Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 132 Martes, 11 de xullo de 1995 Páx. 5.540

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 201/1995, do 23 de xuño, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1995.

A Lei 4/88, do 26 de maio, da función pública de Galicia, modificada pola Lei 3/1995, do 10 de abril, no seu artigo 29 establece os criterios en que debe enmarcarse a oferta de emprego público, concebida como instrumento de programación das necesidades de persoal e de racionalización do emprego público e dos procesos de selección do persoal ó servicio das administracións públicas, nos que deben prima-los principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade.

Tendo en conta os postos de traballo vacantes na Administración xeral desta Comunidade Autónoma que afectan ó funcionamento dos servicios públicos esenciais, de conformidade co previsto na disposición transitoria terceira da Lei 6/1994, do 29 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1995, e para dar cumprimento o esta

blecido nas disposicións transitorias décima, décimo primeira e concordantes da citada Lei 4/1988, ós efectos do acceso á condición de funcionario do persoal afectado por tales preceptos, cómpre a aprobación da oferta de emprego público, relativa ó persoal funcionario, do ano 1995.

Na súa virtude, consultadas as organizacións sindicais correspondentes, logo de informe da Comisión de Persoal e de conformidade co establecido no artigo 12.8º da Lei 4/88, do 26 de maio, modificado pola Lei 3/95, por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública, e previa deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintetrés de xuño de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1º

En cumprimento do disposto no artigo 29 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, modificado pola Lei 3/1995, do 10 de abril, apróbase a oferta de emprego público correspondente á Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia para 1995 nos termos que se establecen no presente decreto.

Artigo 2º

Nela inclúense as necesidades de recursos humanos de carácter funcionarial con asignación orzamentaria que non poden ser cubertas cos efectivos de persoal existentes, de acordo cos criterios e segundo a composición que se detalla no anexo.

Artigo 3º

Reservarase, conforme co disposto no artigo 60 da Lei 4/1988, da función pública de Galicia, en cada convocatoria, o vintecinco (25) por cento das vacantes para ser cubertas polo sistema de promoción interna. As ditas prazas cubríranse, se é o caso, de conformidade co previsto no Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia aprobado por Decreto 95/91, de 20 de marzo.

As prazas que non se cubran das reservadas ó sistema de promoción interna acumularanse ó sistema de acceso libre.

Artigo 4º

Para dar continuidade ó emprego temporal, en tanto se abordan os correspondentes procesos selectivos de acceso con carácter permanente á función pública, poderase transforma-la relación de emprego inicial noutra de natureza interina nos termos previstos no Real decreto 2546/1994, do 29 de decembro, ou na normativa de función pública.

Artigo 5º

1. Nas probas selectivas para o ingreso en corpos e escalas de funcionarios e categorías de persoal laboral, incluídas as correspondentes á promoción interna, serán admitidas as persoas con minusvalidez en igualdade de condicións cós demais aspirantes.

As convocatorias non establecerán exclusións por limitacións psiquicas e/ou físicas sen prexuízo das incompatibilidades co desempeño das tarefas ou funcións correspondentes.

Nas probas selectivas, incluíndo os cursos de formación ou período de prácticas, estableceranse, para as persoas con minusvalidez que o soliciten, as adaptacións posibles de tempo e medios para a súa realización. Nas convocatorias indicarase expresamente esta posibilidade, así como que os interesados deberán formula-la correspondente petición concreta na solicitude de participación.

Para tal efecto os tribunais ou comisións de selección poderán requirir informe e, se é o caso, colaboración dos órganos técnicos da Administración laboral, sanitaria ou dos órganos competentes.

2. En cada convocatoria reservarase o tres por cento das vacantes ofertadas para ser cubertas por quen teña a condición legal de persoa con minusvalidez, de conformidade co previsto na disposición adicional sétima da Lei 4/1988, do 26 de maio.

Cando o resultado da aplicación da citada porcentaxe dea un resto igual ou superior a 0,5 prazas de reserva computarase coma unha praza a incluír en tal cota.

Cando o número de vacantes ofertadas en cada convocatoria sexa igual ou superior a 10 pero inferior ó número necesario para aplica-lo sinalado nos parágrafos anteriores reservarase, en todo caso, unha praza a devandita cota.

En todo caso, en cada convocatoria establecerase o número concreto de prazas que quedan reservadas para persoas con minusvalidez ás que puidera corresponder esta cota. Fárase constar así mesmo, que non se reserva ningunha praza no suposto de que non se alcanzara o mínimo necesario para isto de acordo co previsto nos apartados anteriores.

A opción a prazas reservadas terá que formularse na solicitude de participación nas convocatorias con declaración expresa dos interesados de reuni-la condición esixida ó respecto, que se acreditará se obtivese praza, mediante certificación dos órganos competentes. As probas selectivas realizaranse en condicións de igualdade cos aspirantes de libre acceso, sen prexuízo das adaptacións previstas neste artigo.

Se na súa realización se lle subscitaran dúbidas ó tribunal respecto da capacidade do aspirante para o desempeño das actividades habitualmente desenvoltas polos funcionarios do corpo, escala ou categoría ó que se opta, poderán solicita-lo correspondente dictame do órgano competente.

Con anterioridade ó nomeamento e unha vez superado o proceso selectivo a Conselleria da Presidencia e Administración Pública, poderá requirir, respecto das persoas que acceden por esta cota de reserva, dictame do órgano competente sobre a compatibilidade do candidato para o posto de traballo ou sobre as adaptacións deste último.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro da Presidencia e Administración Pública para dictar, dentro das súas competencias, as normas precisas para o desenvolvemento do presente decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintetrés de xuño de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

ANEXO

PRAZAS DE CORPOS DE FUNCIONARIOS DE ADMINISTRACIÓN XERAL DA XUNTA DE GALICIA

GRUPO A

-Corpo Superior de Administración da Xunta de Galicia23

-Escala de letrados da Xunta de Galicia4

GRUPO B

-Corpo de xestión de Administración da Xunta de Galicia14

GRUPO C

-Corpo administrativo da Xunta de Galicia55

GRUPO D

-Corpo Auxiliar da Xunta de Galicia170

GRUPO E

-Corpo subalterno da Xunta de Galicia81

95-03998