A Orde do 10 de febreiro de 2012, modificada pola Orde do 22 de decembro de 2016, pola que se regula a proba para a obtención do título de bacharel para persoas maiores de vinte anos na Comunidade Autónoma de Galicia, fixa as disposicións de carácter xeral que regulan esa proba e establece que será convocada anualmente pola Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional mediante resolución.
En consecuencia, e ao abeiro da autorización que figura na disposición derradeira primeira da mencionada orde,
RESOLVO:
Primeira. Obxecto e ámbito de aplicación
A presente resolución ten por obxecto convocar a proba para a obtención do título de bacharel para persoas maiores de vinte anos correspondente ao ano 2021 na Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento administrativo ED534A) e determinar as condicións en que se realizará.
Segunda. Finalidade da proba
A proba ten por finalidade verificar se se alcanzaron os obxectivos do bacharelato establecidos no artigo 33 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada pola Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa, así como os fixados nos aspectos básicos do currículo recollidos no Decreto 86/2015, do 25 de xuño, polo que se establece o currículo da educación secundaria e do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia.
Terceira. Modalidades
1. A proba convócase para as modalidades de Ciencias e de Humanidades e Ciencias Sociais.
2. Non obstante o anterior, poderanse inscribir na proba, e titular pola modalidade de Artes, as persoas que estean en condicións de validar o segundo exercicio conforme o establecido na segunda parte do anexo III da presente resolución.
Cuarta. Requisitos que deben reunir as persoas aspirantes
Poderán participar nesta proba as persoas que cumpran os seguintes requisitos:
a) Ser maior de 20 anos ou cumprir esa idade no ano 2021.
b) Non estar en posesión do título de bacharel ou de calquera outro título declarado equivalente para efectos académicos.
c) Non estar a cursar ensinanzas de bacharelato en ningunha das súas modalidades ou réximes nin ter estado matriculado nesas ensinanzas no curso escolar 2020/21.
Quinta. Prazo, lugar e forma de presentación de solicitudes de inscrición
1. O período de inscrición na proba estará comprendido entre o 3 e o 10 de marzo de 2021.
2. As persoas aspirantes poderán inscribirse nos dous exercicios que integran a proba ou dun deles.
3. As solicitudes de inscrición deberán presentarse en soporte papel, conforme o modelo que figura no anexo I da presente resolución, nos centros educativos sinalados no número 4 desta epígrafe ou por calquera dos medios establecidos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).
4. Os centros onde se pode presentar a solicitude son os seguintes:
a) Centro EPA Eduardo Pondal, rúa da Educación, 3-2º andar, 15003 A Coruña.
b) IES San Clemente, rúa San Clemente, s/n, 15705 Santiago de Compostela.
c) Centro EPA Albeiros, parque da Milagrosa, s/n, 27003 Lugo.
d) Centro EPA de Ourense, rúa Álvarez de Sotomayor, 4, 32002 Ourense.
e) Centro EPA Río Lérez, avenida de Buenos Aires, 26, 36002 Pontevedra.
f) Centro EPA Berbés, rúa Marqués de Valterra, 8-1º, 36202 Vigo.
5. Cando proceda, xunto coa solicitude presentarase a seguinte documentación:
a) Certificación do ditame de discapacidade no caso de que se solicite o recoñecemento de necesidades especiais, cando esta fose recoñecida por outra Administración distinta da Xunta de Galicia.
b) Certificado de residencia no caso de solicitar a exención das materias de Lingua Galega e Literatura I e II por cumprir as condicións previstas na Orde do 10 de febreiro de 2014 pola que se desenvolve o Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia.
c) Certificacións académicas ou copia simple do libro de escolaridade e/ou historial académico que acrediten estar en condicións de validar algún exercicio da proba. No momento da presentación, e para os efectos de cotexo das ditas copias cos documentos orixinais, estes últimos deberán ser mostrados polas persoas interesadas.
Sexta. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:
a) DNI ou NIE da persoa aspirante.
b) Certificación do grao de discapacidade, recoñecida pola Xunta de Galicia, só no caso de que a persoa aspirante solicite a adaptación da proba.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro habilitado no formulario de inicio (anexo I) e achegar os documentos correspondentes.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Sétima. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.
2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos, deberán optar, en todo caso, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.
4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Oitava. Listaxes de persoas admitidas e prazos de reclamacións
1. O día 12 de marzo de 2021 publicaranse, nos lugares relacionados no número 4 da epígrafe quinta desta resolución, as listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas, con expresión neste último caso das causas que motivaron a exclusión.
2. Xunto coa listaxe de persoas admitidas e excluídas indicaranse para cada persoa aspirante os exercicios en que figura inscrita, con indicación, se for o caso, da nota correspondente aos exercicios validados e a concesión ou denegación da exención das materias de Lingua Galega e Literatura I e II.
3. Unha vez publicadas as listaxes, as persoas interesadas disporán de dez días para presentaren, mediante escrito motivado e dirixido á dirección do centro en que se presentase a solicitude de inscrición na proba, as alegacións que coiden convenientes ou emendar as deficiencias detectadas na documentación achegada, de acordo co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
4. A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica, tamén poderán realizarse os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
5. O día 7 de abril de 2021 publicarase a listaxe definitiva do alumnado admitido e excluído nos lugares relacionados no número 4 da epígrafe quinta desta resolución.
Novena. Realización da proba
1. A proba celebrarase en Santiago de Compostela o día 23 de abril de 2021 no IES San Clemente, rúa San Clemente, s/n, 15705 Santiago de Compostela.
2. Para a realización da proba as persoas candidatas acreditarán a súa identidade co DNI, pasaporte ou calquera outro documento recoñecido en dereito.
Décima. Estrutura da proba
1. O primeiro exercicio será común ás distintas modalidades. Estruturarase en catro partes:
a) Primeira parte: Lingua Galega e Literatura I e II.
b) Segunda parte: Lingua Castelá e Literatura I e II.
c) Terceira parte: Primeira Lingua Estranxeira I e II (inglés ou francés).
d) Cuarta parte: Filosofía e Historia de España.
2. O segundo exercicio terá un carácter diferenciado en función da modalidade e itinerarios escollidos. Estruturarase en tres partes:
a) Primeira parte. Proba correspondente ás materias troncais xerais propias de cada modalidade e itinerario elixidos. Para a modalidade de Ciencias, realizaranse as probas das materias Matemáticas I e II. Para a modalidade de Humanidades e Ciencias Sociais no itinerario de Humanidades realizaranse as probas das materias Latín I e II. Para a modalidade de Humanidades e Ciencias Sociais no itinerario de Ciencias Sociais realizaranse as probas de Matemáticas Aplicadas ás Ciencias Sociais I e II.
b) Segunda parte. Proba correspondente ás materias troncais de opción da modalidade elixida. Para a modalidade de Ciencias, a persoa aspirante escollerá unha entre as seguintes opcións:
1. Física e Química e Física.
2. Física e Química e Química.
3. Debuxo Técnico I e II.
Para a modalidade e itinerarios de Humanidades e Ciencias Sociais, a persoa aspirante seleccionará unha entre as seguintes opcións:
1. Economía e Economía da Empresa.
2. Historia do Mundo Contemporáneo e Xeografía.
3. Grego I e II.
c) Terceira parte. Proba correspondente ás materias troncais de opción de modalidade elixida.
Para modalidade de Ciencias, a persoa aspirante elixirá unha entre as seguintes opcións:
1. Bioloxía e Xeoloxía e Bioloxía.
2. Bioloxía e Xeoloxía e Xeoloxía.
Para a modalidade de Humanidades e Ciencias Sociais, a persoa aspirante deberá realizar a proba correspondente ás materias de Literatura Universal e Historia da Filosofía.
Décimo primeira. Organización da proba
1. Entre as 8.15 e as 8.30 horas realizarase o chamamento para o acceso aos espazos de realización da proba.
2. A sesión de mañá desenvolverase entre as 8.30 e as 14.30 horas e dedicarase á realización do primeiro exercicio. Organizarase en tres partes:
Parte 1, das 8.30 ás 11.30 horas: realizaranse as probas correspondentes ás materias Lingua Galega e Literatura I e II e Lingua Castelá e Literatura I e II.
Parte 2, das 12.00 ás 13.30 horas: realizarase a proba correspondente á Primeira Lingua Estranxeira I e II (inglés ou francés).
Parte 3, das 13.30 ás 14.30 horas: realizaranse as probas de Filosofía e Historia de España.
3. A sesión de tarde desenvolverase entre as 16.30 e as 20.30 horas e dedicarase á realización do segundo exercicio. Organizarase en tres partes:
Parte 1, das 16.30 ás 18.00 horas: para a modalidade de Ciencias, realizaranse as probas de Matemáticas I e II. Para a modalidade de Humanidades e Ciencias Sociais no itinerario de Humanidades, realizaranse as probas de Latín I e II. Para a modalidade de Humanidades e Ciencias Sociais no itinerario de Ciencias Sociais realizaranse as probas de Matemáticas Aplicadas ás Ciencias Sociais I e II.
Parte 2, das 18.00 ás 19.00 horas: para a modalidade de Ciencias, realizaranse as probas de Física e Química e Física, as de Física e Química e Química e as de Debuxo Técnico I e II. Para a modalidade de Humanidades e Ciencias Sociais, realizaranse as probas de Economía e Economía da Empresa, as de Historia do Mundo Contemporáneo e Xeografía e as de Grego I e II.
Parte 3, das 19.30 ás 20.30 horas: para a modalidade de Ciencias, realizaranse as probas de Bioloxía e Xeoloxía e Bioloxía e as de Bioloxía e Xeoloxía e Xeoloxía. Para a modalidade de Humanidades e Ciencias Sociais, realizaranse as probas de Literatura Universal e Historia de Filosofía.
4. As persoas aspirantes poderán utilizar os seguintes materiais na realización da proba:
a) Nas materias que implican operacións numéricas (exames con contidos de matemáticas, matemáticas aplicadas ás ciencias sociais, física e química, física, química e economía) poderán utilizar unha calculadora científica, agás as que sexan programables, gráficas ou con capacidade para almacenar e transmitir datos.
b) Nas materias de latín e grego, dicionario desas linguas.
c) Na materia de debuxo técnico, portaminas ou lapis, goma, regra milimetrada, escuadro, cartabón e compás.
d) Na materia de Matemáticas Aplicadas ás Ciencias Sociais, regra, escuadro ou cartabón.
5. As persoas aspirantes non poderán utilizar durante a realización da proba teléfonos móbiles, reloxos intelixentes nin calquera outro dispositivo de almacenamento ou de transmisión de datos.
Décimo segunda. Tribunais
1. Para avaliar e supervisar a proba, a persoa titular da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional designará un tribunal composto por un presidente ou unha presidenta e catro vogais.
2. Poderanse constituír comisións técnicas integradas por funcionarios e funcionarias dos corpos de catedráticos/as de ensino secundario e/ou de profesores/as de ensino secundario especialistas nas distintas materias que compoñen a proba, para os efectos de colaboración co tribunal na aplicación e na corrección dos exercicios da proba.
3. Á vista das persoas aspirantes inscritas, a Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional poderá establecer outros tribunais, de seren necesarios para a celebración da proba.
Décimo terceira. Validacións
As persoas aspirantes poderán solicitar a validación dos exercicios da proba de acordo co establecido no artigo 13 da Orde do 22 de decembro de 2016, que modifica a Orde do 10 de febreiro de 2012, pola que se regula a proba para a obtención do título de bacharel para persoas maiores de vinte anos na Comunidade Autónoma de Galicia e no anexo III desta resolución.
Décimo cuarta. Cualificacións provisionais e reclamacións
1. O día 7 de maio de 2021 farase pública a listaxe provisional das persoas avaliadas coas cualificacións positivas, por exercicios, no portal educativo https://www.edu.xunta.gal e no taboleiro de anuncios do IES San Clemente de Santiago de Compostela.
2. Contra estas cualificacións poderase presentar reclamación por escrito dirixida á presidencia do tribunal nos tres días hábiles posteriores á publicación das cualificacións.
3. A reclamación presentarase na secretaría do centro onde se celebrou a proba ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Ademais, poderase adiantar o envío por correo electrónico ao enderezo educadultos@edu.xunta.gal.
Décimo quinta. Resolución
1. Resoltas as reclamacións, o día 14 de maio de 2021 publicarase a listaxe coas cualificacións definitivas no portal educativo https://www.edu.xunta.gal e no taboleiro de anuncios do IES San Clemente de Santiago de Compostela.
2. Contra estas cualificacións poderase interpoñer no prazo dun mes recurso de alzada ante a Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, que esgotará a vía administrativa.
Décimo sexta. Superación da proba
A proba considerase superada cando se obteña unha cualificación global igual ou superior a cinco puntos nos dous exercicios que a compoñen.
Décimo sétima. Conservación da cualificación dun exercicio superado
As persoas que non superen a proba na súa totalidade poderán manter a cualificación obtida no exercicio superado para sucesivas convocatorias.
Décimo oitava. Propostas para a obtención do título de bacharel
As persoas aspirantes que superen a proba recibirán, logo de solicitude, o título de bacharel na modalidade correspondente.
Décimo novena. Certificación
1. A acta de avaliación (anexo VI) recollerá os resultados de cada un dos exercicios e, se é o caso, a validación destes.
2. O tribunal deixará tamén constancia das cualificacións obtidas polas persoas aspirantes nas diferentes partes do exercicio segundo, correspondente ás materias propias de cada modalidade (anexo VII), para os efectos da certificación mencionada no número 4 deste punto.
3. As persoas que superen a proba poderán solicitar unha certificación das cualificacións obtidas en cada unha das partes do segundo exercicio, para xuntala á documentación de solicitude de prazas en ensinanzas de ciclos de formación profesional de grao superior. O tribunal emitirá esa certificación segundo o modelo do anexo X.
4. As certificacións que se soliciten con posterioridade ao proceso de avaliación da proba serán asinadas polo director ou directora e polo secretario ou secretaria do centro onde se celebrou a proba.
Vixésima. Publicación e información
1. A relación de alumnado admitido e excluído e as puntuacións obtidas polas persoas candidatas publicaranse no portal educativo https://www.edu.xunta.gal e no taboleiro de anuncios dos centros educativos sinalado no número 4 da epígrafe quinta desta resolución, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
2. A listaxe coas cualificacións provisionais e definitivas publicarase no portal educativo https://www.edu.xunta.gal e no taboleiro de anuncios do IES San Clemente de Santiago de Compostela, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Disposición adicional única. Efectos económicos do tribunal e das persoas asesoras especialistas
Para os efectos previstos no artigo 26.2 do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, o tribunal e as comisións técnicas ateranse á categoría correspondente que determine a Dirección Xeral de Función Pública da Consellería de Facenda.
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2021
José Luis Mira Lema
Secretario xeral de Educación e Formación Profesional