Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Venres, 10 de febreiro de 1995 Páx. 1.156

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA

ORDE do 2 de xaneiro de 1995 pola que se convocan subvencións á producción discográfica galega.

Galicia posúe unha gran riqueza musical tanto de carácter tradicional como da nova música que se está a realizar nestes momentos. A Consellería de Cultura ten como obxectivo contribuír ó gran labor que veñen realizando as pequenas empresas discográficas na difusión da nosa música popular, folclórica e moderna e potencia-la diversificación da oferta musical.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convócanse subvencións a empresas discográficas que produzan música galega, con cargo á aplicación orzamentaria 10.02.354.A.770, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1995.

Artigo 2. A contía de cada subvención non poderá excede-la cantidade de 300.000 (trescentas mil) pesetas por disco, casete ou disco compacto, consistindo no equivalente ó 75% do prezo de venda ó público (sen IVE) dun máximo do 20% dos exemplares producidos, segundo certificado de producción de tirada.

Artigo 3.

3.1. Poderán optar a estas subvencións as persoas físicas ou xurídicas que acrediten a súa condición de productores discográficos segundo a lexislación vixente.

3.2. Non as poderán solicitar aqueles productores que anteriormente recibisen algunha outra subvención da Consellería de Cultura e non xustificasen o seu investimento. Tamén quedan excluídos os productores dependentes de organismos públicos.

Artigo 4. Os productores que desexen acollerse ás beneficios desta orde elevarán petición, por medio de instancia dirixida ó conselleiro de Cultura, segundo o modelo que figura como anexo desta orde, e presentarana no rexistro xeral da Consellería de Cultura ou nos rexistros das súas delegacións provinciais, sen prexuízo do establecido, no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, antes do 15 de outubro de 1995.

A solicitude irá acompañada da seguinte documentación:

-Fotocopia do DNI do solicitante e acreditación suficiente da representación que exerza.

-Fotocopia compulsada da documentación acreditativa da constitución legal da productora, da inscrición no Rexistro Mercantil e da tarxeta de identificación fiscal.

-Un exemplar da edición musical para a que se solicita a subvención, con indicación do prezo venda ó público, acompañada do certificado de producción de tirada, emitido pola Sociedad General de Autores de España.

Artigo 5. Recibidas as solicitudes de subvención e a súa documentación, serán analizadas polos servicios competentes da Dirección Xeral de Cultura, e o director xeral de Cultura elevará as correspondentes propostas, polo menos cada dous meses sempre que existan solicitudes presentadas e disponibilidade orzamentaria na citada aplicación orzamentaria, ó conselleiro de Cultura, que resolverá.

Artigo 6.

6.1. Para poderen optar a estas subvencións as produccións deberán ter realizado o depósito legal. O número de depósito legal será posterior ó 1 de outubro de 1994.

6.2. Non poderán acollerse ás subvencións desta orde:

-As produccións destinadas a uso escolar.

-As obras subvencionadas en máis dun 30% con fondos públicos.

-As produccións de difusión gratuíta.

6.3. Na valoración das solicitudes teranse en conta os seguintes aspectos:

-Importancia da obra.

-Características físicas da gravación.

-Continuidade dentro dunha colección.

-Importancia do fondo discográfico da entidade solicitante.

Artigo 7.

7.1. Os beneficiarios das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigados a destina-los fondos percibidos para o obxecto concreto para o que foron concedidos. A Dirección Xeral de Cultura da Consellería de Cultura poderá comprobar, cando o considere conveniente, a execución dos proxectos subvencionados.

7.2. Unha vez concedida a subvención e aceptada polo solicitante, librarase a cantidade concedida de acordo co establecido na normativa orzamentaria que sexa aplicable.

7.3. O pagamento da subvención esixirá do beneficiario a aportación de certificacións acreditativas do cumprimento das obrigas tributarias e sociais e de non ter contraída ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o disposto no artigo 79 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

7.4. A Consellería de Cultura comunicarálle-la resolución do conselleiro ós solicitantes así como os exemplares que deberán entregar á Dirección Xeral de Cultura para a súa promoción e difusión, e que será equivalente á subvención concedida. O prazo para a entrega dos exemplares será de quince días contados a partir da notificación da resolución.

7.5. Recibidos os exemplares a que se fai referencia no parágrafo anterior, a Dirección Xeral de Cultura, de atopalos conformes, propoñerá o libramento dos fondos.

Artigo 8. No caso de que o beneficiario da subvención incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas, a Consellería de Cultura instruirá expediente sancionador, conforme o previsto na vixente Lei de réxime xurídico das Administracións públicas e do procedemento administrativo común e, se procede, anulará os beneficios concedidos e solicitará a devolución das cantidades percibidas, se as houber, segundo o procedemento que establece o Regulamento xeral de recadación.

Artigo 9. De non notificarse resolución favorable no prazo de tres meses a partir da presentación da solicitude, entenderase desestimada a petición correspondente, podendo o solicitante, a partir desta data, retira-la documentación presentada nos 30 días seguintes. Transcorrido este prazo arquivarase sen máis trámite.

Disposicións derradeiras

Primeira. Facúltase o director xeral de Cultura para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvernento desta orde.

Segunda. Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de xaneiro de 1995.

Víctor Manuel Vázquez Portomeñe

Conselleiro de Cultura

Sr. Director Xeral de Cultura