Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Martes, 20 de xuño de 1995 Páx. 4.636

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 169/1995, do l6 de xuño, polo que se regulan os rexistros de altos cargos da Xunta de Galicia.

As incompatibilidades dos altos cargos da Xunta de Galicia estaban, ata agora, reguladas por:

O Decreto 120/1994, do 13 de maio (DOG nº 93, do 16 de maio) que creou os rexistros de altos cargos da Xunta de Galicia e regulou o seu funcionamento.

A orde da Consellería da Presidencia e Administracion Pública do 14 de maio de 1994 (DOG nº 93, do 16 de maio) pola que se aproban os modelos de declaración de actividades e intereses e de bens patrimoniais dos altos cargos da Xunta de Galicia.

A Lei do 26 de decembro de 1983 (BOE nº 309, do 27 de decembro), modificada parcialmente pola Lei do 22 de marzo de 1991 (BOE nº 74, do 27 de marzo) que regulaba as incompatibilidades de altos cargos, aplicable polo xogo do artigo 149.3º, parágrafo final, da Constitución española de 1978.

Esta última lei foi expresamente derrogada pola Lei 12/1995, do 11 de maio, de incompatibilidades dos membros do Goberno da Nación e dos altos cargos da Administración xeral do Estado (BOE nº 113, do 12 de maio de 1995), pendente aínda do correspondente desenvolvemento regulamentario.

Este feito faise necesario, mentres non se aprobe unha lei específica de incompatibilidades dos altos cargos da Xunta de Galicia, adopta-la normativa autonómica á nova lei estatal co fin de garantir no ámbito da Xunta de Galicia o seu efectivo cumprimento.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública, en uso das competencias atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, modificada pola Lei 11/1988, do 22 de outubro, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaseis de xuño de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Regúlanse, dependendo da Inspección Xeral de Servicios, da Consellería da Presidencia e Administración Pública, os seguintes rexistros, creados polo Decreto 120/1994, do 13 de maio:

a) Rexistro de Actividades e Intereses de Altos Cargos.

b) Rexistro de Bens Patrimoniais de Altos Cargos.

Artigo 2º

1. Nos ditos rexistros inscribiranse as declaracións formuladas polos seguintes altos cargos da Xunta de Galicia:

a) Os membros do Goberno autonómico.

b) Os secretarios xerais e directores xerais das respectivas consellerías.

c) Os delegados e representantes do Goberno galega nos entes con personalidade xurídica pública.

d) Os presidentes, directores xerais e asimilados dos organismos autónomos.

2. Para os únicos efectos deste decreto considéranse altos cargos e quedan suxeitos ó réxime xeral de incompatibilidades propio deles, polo que deben tamén formula-las correspondentes declaracións:

a) Os delegados provinciais/territoriais das consellerías da Xunta de Galicia.

b) Os asesores do presidente da Xunta de Galicia e os xefes dos gabinetes dos conselleiros.

c) Os presidentes, os directores xerais, os directores executivos, os directores técnicos ou de departamento e os titulares doutros postos ou cargos asimilados calquera que sexa a súa denominación, en entidades de dereito público vinculadas ou dependentes da Administración autonómica, o nomeamento dos cales sexa efectuado por decisión do Consello da Xunta de Galicia ou polos seus propios órganos de goberno.

d) Os presidentes, directores xerais e asimilados das empresas públicas, sociedades ou fundacións nas que a Xunta de Galicia, directa ou indirectamente, participe ou aporte máis do 50% do capital ou do patrimonio, cando tales cargos estean retribuídos e sexan designados logo de acordo do Consello da Xunta de Galicia ou polos seus propios órganos de goberno.

e) Os titulares de calquera outro posto de traballo da Administración autonómica, calquera que sexa a súa denominación, no que o seu nomeamento se efectúe por decisión do Consello da Xunta de Galicia.

3. Os altos cargos da Xunta de Galicia deberán formular unha declaración para o Rexistro de Actividades e Intereses e outra para o Rexistro dos Bens Patrimoniais, acompañada esta da copia da última declaración tributaria correspondente ó imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF) e ó imposto extraordinario sobre o patrimonio que tivera obriga de presenta-lo declarante ante a Administración tributaria. Tamén voluntariamente poderá aportarse a declaración do seu cónxuxe referida a estes tributos. As ditas declaracións depositaranse no rexistro como información complementaria.

A declaración de bens patrimoniais comprenderá polo menos os seguintes extremos:

a) Os bens, dereitos e obrigas patrimoniais que posúan.

b) Os valores ou activos financeiros negociables.

c) As participacións societarias.

d) O obxecto social das sociedades de calquera clase nas que teñan intereses.

e) As sociedades participadas polas que sexan obxecto de declaración segundo o disposto no apar

tado c) con sinalamento dos seus respectivos obxectos sociais.

4. As ditas declaracións deberán presentarse ante a Inspección Xeral de Servicios nos tres meses seguintes á data de toma de posesión nalgún dos cargos públicos enumerados no apartado 1 deste artigo.

Así mesmo a declaración de bens patrimoniais deberá formularse anualmente entre o 15 de xuño e o 15 de xullo, acompañada da copia da última declaración tributaria correspondente ó imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF) e ó imposto extraordinario sobre o patrimonio.

5. Se durante o desempeño do cargo público de que se trate se modificasen as condicións, ou os datos contidos na declaración de actividades e intereses, esta circunstancia deberá comunicarse inmediatamente á Inspección Xeral de Servicios.

6. Ó cesar como alto cargo, no prazo de tres meses a partir do día seguinte á data do cesamento, deberán presentarse, novamente, ámbalas declaracións, referidas ó momento do cesamento.

Artigo 3º

A Inspección Xeral de Servicios cualificará as declaracións de actividades e intereses, de acordo coa normativa de incompatibilidades e procederá, se é o caso, a inscribilas no Rexistro de Actividades e Intereses de altos cargos.

No caso de que a Inspección Xeral de Servicios entendese que existe incompatibilidade, comunicarallo ó interesado e ó organismo que teña atribuída a competencia para a súa resolución segundo a normativa xeral sobre incompatibilidades.

As declaracións para o rexistro de bens patrimoniais inscribiranse no dito rexistro.

O Goberno da Xunta de Galicia, a través da Inspección Xeral de Servicios deberá informar anualmente ó Parlamento de Galicia do grao de cumprimento das obrigas de declarar, das infraccións producidas e das sancións impostas.

Artigo 4º

1. O Rexistro de Actividades e Intereses de Altos Cargos terá carácter público e poderá acceder a el calquera persoa maior de idade, que teña interese en coñece-las inscricións practicadas, logo de acreditación da súa personalidade.

As persoas interesadas en consulta-lo dito rexistro ou en obter unha certificación da correspondente inscrición, poderán solicitalo por calquera dos seguintes medios:

1) Persoalmente na sede da Inspección Xeral de Servicios da Xunta de Galicia.

2) Por correo.

3) Por servicio facsímil (telefax) ou calquera outro medio dos previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das admi-

nistracións públicas e do procedemento administrativo común.

Nos supostos regulamentados nos apartados 2º e 3º, a correspondente solicitude dirixirase á Inspección Xeral de Servicios da Xunta de Galicia.

O modelo de solicitude será facilitado polo dito centro directivo e nel figurarán os seguintes datos:

a) Datos relativos ó solicitante:

Nome e apelidos.

Número do DNI e copia deste.

Profesión.

Motivo da solicitude.

Domicilio, cidade e provincia.

Lugar, data e sinatura.

b) Datos relativos ó alto cargo:

Nome e apelidos.

Cargo público que desempeña ou desempeñou.

Consellería ou organismo.

2. O Rexistro de Bens Patrimoniais de altos cargos terá carácter reservado, e só poderá accederse a este na forma establecidda no artigo 8.3º da Lei 12/1995, do 11 de maio.

3. O persoal que preste servicios nos rexistros ten o deber permanente de manter en segredo os datos e informacións que coñeza por razón do seu traballo.

Disposicións adicionais

Primeira.

1. As entidades de dereito público, empresas públicas, sociedades e fundacións están obrigadas a informar á Inspección Xeral de Servicios da Xunta de Galicia dos nomeamentos que efectúen respecto daqueles postos de traballo que conforme o presente decreto teñan a condición de altos cargos.

2. As entidades ou empresas públicas ou privadas con representación do sector público nos seus concellos de administración, están obrigadas a comunicar á Inspección Xeral de Servicios da Xunta de Galicia, as designacións que efectúen para o seu consello de administración ou órganos de goberno en persoas que conforme o disposto no presente decreto teñan a condición de alto cargo.

Segunda.

1. Os altos cargos da Xunta de Galicia comprendidos no artigo 2º, non poderán pertencer a máis de dous consellos de administración de organismos ou empresas con capital público ou entidades de dereito público.

2. No suposto de que concorran razóns que o xustifiquen, e mediante resolución motivada, o Consello da Xunta de Galicia poderá autorizar, con carácter excepcional, a pertenza a un terceiro e sucesivos consellos de administración de organismos, ou empresas con capital público ou de entidades de dereito público.

3. A autorización a que fai referencia o apartado anterior para pertencer, con carácter excepcional, a un terceiro e sucesivos consellos de administración, non dará dereito á percepción de cantidade ningunha en concepto de asistencia.

Terceira.

1. Para a aplicación do réxime sancionador previsto na Lei 12/1995, do 12 de maio, a Inspección Xeral de Servicios da Xunta de Galicia con anterioridade á iniciación de calquera expediente sancionador poderá realizar actuacións previas de carácter reservado co obxecto de determinar se concorren circunstancias que xustifiquen tal iniciación. O inicio das actuacións notificarase ó interesado.

2. Así mesmo a Inspección Xeral de Servicios da Xunta de Galicia coñecerá das denuncias que sobre os presuntos incumprimentos do réxime de incompatibilidades de altos cargos puideran formularse.

3. Os ficheiros, arquivos e rexistros de carácter público proporcionarán á Inspección Xeral de Servicios da Xunta de Galicia, cando lle sexa requirido, información, datos e colaboración na forma establecida na Lei orgánica de regulación do tratamento automatizado dos datos de carácter persoal.

4. Unha vez realizada a información previa á Inspección Xeral de Servicios da Xunta de Galicia elevará ós órganos previstos nos seguintes apartados o informe das actuacións previas realizadas.

5. Será órgano competente para a incoación do procedemento sancionador, cando os altos cargos teñan a condición de membro do goberno autonómico, o Consello da Xunta de Galicia, por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública.

Nos demais supostos o órgano competente para a incoación será o conselleiro da Presidencia e Administración Pública.

6. A instrucción dos correspondentes expedientes será realizada pola Inspección Xeral de Servicios.

7. Correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia a imposición de sancións por faltas moi graves e, en todo caso, cando o alto cargo teña a condición de membro do Goberno autonómico.

A imposición das sancións por faltas graves e leves cerrespóndelle ó conselleiro da Presidencia e Aministración Pública.

8. A imposición de sancións por faltas graves e moi graves publicarase no Diario Oficial de Galicia.

Disposicións transitorias

Primeira.-Os altos cargos da Xunta de Galicia dispoñerán de un mes a partir da entrada en vigor da orde pola que se aproban os modelos das declaracións a que fai referencia este decreto para presentalas ante a Inspección Xeral de Servicios.

Segunda.-Cando como consecuencia das declaracións a que fai referencia a disposición transitoria primeira deste decreto e antes da cualificación defi

nitiva, a Inspección Xeral de Servicios apreciase a existencia dunha posible incompatibilidade, comunicaráselle ó interesado dándolle un prazo de un mes para que regularice a súa situación.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 120/1994, do 13 de maio, polo que se crean os rexistros de altos cargos da Xunta de Galicia, e se regula o seu funcionamento.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro da Presidencia e Administración Pública para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaseis de xuño de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS

E VIVENDA