Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Mércores, 29 de xaneiro de 2020 Páx. 5586

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura e Turismo

RESOLUCIÓN do 17 de xaneiro de 2020, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se inclúe no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia o conxunto formado pola fonte, a mina, o lavadoiro e a levada con canle de Canasteves, no termo municipal de Ponteceso (A Coruña).

A Comunidade Autónoma de Galicia, ao amparo do artigo 149.1.28 da Constitución española e segundo o teor do disposto no artigo 27 do Estatuto de autonomía para Galicia, asumiu a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural. No exercicio desta, apróbase a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.

No artigo 8.3 da devandita Lei 5/2016 indícase que: «Terán a consideración de bens catalogados aqueles bens e manifestacións inmateriais non declarados de interese cultural que polo seu notable valor cultural sexan incluídos no Catalogo do patrimonio cultural de Galicia a través de calquera dos procedementos de inclusión previstos nesta lei. En todo caso, integraranse no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia os bens expresamente sinalados nesta lei».

Ademais, o artigo 91 da mesma Lei 5/2016 engade: «[...] integran o patrimonio etnolóxico de Galicia os lugares, bens mobles ou inmobles, as expresións, así como as crenzas, coñecementos, actividades e técnicas transmitidas por tradición, que se consideren relevantes ou expresión testemuñal significativa da identidade, a cultura e as formas de vida do pobo galego ao longo da historia. [...]” Para os efectos da súa posible declaración de interese cultural ou catalogación presúmese o valor etnolóxico dos seguintes bens sempre que conserven de forma suficiente a súa integridade formal e construtiva e os aspectos característicos que determinan a súa autenticidade: [...] d) As fontes e lavadoiros comunais e públicos de carácter tradicional».

O artigo 10.1 da dita Lei 5/2016 establece que os bens inmobles deben integrarse nalgunha das categorías previstas na lei, das cales a máis axeitada pola súa natureza é a definida na alínea f): «Lugar de valor etnolóxico: o ámbito no que permanecen testemuños relevantes e recoñecibles de actividades ou construcións vinculadas ás formas de vida e cultura tradicional do pobo galego que resulten de interese histórico, arquitectónico, arqueolóxico, etnolóxico ou antropolóxico».

O conxunto da mina, a fonte, o lavadoiro e a levada de Canasteves posúe os valores propios da cultura tradicional polas súas características construtivas, o mantemento das súas partes integrantes e o alto valor que ten para comunidade.

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, despois do informe favorable dos seus servizos técnicos, emitiu a resolución pola que incoa o procedemento procedemento de inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia do conxunto formado pola fonte, a mina, o lavadoiro e a levada con canle de Canasteves, no termo municipal de Ponteceso (A Coruña), con data do 10.8.2018 (DOG núm. 163, do 28 de agosto).

Coa publicación da resolución tamén se inicia un período de información pública e foron notificados os interesados. Neste proceso presentouse unha alegación que solicitaba a non catalogación do ben, que non foi estimada, se ben se considerou axeitado revisar parcialmente a delimitación do contorno de protección.

Por tanto, á vista dos documentos que forman parte deste expediente, e despois de realizar os trámites legais previstos, é polo que, no exercicio da competencia da inclusión no Catálogo do patrimonio cultural prevista no artigo 28 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do Patrimonio Cultural de Galicia, e que foi delegada na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural pola Orde do Conselleiro de Cultura e Turismo, do 21 de marzo de 2019 (DOG núm. 63, do 1 de abril),

RESOLVO:

Primeiro. Incluír no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia o conxunto formado pola fonte, a mina, o lavadoiro e a levada con canle de Canasteves como ben inmoble coa categoría de lugar de valor etnolóxico, consonte a descrición e réxime de protección específico que figura no anexo I e a identificación gráfica do ben e o seu contorno contida no anexo II desta resolución.

Segundo. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia, data a partir da cal se producirá a súa inclusión no catálogo con carácter definitivo.

Terceiro. Notificar esta resolución ás persoas interesadas e ao Concello de Ponteceso.

Cuarto. Segundo o disposto no artigo 35.5 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, esta catalogación obriga ao Concello a incorporar esta circunstancia ao seu planeamento urbanístico e a establecer as determinacións específicas para o seu réxime de protección e conservación.

Disposición derradeira

Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2020

Mª Carmen Martínez Ínsua
Directora xeral de Patrimonio Cultural

Anexo I

Descrición e réxime de protección

1. Denominación.

Fonte e lavadoiro de Canasteves, tamén denominado conxunto formado pola fonte, a mina, o lavadoiro e a levada con canle de Canasteves.

2. Localización.

• Provincia: A Coruña.

• Concello: Ponteceso

• Lugar: Tella.

• Microtoponimia: Canasteves.

• Coordenadas xeográficas UTM (ETRS 89 e fuso 29): X=508.935 Y=4.788.289.

3. Descrición.

Non é posible acreditar a data exacta da construción deste conxunto de valor etnolóxico, pero as referencias orais lembran a súa existencia e mantemento comunal desde hai máis de 105 anos. O sistema construtivo e os materiais empregados son do país, sinxelos, baseados na tradición local e na economía de medios. Este notable exemplo da arquitectura popular de Canasteves consta de:

• Fonte dun só cano e mina: formada por un muro de cachotaría de 1,30 metros de altura e un só cano labrado en granito, cun pousadoiro para as sellas ou caldeiros. A fonte que verte no lavadoiro ou río de lavar está alimentada pola auga que sae da mina. A veciñanza segue a usala porque nunca seca e téñena en alta estima debido a calidade da auga para beber.

A orixe do manancial situado baixo terra, a pouco máis dun metro e medio da fonte, á beira do camiño. A auga chega á fonte mediante unha canle labrada en pezas de granito.

A profundidade desta mina, segundo a veciñanza, é máis alta que un home e cun depósito con máis dun metro de auga de altura.

• Lavadoiro: pilón ou poza construído con sete lousas chantadas e inclinadas unha a carón doutra (lavadoiros) que forman unha poza oval de aproximadamente 2,30 metros de diámetro polo seu lado maior. A poza desaugaba na levada por un burato situado na lousa do extremo do óvalo.

As fendas existentes entre as lousas tapábanse con rachas de pedra e terróns.

Antigamente tendíase a roupa nos prados lindeiros e no ribazo.

• Canle e levada: condución de augas (de sección en U) construída con lousa de cachotaría que se estende dezaseis metros desde a saída da auga do lavadoiro. No seu leito existe unha canle labrada en pezas de granito, que leva a auga e que discorre por debaixo da estrada provincial AC-414 entre lindes de leiras cara ao val e o rego de Ponteceso. En paralelo existe un camiño veciñal, apenas un carreiro, que conduce á fonte e ao lavadoiro e, tras pasalos, salva un ribazo mediante dous esqueiros e leva ao núcleo do Rueiro.

3. Nivel de protección.

O nivel de protección deste ben debe ser integral, que, segundo o artigo 41 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, supón a conservación integral dos bens e de todos os elementos e compoñentes nun estado o máis próximo posible ao orixinal, desde a perspectiva de todos os valores culturais que conforman o interese do ben, respectando a súa evolución, as súas transformacións e as contribucións ao longo do tempo.

O feito de que teña sufrido unha deterioración relativamente recente non reduce o seu valor cultural e en calquera caso as actuacións deberán ir dirixidas á conservación e posta en valor do existente e, na medida do posible, á súa recuperación.

4. Réxime de protección específico.

• Actuacións sobre o lugar de valor etnolóxico.

A utilización dos bens protexidos quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que xustifican esta protección.

As intervencións que se pretendan realizar nos elementos identificados nesta resolución, así como no seu contorno de protección, terán que ser autorizadas pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, coas excepcións establecidas na Lei 5/2016, do 4 de maio. A autorización terá carácter independente de calquera outra autorización, licenza ou trámite previo á súa execución.

Os usos permitidos serán todos os asociados ao lugar historicamente, entre os cales se debe dar prioridade aos existentes, que son a recolla de auga para o consumo e o lavado da roupa. Tamén poden admitirse, e son recomendables como actividades de salvagarda dos valores culturais etnolóxicos asociados os que supoñan a rehabilitación, a posta en valor e o goce patrimonial do espazo etnolóxico que contribúan á consecución destes fins.

• Actuacións no contorno de protección.

No ámbito inmediato ás estruturas que conforman o lugar de valor etnolóxico debe garantirse a conservación do estado do seu contorno nas mellores condicións para a súa salvagarda e a súa interpretación. Por tal motivo e en coherencia co que establece o artigo 6.2.a do Real decreto 9/2018, polo que se modifica o Regulamento do dominio público hidráulico, aprobado por Real decreto 849/1996, do 11 de abril, no que se fixa unha zona de servidume de cinco metros de largo para o seu uso público e para garantir o uso tradicional e preservar a integridade do lugar de valor etnolóxico de Canasteves non se poderá realizar ningunha intervención ou actividade que dea lugar á alteración dos seus elementos, poña en risco o seu uso, ou prexudique ou contamine as aguas da fonte, o lavadoiro e a levada.

Por todo o anterior, tampouco poderán realizarse tarefas agrícolas e de remoción de terras a menos de cinco metros do lavadoiro, da fonte e a levada, da mina e do camiño.

Así mesmo, non se permitirá que a situación, a masa ou a altura das construcións, dos muros e dos cerramentos, ou a instalación doutros elementos, limiten o campo visual para a súa contemplación, rompan a harmonía da paisaxe, desfiguren a perspectiva propia dela ou limiten ou impidan a contemplación do conxunto. Por tanto, non se autorizará ningunha obra ou intervención que altere a topografía nin ningunha construción de peches ou plantacións de sebes ao longo dos cinco metros ao seu redor.

No resto do contorno de protección, en coherencia co establecido no disposto no artigo 46 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, e no artigo 92 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, as intervencións que se realicen nos contornos dos bens deberán harmonizar co carácter tradicional do conxunto e a súa tipoloxía. Os materiais e as cores empregadas deberán favorecer a integración no contorno inmediato e na paisaxe.

Anexo II

Delimitación e contorno de protección

Os elementos que forman parte do lugar de valor etnolóxico son os identificados na planimetría e que corresponden coa mina, a fonte, o lavadoiro e a levada con canle de pedra de Canasteves, sinalados en cor vermella.

O contorno de protección, sinalado nunha superficie de cor amarela, esténdese ás parcelas catastrais en que está localizado o conxunto e parcialmente ás limítrofes coas estruturas orixinais que se conservan, así como os espazos vinculados e que se consideran necesarios para establecer as medidas de salvagarda da fonte, do lavadoiro, do camiño, da canle e do resto de elementos que o constitúen. Así pois, o contorno estará formado polas parcelas 90 e 100 do polígono 174 e as parcelas 108 e 111, e parcialmente á 105, do polígono 8 de Ponteceso.

missing image file