Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Venres, 30 de xuño de 1995 Páx. 5.204

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 190/1995, do 16 de xuño, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Cee (A Coruña), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de ampliación da avenida Fernando Blanco.

O Concello de Cee (A Coruña), en sesión celebrada o día 25 de setembro de 1992, aprobou o proxecto de ampliación da Avda. Fernando Blanco e na mesma sesión acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. O concello remitiu a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 8 de maio de 1995 baixo o nº 4104.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 24 de maio de 1995 baixo o número 4772.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque a Avda. Fernando Blanco desta vila de Cee, constitúe a principal arteria urbana do núcleo da vila. O seu entroncamento ou iniciación é a estrada C-552 A Coruña-Fisterra, constitúe a estrada comarcal 550 de Cee a Tui e ten unha extensión superior ós 1.200 metros de lonxitude.

A ela conflúen as principais rúas da vila: rúa da escola, de acceso ó grupo escolar Eugenio López, que ten unha matrícula duns 750 escolares; Avda. de Buenaventura Castro Rial, de acceso ó instituto mixto de bacharelato, cunha matricula de máis de 600 estudiantes. Na súa marxe esquerda está o instituto de formación profesional cunha matrícula duns 650 estudiantes.

Ó longo das súas dúas marxes existen na actualidade 450 vivendas que acollen a case a terceira parte dos habitantes do núcleo urbano, 900 habitantes en total.

Así mesmo conta a dita vía urbana cun número de 50 establecementos comerciais e de profesionais.

Todas estas circunstancias e a de encontrarse tamén na repetida vía urbana a administración da Empresa Finisterre, con saída diaria cara á Coruña e Santiago de Compostela, fai que teña unha intensísima circulación diaria.

A non existencia de beirarrúas -e o estreitamento da mesma calzada no tramo que pretende ampliarse e urbanizarse agravan o problema de seguridade vial para os viandantes que a diario circulan pola mesma,

especialmente os escolares e estudiantes dos referidos centros.

É un vello problema que se agrava día a día e que obriga a un extraordinario esforzo para solucionalo.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude e por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaseis de xuño de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Cee (A Coruña), para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de ampliación da Avda. Fernando Blanco.

Santiago de Compostela, dezaseis de xuño de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais