Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Luns, 03 de xullo de 1995 Páx. 5.243

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 24 de maio de 1995 pola que se convoca unha bolsa de biblioteconomía e documentación.

Conforme os fins atribuídos a este centro nos artigos 3.1º g) da Lei 10/1989, do 10 de xullo, 2.1º h) do Decreto 306/1990, do 24 de maio, e 5 do Decreto 336/1990, do 8 de xuño, faise pública a convocatoria de unha bolsa de biblioteconomía e documentación que se rexerá polas seguintes bases:

Primeira.-Obxecto.

O obxecto desta convocatoria é a adxudicación de unha bolsa de biblioteconomía e documentación para a execución de tarefas desa natureza na biblioteca da EGAP.

Segunda.-Dotación.

A dotación da bolsa consistirá na percepción de 145.000 pesetas mensuais como máximo, desde o día 1 de setembro ata o 31 de decembro de 1995, sen prexuízo de que sexa prorrogada por un período de doce meses, en función do aproveitamento do adxudicatario, das necesidades de asistencia e colaboración nas tarefas encomendadas, e das disponibilidades orzamentarias.

Terceira.-Requisitos.

-Ser cidadán español, con veciñanza en Galicia.

-Ter titulación universitaria superior.

Cuarto.-Solicitudes e prazo de presentación.

1. As solicitudes, segundo o modelo que figura ó final desta convocatoria, enviaranse á EGAP, polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, 15703 Santiago de Compostela, conforme ós requisitos establecidos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, xunto coa seguinte documentación:

-Fotocopia do DNI ou pasaporte.

-Certificación académica, con detalle das cualificacións obtidas na carreira.

-Declaración expresa de non ter contraída ningunha débeda coa Xunta de Galicia.

-Currículum vitae.

-Memoria descritiva das tarefas dun bolseiro na biblioteca nun centro de formación de funcionarios públicos.

-Documentos que acrediten os coñecementos de galego e doutros idiomas, de informática (nivel usuario), especialidade en biblioteconomía e documentación e experiencia no manexo do programa de xestión bibliotecaria ABSYS.

Os documentos deberán ser orixinais ou copias cotexadas con eles.

2. O prazo de presentación de instancias é de 20 días naturais, contados desde o seguinte ó da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Quinta.-Selección.

Estará a cargo dun tribunal presidido polo secretario xeral da EGAP, do que formarán parte, como vocal, o xefe de estudios da EGAP e, como secretario, o xefe do Servicio de Estudios, Investigación e Publicacións.

O tribunal estudiará, avaliará e relacionará por orde de puntuación os expedientes dos solicitantes admitidos, formados polas solicitudes e documentación xustificativa.

O correspondente tribunal está clasificado na categoría primeira, segundo o artigo 26 do Decreto 299/1990, do 24 de maio.

Na hipótese de que a persoa renuciase á bolsa, a súa adxudicación recaería automaticamente na que lle siga en puntuación, e así sucesivamente.

Sexta.-Obrigas do bolseiro.

1. Acepta-la bolsa e incorporarse ás tarefas asignadas dentro dos dez días seguintes ó da notificación do outorgamento. De non facelo así, sen causa abonda a xuízo do director, a EGAP poderá chama-lo seguinte ou seguintes candidatos por orde de puntuación, da relación formada para este efecto polo tribunal.

2. Permanecer asiduamente en horario lectivo, de luns a venres, en sesións de mañá e de tarde, nas instalacións que para estudio e investigación ten habilitadas a EGAP; horario que determinará o xefe do Servicio de Estudios, Investigación e Publicacións.

3. Atende-las instruccións que dicte o xefe do Servicio de Estudios, Investigación e Publicacións.

4. Presta-la súa colaboración en cantas actividades garden conexión co estudio obxecto desta convocatoria e que contribúan á realización do fin perseguido por ela.

5. Cubri-los informes ou partes de actividade que se lle requiran.

Sétima.-Dereitos do bolseiro.

1. A perceción mensual na súa conta corrente, do líquido que resulte de aplicarlle á mensualidade íntegra de 145.000 ptas. a retención fiscal que proceda.

2. O adxudicatario adquire exclusivamente a condición de bolseiro, coas obrigas e dereitos propios dela, conforme a estas bases, sen ningún outro vínculo laboral ou administrativo.

Santiago de Compostela, 24 de maio de 1995.

Xaime Rodríguez-Arana Muñoz

Director da Escola Galega de Administración Pública

4417