Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Mércores, 12 de xullo de 1995 Páx. 5.577

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 6/1995, do 28 de xuño, pola que se crea o Consello Económico e Social de Galicia.

O Consello Económico e Social de Galicia créase como ente consultivo da Xunta de Galicia en materia socio-económica en aplicación do previsto no artigo 9.2º da Constitución española e nos artigos 4.2º e 55.4º do Estatuto de autonomía de Galicia, co obxecto de facilita-la participación de tódolos galegos na vida política, económica, social e cultural.

Por outra parte, o Consello Económico e Social responde tamén á aspiración dos axentes económicos e sociais de que as súas opinións e propostas se atendan, no proceso de adopción de decisións pola Xunta de Galicia, e á pretensión desta de canaliza-la participación social para tales efectos.

Configúrase, así mesmo, como foro permanente de diálogo e deliberación entre os axentes económicos e sociais e a Xunta de Galicia, na medida en que constitúe o único órgano onde está representado un amplo conxunto de organizacións socio-profesionais, sen prexuízo do campo singular reservado ó Consello Galego de Relacións Laborais.

Os principios básicos que informan esta Lei do Consello Económico e Social son os seguintes:

O Consello Económico e Social constitúese como un órgano de carácter consultivo en materia socio-económica.

A dita función consultiva exercerase nunha triple vertente:

-Con carácter preceptivo, en relación coa actividade normativa da Xunta de Galicia en materias de especial transcendencia económico-social.

-Con carácter facultativo, por instancia do Goberno galego ou dos seus membros.

-Ademais, por propia iniciativa, a través de estudios e informes ou propostas de reformas normativas.

O texto da norma prevé tamén a posibilidade de que emita o consello o seu parecer sobre a execución dos grandes plans económicos e sociais.

Nel estarán representadas as organizacións sindicais e empresariais máis significativas, así como outras organizacións ou forzas sociais representativas de intereses diversos.

Non se prevé a participación de representantes do Goberno, dado o carácter consultivo do Consello Económico e Social e a necesidade, polo tanto, de garanti-la súa independencia na formación e emisión dos seus criterios. Con base nesta necesaria autonomía funcional dótase de amplas facultades de autoorganización.

Destácase, así mesmo, a posibilidade de que o Consello Económico e Social se poida constituír en foro de debate, para tratar problemas específicos que afecten sectores estratéxicos de Galicia, co obxecto de definir, por vía de consenso, unha determinada liña de actuación.

A través dun Gabinete Técnico, formado por expertos, preténdese garanti-la imprescindible calidade técnica dos seus traballos. Os expertos deberán ter especial preparación e recoñecida experiencia en temas socio- económicos e desenvolverán a súa función con independencia.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo en nome de El-Rei, a Lei pola que se crea o Consello Económico e Social de Galicia.

Título I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Creación e denominación.

Créase o Consello Económico e Social de Galicia, coa finalidade, natureza, funcións, composición e estructura que se establecen na presente lei.

Artigo 2º.-Finalidade.

A finalidade do consello é facer efectiva a participación dos axentes económicos e sociais na política socio-económica de Galicia.

Artigo 3º.-Natureza xurídica.

1. O consello é un ente institucional de dereito público, consultivo, da Xunta de Galicia en materia económica e social.

2. O consello ten personalidade xurídica de seu e plena capacidade e autonomía, orgánica e funcional, para o cumprimento dos seus fins.

3. O consello queda adscrito á Consellería de Economía e Facenda.

Artigo 4º.-Sede.

O Consello ten a súa sede en Santiago de Compostela. Non obstante, cando as circunstancias o aconsellen, poderá celebra-las súas sesións en calquera lugar do territorio da Comunidade Autónoma.

Artigo 5º.-Funcións.

De acordo coa súa finalidade e natureza, correspóndenlle ó consello as seguintes funcións:

1. Emitir dictames de carácter preceptivo ou facultativo.

1.1. Serán dictames de solicitude preceptiva os que versen sobre:

a) Anteproxectos de lei e proxectos de decretos lexislativos e plans xerais ou sectoriais que regulen materias socio-económicas directamente vinculadas ó desenvolvemento económico e social de Galicia.

Exceptúanse desta consulta os proxectos de lei de presupostos xerais da Comunidade Autónoma.

b) Anteproxectos de lei ou proxectos de disposicións administrativas que afecten a organización, as competencias ou o funcionamento do consello.

c) Calquera outro relativo a materias que teñan que consultárselle ó consello por precepto expreso dunha lei.

O Consello da Xunta, ó comunicarlle ó Parlamento a aprobación dos proxectos de lei e de decretos lexislativos, incluirá o dictame elaborado, se é o caso, polo consello.

1.2. Son dictames de solicitude facultativa os referentes a asuntos ou materias non mencionados no apartado anterior que sexan sometidos a consulta do consello polo Consello da Xunta de Galicia ou polos seus membros.

1.3. Os dictames requiridos ó consello deberán ser emitidos no prazo que fixe o Consello da Xunta ou calquera dos seus membros, se é o caso, na orde de remisión do expediente ou na solicitude de consulta.

En ningún caso o dito prazo será inferior a un mes. Transcorrido aquel, entenderase cumprido o trámite.

2. Elaborar, por propia iniciativa ou por solicitude da Xunta de Galicia, informes ou estudios sobre as reformas que se estimen necesarias na normativa vixente para favorece-lo desenvolvemento económico e social de Galicia ou sobre a elaboración de plans e programas dirixidos á mesma finalidade.

Especialmente, correspóndelle ó consello elaborar informes ou estudios sobre as posibles repercusións e adaptacións necesarias que a introducción das novas tecnoloxías impoña no sistema económico e social de Galicia.

Igualmente, o consello poderá darlle a coñecer ó Goberno galego a súa opinión sobre a execución dos plans ou programas de especial transcendencia para o desenvolvemento económico e social de Galicia.

3. Elaborar e remitirlle anualmente ó Consello da Xunta, a través da Consellería de Economía e Facenda, dentro do primeiro semestre de cada ano, unha memoria sobre a situación económica e social en Galicia, incluíndo, se é o caso, recomendacións ou orientacións sobre a política presupostaria.

4. Elaborar e aproba-lo Regulamento de réxime interno do consello, de acordo co previsto no artigo 20 da presente lei.

Artigo 6º.-Facultade de información.

Para o exercicio das súas funcións, o consello, a través do seu presidente, poderá solicitar da Xunta de Galicia ou dos seus conselleiros a información que precise.

Título II

Composición

Artigo 7º.-Composición e designación.

1. O consello componse dos trinta e cinco membros seguintes:

a) Un presidente.

b) Once membros designados polas organizacións sindicais que obtivesen a condición de máis representativas, en proporción á súa representatividade, de acordo coa Lei orgánica de liberdade sindical e co Estatuto dos traballadores.

c) Once membros designados polas organizacións empresariais que gocen de capacidade representativa, en proporción á súa representatividade, de acordo co Estatuto dos traballadores.

d) Once membros coa seguinte distribución: catro representantes do sector agrario, dous do sector marítimo-pesqueiro (un da pesca de baixura e outro do marisqueo), dous dos usuarios e consumidores e tres das universidades de Galicia.

e) Un secretario xeral.

2. Os membros do consello indicados no parágrafo d) anterior serán propostos, en cada caso, polas entidades ou asociacións que a continuación se indican:

2.1. Sector agrario: polas organizacións profesionais con maior implantación no sector en Galicia.

2.2. Sector marítimo-pesqueiro: polas federacións provinciais de confrarías de pescadores.

2.3. Usuarios e consumidores: polo Consello Galego de Consumo.

2.4. Universidades: un por cada Xunta de Goberno das da Coruña, Santiago e Vigo.

3. Nos supostos a que se refiren os apartados b), c) e d) do punto 1, designarase igual número de suplentes que membros titulares, asistindo aqueles ás sesións en substitución destes, logo de delegación expresa en cada caso.

4. Cada membro do consello, agás o secretario xeral, ten un voto persoal e unicamente delegable no seu suplente.

Artigo 8º.-Nomeamentos.

O presidente do consello será nomeado polo presidente da Xunta de Galicia, por proposta conxunta dos conselleiros de Economía e Facenda e de Xusticia, Interior e Relacións Laborais, logo de consulta ás entidades, organizacións e asociacións representadas no consello.

O secretario xeral será designado polo Consello da Xunta, por proposta dos conselleiros de Economía e Facenda e de Xusticia, Interior e Relacións Laborais, de entre funcionarios do grupo A, logo de consulta ás entidades, organizacións e asociacións representadas no consello.

Os demais membros do consello, designados no modo que resulta no artigo anterior, serán nomeados polo presidente da Xunta de Galicia, a quen lle comunicarán as ditas entidades, organizacións e asociacións a designación.

Artigo 9º.-Duración do mandato.

1. O mandato dos membros do consello será de catro anos, renovable por períodos de igual duración, que comezará a computarse desde o día seguinte ó da publicación do nomeamento no Diario Oficial de Galicia.

Os membros do consello, agás o presidente e o secretario xeral, poderán ser substituídos polas entidades, organizacións ou asociacións que os designasen, e os así nomeados permanecerán no seu cargo, como máximo, polo tempo que lle restase ó substituído para o cumprimento do seu mandato.

2. Non obstante, os membros do consello, incluído o seu presidente, continuarán no exercicio das súas funcións ata a toma de posesión dos novos membros.

Artigo 10º.-Perda da condición de membro.

Os membros do consello perderán a devandita condición por algunha das seguintes causas:

a) O presidente e o secretario xeral, por cesamento acordado polo presidente da Xunta de Galicia ou polo Consello da Xunta, respectivamente, logo da proposta adoptada na mesma forma en que se sinala no artigo 8º.

b) Por falecemento.

c) Por renuncia expresa ante o presidente do consello e, no caso deste, ante o presidente da Xunta de Galicia.

d) Por expiración do prazo do seu mandato, sen prexuício do establecido no artigo 9º.2.

e) Por declaración de incapacidade ou inhabilitación para o desempeño de cargo público por sentencia xudicial firme.

f) Por proposta das entidades, organizacións ou asociacións que promoveron a súa designación.

Artigo 11º.-Incompatibilidades.

A condición de membro do consello será incompatible co exercicio de calquera cargo ou actividade que impida ou menoscabe o desempeño das funcións que lle son propias. En particular, será incompatible coa de:

a) Parlamentarios das Cortes Xerais ou dos parlamentos autonómicos.

b) Membros do Goberno da Comunidade Autónoma.

c) Membros doutros órganos previstos no Estatuto de autonomía de Galicia ou na Constitución española.

d) Altos cargos das administracións públicas, entendendo como tales os incluídos na Lei 12/1995, do 11 de maio, de incompatibilidades dos membros do Goberno da nación e dos altos cargos da Administración xeral do Estado.

e) Membros electos das corporacións locais.

Título III

Funcionamento

Artigo 12º.-Órganos do consello.

O Consello, para o exercicio das súas funcións, actuará a través dos seguintes órganos:

1. Colexiados:

-O Pleno.

-A Comisión Permanente.

-As comisións sectoriais.

2.Unipersoais:

-O presidente.

-O secretario xeral.

3. Como órgano de apoio, o consello contará cun Gabinete Técnico, que actuará baixo a dirección do seu secretario xeral.

Artigo 13º.-O Pleno.

1. O Pleno é o órgano de goberno do consello.

2. Estará integrado pola totalidade dos membros mencionados no artigo 7º desta lei, baixo a dirección do presidente e asistido polo secretario xeral.

3. O Pleno reunirase en sesión ordinaria, cando menos, catro veces ó ano. Así mesmo, poderá reunirse, con carácter extraordinario, por iniciativa do presidente ou dun tercio dos seus membros.

Ás ditas sesións poderá asistir un asesor acreditado por cada unha das entidades, organizacións ou asociacións que integran o consello. Tamén poderán asistir a elas os membros do Gabinete Técnico do Consello.

4. Para a válida constitución do Pleno será necesaria a asistencia da maioría absoluta dos seus membros na primeira convocatoria, e, polo menos, dun tercio deles na segunda.

En todo caso, será necesaria a asistencia ás sesións do presidente e do secretario xeral, ou dos que legalmente os suplan.

5. Os acordos do Pleno adoptaranse por maioría simple dos asistentes, agás nos supostos nos que legal ou regulamentariamente se esixa maioría cualificada, dirimindo os empates o presidente mediante o voto de calidade.

6. Son competencias do Pleno:

a) Adopta-los acordos que correspondan respecto do exercicio das funcións a que se refire o artigo 5º desta lei.

b) As demais que resulten do regulamento do consello.

7. Os acordos ou criterios do consello expresaranse baixo a denominación de «dictames», «informes» ou «estudios» do consello, segundo proceda, de acordo co disposto no artigo 5º desta lei.

Os dictames emitiraos o Pleno ou, en caso de delegación deste, a comisión permanente.

Os dictames formularanse por separado e neles incluiranse os antecedentes, a valoración e as conclusións. Irán asinados polo secretario xeral co visto e prace do presidente, e uniránselle-los votos particulares, se os houbese.

Artigo 14º.-A comisión permanente.

1. A comisión permanente, baixo a dirección do presidente e asistida polo secretario xeral, estará integrada por tres representantes de cada un dos grupos b), c) e d) con presencia no consello ós que fai alusión o artigo 7º desta lei.

Os anteditos representantes serán designados entre os membros do Pleno, por proposta de cada un dos grupos mencionados no artigo 7º.1 da presente lei.

2. Corresponderanlle á comisión permanente as funcións que especificamente lle delegue o Pleno, dentro do ámbito das súas competencias, ou que se lle atribúan no Regulamento de réxime interno.

Artigo 15º.-Comisións sectoriais.

1. Por acordo do Pleno poderanse constituír, co carácter de permanentes ou para cuestións específicas, comisións sectoriais. Formarán parte delas os membros que designe o Pleno, respectando en cada caso a presencia proporcional dos distintos grupos representados no consello e definidos no artigo 7º.

2. O Pleno poderalles adscribir tarefas das comisións sectoriais a aqueles expertos que considere oportuno para o mellor desenvolvemento delas.

Artigo 16º.-O presidente.

1. Son funcións do presidente:

a) Formula-la orde do día das sesións do Pleno e da comisión permanente, no modo que se estableza no regulamento do consello.

b) Convoca-las sesións do Pleno e da comisión permanente, presidilas e modera-lo desenvolvemento dos debates.

c) Visa-las actas, ordena-la publicación dos acordos e dispoñe-lo cumprimento destes.

d) Dirixi-las actuacións do consello e te-la súa representación.

e) Remiti-los dictames, informes e estudios á Xunta de Galicia e ós conselleiros.

f) As demais funcións que lle encomenden a presente lei e o regulamento do consello.

2. No caso de ausencia, enfermidade ou calquera outra causa xustificada, o presidente será substituído polo membro titular do consello de maior idade.

Artigo 17º.-O secretario xeral.

1. O secretario xeral, como órgano de asistencia técnica e administrativa do consello, é o depositario da fe pública dos seus acordos.

2. Son funcións do secretario xeral:

a) Exerce-la dirección administrativa e técnica dos distintos servicios do consello e velar porque os seus órganos actúen conforme ós principios xerais que informan a actuación das administracións públicas.

b) Asistir, con voz pero sen voto, ás sesións do Pleno e da comisión permanente. Tamén asistirá ás sesións das comisións sectoriais e dos grupos de traballo.

c) Estende-las actas das sesións, autorizalas coa súa sinatura e co visto e prace do presidente e dárlle-lo curso correspondente ós acordos que se adopten.

d) Custodia-la documentación do consello.

e) Expedir certificacións das actas, acordos, dictames e informes cos seus votos particulares e outros documentos confiados á súa custodia, co visto e prace do presidente.

f) Exerce-la xefatura do persoal ó servicio do consello.

g) Exerce-la dirección do Gabinete Técnico.

h) Exerce-las funcións económicas e presupostarias do consello.

i) Elabora-lo anteproxecto do presuposto anual, para sometelo á consideración do Pleno do consello.

j) Cantas outras lle sexan atribuídas polo Regulamento do consello ou sexan inherentes á súa condición de secretario.

Artigo 18º.-O Gabinete Técnico.

1. O Gabinete Técnico é o órgano de apoio ó consello e actuará baixo a dirección do secretario xeral.

2. Estará integrado por catro expertos como máximo en materias socio-económicas e que realizarán o seu labor con dedicación plena. O número e a cualificación deles serán fixados por acordo do consello.

3. Serán funcións do Gabinete Técnico a elaboración de bases de datos, informes, estudios e tarefas análogas, sobre materias socio-económicas e técnicas, que demande o consello ou o secretario xeral.

4. O gabinete, para o cumprimento dos seus fins, poderá acceder ás bases de datos informáticas existentes, tanto públicas coma privadas. Garantiráselle unha adecuada prioridade de acceso ós bancos públicos de datos.

5. Os compoñentes do Gabinete Técnico asistirán ás sesións do Pleno e da comisión permanente, en calidade de asesores, cando a natureza das materias que se vaian tratar así o aconselle, de acordo co que dispoña o regulamento do consello.

6. Cando o consello así o aprecie, poderá requirir informes de profesionais libres, non vinculados a el, que terán idéntico tratamento cós provenientes do Gabinete Técnico.

Artigo 19º.-Publicidade das sesións e traballos do Consello.

1. As sesións do consello non serán públicas.

2. Os dictames, estudios e informes do consello terán a publicidade que neste se acorde.

Artigo 20º.-Regulamento do consello.

O consello, de conformidade co disposto no punto 4 do artigo 5º desta lei, elaborará o seu Regulamento de réxime interno, que será aprobado en primeira votación por maioría de dous tercios dos membros do Pleno do consello, e en segunda votación por maioría absoluta daqueles. Para efectos de xeral coñecemento publicarase no Diario Oficial de Galicia.

Título IV

Réxime económico e administrativo

Artigo 21º.-Persoal.

O persoal propio do consello rexerase polas normas de dereito laboral. As súas condicións de traballo non serán inferiores ás establecidas para o persoal laboral da Xunta de Galicia.

A selección do persoal farase mediante convocatoria pública e de acordo cos principios de igualdade, mérito e capacidade.

Artigo 22º.-Financiamento.

As dotacións necesarias para o funcionamento do consello cubriranse coas partidas que para tal efecto se consignen nos presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Para tal fin, o Pleno do consello aprobará, anualmente, un anteproxecto de presuposto, que se lle remitirá á Consellería de Economía e Facenda, para que lle dea o trámite legalmente establecido.

Artigo 23º.-Contratación.

O consello, en canto a contratación, rexerase polas normas do dereito privado, pero esta axustarase ós principios de obxectividade, publicidade e concorrencia, salvagarda do interese público e homoxeneización de comportamentos no sector público.

Artigo 24º.-Control e contabilidade.

O réxime da súa contabilidade e control adaptarase ó establecido para os entes da súa natureza nas disposicións en vigor.

Artigo 25º.-Patrimonio.

O patrimonio do consello integrarase no da Comunidade Autónoma de Galicia e seralle aplicable o disposto para o efecto na Lei 3/1985, do 12 de abril.

Disposición adicional primeira

Por acordo do consello, determinaranse as asignacións por asistencias e outras compensacións que deban percibi-los seus membros.

Disposición adicional segunda

O consello, como ente de participación social, poderá propoñerlle á Xunta de Galicia a convocatoria de mesas sectoriais nas que participen non só as organizacións representadas nel, senón tamén a Administración autonómica, co obxecto de debater problemas específicos que afecten sectores estratéxicos de Galicia, co fin de defini-las posibles liñas de actuación, así como os informes requiridos pola normativa da UE.

Disposición adicional terceira

A Xunta de Galicia remitiralle ó consello os proxectos de lei e os proxectos de decretos lexislativos coa antelación suficiente para que a emisión dos informes correspondentes ou dos dictames preceptivos sexa previa á súa remisión pola Xunta de Galicia ó Parlamento.

Disposición transitoria primeira

Dentro do prazo dos dous meses seguintes á entrada en vigor desta lei, as organizacións, asociacións e entidades competentes deberán proceder á designación dos membros do consello, segundo se establece na presente lei.

Disposición transitoria segunda

Transcorrido o prazo sinalado na disposición transitoria anterior, o presidente da Xunta de Galicia convocará para a súa constitución, dentro dos trinta días seguintes, o Pleno do consello, con fixación do lugar, día e hora en que se teña que celebra-lo acto.

Disposición transitoria terceira

Autorízase o conselleiro de Economía e Facenda a dotar con cargo ós presupostos xerais da Comunidade Autónoma os gastos necesarios para o funcionamento do consello, ata a aprobación do seu presuposto.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó establecido na presente lei.

Disposición derradeira primeira

As funcións do consello deixan a salvo as atribuídas ó Consello Galego de Relacións Laborais pola súa normativa específica.

Disposición derradeira segunda

Autorízase a Xunta de Galicia, por proposta conxunta dos conselleiros de Economía e Facenda e de Xusticia, Interior e Relacións Laborais, para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento da presente lei.

Disposición derradeira terceira

A presente lei entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinteoito de xuño de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

95-4763