Bases aprobadas polo Pleno desta concello en sesión do 29 de setembro de 1994 para prover en propiedade, polo sistema de promoción interna, unha praza de administrativo de Administración xeral, incluída na oferta de emprego público de 1994 (BOE núm. 283, do 26 de novembro de 1994).
1. Obxecto da convocatoria.
É obxecto da presente convocatoria a provisión, en propiedade, polo sistema de concurso-oposición de promoción interna, da praza de administrativo de Administración xeral incluída na oferta de emprego público de 1994, clasificada na escala de Administración xeral, subescala administrativa correspondente ó grupo C, segundo o artigo 25 da Lei 30/1984, do 2 de agosto.
A convocatoria será publicada integramente no BOP e no Diario Oficial de Galicia, e anunciarase extracto dela no Boletín Oficial del Estado. Os anuncios sucesivos serán publicados só no primeiro dos boletíns sinalados.
2. Requisitos.
Os aspirantes, para tomaren parte na oposición, deberán reuni-los seguintes requisitos, referidos á
data na que remate o prazo de presentación de solicitudes:
a) Pertencer á subescala de auxiliares de Administración xeral deste concello.
b) Estarán en posesión do título de bacharelato superior, formación profesional de segundo grao ou equivalente.
c) Ter unha antigüidade de, polo menos, cinco anos na subescala de auxiliares da escala de Administración xeral deste concello.
3. Solicitudes.
As instancias polas que se solicita tomar parte nas probas selectivas dirixiranse ó alcalde do Concello de Portomarín, e presentarase no rexistro do concello durante o prazo de vinte días naturais a partir do seguinte ó da última publicación do anuncio da convocatoria. Poderán tamén presentarse na forma que determina o artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.
Nas instancias farase constar expresamente que o solicitante reúne todos e cada un dos requisitos esixidos para tomar parte nas presentes probas.
Á instancia deberase xunta-lo xustifcante de ter aboados os dereitos de exame, que se fixan en 1.500 pesetas.
4. Admisión de aspirantes.
Rematado o prazo de presentación de instancias, a Alcaldía-Presidencia aprobará a lista provisional de admitidos e excluídos e causas de exclusión; esa lista farase pública mediante a súa inserción no taboleiro de anuncios do concello e no BOP, concedendo un prazo de quince días para efectos de reclamación.
De existiren reclamacións, serán aceptadas ou excluídas por resolución da Alcaldía-Presidencia que aprobe a lista definitiva que será, así mesmo, publicada na forma anteriormente indicada.
5. Tribunal cualificador.
O tribunal xulgará as probas das que consta a oposición e resolverá, de se-lo caso, cantas dúbidas se presenten en aplicación das presentes bases.
O tribunal estará composto da seguinte forma:
Presidente: o da corporación ou membro dela en quen delegue.
Secretario: o da corporación ou funcionario en quen delegue, que actuará con voz e voto.
Vocais:
Un representante da Administración da Comunidade Autónoma.
Dous funcionarios da Administración da Comunidade Autónoma.
Dous funcionarios de carreira de superior ou igual titulación á esixida para a praza, designados polo presidente da corporación.
A designación dos membros do tribunal incluirá os respectivos suplentes e farase pública no BOP e no taboleiro de anuncios do concello para efectos de recusación.
O tribunal non poderá constituírse sen a asistencia, polo menos, de tres dos seus membros, titulares ou suplentes; en todo caso, requirirase a asistencia do presidente e do secretario, ou das persoas nas que deleguen.
6. Comezo e desenvolvemento das probas.
Os exercicios do concurso-oposición non poderán comezar ata transcorridos dous meses desde a publicación do extracto da convocatoria no Boletín Oficial del Estado. Quince días antes, como mínimo, do inicio das probas, anunciarase no BOP e no taboleiro de anuncios do concello o día, a hora e o local no que terá lugar o inicio da primeira proba, o que se lles poderá notificar persoalmente ós aspirantes. O resto das probas realizaranse a seguir, inmediatamente despois da cualificación do anterior.
O concurso-oposición constará de dúas fases:
Primeira fase de concurso.
Na fase de concurso, que en ningún caso representará máis do 40% da máxima cualificación posible final, valoraranse os méritos seguintes:
-Antigüidade:
Valorarase 0,2 puntos por cada ano de servicios como funcionario da subescala de auxiliares da escala de Administración xeral do Concello de Portomarín. Esta puntuación poderá alcanzar un máximo de 2 puntos.
-Cursos de promoción e dominio da lingua galega:
Polo título de iniciación, expedido pola Dirección Xeral de Política Lingüística: 0,5 puntos.
Polo título de perfeccionamento, expedido pola Dirección Xeral de Política Lingüística: 1 punto.
No caso de estar en posesión dos dous títulos só poderá puntua-lo de maior nivel.
-Cursos de especialización:
Por cada curso de contabilidade pública, curso sobre materia contable e orzamentaria para facendas locais e a súa aplicación mediante programas informáticos, curso de perfeccionamento para funcionarios de Administración local, impartidos por calquera organismo dependente das administracións públicas: 0,2 puntos, ata un máximo de 1 punto.
Segunda parte da oposición.
Primeiro exercicio. De carácter obrigatorio.
Consistirá en contestar por escrito dúas horas a un cuestionario de corenta preguntas, con respostas alternativas, do contido do programa anexo (partes I e II).
Segundo exercicio. De carácter obrigatorio.
Consistirá na redacción dun informe con proposta de resolución sobre un suposto práctico de tres designados polo tribunal, que presentará inmediatamente antes de comeza-lo exercicio, e relativos ás tarefas administrativas que lles corresponde realizar ós fun
cionarios da subescala administrativa e do programa anexo (parte III).
O tempo máximo para este segundo exercicio será de dúas horas e para a súa realización os aspirantes poderán facer uso dos textos legais, coleccións de xurisprudencia e libros de consulta dos que acudan provistos.
Tódolos exercicios obrigatorios cualificaranse ata un máximo de 10 puntos, sendo eliminados aqueles aspirantes que obteñan unha cualificación, en calquera dos exercicios obrigatorios, inferior ós 5 puntos.
7. Cualificación.
A cualificación final obterase sumándolle á puntuación obtida na fase de concurso a media das dúas obtidas na fase de oposición.
8. Relación definitiva de aprobados, presentación de documentos e nomeamento.
O tribunal publicará a lista dos aspirantes aprobados, que non poderá ser superior ó número de prazas convocadas, e elevaralle a dita relación ó presidente da corporación quen formulará, pola súa vez, a correspondente proposta de nomeamento.
O opositor proposto presentará, na secretaría do concello, dentro do prazo de vinte días hábiles contados a partir da publicación da lista de aprobados, os documentos acreditativos das condicións que para tomar parte na oposición se esixen na base segunda, e que son:
a) Copia autenticada ou fotocopia compulsada do título de bacharelato superior, formación profesional de segundo grao ou equivalente.
b) Certificación dos servicios prestados na subescala de auxiliares de Administración xeral deste concello, por un período mínimo de cinco anos.
c) Dentro do prazo indicado e a non ser que sexa por causa de forza maior, os opositores propostos que non presenten a documentación requirida ou non reúnan os requisitos esixidos, non poderán ser nomeados e quedarán anuladas tódalas súas actuacións, sen prexuízo das responsabilidades nas que poidan incorrer por falsidade da instancia de solicitude para tomar parte na oposición.
d) Cumpridos os anteriores requisitos, o presidente da corporación efectuará o nomeamento do aspirante proposto, o cal deberá tomar posesión dentro do prazo de vinte días naturais posteriores a aquel no que se lle notifique o nomeamento.
9. Dereito supletorio.
En todo o non previsto nas presentes bases, será de aplicación supletoria a normativa seguinte: Lei 30/1984, do 2 de agosto; Lei 7/1985, do 2 de abril; Regulamento xeral de ingresos do persoal ó servicio da Administración do Estado, Real decreto lexislativo 781/1986, do 18 de abril; Real decreto 891/1991, do 7 de xuño, e demais disposicións concordantes de aplicación.
10. Impugnación da convocatoria e dos seus actos.
A presente convocatoria, as bases e cantos actos administrativos se deriven dela e da actuación do
tribunal poderán ser impugnados polos interesados na forma prevista na Lei 10/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
ANEXO
Programa de oposición.
Parte I. Dereito administrativo.
Tema 1. Constitución española de 1978. Principios xerais. A organización territorial do Estado. Estatutos de autonomía. O seu significado.
Tema 2. Sometemento da Administración á lei e ó dereito. As fontes do dereito administrativo. A lei. Clases.
Tema 3. O regulamento clases. Outras fontes do dereito administrativo.
Tema 4. O acto administrativo: concepto e elementos. Clases.
Tema 5. Teoría da invalidez do acto administrativo. Actos nulos e anulables. Validación. Revisión de oficio.
Tema 6. Recursos administrativos. Clases. Recurso de reposición. Recurso ordinario. Reclamación económico-administrativa.
Tema 7. Intervención administrativa na propiedade privada. A expropiación forzosa.
Tema 8. As formas de actividade administrativa. O fomento. A policía.
Tema 9. O administrado. Colaboración e participación dos cidadáns nas funcións administrativas. O principio de audiencia ó interesado.
Tema 10. Principios xerais do procedemento administrativo. Normas reguladoras. Dimensión temporal. Días e horas hábiles, cómputo dos prazos. Recepción e rexistro de documentos.
Tema 11. Fases do procedemento administrativo xeral. O silencio administrativo.
Parte II. Dereito financeiro.
Tema 1. O dereito financeiro. A actividade financeira e os seus suxeitos.
Tema 2. Ingresos e gastos públicos. Clases e control.
Tema 3. O orzamento. A Lei xeral orzamentaria e os seus principios.
Tema 4. A Lei xeral tributaria e os seus principios.
Parte III. Administración local.
Tema 1. O réxime local en España. Principios constitucionais.
Tema 2. A provincia no réxime local. Organización provincial. Competencias.
Tema 3. 0 municipio. O termo municipal. Empadroamento.
Tema 4. Organización municipal. Competencias.
Tema 5. Réxime xeral das eleccións locais.
Tema 6. Os órganos de goberno municipais. O pleno. A comisión de goberno. As comisións informativas.
Tema 7. Estructuras supramunicipais. As mancomunidades de concellos. A comarca.
Tema 8. Ordenanzas e regulamentos das entidades locais. Procedemento de elaboración e aprobación.
Tema 9. Os bens das entidades locais. Regulación. Concepto e clasificación. O dominio público local.
Tema 10. Patrimonio das entidades locais. Conservación e tutela dos bens.
Tema 11. A función pública local e a súa organización. Funcionarios con habilitación de carácter nacional. Situacións administrativas.
Tema 12. Persoal laboral ó servicio das entidades locais. Dereitos, deberes e incompatibilidades.
Tema 13. A función local: concepto e regulación. Clasificación dos ingresos.
Tema 14. A imposición local. Contribucións especiais. Taxas. Prezos públicos.
Tema 15. Libros de contabilidade das entidades locais. Apertura da contabilidade.
Tema 16. As formas de actividade das entidades locais. Intervención administrativa na actividade privada. Procedemento no outorgamento de licencias.
Tema 17. Intervención na edificación e uso do solo.
Tema 18. O servicio público. Os modos de xestión do servicio público.
Tema 19. O orzamento das entidades locais. Concepto, estructura, formación e aprobación.
Tema 20. A execución do orzamento local. A modificación de créditos: clases e procedementos de aprobación.
Tema 21. A liquidación do orzamento: formación e aprobación. A conta xeral do exercicio: formación e aprobación.
Tema 22. Xestión económica local. Ordenación de gastos e ordenación de pagamentos. Órganos competentes. Documentos contables.
Tema 23. O procedemento administrativo na esfera local. Rexistro de entrada e saída de documentos. Requisitos na presentación de documentos.
Tema 24. Funcionamento de órganos colexiados. Informes. Acordos. Certificacións. Notificación. Publicación.
Tema 25. Contratos administrativos na esfera local. Competencias. Procedemento de contratación.
Tema 26. Lexislación sobre o réxime do solo e ordenación urbana. Lexislación estatal e autonómica. Competencia urbanística municipal.
Tema 27. A licencia urbanística. Protección da legalidade urbanística.
Tema 28. Instrumentos de planeamento. Procedemento de elaboración e aprobación.
Portomarín, 20 de decembro de 1994.
Eloy Rodríguez López
Alcalde

