Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 94 Xoves, 18 de maio de 1995 Páx. 3.661

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 27 de abril de 1995 pola que se dictan normas para a elección de órganos unipersoais de goberno nos centros públicos de ensino non universitario.

En uso da autorización outorgada pola disposición derradeira primera do Decreto 92/1988, do 28 de abril (DOG do 29 de abril), parcialmente modificado polo Decreto 279/1990, do 27 de abril, polo que se regulan os órganos de goberno dos centros públicos de ensino non universitario, e co obxecto de regula-la elección e nomeamento de director e restantes órganos unipersoais de goberno naqueles centros en que proceda, esta consellería,

DISPÓN:

Primeiro.-Procederá abri-lo proceso electoral para o nomeamento de director nos centros públicos de ensino non universitario nos que, existindo profesores que reúnen os requisitos establecidos no artigo 6 do Decreto 92/1988, do 28 de abril, para seren candidatos, se dea algún dos seguintes supostos:

a) Finalización do mandato do director por transcurso do período de tres anos establecidos no artigo 4 do Decreto 92/1988, do 28 de abril.

b) Cando o director, de acordo co parágrafo primeiro do artigo 11 do citado Decreto 92/1988, tivese nomeamento provisional e polo período de un ano, por non existir no seu momento candidatos á dirección ou por non obte-la maioría absoluta.

c) Cando as funcións de director estean sendo desempeñadas con carácter accidental polo vicedirector ou polo xefe de estudios, en virtude do previsto no parágrafo segundo no artigo 14 do antedito decreto.

d) Naqueles centros nos que a renuncia do director, aceptada polo delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria con efectos do 30 de xuño, permita abri-lo proceso electoral nos prazos establecidos no decreto.

Segundo.-A votación prevista no artigo 9 do Decreto 92/1988, do 28 de abril, terá lugar antes do 15 de xuño de 1995, data na que a mesa electoral remitirá á delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a proposta de nomeamento do candidato que obtivo a maioría absoluta ou fará constar, se é o caso, que ningún candidato a alcanzou.

Terceiro.-No suposto de que non se presentase ningunha candidatura, o consello escolar, a través do seu presidente, comunicaralle tal extremo á delegación provincial con anterioridade ó 9 de xuño de 1995.

Cuarto.-Cando non existan candidaturas á dirección ou cando, aínda existindo, non obtivesen a maioría absoluta, a Inspección Educativa, efectuadas as consultas que coide oportunas, proporalle ó delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria un candidato á dirección para os efectos

previstos no artigo 11 do Decreto 92/1988, do 28 de abril.

Quinto.-O director electo proporalle o nomeamento dos restantes órganos unipersoais de goberno ó consello escolar, de acordo co artigo 15 do Decreto 92/1988, do 28 de abril, e unha vez elixidos por este órgano colexiado, daralle traslado da acta correspondente ó delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Sexto.-O delegado provincial, unha vez verificado que os candidatos propostos reúnen os requisitos establecidos no Decreto 92/1988, do 28 de abril, procederá ó nomeamento do director e dos restantes órganos unipersoais de goberno con efectividade do 1 de xullo de 1995.

Sétimo.-No suposto de centros nos que, de acordo coa planificación existente, se prevexa o traslado a un centro de nova construcción dun número importante de profesores, prorrogarase automaticamente a vixencia dos nomeamentos do equipo directivo, ata que se leve a cabo o devandito traslado.

Oitavo.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de abril de 1995.

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria