniciativa de emprego xuvenil, con fondos específicos e complementarios do Fondo Social Europeo, regulada así no artigo 22.1 do Regulamento (UE) 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013 modificado polo Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018.

Para a Xunta de Galicia a redución da taxa de desemprego xuvenil constitúe unha das súas prioridades e o centro de atención das diferentes medidas postas en marcha en materia de políticas activas de emprego.

Neste sentido, a Estratexia de emprendemento e emprego para a mocidade establece, entre outras medidas, a extensión dos programas formativos dirixidos á obtención de certificados de profesionalidade coa finalidade de mellorar a empregabilidade, a cualificación e a inserción profesional da mocidade incluída no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil que nin estudan, nin traballan, nin reciben formación e impedir que a situación de desemprego se prolongue no tempo, xa que deste xeito se reducen as posibilidades dunha reincorporación óptima ao mercado de traballo. Trátase, en definitiva, de prever no posible e, se é o caso, de minimizar os períodos de desemprego, obxectivo de especial importancia para a mocidade.

A este obxectivo responde o Sistema nacional de garantía xuvenil regulado no título IV, capítulo I, da Lei 18/2014, de 15 de outubro, de aprobación de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficiencia, e o Real decreto lei 6/2016, do 23 de decembro, de medidas urxentes para o impulso do Sistema nacional de garantía xuvenil.

Como unha das medidas para a súa implementación, concíbense estes Programas de emprego para persoas mozas como programas integrais dirixidos a mellorar a ocupabilidade das persoas de dezaoito ou máis anos incluídos no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a través da súa cualificación profesional en alternancia coa adquisición de experiencia laboral mediante a realización de obras ou a prestación de servizos de utilidade pública ou interese social así como a promover a inserción laboral das persoas participantes mediante a concesión de incentivos de contratación.

Desta maneira os Programas de emprego para persoas mozas combinan dous aspectos relevantes. Por unha banda a formación e aprendizaxe das persoas mozas mediante as actuacións subvencionadas por medio da presente orde de convocatoria. Por outra banda os Programas promoven a inserción laboral das persoas participantes que rematen a fase de formación e aprendizaxe con resultado de apta/o mediante unha futura convocatoria de incentivos á contratación por conta allea en empresas durante un mínimo de 6 meses a xornada completa para ocupacións do ámbito das materias impartidas na fase de formación.

Nestes programas de emprego será obrigatoria a impartición dun módulo formativo de igualdade de xénero co obxectivo de promover unha actitude máis igualitaria entre mulleres e homes. Partindo do coñecemento da situación real con este módulo preténdese concienciar ao alumnado na problemática da desigualdade que afecta ás mulleres e, en concreto, no ámbito laboral, dándolles a coñecer e favorecer a aplicabilidade do principio da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes no devandito ámbito.

Asi mesmo, esta orde dá continuidade á senda iniciada na regulación en convocatorias anteriores, onde se establecía como requisito para poder acceder ás axudas para aqueles concellos pequenos que non cheguen a unha media de paro rexistrado no ano 2019 superior aos niveis mínimos que se indican na orde, que necesariamente deberán “asociarse ou coordinarse” con outros concellos limítrofes para poder acceder ás axudas para a posta en funcionamento destes programas de emprego. Toda vez que esta orde establece como requisito para aqueles concellos pequenos a necesidade de asociarse ou mancomunarse para poder optar á concesión das axudas, cabe entender como cumprida a finalidade do Acordo do Consello de Goberno da Xunta de Galicia do 28 de febreiro de 2013, polo que se aproban os criterios aplicables ás axudas e subvencións destinadas ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para primar proxectos de xestión compartida e incentivar procesos de fusión municipal.

Así mesmo, valorarase que os concellos se acollan á iniciativa Doing Business Galicia. Trátase dun protocolo xeral de actuación entre a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias, co obxectivo de fomentar a implantación e fixación de empresas en Galicia.

Esta convocatoria axústase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu Regulamento e, en concreto, no relativo aos principios de concorrencia, publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade e non discriminación na concesión das axudas.

A presente orde tramítase ao abeiro do disposto no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e do artigo 1.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, na redacción dada pola Orde do 27 de novembro de 2000, modificada pola Orde do 25 de outubro de 2001. A concesión das subvencións queda sometida á condición suspensiva de existencia de crédito axeitada e suficiente no momento da resolución.

Nesta convocatoria de 2020, a distribución provincial de créditos para o financiamento destes programas realizarase tendo en conta o número de persoas inscritas por provincia no Sistema nacional de garantía xuvenil o último día do mes anterior a data de publicación do extracto da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

O financiamento das axudas e subvencións previstas nesta orde, realizarase con cargo á aplicación 09.41.322A.460.2 ( proxecto 2018 00017) do proxecto de lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020, por un importe de 3.528.546 euros. Para o exercicio de 2021, as subvencións financiaranse con cargo á mesma aplicación e código de proxecto ou equivalente polo importe de 3.528.546 euros.

Esta convocatoria enmárcase dentro do Programa operativo de emprego xuvenil 2014-2020, número CCI2014ES05M90P001, cofinanciado cunha porcentaxe do 91,89 % pola Iniciativa de emprego xuvenil e o Fondo Social Europeo, en particular:

– Eixe 5. Integración sustentable no mercado de traballo das persoas mozas que non se atopan empregadas, nin participan en actividades de educación e formación, en particular no contexto da garantía xuvenil.

– Prioridade de investimento 8.2. Integración sustentable no mercado de traballo das persoas mozas que non se atopan empregadas, nin participan en actividades de educación nin formación, así como a mocidade que corre o risco de sufrir exclusión social e a procedente de comunidades marxinadas, en particular no contexto da garantía xuvenil.

– Obxectivo específico 8.2.2. Reforzar a empregabilidade e as competencias profesionais das persoas mozas non ocupadas e non integradas nos sistemas de educación ou formación.

– Medida 8.2.2.5. Programa escolas obradoiro e casas de oficios e programas mixtos de emprego-formación.

En consecuencia, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais e a Federación Galega de Municipios e Provincias e obtidos os informes favorables da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, da Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, da Intervención Xeral e autorizada polo Consello da Xunta de Galicia, na súa sesión do día 19 de decembro de 2019, a concesión de anticipos das axudas e subvencións reguladas nesta orde así como o seu carácter plurianual e, no exercicio das facultades que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia, e tendo en conta as regras establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Obxecto, definición e persoas beneficiarias

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras, así como a convocatoria para o ano 2020, en réxime de concorrencia competitiva, respectando os principios de obxectividade, igualdade, transparencia e publicidade, das axudas e subvencións para a realización de programas de emprego dirixidos a mellorar a ocupabilidade, a cualificación e a inserción profesional das persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil (etapa de formación e aprendizaxe) no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Estes programas de emprego configúranse como programas mixtos de emprego e formación que teñen por finalidade mellorar a ocupabilidade das persoas participantes, mediante a realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten a realización dun traballo efectivo que, xunto coa formación profesional para o emprego recibida, relacionada directamente co dito traballo, procure a súa cualificación profesional e a súa posterior inserción laboral no mercado de traballo.

3. A súa programación integrarase, na medida do posible e conforme os itinerarios de inserción profesional que se definan, en proxectos que dean resposta ás demandas do mercado de traballo e sexan capaces de activar o desenvolvemento territorial, xerar riqueza e, consecuentemente, crear postos de traballo.

4. Unha vez rematada esta primeira etapa de formación e aprendizaxe a Consellería de Economía, Emprego e Industria promoverá a inserción laboral de todas as persoas participantes nos programas de emprego que rematen con resultado de apto/a, a través de incentivos á contratación por conta allea durante un mínimo de 6 meses a xornada completa en empresas para ocupacións do ámbito das materias impartidas e no ámbito territorial de Galicia.

Artigo 2. Persoas beneficiarias participantes

1. Poderán ser persoas beneficiarias participantes destes programas aquelas persoas mozas de dezaoito ou máis anos que non superen a idade máxima que estableza a normativa vixente no momento da selección do alumnado, inscritas e en situación de beneficiarias no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 90.1.a) da Lei 18/2014, do 15 de outubro, de aprobación de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficiencia.

Ademais, deberán manter o cumprimento dos requisitos exixidos na Lei 18/2014 modificada polo Real decreto lei 6/2016, do 23 de decembro, con carácter previo a participar nos programas de emprego.

2. Para poder participar neste programa é imprescindible cumprir os requisitos establecidos na normativa reguladora do contrato para a formación e aprendizaxe co obxecto de estar vinculada mediante un contrato de tales características ao proxecto durante toda a duración deste, de acordo co previsto no artigo 11.2 e na disposición adicional segunda do Real decreto lexislativo 2/2015, de 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores.

3. Se a formación a impartir no proxecto vai dirixida á obtención de certificados de profesionalidade de nivel de cualificación 2 ou 3, garantirase que o perfil do alumnado se adecúe aos requisitos sinalados nos reais decretos que regulan os ditos certificados.

Artigo 3. Beneficiarias da subvención: entidades promotoras

1. Os proxectos que se financien ao abeiro desta convocatoria poden ser promovidos polos concellos de Galicia, as mancomunidades de concellos e as entidades públicas dependentes ou vinculadas a concellos ou mancomunidades cuxa titularidade corresponda integramente a elas.

2. As entidades promotoras deberán ser competentes para a execución das correspondentes obras ou servizos e dispoñer da capacidade técnica e de xestión suficiente para a realización dos proxectos. No caso dos concellos ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a un concello, ademais, deberán ter unha media de paro rexistrado no ano 2019 superior a 500 persoas no ámbito territorial do proxecto, entendendo como tal o territorio do concello solicitante ou, se é o caso, a suma dos territorios dos concellos limítrofes da mesma provincia que concorran agrupados. No caso de solicitudes por parte dun concello que, segundo os últimos datos oficiais dispoñibles á data de publicación da convocatoria, teña un número igual ou inferior a 2.000 habitantes, a media de paro no ano 2019 deberá ser superior a 200 persoas. Aplicarase esta mesma media de paro mínima se se trata dunha agrupación de dous concellos na que ambos reúnan esa característica.

Este requisito do número mínimo de persoas desempregadas non será de aplicación cando a solicitude agrupe cando menos a tres concellos limítrofes da mesma provincia, ou dous no caso de que un deles sexa resultado da fusión de dous ou máis concellos.

3. Non poderán ser beneficiarias as entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. Será requisito para a concesión da subvención que a entidade local solicitante ou entidades locais no caso de solicitudes presentadas por agrupación de concellos cumpriran coa súa obriga de remisión das contas xerais do último exercicio ao que estean obrigadas ao Consello de Contas.

Artigo 4. Duración

1. A etapa de formación en alternancia coa práctica profesional terá unha duración de doce meses e estará dirixida á aprendizaxe, cualificación e adquisición de experiencia profesional.

2. A data límite para o inicio da formación e as prácticas profesionais será con carácter xeral o 1 de xuño de 2020. As actuacións subvencionadas non poderán comezar antes da resolución de concesión. Os gastos subvencionables deberán estar realizados entre o 1 de xaneiro do exercicio de inicio das actuacións e a data límite para a presentación da documentación xustificativa correspondente.

CAPÍTULO II

Contidos formativos

Artigo 5. Formación en alternancia nos proxectos

1. Durante o desenvolvemento do proxecto, o alumnado-traballador recibirá formación profesional para o emprego, segundo o plan formativo incluído na memoria exixida no artigo 17.2.d) desta orde, alternándoa coa práctica profesional. A formación adecuarase, na medida do posible e en función do oficio ou posto de traballo que se vai desempeñar, aos contidos mínimos establecidos nos reais decretos que regulen os certificados de profesionalidade das correspondentes ocupacións, de acordo co establecido no apartado 1 do artigo 11 do Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, polo que se regulan os certificados de profesionalidade, modificado polo Real decreto 189/2013, do 15 de marzo.

2. Desde o inicio da súa participación no proxecto, o alumnado será contratado pola entidade promotora na modalidade de contrato para a formación e aprendizaxe.

3. Durante esta etapa o alumnado percibirá as retribucións salariais que lle correspondan de conformidade co previsto na normativa aplicable e nesta orde.

4. A duración dos contratos de traballo subscritos co alumnado-traballador non poderá exceder á data de remate do proxecto.

Artigo 6. Formación complementaria

1. Nos proxectos impartirase a formación complementaria que determine o Servizo Público de Emprego incluíndo, en todo caso, as materias de alfabetización informática e sensibilización ambiental.

2. Tamén se impartirá un módulo de sensibilización en igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, tendo en conta a vulnerabilidade que as mulleres teñen no ámbito laboral e a importancia das medidas dirixidas a combater os estereotipos de xénero e a segregación na educación e na formación, que teñen unha gran incidencia na empregabilidade das mulleres xóvenes.

3. En todos os proxectos impartirase a formación en materia de prevención de riscos laborais correspondente á ocupación a desempeñar, téndose en conta, se é o caso, os contidos recollidos no correspondente certificado de profesionalidade.

4. O contido dos ditos módulos incluirase dentro do plan formativo exixido no artigo 17.2.d) desta orde, de acordo cos contidos e tempo de impartición que, se é o caso, estableza a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral respectando o disposto no artigo 26 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.

Artigo 7. Orientación, información profesional, formación empresarial, asesoramento

1. O alumnado-traballador, durante todo o proceso formativo, recibirá orientación, asesoramento e información profesional e formación empresarial. O programa deberá contar con persoal e métodos axeitados para o efecto.

2. Ao remate da actividade de formación, as entidades promotoras prestaranlle asesoramento ao alumnado-traballador participante, tanto para a procura de emprego por conta allea como para o establecemento por conta propia. Para iso actuarán, se fose o caso, mediante as súas propias unidades ou organismos de orientación e asesoramento, en colaboración coa Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Artigo 8. Educación básica

1. Para o alumnado participante que non acadase os obxectivos da educación secundaria brigatoria, previstos na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de Educación, e de conformidade co disposto no artigo 11.2.d) do texto refundido da Lei do estatuto dos traballadores, organizaranse programas específicos coa finalidade de proporcionarlles unha formación básica e profesional que lles permita incorporarse á vida activa ou proseguir os seus estudos nas distintas ensinanzas reguladas na antedita lei orgánica e, especialmente, mediante as probas de acceso correspondentes.

2. O disposto no parágrafo anterior tamén será aplicable ao alumnado que non posúa o título de graduado escolar, por ter este os mesmos efectos profesionais que o de graduado en educación secundaria, segundo establece a disposición adicional trixésimo primeira da referida lei orgánica.

Artigo 9. Certificacións e diplomas

1. Finalizada a súa participación no proxecto o alumnado recibirá un certificado, expedido pola entidade promotora, nos termos recollidos no artigo 11.2.e) do texto refundido da Lei do estatuto dos traballadores e no modelo que para o efecto estableza a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, no que constará a duración en horas da súa participación no programa, así como o nivel de formación teórico-práctica adquirido e os módulos formativos cursados.

2. Este certificado poderá servir, total ou parcialmente, se é o caso, e logo dos requisitos que se determinen, para solicitar o certificado de profesionalidade previsto no Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, modificado polo Real decreto 189/2013, do 15 de marzo.

3. A Consellería de Economía, Emprego e Industria concederalle ao alumnado un diploma no que se recollerá a súa participación no proxecto, de conformidade co modelo e as instrucións que estableza a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral.

CAPÍTULO III

Selección e contratación

Artigo 10. Normas xerais de selección

1. A selección do alumnado, así como a do persoal directivo, docente e administrativo de apoio participante no programa que se vai a poñer en funcionamento, será realizada pola entidade promotora mediante un procedemento específico regulado mediante instrución da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, atendendo ás prioridades do proxecto, aos itinerarios formativos e a criterios de igualdade e obxectividade.

2. Nos criterios de selección de todo o persoal e alumnado procurarase a maior adaptación das persoas que se van seleccionar ás especialidades e as particulares circunstancias de dificultade destas. Estes criterios deberán incluirse nas bases reguladoras que aprobará a entidade promotora, que deberán respectar os requisitos e criterios de selección establecidos nesta orde e na instrución da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral que a desenvolva, na Lei 18/2014, de 15 de outubro, e no Programa operativo de emprego xuvenil 2014-2020. No caso de que se utilicen criterios de valoración subxectivos e obxectivos deberá facerse de forma independente valorando primeiro os criterios subxectivos e con posterioridade, e despois de facelos públicos, realizarase a valoración obxectiva.

3. As bases reguladoras do proceso de selección do persoal e do alumnado aprobadas polas entidades promotoras deberán ser expostas ao público nos taboleiros de anuncios da oficina de emprego que tramite a oferta de emprego así como nos taboleiros de anuncios e na páxina web da entidade promotora. As bases reguladoras do proceso de selección do alumnado deberán publicarse tamén na páxina web do Programa operativo de emprego xuvenil (http://garantiaxuvenil.fondoseuropeos.gal/) así como na páxina web da entidade promotora.

4. Rematado os procedemento de selección, a entidade promotora remitirá á oficina de emprego e á xefatura territorial correspondente, a documentación xustificativa do procedemento e a relación das persoas seleccionadas como beneficiarias participantes, persoal directivo, docente e administrativo de apoio, no modelo que se establecerá e publicará na dita instrución.

Artigo 11. Procedemento de selección do alumnado

1. En todo caso, a selección irá precedida da tramitación de oferta de emprego específica pola correspondente oficina de emprego. Con caracter previo ou no mesmo momento no que se envíe a oferta á oficina de emprego a entidade promotora remitirá á propia oficina e máis á Xefatura Territorial competente as bases reguladoras do proceso de selección. A Xefatura Territorial realizará os trámites oportunos para a publicación das bases na páxina web do Programa operativo de emprego xuvenil (http://garantiaxuvenil.fondoseuropeos.gal/).

2. Na selección terase en conta, en todo caso, criterios como a idade, a experiencia laboral previa, a permanencia no desemprego ou o nivel de cualificación, priorizando a aquelas persoas mozas que non recibiran previamente atención por parte do Sistema nacional de garantía xuvenil e a aqueles que estean máis próximos a cumprir a idade máxima prevista no dito Sistema, todos eles previstos no artigo 105.3 da Lei 18/2014, de 15 de outubro.

3. Cando a formación a impartir no proxecto vaia dirixida á obtención de certificados de profesionalidade de nivel de cualificación 2 ou 3, as persoas candidatas deberán cumprir cos requisitos de acceso sinalados nos reais decretos que regulan os ditos certificados.

No caso de que a persoa candidata participara con anterioridade noutro obradoiro de emprego e posúa xa un certificado de profesionalidade, poderá optar á selección sempre e cando a formación que se vaia impartir neste novo programa de emprego se corresponda con un certificado de profesionalidade distinto.

4. Na oferta de emprego que se tramite terán preferencia as persoas que solicitaran este servizo a través da súa demanda de emprego e, dentro destas, priorizarase a aquelas que teñan prevista a realización deste tipo de medidas no seu itinerario de inserción laboral.

5. A entidade promotora realizará a selección de entre a relación de persoas desempregadas remitidas pola oficina de emprego que deberá conter, sempre que sexa posible, tres persoas candidatas por posto.

6. O alumnado que se seleccione deberá manter o cumprimento dos requisitos de selección na data da súa incorporación ao proxecto.

Artigo 12. Procedemento de selección do persoal directivo, docente e administrativo de apoio

1. Na selección do persoal directivo, docente e administrativo de apoio poderase empregar a oferta de emprego tramitada pola oficina de emprego, a convocatoria pública ou ambas.

2. Así mesmo, corresponderalle á entidade promotora determinar o perfil, as características e os requisitos que deben cumprir as persoas candidatas, establecer os baremos e, se e o caso, as probas que poidan aplicarse, así como elaborar as convocatorias ou preparar as ofertas de emprego que se tramitarán á oficina de emprego, se procedese. As ditas ofertas de emprego serán publicadas no Portal de Emprego de Galicia.

3. A selección definitiva deberá realizarse entre as persoas preseleccionadas pola oficina de emprego e as solicitudes presentadas á convocatoria pública se é o caso.

4. Terán preferencia as persoas que, en igualdade de condicións de cumprimento do perfil requirido, se atopen en situación de desemprego.

Artigo 13. Contratación

1. O alumnado seleccionado será contratado, pola entidade promotora, dende a súa incorporación ao proxecto, a través da modalidade de contrato de traballo para a formación e aprendizaxe. De acordo co disposto no apartado 1 da disposición adicional segunda do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, a estes contratos non será de aplicación o límite de idade, nin o de duración establecido, respectivamente, no artigo 11.2.a) e b) de dito estatuto. Así mesmo nestes contratos as situacións de incapacidade temporal, risco durante o embarazo, maternidade, adopción ou acollemento, risco durante a lactancia e paternidade non interromperán o cómputo de duración do contrato.

2. A entidade promotora contratará ao persoal de dirección, docente e administrativo que fose seleccionado de acordo co procedemento establecido no artigo anterior a través da modalidade de contratación que considere máis axeitada.

3. Os contratos de traballo formalizaranse por escrito no modelo oficial correspondente, código 421-Formación, debendo facerse constar a súa pertenza aos programas de emprego para persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil, a denominación do proxecto para o que se formaliza e, se é o caso, o número da oferta de emprego utilizada. Serán mecanizados e comunicados ao Servizo Público de Emprego de Galicia a través do aplicativo Contrat@ marcando a opción específica “ET/CO/TE/FD” que figura no apartado “Datos específicos do contrato”. Unha vez indicada esta opción aparecerá un despregable que permitirá elixir de, entre varias opcións, as correspondentes a “Alumno/Traballador” e “Persoal” que se empregarán, respectivamente, para o alumnado e o persoal directivo, docente e administrativo do programa de emprego.

Artigo 14. Incidencias e reclamacións

1. As incidencias e reclamacións que se puidesen suscitar derivadas dos procesos de selección serán resoltas pola entidade promotora.

2. Calquera que sexa o sistema de selección utilizado, seguiranse os criterios e procedementos establecidos polo Servizo Público de Emprego para a cobertura de ofertas de emprego, polo que non será de aplicación a normativa establecida para os procedementos de selección do persoal das distintas administracións públicas aínda cando a entidade promotora sexa unha entidade pública. Neste último caso, o persoal directivo, docente, administrativo e as persoas mozas seleccionadas non se considerarán incluídos nos correspondentes cadros de persoal ou relacións de postos de traballo e, consecuentemente, non será precisa oferta de emprego público previa.

CAPÍTULO IV

Procedemento para a concesión de subvencións

Artigo 15. Presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).

2. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos entenderase como último día de prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non houbese día equivalente, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

3. A presentación da solicitude implica o coñecemento e aceptación incondicionada das presentes bases reguladoras.

Artigo 16. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 17. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. De carácter xeral: xunto coa solicitude (anexo I) deberá anexar a seguinte documentación complementaria:

a) A que acredite a personalidade xurídica da entidade solicitante, tendo en conta que se é unha mancomunidade, consorcio ou calquera outro tipo de asociacións dos concellos galegos ou algunha das entidades públicas dependentes ou vinculadas a unha administración local, deberá achegarse, segundo proceda, norma ou acordo de creación ou estatutos publicados no diario oficial correspondente, podendo substituírse por unha certificación expedida para tal efecto.

b) A que acredite o apoderamento suficiente de quen actúa en nome e representación da entidade solicitante. Esta circunstancia farase constar mediante copia da norma ou acordo de nomeamento publicada no correspondente diario oficial ou mediante certificación expedida para o efecto.

c) Certificación expedida pola persoa titular da secretaría ou órgano equivalente da entidade promotora, na que se recolla o acordo de aprobación do proxecto e de solicitude de subvención á Consellería de Economía, Emprego e Industria, adoptado polo órgano competente, ou se é o caso as certificacións das aprobacións por cada un dos concellos participantes no proxecto e, se procede, do convenio de colaboración asinado entre eles para o efecto.

d) Declaración asinada pola persoa representante legal, na que se recolla o conxunto de todas as axudas ou subvencións, solicitadas ou concedidas, para o mesmo proxecto ou para a mesma finalidade, polas distintas administracións públicas competentes ou entes públicos estatais ou internacionais, segundo o modelo que se acompaña como anexo I. No caso dunha asociación de concellos, ademais da citada declaración asinada polas persoas representantes legais do concello solicitante, cada unha do resto de persoas representantes legais dos concellos asociados deberá presentar unha declaración na que se recolla o conxunto de todas as axudas ou subvencións, solicitadas ou concedidas, para o mesmo proxecto ou para a mesma finalidade, polas distintas administracións públicas competentes ou entes públicos estatais ou internacionais, segundo o modelo que se acompaña como anexo II.

e) Certificado da persoa titular da secretaría, da persoa titular da intervención ou cargo equivalente no que consten as fontes de financiamento da parte do custo do proxecto que non sexa subvencionada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria. Así como unha declaración responsable da entidade solicitante de que dispón da experiencia, aptitude e capacidade administrativa, financeira e operativa necesarias para cumprir as condicións da axuda.

2. De carácter específico: Ademais da indicada no punto anterior, as entidades promotoras dos proxectos deberán xuntar a seguinte documentación:

a) Certificado expedido pola persoa titular da secretaría ou órgano equivalente da entidade promotora que acredite a titularidade xurídica de cada un dos obxectos de actuación e a súa dispoñibilidade para realizar as obras ou a prestación dos servizos previstos no proxecto. No caso de titularidade privada, documento de cesión para o seu uso público por un período de tempo non inferior a vinte e cinco anos.

b) Certificado expedido pola persoa titular da secretaría ou órgano equivalente da entidade promotora que conteña a relación de todas as autorizacións administrativas que sexan esixibles atendendo á natureza xurídica e ao réxime de protección dos obxectos sobre os cales se pretende actuar con ocasión do desenvolvemento do proxecto ou, se for o caso, que faga constar que non son necesarias.

c) Autorizacións administrativas relacionadas no certificado descrito no apartado anterior. A falta dalgunha autorización non impide que o expediente sexa valorado e aprobado sempre que se acredite que se presentou a solicitude ante o organismo competente antes do fin do prazo de presentación da solicitude de subvención. Neste caso a adxudicación da subvención quedará condicionada á efectiva obtención das ditas autorizacións con anterioridade á data de inicio do programa de emprego.

d) Memoria do proxecto para o que se solicita a subvención segundo o modelo que se xunta como anexo III, na cal se recollerán os seguintes aspectos:

• Descrición detallada da obra ou servizo que se vai realizar ou prestar, indicando o destino previsto para a súa utilización posterior. No caso de que a obra que se vai executar o requira, achegarase proxecto básico asinado polo persoal técnico competente. O dito proxecto constará, cando menos, de memoria descritiva, planos xerais e orzamento con estimación global por capítulos.

• Plan formativo por especialidades en relación co proxecto de obra ou servizo que se vai desenvolver, de xeito que se estableza a correspondencia entre o plan formativo por especialidades e as unidades de obra ou servizos. Os itinerarios formativos adecuaranse, na medida do posible, ao establecido nos reais decretos dos correspondentes certificados de profesionalidade, ou no seu defecto, especificaranse os módulos formativos da ocupación, indicando o número de horas e os seus contidos teórico-prácticos.

• Cada itinerario formativo deberá incluír a denominación dos módulos que o integran e a súa duración, o obxectivo xeral do módulo e os contidos teórico-prácticos.

• Orzamento e financiamento do proxecto, detallado segundo o disposto no artigo 18 desta orde.

• Datas previstas de comezo e finalización da actividade do proxecto.

e) Se é o caso, documentación acreditativa de adhesión ao convenio “Doing Business Galicia”: certificado conxunto da Fegamp e da Xunta de Galicia, expedido con anterioridade ao remate do prazo de presentación de solicitudes, no que se acredite a proposta de habilitación do concello como “Concello Emprendedor-Concello Doing Business” ou diploma no que se acredita como “Concello Emprendedor-Concello Doing Business”.

3. Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos aos que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requerir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que foi realizada a emenda.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou tivera un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 18. Contido do orzamento dos proxectos

Para os efectos do previsto no artigo 17.2.d) desta orde, o orzamento do proxecto presentarase subdividido en:

1. Orzamento de gastos segundo o seguinte detalle:

a. Custos totais derivados da contratación do persoal de dirección, docente, administrativo e da contratación do alumnado participante, recollendo os ditos custos de xeito individualizado.

b. Custos máximos totais derivados do funcionamento e xestión do programa de emprego:

• Medios e materiais didácticos e de consumo para a formación.

• Amortización de instalacións e equipamentos. Cando a entidade promotora achegue, para o desenvolvemento do proxecto, bens (equipamentos e instalacións) amortizables, xuntarase relación valorada destes, incluíndo as cotas de amortización que se deriven da aplicación das táboas de coeficientes de amortización anualmente establecidas.

• Viaxes do alumnado-traballador para a súa formación.

• Material de oficina.

• Aluguer de elementos de transporte, instalacións, maquinaria e equipos, excluído o leasing.

• Se é o caso, o importe da póliza de responsabilidade civil para facer fronte aos riscos que para os bens e as persoas poidan derivar da actuación profesional do persoal do programa de emprego durante todo o funcionamento do proxecto, quedando a Consellería de Economía, Emprego e Industria exonerada de calquera responsabilidade ao respecto.

• Outros gastos directos necesarios para o desenvolvemento do proxecto.

2. Orzamento de ingresos: expresará a parte financiada pola entidade promotora e por outros posibles organismos ou entidades colaboradoras, así como a parte para a que se lle solicita financiamento á Consellería de Economía, Emprego e Industria. De ser o caso, tamén se farán constar os posibles ingresos previstos como consecuencia, e sempre que se cumpra o establecido no artigo 33 desta orde, do alleamento de bens producidos ou servizos prestados polo programa de emprego.

Artigo 19. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa que en nome e representación da entidade solicita a concesión da subvención.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente, habilitado no anexo I e achegar os ditos documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 20. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas así como na páxina web do Programa operativo de emprego xuvenil (http://garantiaxuvenil.fondoseuropeos.gal/) Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 á que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información e o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 21. Instrución e emenda

1. O órgano instrutor dos expedientes será o Servizo de Orientación e Promoción Laboral competente en materia de emprego da xefatura territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria competente por razón do territorio.

2. Se a solicitude de iniciación non reúne os requisitos exixidos pola lexislación específica aplicable requirirase á entidade solicitante para que, no prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que se así non o fixer, considerarase desistida da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015 do 1 de outubro, de conformidade co establecido no artigo 68 da mesma lei.

Artigo 22. Avaliación de solicitudes. Comisión Central de Valoración

1. Os expedientes, unha vez completos, serán remitidos, no prazo de 15 días, xunto co informe técnico emitido pola xefatura territorial e no modelo que para o efecto estableza a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, á Comisión Central de Valoración para o seu estudo e informe nunha única fase. Asimesmo as xefaturas territoriais remitirán unha relación das solicitudes que resulten inadmitidas ou excluidas indicando expresamente as circunstancias concretas que lles afecten.

2. Para estes efectos a Comisión Central de Valoración estará composta pola persoa titular da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, que a presidirá; e serán vogais as persoas titulares das xefaturas territoriais da Consellería de Economía, Emprego e Industria, e a secretaría corresponderá a persoa titular da Subdirección Xeral de Orientación Laboral, con voz pero sen voto.

Se por calquera causa, no momento que a Comisión Central de Valoración teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas que a compoñen non puider asistir, será substituída pola persoa que sexa designada pola persoa titular da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral.

Artigo 23. Criterios de valoración dos proxectos

1. Na valoración dos proxectos destes programas de emprego teranse en consideración os seguintes criterios:

a) Que o proxecto conteña actividades relacionadas co fomento das TIC e a economía dixital, ata un máximo de 14 puntos. O total dos puntos dividirase entre o número de especialidades impartidas. Os puntos que corresponden a cada especialidade outorgaranse cando o seu obxecto principal estea comprendido no ámbito das TIC ou da economía dixital. Se esta dedicación so afecta a parte da formación da especialidade, distribuiranse en función das horas que correspondan as ditas materias.

b) Accións formativas dirixidas á obtención de certificados de profesionalidade, ata 10 puntos, de acordo cos seguintes criterios:

• Impartición de todos os módulos conducentes á obtención de certificados de profesionalidade nivel 1: un certificado (1 punto), por dous ou máis certificados (3 puntos).

• Impartición de todos os módulos conducentes á obtención de certificados de profesionalidade nivel 2: un certificado (3 puntos), por dous ou máis certificados (5 puntos).

• Impartición de todos os módulos conducentes á obtención de certificados de profesionalidade nivel 3: un certificado (5 puntos), por dous ou máis certificados (10 puntos).

c) Calidade do proxecto, atendendo ás actuacións que se van realizar e a súa adecuación para a cualificación e adquisición de experiencia profesional do alumnado-traballador e dos beneficios sociais que se prevexa xerar, ata 10 puntos, de acordo cos seguintes criterios:

• Proxectos considerados de baixa calidade, 0 puntos.

• Proxectos considerados de calidade media, ata 5 puntos.

• Proxectos considerados de alta calidade, ata 10 puntos.

d) Participación no proxecto do tecido empresarial existente no territorio no que se implantará. Xustificarase documentalmente que a formación e experiencia laboral previstas se axustan ás necesidades das empresas indicando expresamente a viabilidade da inserción laboral (6 puntos).

e) Proxectos promovidos por un concello resultante da fusión de dous ou máis nos 10 anos anteriores á data de publicación da orde (30 puntos). Cando resulte de aplicación o presente criterio non serán de aplicación os recollidos nos dous apartados seguintes referidos a agrupación de concellos.

f) Proxectos promovidos por dous ou máis concellos agrupados: 10 puntos.

g) Para concellos que concorran agrupados valórase o número de persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito territorial dos concellos agrupados no que se desenvolva o proxecto o último día do mes anterior a data de publicación do extracto da convocatoria no Diario Oficial de Galicia, ata 10 puntos de acordo coa seguinte escala:

• Proxectos promovidos por unha agrupación de concellos que teña entre 0 e 10 persoas mozas inscritas, 0 puntos.

• Proxectos promovidos por unha agrupación de concellos que teña entre 11 e 25 persoas mozas inscritas, 3 puntos.

• Proxectos promovidos por unha agrupación de concellos que teña entre 26 e 50 persoas mozas inscritas, 5 puntos.

• Proxectos promovidos por unha agrupación de concellos que teña entre 51 e 100 persoas mozas inscritas, 8 puntos.

• Proxectos promovidos por unha agrupación de concellos que teña máis de 100 persoas mozas inscritas, 10 puntos.

h) Concellos que teñan a condición de “Concello emprendedor-Concello Doing Business” Galicia acreditado segundo o disposto no artigo 17.2.e) (20 puntos). No caso de que a solicitude estea presentada conxuntamente por agrupación de concellos baixo calquera fórmula (agrupación, asociación, mancomunidade,...) outorgarase a puntuación en función da porcentaxe de concellos que reúnan tal condición.

i) Achegas da entidade promotora ou doutras entidades colaboradoras, que deberán estar certificadas pola persoa titular da intervención ou cargo equivalente da entidade promotora, especialmente cando estas achegas diminúan a subvención que poida conceder a Consellería de Economía, Emprego e Industria, ata 5 puntos. Para tal efecto, terase en conta o esforzo investidor en cada caso, de acordo coa seguinte escala:

• Proxectos nos que a achega económica das promotoras estea comprendida entre 5.000 e 20.000 €: 1 punto.

• Proxectos nos que a achega económica das promotoras estea comprendida entre 20.001 e 45.000 €: 3 puntos.

• Proxectos nos que a achega económica das promotoras sexa superior a 45.000 €: 5 puntos.

j) Entidades solicitantes que non promoveran Programas de emprego para persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil ou Obradoiros de emprego para persoas mozas, financiados con fondos POEX, durante os catro anos inmediatamente anteriores: 5 puntos.

2. Para o caso de que se produza un empate nas puntuacións obtidas terán preferencia aquelas solicitudes nas que se utilice a lingua galega na execución dos proxectos. No caso de que se manteña o empate concederase a axuda atendendo á orde de presentación da solicitude.

3. O número máximo de alumnado dos programas que se concedan con cargo á presente orde será de 16 e non se concederá a axuda para programas de menos de 10.

Artigo 24. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://notifica.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta a disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia - Notifica.gal para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 25. Resolución

1. Dentro dos cinco meses seguintes ao remate do prazo de presentación de solicitudes, cumpridos os trámites previstos no artigo 22 desta orde, emitida a proposta de resolución polo órgano instrutor e fiscalizada esta pola respectiva Intervención, a persoa responsable da xefatura territorial, por delegación da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria, ditará e notificaralle á entidade solicitante a resolución que proceda.

2. A resolución favorable conterá, como mínimo, os seguintes apartados:

a) Finalidade e obxectivos básicos do proxecto, número e características das persoas beneficiarias, e, se é o caso, especialidades que se impartirán.

b) Subvención outorgada con cargo aos orzamentos da Consellería de Economía, Emprego e Industria para o financiamento dos gastos sinalados no artigo 29 desta orde, debendo facerse constar que o seu importe ten o carácter de estimado.

c) Duración do proxecto e datas previstas para o seu comezo.

d) Referencia a que a Unión Europea, a través do Fondo Social Europeo, mediante a Iniciativa de Emprego Xuvenil, Programa operativo de emprego xuvenil 2014-2020. Eixe prioritario 5. Prioridade de investimento 8.2. Obxectivo específico 8.2.2. Medida 8.2.2.5. cofinanciará a subvención concedida nunha porcentaxe do 91,89 %.

e) A puntuación obtida na valoración do proxecto.

f) Calquera outra especificación que se coide oportuna en cada caso concreto. En particular determinarase se os “Outros gastos directos necesarios para o desenvolvemento do proxecto” que sinala o artigo 18.1.b) desta orde se consideran subvencionables ou non.

Deberá informarse á entidade promotora que a aceptación da subvención implicará a súa aparición na lista pública de operacións cos nomes das persoas beneficiarias, regulada no anexo XII do Regulamento (UE) 1303/2013 (modificado polo Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046) que será obxecto de publicación electrónica ou por outros medios, segundo dispón o artigo 115.2 do citado regulamento.

Así mesmo, informaráselle, aos efectos de difusión pública e seguindo as previsións contidas na normativa aplicable (anexo XII do Regulamento (UE) 1303/2013 modificado polo Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046) que deberá identificar convenientemente as actividades, obras e servizos que desenvolva o proxecto subvencionado, especialmente a través de publicidade estática realizada por medio de vallas, carteis ou paneis que, colocados en lugar visible, tamén informarán do cofinanciamento do programa de emprego pola Unión Europea, a través do Fondo Social Europeo, Programa operativo de emprego xuvenil. Así mesmo, o dito cofinanciamento deberá ser posto en coñecemento das persoas que participen no proxecto. Tamén deberá facer unha breve descrición da operación na súa páxina web destacando o apoio financeiro da Unión Europea a través do FSE.

Tamén na resolución de concesión se establecerán as condicións da axuda ás que quedan sometidos as persoas beneficiarias derivadas da aceptación da subvención, en especial os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse con ela, o plan financeiro e o calendario de execución.

3. Transcorrido o prazo de cinco meses sen que se notificase resolución expresa entenderase desestimada a solicitude, de acordo co disposto no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Sen prexuízo do previsto no artigo 42 desta orde, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda ou subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

5. As resolucións dos expedientes instruídos ao abeiro do disposto nesta orde esgotan a vía administrativa, polo que, de conformidade co previsto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, contra elas poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses a contar desde o día seguinte ao da súa notificación.

Potestativamente, con anterioridade á interposición do antedito recurso contencioso-administrativo, de conformidade co previsto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, poderá interpoñerse recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, se dito acto fora expreso; se non o for, en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto. Todo o anterior é sen prexuízo da interposición de calquera outro recurso que se considere oportuno para a defensa dos dereitos e intereses das entidades solicitantes e outros posibles interesados.

6. As subvencións concedidas ao abeiro desta orde publicaranse, con expresión da entidade beneficiaria, a contía e a finalidade, no Diario Oficial de Galicia, na páxina web oficial da Consellería de Economía, Emprego e Industria, na páxina web do Programa operativo de emprego xuvenil (http://garantiaxuvenil.fondoseuropeos.gal/) e no rexistro de subvencións, de acordo co disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, na Lei 9/2007, do 13 de xuño e na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro.

7. A medida que se vaian xerando dispoñibilidades de crédito como consecuencia de posibles minoracións, renuncias, anulacións ou modificacións nas subvencións concedidas, o órgano instrutor poderá realizar novas propostas de concesión de proxectos continuando coa orde de prelación fixada pola Comisión Central de Valoración ata esgotar o novo crédito.

Artigo 26. Modificacións do proxecto

1. Calquera modificación que implique un cambio dos obxectivos e actuacións básicas do proxecto que sexan considerados como substanciais, tramitarase por medio dunha solicitude realizada por medios electrónicos acompañando unha memoria da forma indicada no artigo 17.2.d). Para estes efectos terán a consideración de substanciais aquelas modificacións que supoñan un cambio no obxecto de actuación que afecte a máis do 50% da programación dos traballos programados nos correspondentes itinerarios formativos ou que impliquen a necesidade de cambiar as especialidades formativas.

2. De teren as modificacións o dito carácter de substanciais, as xefaturas territoriais remitirán as solicitudes, cando o informe técnico sexa favorable, á Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral para que esta informe sobre a procedencia da modificación pretendida. A súa resolución correspóndelles ás persoas titulares das xefaturas territoriais, por delegación da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Os mencionados cambios deberán responder a causas excepcionais debidamente xustificadas que así o exixan.

3. As solicitudes de modificacións non esenciais non precisarán do informe da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral para seren resoltas pola xefatura territorial. Da resolución que se dite enviarase copia á dita dirección xeral para a súa constancia.

CAPÍTULO V

Financiamento e gastos subvencionables

Artigo 27. Financiamento da subvención

1. Estes programas serán financiados a través das subvencións que conceda a Consellería de Economía, Emprego e Industria con cargo á aplicación 09.41.322A.460.2 (proxecto 2018 00017) do proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020 por un importe de 3.528.546 euros. Para o exercicio de 2021, as subvencións financiaranse con cargo á mesma aplicación e código de proxecto ou equivalente polo importe de 3.528.546 euros.

Este importe poderá ser incrementado ou minorado como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas do Sistema nacional de garantía xuvenil así como nos supostos e nas condicións previstas nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2. A concesión das axudas ou subvencións estará sometida á condición suspensiva de existencia de crédito axeitado e suficiente no momento da resolución para os efectos do disposto no artigo 25. 2º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 3.3 da Orde do 11 de febreiro de 1998 sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, na súa redacción dada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001.

3. A distribución provincial de créditos para o financiamento das axudas e subvencións previstas nesta orde será proporcional ao número de persoas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil o último día do mes anterior á data de publicación do extracto da convocatoria no Diario Oficial de Galicia e en función das solicitudes presentadas e aprobadas.

Artigo 28. Convenios de colaboración

As entidades promotoras poderán subscribir convenios de colaboración con outras entidades públicas ou privadas, mediante os que se comprometan a achegar parte do custo do proxecto, descontándose estas achegas da subvención que poida conceder a Consellería de Economía, Emprego e Industria. Esta circunstancia farase constar na memoria prevista no artigo 17.2.d) desta orde, e comunicarase á Consellería de Economía, Emprego e Industria no momento en que formalizasen se as ditas achegas se recibisen con posterioridade ao momento da solicitude da axuda e polo tanto non constasen na dita memoria.

Artigo 29. Gastos a subvencionar

1. As axudas e subvencións que conceda a Consellería de Economía, Emprego e Industria para cada proxecto, e que se determinarán na resolución que o aprobe, destinaranse exclusivamente a sufragar os seguintes gastos:

a) Os de formación profesional para o emprego e, se é o caso, educación básica durante a duración do proxecto.

b) Os salariais derivados dos contratos de traballo que se subscriba co alumnado.

2. En ningún caso, o importe da subvención concedida poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, supere o custo do proxecto.

3. O importe das cantidades efectivas que se aboarán, estará en función do valor dos módulos, do salario mínimo interprofesional e das cotizacións á Seguridade Social vixentes, do número de alumnado participante e da xustificación dos gastos subvencionados.

Artigo 30. Subvención para custos de formación profesional para o emprego

1. Consideraranse como gastos de formación profesional para o emprego e, se é o caso, de educación básica, susceptibles de seren subvencionados:

a) Os gastos derivados da contratación do persoal directivo, docente e administrativo.

b) Os medios e materiais didácticos e de consumo para a formación.

c) As viaxes ou visitas de carácter didáctico.

d) Gastos de viaxes do persoal directivo e docente do proxecto para asistir a reunións ou xornadas convocadas ou autorizadas, expresamente e por escrito, pola persoa titular da xefatura territorial. O importe subvencionado non excederá do importe das axudas de custo establecidas para o persoal con destino na administración pública de Galicia do grupo equivalente.

e) Útiles e ferramentas sendo subvencionables todos os que resulten imprescindibles para o desenvolvemento das prácticas do alumnado e cuxo custo unitario de adquisición sexa inferior a 300 euros.

f) Aluguer de elementos de transporte, instalacións, maquinaria e equipamentos, excluído o leasing, que resulten necesarios para a formación do alumnado, cando non dispoña a entidade promotora dos necesarios para o desenvolvemento do proxecto formativo.

g) Combustible necesario para o funcionamento da maquinaria utilizada polo alumnado.

h) Gastos de elaboración dos carteis oficiais e vestiario axeitado de traballo do persoal participante no programa de emprego.

i) Se é o caso, o importe da póliza de responsabilidade civil para facer fronte aos riscos que para os bens e as persoas poidan derivarse da actuación profesional do persoal do programa de emprego durante o funcionamento do proxecto, quedando a Consellería de Economía, Emprego e Industria exonerada de calquera responsabilidade ao respecto.

j) Gastos de reparación de maquinaria e equipamentos sempre que se produza durante o desenvolvemento do programa de emprego e como consecuencia do uso dado polas persoas participantes nel. Xunto coa xustificación achegarase un informe asinado pola persoa que desempeñe a dirección do programa de emprego no que se acrediten as mencionadas circunstancias.

k) Outros gastos vinculados de forma directa co programa de emprego necesarios para o desenvolvemento do proxecto formativo, que foran autorizados na resolución de concesión.

2. Non poderán financiarse con cargo á subvención concedida:

a) As indemnizacións por morte ou de acción social previstas nos convenios colectivos das entidades promotoras, e as correspondentes a traslados, suspensións, despedimentos, ou cesamentos, así como o importe do pagamento da retribución correspondente ao período das vacacións anuais non disfrutadas durante a duración do proxecto formativo.

b) Os gastos de investimento tales como a adquisición de inmobles, instalacións, maquinarias e equipamentos.

c) Os alugueres de edificios, locais, naves, aulas ou o seu acondicionamento, sempre que non sexa resultado da práctica profesional do alumnado-traballador participante.

d) Os gastos financeiros xerados por avais, anticipos bancarios ou análogos.

Artigo 31. Cálculo do importe da subvención para custos de formación profesional para o emprego

1. Para os efectos do previsto no artigo anterior, o cálculo da subvención efectuarase por hora/alumno de formación e por módulos:

a) Módulo A: mediante este módulo compensaranse os gastos salariais do persoal directivo, docente e administrativo que fose seleccionado e contratado, incluídos os orixinados polas cotas da Seguridade Social por conta da persoa empregadora, derivados de continxencias comúns e profesionais, Fondo de Garantía Salarial e Desemprego.

b) Módulo B: con este módulo compensaranse os demais gastos enumerados no número 1 do artigo anterior.

2. Para esta convocatoria establécese un importe de 3,42 euros/hora/participante para o Módulo A e de 0,94 euros/hora/participante para o Módulo B.

3. A contía dos anteditos módulos é única para toda a duración do proxecto, aínda que se desenvolva en dous exercicios anuais distintos e será a que corresponda á data de inicio.

4. O importe do módulo A ten en consideración a relación dun ou dunha docente a xornada completa para cada oito alumnos/alumnas ou fracción. O importe da subvención prevista para gastos de formación e funcionamento será o equivalente ao resultado de multiplicar o valor dos módulos A e B polo número de alumnos/alumnas e polo total de horas, 160 horas por mes de duración do proxecto, considerando a xornada completa.

Artigo 32. Subvención para custos salariais do alumnado-traballador

Nos contratos para a formación e aprendizaxe que a entidade promotora subscriba co alumnado participante nos programas de emprego, a Consellería de Economía, Emprego e Industria subvencionará o 100 % do salario mínimo interprofesional anualmente establecido, incluída a parte proporcional de dúas pagas extraordinarias. Así mesmo, tamén subvencionará a totalidade das cotas por conta da persoa empregadora correspondentes á Seguridade Social, Fondo de Garantía Salarial e Desemprego previstas para os ditos contratos na súa normativa específica.

Os incrementos debidos ás variacións do importe do salario mínimo interprofesional e as cotizacións sociais poderanse financiar con cargo á aplicación 09.41.322A.460.2, proxecto 2014 00543 ou os equivalentes nos orzamentos vixentes no exercicio en que se produzan.

Artigo 33. Produción de bens e servizos

Cando os proxectos, no desenvolvemento da súa actividade, produzan bens que sexan susceptibles de comercialización, poderán allearse, sempre que non se incorra en competencia desleal e se dispoña das autorizacións necesarias. Os ingresos procedentes de tales alleamentos ou da prestación de servizos descontaranse do importe a pagar pola subvención.

CAPÍTULO VI

Pagamento e xustificación da subvención

Artigo 34. Pagamento da subvención

1. Correspóndelles ás xefaturas territoriais da Consellería de Economía, Emprego e Industria o pagamento das subvencións concedidas, logo das solicitudes das entidades promotoras, no modelo que para o efecto estableza a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral.

2. Unha vez iniciado o proxecto, e despois da xustificación do comezo mediante a oportuna certificación emitida en tal sentido pola entidade promotora, aboaráselle a esta, en concepto de anticipo, unha cantidade equivalente ao 50 % do importe total da subvención do proxecto, sempre que a devandita cantidade non supere o importe correspondente á anualidade do ano 2020.

3. Antes do 1 de marzo de 2021 a entidade promotora presentará a xustificación do anticipo da anualidade de 2020, comprensiva dos gastos realizados ata o 31 de decembro de 2020 da forma e cos requisitos previstos nos artigos seguintes referidos á liquidación.

4. O 50% ou a porcentaxe que resulte restante aboaráselle á entidade promotora unha vez rematado o proxecto, xustificados todos os gastos e presentada a acta de liquidación do expediente nos termos dispostos nos artigos 35 e 36 desta orde.

5. Unha vez recibidos os fondos a entidade promotora deberá remitir á xefatura territorial correspondente, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, por cada un dos ingresos, unha certificación acreditativa da súa recepción.

6. As entidades beneficiarias, antes de cada recepción de fondos, deberán achegar unha declaración responsable complementaria de estar ao corrente das obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria e a Seguridade Social e non ter pendente de pagamento débedas coa Administración pública da comunidade autónoma.

7. No momento da xustificación da execución total do proxecto e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, a entidade beneficiaria presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto ou finalidade, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.

Artigo 35. Forma de xustificación

1. A xustificación realizarase mediante o sistema de custo real e de conformidade co previsto no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, no artigo 44 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento e o artigo 6 da Orden ESS/1924/2016, do 13 de decembro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2014-2020. A entidade promotora remitirá á correspondente xefatura territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria os xustificantes dos gastos e dos pagamentos efectuados. A xustificación presentarase segundo o detalle indicado nos modelos que estableza a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, e non se poderán efectuar compensacións entre os distintos conceptos. Así mesmo, xuntarase relación dos pagamentos realizados con identificación das persoas perceptoras, detalle das cantidades aboadas e a data do seu pagamento.

2. A xustificación por horas realizadas nos programas de emprego, deberá efectuarse mediante unha relación do alumnado-traballador participante no período que se xustifica, con expresión das súas datas de alta e baixa, xunto coas copias dos seus contratos de traballo e partes de baixa na Seguridade Social.

Para a xustificación dos custos salariais do alumnado participante, que se efectuará en función dos contratos efectivamente formalizados e pola duración do período que se xustifica, será necesario achegar a documentación indicada no parágrafo anterior xunto coas nóminas, seguros sociais e xustificantes do seu pagamento.

3. Para a xustificación dos custos salariais e de seguridade social, tanto do alumnado-traballador como do persoal directivo, docente e administrativo de apoio, as entidades beneficiarias presentarán os documentos xustificativos RLC e RNT xunto cos xustificantes individualizados dos gastos efectuados e os documentos bancarios acreditativos dos pagos realizados (extracto ou cargo bancario) así como unha certificación expedida pola persoa titular da secretaría ou órgano equivalente na que se relacionen todos os xustificantes individualizados dos gastos realizados así como a data do seu pagamento.

Tendo en conta que a axuda vai destinada a sufragar os custos da formación profesional para o emprego non será subvencionable ningún custo que non teña relación coa actividade formativa do alumnado, tales como os relacionados con ausencias por enfermidade e accidente con baixa laboral (IT), por enfermidade e accidente sen baixa laboral, por adopción, por acollemento, por enfermidade de familiares, por coidado de descendentes, por falecemento, por matrimonio, por maternidade ou paternidade, por lactancia, asistencia a cursos non relacionados co proxecto formativo, exames, consultas médicas e calquera outro gasto que non se corresponda coa actividade formativa vinculada ao desenvolvemento do programa de emprego, tanto do persoal directivo, docente e de apoio, como do alumnado.

Nos casos de gastos de persoal non subvencionables deberá excluírse tamén a parte proporcional das cotizacións á Seguridade Social que proceda.

Para iso deberá levarse un control de partes de horario e asistencia que deixe constancia de tales feitos e que será presentado xunto coa documentación exixida para a xustificación dos proxectos.

4. Respecto á xustificación dos gastos comprendidos no módulo B as entidades promotoras deberán presentar unha certificación expedida pola persoa titular da secretaría ou órgano equivalente na que conste: nome e NIF da persoa acredora, número e, no seu caso, serie da factura, concepto, importe, data de emisión da factura e do seu pagamento, acompañado das facturas ou documentos de valor probatorio equivalente así como os xustificantes das transferencias bancarias ou documentos acreditativos dos pagos realizados de acordo coa normativa aplicable aos fondos europeos.

5. No caso de que non se xustifique segundo o previsto nos puntos anteriores procederase á reclamación das cantidades non xustificadas de conformidade co procedemento establecido para o efecto.

6. A xustificación final de gastos presentarase dentro do mes seguinte ao remate da etapa de formación en alternancia coa práctica profesional e nunca mais tarde do 1 de agosto de 2021.

Artigo 36. Liquidación do expediente

1. Dentro do prazo establecido no artigo anterior a entidade promotora remitirá á xefatura territorial correspondente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, nos modelos que estableza a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, a seguinte documentación:

a) Memoria final na que se reflictan as actuacións desenvolvidas e na que se relacionen detallados todos os custos, subvencionados ou non, imputados ao desenvolvemento do programa de emprego, seguindo a estrutura do modelo de orzamento de gastos incluído no anexo III da orde.

b) Acta de liquidación e cadro-resumo de xustificantes de gastos.

c) Copia dos certificados de aproveitamento, nos que conste o número de horas da formación recibida e a cualificación final, entregados ao alumnado participante no proxecto.

2. Dentro do mesmo prazo deberán presentar a documentación acreditativa do mantemento do sistema de contabilidade separada, segundo as instrucións que se publican na web institucional da Xunta de Galicia, no enlace http://traballo.xunta.es/cofinanciamento-fse.

3. As entidades promotoras tamén deberán facilitar, dentro do mesmo prazo, a información que permita dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores comúns e específicos tanto de produtividade como de resultado inmediato e a longo prazo previstos nos anexos I e II do Regulamento (UE) 1304/2013 relativo ao FSE e á Iniciativa de Emprego Xuvenil modificado polo Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046.

Con iso trátase de coñecer cales son as características das persoas participantes antes de iniciar a súa participación na operación cofinanciada cos fondos europeos (indicadores de produtividade sobre entidades/participantes) e cales son as que presentan no momento do remate da súa implicación coa operación (indicadores de resultado inmediato sobre participantes). Ademais preténdese coñecer cales son as características que presentan as persoas participantes aos 6 meses desde a finalización da súa implicación coa operación cofinanciada (indicadores de resultado a longo prazo sobre participantes).

Para dar cumprimento aos devanditos requisitos de información, desde o Organismo Intermedio proporciónase a aplicación informática Participa 1420, a cal permite o rexistro de todos os indicadores comúns e específicos tanto de produtividade como de resultado inmediato e a longo prazo, garantindo a integridade dos datos e a depuración automática da información. Proporciona ademais orientación e facilitará o cumprimento dos requisitos de información a todas as persoas usuarias que interveñen no desenvolvemento das operacións cofinanciadas e que xogan distintos roles no proceso de subministración e validación da información, á vez que ofrece un sistema global de explotación de información que se empregará tanto na xestión como no seguimento e a avaliación.

A entidade beneficiaria adquirirá a condición de Intermediario colaborador. As tarefas do Intermediario colaborador serán basicamente o rexistro de persoas participantes e a súa asociación á operación que desenvolven, e a xestión da recollida da información requirida sobre as devanditas persoas participantes. Ademais, a entidade beneficiaria deberá asociarse a sí mesma como un participante (entidade) na operación para proporcionar a información recollida no cuestionario de produtividade sobre entidades requirida pola normativa aplicable.

Para acceder á aplicación deberá dirixirse ao seguinte enderezo, introducindo os datos de usuario e contrasinal recibidos a través de correo electrónico xerado no momento que fora dado de alta:

https://participa1420.conselleriadefacenda.es/Participa1420

4. Dentro do mesmo prazo deberá presentarse así mesmo a documentación acreditativa do cumprimento das obrigas en materia de información e comunicación establecidas no anexo XII do Regulamento (UE) 1303/2013 modificado polo Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046, ás que fai referencia o artigo 40.2.a) desta orde, mediante achegas de copias da documentación utilizada, fotografías dos carteis expostos, indicación da páxina web, etc.

A actualización destes datos poderá ser requirida pola Administración aos 6 meses de rematar o proxecto, co fin de dar cumprimento aos indicadores de resultado a longo prazo.

5. Despois de verificada a xustificación presentada e, en caso de acordo, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria dará a súa conformidade aos documentos antes sinalados, e procederá ao aboamento das cantidades previstas nesta orde. No suposto de desconformidade ou discrepancia, a xefatura territorial descontará do pagamento do 50 % restante as cantidades non xustificadas.

6. Revisada a xustificación, e de existir un saldo positivo a favor da Consellería de Economía, Emprego e Industria, a xefatura territorial iniciará o procedemento establecido para o reintegro das cantidades non xustificadas.

7. En todo caso, no prazo de tres meses posteriores á finalización da actividade do proxecto, a xefatura territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria remitirá á Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral a acta de liquidación e cadro-resumo de xustificantes de gastos, sinalados no punto 1 apartado b) deste artigo.

Artigo 37. Subvención máxima xustificable

A subvención máxima que se pode admitir como xustificada, por gastos de formación e funcionamento, para cada un dos módulos A e B, non poderá exceder ao que resulte de multiplicar o número de horas realizadas polo importe de cada módulo. Para estes efectos, tamén serán consideradas como horas efectivas as do alumnado-traballador que abandone o proxecto polo tempo comprendido entre a data da súa baixa e, se é o caso, o remate do proxecto.

De igual xeito, asimilaranse ás horas de formación efectivamente impartidas as correspondentes aos períodos de vacacións anuais retribuídos disfrutados durante o período de duración do proxecto polo alumnado participante, establecidos legal ou convencionalmente.

Artigo 38. Compatibilidade da axuda

Esta axuda é compatible con calquera axuda e subvención concedida para o mesmo proxecto e finalidade polas distintas administracións públicas competentes ou entes públicos. O importe da subvención en ningún caso poderá ser de tal contía que, ailladamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada.

CAPÍTULO VII

Obrigas, seguimento e control

Artigo 39. Obrigas

As entidades beneficiarias das subvencións previstas nesta orde, ademais de cumprir as obrigas establecidas pola normativa aplicable con carácter xeral ás axudas e subvencións públicas, deberán:

a) Realizar as actividades para as que se concede a subvención, de conformidade coas disposicións previstas nesta orde e nas resolucións, instrucións ou circulares que a desenvolvan.

b) Acondicionar e dotar as instalacións de xeito que reúnan as condicións de seguridade e saúde laboral que permitan o normal desenvolvemento das actividades formativas desde o inicio do proxecto.

c) Formar as persoas participantes nos aspectos teóricos e prácticos das actividades profesionais contidas no plan formativo e contratar ao alumnado participante, na modalidade contractual e pola duración prevista no artigo 4 desta orde, e formalo nos aspectos teóricos e prácticos das actividades profesionais ou oficios obxecto do programa.

d) Acreditar ante a Consellería de Economía, Emprego e Industria a realización das actividades e o cumprimento dos requisitos exixidos para a concesión da axuda ou subvención, achegando a documentación que lles sexa requirida co fin de comprobar o cumprimento das obrigas que derivan da dita concesión.

e) Satisfacer, ao seu vencemento, as obrigas económicas que deriven do funcionamento do proxecto subvencionado, especialmente as de carácter salarial, con independencia de que se percibise con anterioridade a subvención concedida.

f) Someterse ás actuacións de supervisión e control que en calquera momento poidan acordar os servizos competentes da Consellería de Economía, Emprego e Industria ou da Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos, tanto no relativo ao desenvolvemento das accións formativas como á súa xestión e tramitación administrativa así como as previstas no artigo 11.c) da Lei 9/2007 de 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Tamén ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Consello de Contas, así como do Tribunal de Contas relativas ás verificacións que podan realizar os organismos implicados na xestión ou seguimento do Fondo Social Europeo, que comprenderán as oportunas visitas sobre o terreo, e ás que poidan corresponder, no suposto de cofinanciamento polo Fondo Social Europeo, á Comisión e o Tribunal de Contas das Comunidades Europeas.

g) Dispoñer de libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como aqueles estados contables e rexistros específicos que sexan exixidos por esta orde, coa identificación e conta separada ou epígrafe específico da súa contabilidade de todos os ingresos e gastos de execución das accións realizadas, para garantir a rastrexabilidade dos pagamentos e o seguimento da pista de auditoría.

h) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, durante os tres anos seguintes á certificación dos gastos á Comisión Europea, de conformidade co artigo 140.1 do Regulamento (UE) 1303/2013 modificado polo Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046, en canto poden ser obxecto das actuacións de comprobación e control. A data de certificación dos gastos á Comisión Europea será publicada no Diario Oficial de Galicia.

i) Comunicar á Consellería de Economía, Emprego e Industria a obtención doutras subvencións ou axudas para o mesmo proxecto ou finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público estatal ou internacional, no momento de presentar a solicitude así como con ocasión da xustificación da execución total do proxecto e, en todo caso, antes do derradeiro pagamento.

j) Procurar a inserción laboral posterior das persoas desempregadas participantes nos proxectos.

k) Respectar as normas de subvencionabilidade do gasto financiado polo FSE, reguladas na Orden ESS/1924/2016, de 13 de decembro pola que se determinan os gastos subvencionables polo FSE durante o período de programación 2014-2020 e mediante os artigos 69 e 125 do Regulamento (UE) 1303/2013, e o artigo 13 do Regulamento (UE) 1304/2013, modificados polo Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046, así como as que se diten no seu desenvolvemento para o período 2014-2020.

l) Aceptar a súa inclusión na lista de persoas beneficiarias publicada segundo o disposto no artigo 115 apartado 2 do Regulamento (UE) 1303/2013 modificado polo Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046.

m) Comunicar a todas as persoas que participan no proxecto que os custos derivados da súa realización son cofinanciados polo Fondo Social Europeo e a Iniciativa de Emprego Xuvenil, nun 91,89%, con cargo ao Programa operativo de emprego xuvenil, para o período 2014-2020.

n) Cumprir con cantas obrigas deriven da normativa de aplicación do cofinanciamento polo FSE e a Iniciativa de emprego xuvenil, de conformidade co establecido no artigo seguinte.

o) Remitir á xefatura territorial correspondente da Consellería de Economía, Emprego e Industria copia dos certificados de aproveitamento, nos que conste o número de horas da formación recibida e a cualificación final, entregados ao alumnado participante no proxecto.

p) Garantir o cumprimento do principio de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres no deseño e desenvolvemento do proxecto.

q) Procurar, na execución do programa de emprego, un uso non sexista da linguaxe e velar por transmitir unha imaxe igualitaria, plural e non estereotipada de mulleres e homes.

Artigo 40. Cofinanciamento polo Fondo Social Europeo: seguimento

1. Esta convocatoria de axudas enmárcase dentro do Programa operativo de emprego xuvenil, cofinanciado pola Iniciativa de emprego xuvenil e o Fondo Social Europeo para o período 2014-2020.

2. Coa finalidade de efectuar un seguimento adecuado da execución dos proxectos cofinanciados polo FSE e Iniciativa de Garantía Xuvenil, ao abeiro do Programa operativo de emprego xuvenil do período 2014-2020, mediante as subvencións reguladas nesta orde, a entidade promotora deberá someterse, segundo a normativa europea que resulte de aplicación, ao cumprimento das seguintes obrigas:

a) Relacionadas coas medidas de información e publicidade:

• Cumprir coas medidas de información e comunicación establecidas no anexo XII do Regulamento (UE) 1303/2013, modificado polo Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046. En concreto:

Para os efectos de difusión pública, deberán identificar convenientemente as actividades, obras e servizos que desenvolva o proxecto subvencionado, especialmente a través de publicidade estática realizada por medio de valos, carteis ou paneis que, colocados en lugar visible, tamén informarán do cofinanciamento do programa de emprego pola Unión Europea, a través do Fondo Social Europeo, Programa operativo de emprego xuvenil. Así mesmo, o dito cofinanciamento deberá ser posto en coñecemento das persoas que participen no proxecto.

Tamén deberán facer unha breve descrición da operación na súa páxina web destacando o apoio financeiro da Unión Europea a través do FSE, Programa operativo de emprego xuvenil.

b) Relacionadas coas verificacións administrativas e sobre o terreo, e sen prexuízo da obriga de xustificación das subvencións percibidas nos termos establecidos na Lei 38/2003, do 17 de novembro e na presente orde:

• Levar un sistema de contabilidade separada ou código contable adecuado en relación con todos os gastos subvencionados.

• Manter unha pista de auditoría suficiente e conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, durante un prazo de tres anos a partir do 31 de decembro do ano seguinte á presentación da certificación dos gastos á Comisión Europea, de conformidade co artigo 140.1 do Regulamento (UE) 1303/2013 modificado polo Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

c) Realizar as actuacións precisas para recoller información suficiente relativa ao desenvolvemento das actuacións, que permita dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de produtividade e resultados enumerados no artigo 5 do Regulamento (CE) nº 1304/2013 modificado polo Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046, relativo ao Fondo Social Europeo.

Artigo 41. Incumprimento de obrigas. Reintegro da subvención

1. O incumprimento total ou parcial por parte da entidade beneficiaria das obrigas establecidas nesta orde así como na demais normativa aplicable e, con carácter xeral, ás axudas e subvencións públicas que se outorguen con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, orixinará, tendo en consideración a natureza e causas do incumprimento, e se é o caso, a súa incidencia na formación e cualificación profesional do alumnado-traballador participante, o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas en concepto de axudas ou subvencións máis os xuros de demora nas condicións e de conformidade co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, e sen prexuízo do establecido no texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

2. De conformidade co artigo 14.1.n) da citada Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o importe a reintegrar determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación dos posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións:

a) Incumprimento das condicións exixidas á entidade beneficiaria para a concesión da subvención: reintegro do 100% sobre o gasto subvencionado.

b) Non realizar a actividade, ou adoitar un comportamento contrario ao que fundamenta a concesión da subvención: reintegro do 100% sobre o gasto subvencionado.

c) Incumprimento das obrigas de presentación de documentación exixida para a xustificación dos gastos: no caso de que non se presente ningunha documentación procederá o reintegro do 100% sobre o gasto subvencionado, e no suposto de presentación de parte da documentación exixida ou de que a documentación presentada sexa incorrecta, o importe a reintegrar será proporcional ao gasto non xustificado.

d) Incumprimento das obrigas en materia de publicidade establecidas no artigo 40.2.a): reintegro do 2% sobre o gasto subvencionado.

e) Incumprimento da obriga de mantemento dun sistema de contabilidade separada ou unha codificación contable adecuada establecida no artigo 40.2.b): reintegro do 2% sobre o gasto subvencionado.

f) Incumprimento da obriga de manter unha pista de auditoría suficiente establecida no artigo 40.2.b): reintegro do 2% sobre o gasto subvencionado.

g) Incumprimento da obriga de comunicar á respectiva xefatura territorial as ausencias por enfermidade e accidente con baixa laboral (IT), por enfermidade e accidente sen baixa laboral, por adopción, por acollemento, por enfermidade de familiares, por coidado de descendentes, por falecemento, por matrimonio, por maternidade ou paternidade, asistencia a cursos non relacionados co proxecto formativo, exames e consultas médicas tanto do persoal docente como do alumnado: o importe a reintegrar será igual ao gasto imputado a estas situacións.

h) Incumprimento da obriga de realizar as actuacións precisas para recoller información suficiente relativa ao desenvolvemento das actuacións establecida no artigo 40.2.c): reintegro do 2% sobre o gasto subvencionado.

3. As xefaturas territoriais da Consellería de Economía, Emprego e Industria facilitarán información aos consellos provinciais de emprego dos incumprimentos das entidades promotoras que dean lugar ao reintegro total ou parcial das axudas concedidas.

Artigo 42. Loita contra a fraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poideran ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total o parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá poñer ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través do canal habilitado ao efecto http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf, e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, de 3 de abril, do citado Servizo que se pode consultar no enderezo web http://www.igae.pap.minhafp.gob.es/sitios/igae/es-ES/snca/Paginas/inicio.aspx.

Artigo 43. Asesoramento, seguimento e avaliación

1. As xefaturas territoriais da Consellería de Economía, Emprego e Industria son os órganos encargados de realizar as tarefas de supervisión, coordinación, asesoramento, seguimento e control da xestión dos proxectos, así como das axudas e subvencións concedidas.

2. Ademais de tramitar e resolver o expediente de solicitude e, de ser o caso, transferir os fondos correspondentes, deben realizar, na forma e cos procedementos que estableza a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, as seguintes actuacións:

a) Asistencia, apoio e asesoramento técnico e administrativo tanto á entidade promotora na preparación do proxecto como no desenvolvemento do mesmo na realización das actividades para as que se concede a subvención, para conseguir o éxito do proxecto: creación de emprego, cualificación, adquisición de experiencia e inserción laboral, así como a correcta realización e desenvolvemento do traballo e actividades previstas.

b) Seguimento da xestión, obtendo dos proxectos, a información referente ao alumnado participante, persoal directivo, docente e administrativo de apoio e calquera outro dato que se considere de interese para o seguimento puntual da xestión, especialmente daqueles que serviron de base para a concesión da subvención.

c) Control das axudas e subvencións concedidas e liquidación do expediente.

d) Control dos resultados obtidos. Para estes efectos as entidades promotoras, aos dous meses da súa finalización deberán presentar información dos indicadores de produtividade sobre as entidades e as persoas participantes aos que se refiren os anexos I e II do Regulamento (UE) 1304/2013 modificado polo Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046, relativo ao Fondo Social Europeo, de acordo co modelo que estará dispoñible na páxina web do Programa operativo de emprego xuvenil (http://garantiaxuvenil.fondoseuropeos.gal).

A actualización destes datos poderá ser requirida pola Administración aos seis meses de rematar o proxecto, co fin de dar cumprimento aos indicadores de resultado a longo prazo.

Disposición adicional primeira. Plurianualidade das axudas

O 50% do importe total das axudas para cada proxecto terá o carácter de plurianual, de conformidade co preceptuado polo artigo 58.1.b) do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e no acordo do Consello da Xunta de Galicia, adoptado na súa sesión do día 19 de decembro de 2019.

Disposición adicional segunda. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria na persoa responsable da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral para autorizar e redistribuír os correspondentes créditos e na persoa responsable da xefatura territorial, nos ámbitos competenciais respectivos, para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como as relativas aos procedementos de reintegro e sancionador sinaladas nos títulos II, III e IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

En caso de ausencia, vacante ou enfermidade da persoa responsable da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, as atribucións citadas no parágrafo anterior serán exercidas temporalmente e mentres persistan aquelas circunstancias pola persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego, ou, no seu defecto, de conformidade co disposto no Decreto de estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Disposición adicional terceira. Réxime de infraccións e sancións

As entidades beneficiarias das axudas e subvencións previstas nesta orde están suxeitas ao réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións, de conformidade co previsto no artigo 50 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Disposición adicional cuarta. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Conselleria de Economía, Emprego e Industria coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que a cidadanía poida acceder de forma integral á información relativa a unha materia. Os datos serán comunicados á Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos da Consellería de Facenda coa finalidade realizar a xestión, seguimento, información, control, coordinación e estudo da execución e avaliación dos programas operativos dos fondos procedentes da Unión Europea na súa condición de Organismo Intermedio dos programas operativos en virtude das funcións atribuidas pola Autoridade de Xestión dos programas operativos segundo o disposto nos artigos 125, apartado 2, artigo 140, apartados 3 a 5, e anexo XIII, apartado 3, do Regulamento (UE) 1303/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, modificado polo Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018, e as súas disposicións de desenvolvemento.

A fin de dar a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais dos que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explícita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Autorízase á persoa titular da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e a execución desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2019

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file