Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 146 Martes, 01 de agosto de 1995 Páx. 6.127

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

DECRETO 227/1995, do 20 de xullo, polo que se aproba o Regulamento do ente público Portos de Galicia, dictado en aplicación e desenvolvemento da Lei 5/1994, do 29 de novembro.

A Lei 5/1994, do 29 de novembro, de creación do ente público Portos de Galicia, prevía na súa disposición derradeira a aprobación pola Xunta de Galicia do regulamento para o seu desenvolvemento e aplicación.

O presente regulamento recolle no seu texto todas aquelas disposicións aplicativas ou interpretativas da lei, de xeito que se constitúen nun instrumento axeitado para unha aplicación ordenada e sistemática dela. Así mesmo, deuse cumprimento ó mandado legal naqueles puntos concretos no que se ordenaba o seu posterior desenvolvemento regulamentario. En particular, determínase a composición do consello de Administración do ente público no que se representarán os diversos sectores económicos relacionados coas actividades portuarias. A participación dos devanditos sectores na xestión dos portos procúrase a través da súa participación nas xuntas territoriais de Traballo, en canto órganos destinados a informa-la Administración portuaria sobre os problemas que teñan a súa orixe no funcionamento dos portos e que conveña abordar na súa xestión. Así mesmo, e co expreso amparo na lexislación estatal sobre portos, en canto non exista lexislación autonómica aplicable, desenvólvese o exercicio da

potestade sancionadora polo ente público.

Na súa virtude, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, por proposta do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, na súa reunión do día vinte de xullo de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo único

Apróbase o regulamento para o desenvolvemento e execución da Lei 5/1994, do 29 de novembro, de creación do ente público Portos de Galicia, que se insire a continuación.

Disposicións adicionais

Primeira.-O ente público Portos de Galicia quedará efectivamente constituído na data de entrada en vigor do presente regulamento, e iniciará o exercicio das funcións que ten encomendadas dentro dos seis meses seguintes á súa constitución efectiva.

Segunda.-Sen prexuízo das funcións que lle atribúen a súa lei de creación e o presente regulamento, Portos de Galicia asumirá, desde a súa entrada en funcio

namento, tódalas que actualmente exerce a Dirección Xeral de Obras Públicas da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda en materia de portos e ordenación do litoral.

Terceira.-Ó día da data de entrada en funcionamento quedarán transferidas a Portos de Galicia as funcións que na actualidade desempeñan os Grupos de Portos e a Subdirección Xeral de Portos da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, extinguíndose os devanditos servicios e subrogándose o ente público en tódalas súas funcións.

Cuarta.-A partir da mesma data, Portos de Galicia sucederá no patrimonio afecto ós Servicios de Portos que se extinguen.

Así mesmo quedaranlle adscritos os bens de dominio público que ata ese momento o estivesen a tales portos.

Quinta.-Portos de Galicia asumirá a plena xestión dos seus ingresos a partir da data da súa entrada en funcionamento.

Disposicións transitorias

Primeira.-Os expedientes que, ó día da data de entrada en funcionamento de Portos de Galicia, estivesen en tramitación ante as dependencias e servicios que transfiren as súas funcións ó ente público serán continuadas por este, que resolverá cantas incidencias se presenten na devandita tramitación e farase cargo, se é o caso, da devolución das fianzas e da execución das obras na zona marítimo-terrestre e de servicio de portos.

Segunda.-Durante o exercicio orzamentario de 1995, o producto da recadación dos ingresos correspondentes ó ente público seguirase ingresando na Tesourería Xeral da Comunidade Autónoma.

Así mesmo, unha vez inicie a súa actividade Portos de Galicia, e a medida que sexa necesario, proverase dos medios materiais e persoais precisos para o seu funcionamento, mediante transferencias de crédito dos capítulos I e II do programa 414.A. En ningún caso, tales modificacións poderán implicar incremento de gasto respecto das dotacións do devandito programa anteriores á transferencia.

Terceira.-Mentres non se efectúe a dotación efectiva de persoal do ente público, e por un prazo máximo de seis meses desde a entrada en vigor do presente regulamento, o persoal adscrito ós servicios portuarios da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda continuará exercendo as funcións que ten que asumi-la nova entidade.

Cuarta.-Mentres non se aprobe o Regulamento de servicio e policía ó que se refire o artigo 40 do presente regulamento, seguirá en vigor o Regulamento de servicio e policía aprobado pola orde ministerial do 12 de xuño de 1976 para a Comisión Administrativa de Grupos de Portos en todo aquilo que non se opoña á lexislación vixente nesta materia e ó presente regulamento, se ben as funcións que aquel lle atribúe

ó director da Comisión Administrativa de Grupos de Portos entenderanse referidas ó director do ente público, e as de enxeñeiro director do Grupo de Portos ó técnico que asuma as súas funcións.

Quinta.-Mentres non se produza o nomeamento dos vocais do consello de administración, o presidente do ente asumirá as funcións mínimas deste que lle sexan precisas para garanti-lo funcionamento da entidade.

Sexta.

1. O persoal funcionario que no momento da entrada en vigor da Lei de creación de Portos de Galicia estivese adscrito ós Servicios de Portos dependentes da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, poderá solicitar integrarse no cadro de persoal laboral do ente público, quedando nos seus corpos de orixe na situación de excedencia voluntaria prevista no artigo 55.1º da Lei 3/1995, de modificación da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia. A devandita situación persistirá mentres se manteña a relación de servicios que deu orixe a ela e ese tempo será recoñecido para os efectos de antigüidade e dereitos pasivos, no caso de que o funcionario reingrese na Administración autonómica.

A solicitude á que se refire a alínea anterior deberá efectuarse no prazo de dous meses a partir da entrada en vigor do presente regulamento.

A retribución que se estableza será igual, cando menos, á suma das retribucións básicas e dos complementos de destino e específico que o funcionario viñese percibindo ata entón.

Ós funcionarios que soliciten integrarse no ente público seralles recoñecida para tódolos efectos a antigüidade que lles corresponde.

2. Os funcionarios adscritos a postos de traballo dos Servicios de Portos, que fosen provistos polos procedementos regulados no artigo 27.4º e 5º da Lei 3/1995, de modificación da Lei 4/1988, e que non soliciten integrarse no cadro de persoal do ente público cesarán nos seus postos de traballo coas consecuencias previstas no artigo 62.4º da Lei da Función Pública de Galicia.

Sétima.-O persoal laboral que á entrada en vigor da Lei de creación de Portos de Galicia estivese prestando servicios nos portos de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, poderá solicitar integrarse no cadro de persoal do ente público, conservando os dereitos de todo tipo que teñan recoñecidos. A integración axustarase á estructura do cadro de persoal que no seu momento se aprobe.

A solicitude de integración deberá efectuarse no prazo de dous meses a partir da entrada en vigor do presente regulamento.

Ó persoal que non solicite a súa integración en Portos de Galicia aplicaránselle as previsións contidas no artigo 7.a).7 do convenio colectivo para o persoal laboral da Xunta de Galicia.

Oitava.-O presidente do ente público, unha vez vistas as solicitudes presentadas de acordo coas disposicións anteriores, das necesidades de persoal do ente, e relación dos postos de traballo e da idoneidade das solicitudes en relación cos postos de traballo, resolverá sobre elas nun prazo non superior a catro meses desde a data de entrada en vigor do presente regulamento.

Ó persoal que lle sexa rexeitada a súa solicitude de integración aplicaráselle o mesmo réxime que a aquel que non solicitase a súa integración no ente público.

Novena.-O persoal interino e o contratado de tipo administrativo que á entrada en vigor da Lei de creación de Portos de Galicia prestase servicios na Administración portuaria da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda poderá, así mesmo, ser integrado co mesmo carácter no ente público polo procedemento previsto nas disposicións transitorias anteriores. En calquera caso, o devandito persoal poderá acceder á condición de funcionario de carreira nos termos establecidos pola Lei da función pública de Galicia e nas mesmas condicións, exerza ou non a opción de integración.

O persoal desta clase que non se integre continuará prestando os seus servicios noutro órgano da Administración autonómica.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan, contradigan ou sexan incompatibles co disposto no presente decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda poderá dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación do presente regulamento.

Segunda.-O presente regulamento entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte de xullo de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda

Regulamento para o desenvolvemento e execución da Lei 5/1994, do 29 de novembro, de creación do ente público Portos de Galicia

Capítulo I

Natureza e funcións

Artigo 1º.-Natureza e personalidade.

1. O ente público Portos de Galicia, creado por Lei do Parlamento de Galicia 5/1994, do 29 de novem

bro, configúrase como unha entidade de dereito público que suxeita a súa actividade ó ordenamento xurídico privado, agás no exercicio das funcións públicas que lle atribúen a súa lei de creación e o presente regulamento.

2. O ente público ten personalidade xurídica e patrimonio propio, así como plena capacidade, pública e privada, para o cumprimento dos seus fins.

3. O ente público queda adscrito á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

Artigo 2º.-Obxecto.

1. Correspóndelle ó ente público Portos de Galicia o proxecto, construcción, conservación, mellora, ordenación, administración e explotación das obras, instalacións, servicios e actividades portuarias, así como a planificación das zonas de servicio e as súas futuras ampliacións.

Asumirá igualmente as funcións que, no ámbito de competencias da Comunidade Autónoma, lle poidan ser atribuídas pola Xunta de Galicia en materia de xestión e actuación no dominio público marítimo-terrestre.

2. Sen prexuízo das competencias que a Lei de creación atribúe no seu capítulo III ós órganos superiores da Administración autonómica, o ente público Portos de Galicia disporá das potestades reguladas en devandita lei e das facultades necesarias para a realización dos seus fins.

Artigo 3º.-Ámbito territorial.

1. O ente público Portos de Galicia exercerá as súas funcións no ámbito territorial de tódolos portos de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia e as súas instalacións anexas.

2. O ámbito territorial de cada porto será o comprendido dentro dos límites da súa zona de servicio coas modificacións que se poidan producir no futuro.

3. As augas de cada porto serán as adscritas pola Administración do Estado e subdividiranse en dúas zonas:

-Zona I, ou interior das augas portuarias, que abarcará os espacios incluídos dentro dos diques de abrigo e as zonas necesarias para as manobras de atraque e de reviro, onde non existan estes.

-Zona II, ou exterior das augas portuarias, que abarcará as zonas de entrada, manobra e posible fondeo, subsidiarias do porto correspondente e suxeitas a control tarifario da Comunidade Autónoma.

Artigo 4º.-Funcións.

Son funcións do ente público Portos de Galicia as que determina o artigo 3 da súa lei de creación e, en particular, as seguintes:

a) A organización, xestión e administración dos portos e as súas zonas de servicio.

b) A planificación, proxección, execución e conservación das súas obras e instalacións.

c) A ordenación das zonas de servicio e dos seus usos.

d) A planificación, establecemento, dirección e administración dos servicios portuarios, e a prestación destes a través das formas de xestión máis convenientes para o interese público.

e) A policía dos portos.

f) En xeral, tódalas necesarias para facilita-lo tránsito marítimo portuario e consegui-la rendibilidade e productividade da explotación dos portos.

Así mesmo, Portos de Galicia exercerá, verbo dos portos de competencia da Comunidade Autónoma, as funcións que o artigo 18 da Lei de portos do Estado e da mariña mercante atribúe ás autoridades portuarias.

Artigo 5º.-Réxime xurídico.

1. O ente público Portos de Galicia rexerase polo disposto na súa lei de creación, polo presente regulamento e disposicións que se dicten no seu desenvolvemento, e polos preceptos da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia que lle sexan aplicables.

2. Nas súas relacións xurídicas externas, adquisicións patrimoniais e contratación estará suxeito ó ordenamento xurídico privado sen outras excepcións que as previstas na súa lei de creación.

3. No exercicio das funcións públicas que a lei lle atribúe someterase ás normas de procedemento contidas na Lei 30/1992, do 26 de novembre de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común, e demais disposicións de dereito público que lle sexan aplicables.

4. En materia de portos aplicarase con carácter supletorio a lexislación estatal vixente.

Artigo 6º.-Recursos e reclamacións.

1. Os actos suxeitos ó dereito administrativo que dicten o Consello de Administración e o presidente de Portos de Galicia esgotarán a vía administrativa. Contra eles poderanse interpo-los recursos contencioso-administrativos que resulten procedentes.

2. Os actos suxeitos a dereito administrativo que dicte o director do ente público serán susceptibles de recurso ordinario ante o Consello de Administración.

3. As reclamacións sobre aplicación e efectividade das tarifas por servicios e cánones por concesións e autorizacións administrativas terán carácter económico-administrativo e axustaranse ó procedemento establecido para as reclamacións desta clase.

4. Fronte ós actos non suxeitos a dereito administrativo os interesados poderán acudir ós tribunais da xurisdicción ordinaria.

5. As reclamacións previas á vía xudicial, civil e laboral dirixiranse ó presidente do ente público e a súa tramitación axustarase ó establecido na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Capítulo II

Estructura orgánica

Artigo 7º.-Órganos do ente.

Para o desempeño das súas funcións Portos de Galicia estructurarase nos seguintes órganos:

a) Presidente do Consello de Administración.

b) Consello de Administración.

c) Director.

Artigo 8º.-O presidente do Consello de Administración.

1. O presidente do Consello de Administración é o órgano superior de dirección e xestión do ente público.

2. O Consello da Xunta de Galicia, por proposta do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, nomea o presidente.

Artigo 9º.-Competencias do presidente.

Correspóndelle ó presidente:

a) Representa-lo ente público, en xuízo e fóra del, en calquera acto e contrato e fronte a toda persoa, física ou xurídica, xa sexa pública ou privada.

b) Desenvolver e executa-las directrices que dicte a Xunta de Galicia en materia da súa competencia.

c) Exerce-la alta dirección do persoal do ente público e contrata-lo devandito persoal.

d) Propor ó Consello de Administración as políticas xerais de actuación e xestión do ente, de acordo coas directrices e cos criterios establecidos para o efecto pola Xunta de Galicia.

e) Exerce-la iniciativa na elaboración de proxectos xerais de obras e instalacións dos portos e das súas ampliacións, e dos proxectos especiais de ordenación portuaria.

f) Formular, a través da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, os programas anuais de actuación, investimentos e financiamento, que en unión dos orzamentos de explotación e capital e do resto da documentación prevista no título III do capítulo V da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, someteranse á aprobación do Consello da Xunta de Galicia, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, para efectos da súa

integración no anteproxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

g) Acorda-la realización de obras e investimentos, agás o disposto no artigo 14.h) do presente regulamento.

h) Acorda-la celebración de tódolos contratos, convenios e negocios xurídicos que sexan necesarios para o desenvolvemento das funcións do ente público e o cumprimento dos seus fins, incluso os de adquisición e alleamento de bens.

i) Acorda-las operacións crediticias a medio e longo prazo que sexan necesarias, dentro dos límites establecidos anualmente nas leis de orzamentos da Comunidade Autónoma e logo de informe da Consellería de Economía e Facenda.

j) Acorda-las operacións de crédito derivadas de necesidades transitorias de tesourería, con prazo de reembolso inferior a un ano, sen supera-lo límite máximo que para cada exercicio se estableza na lei de orzamentos da Comunidade Autónoma.

k) Dispo-los gastos e ordena-los pagamentos correspondentes.

l) Conferir e revogar poderes xerais ou especiais a persoas determinadas, para os asuntos nos que fora necesario tal outorgamento.

m) Velar polo cumprimento dos acordos do Consello de Administración.

n) Convocar, fixa-la orde do día, presidir e remata-las reunións do Consello de Administración, dirixi-las súas deliberacións e decidi-los empates co seu voto de calidade.

o) Propo-lo director do ente para o seu nomeamento.

p) Propo-lo outorgamento das concesións e autorizacións nas zonas de servicio dos portos ou na zona marítimo-terrestre dentro das competencias da Xunta de Galicia.

q) Propoñe-la aprobación do Regulamento do servicio e policia de portos.

r) Exerce-las facultades que lle sexan expresamente delegadas polo Consello de Administración.

s) Exercer aquelas facultades que expresamente lle sexan delegadas polo conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda no exercicio das súas competencias.

t) Exercer tódalas funcións non atribuídas expresamente a outros órganos do ente público.

u) Exerce-las demais funcións que lle atribúen o presente regulamento e as súas disposicións de desenvolvemento.

Artigo 10º.-O Consello de Administración.

1. O Consello de Administración é o órgano superior colexiado do ente público.

2. Estará formado polos seguintes membros:

a) O presidente do ente público.

b) O director do ente público.

c) Nove vocais en representación da Administración autonómica.

d) Sete vocais en representación dos sectores económicos relacionados coas actividades portuarias.

e) Tres vocais en representación das administracións locais.

f) Un vocal en representación do persoal do ente público.

g) Un secretario.

3. Os vocais representantes da Administración autonómica serán os seguintes:

-Dous en representación da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

-Catro en representación da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, un dos cales será unha persoa de recoñecida experiencia en materia urbanística.

-Un en representación da Secretaría Xeral de Turismo.

-Un en representación da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

-Un en representación da Consellería de Economía e Facenda.

-Un en representación da Consellería de Industria e Comercio

Estes vocais serán nomeados polo Consello de Xunta de Galicia, por proposta dos respectivos conselleiros.

4. Os vocais representantes dos sectores económicos relacionados coas actividades portuarias serán os seguintes:

-Tres vocais en representación das confrarías de pescadores ou asociacións de productores, un por cada provincia costeira.

-Tres vocais en representación das cámaras de comercio de Galicia. Estes vocais desenvolverán a súa actividade nos portos da Comunidade Autónoma: un na provincia de Lugo, un na da Coruña e un na de Pontevedra; representando os seguintes sectores:

* Un ás asociacións de exportadores e vendedores.

* Un ós consignatarios.

* Un ós restantes sectores relacionados coas actividades portuarias, tales como productores de mexillón, conserveiros, industriais do frío e armadores.

-Un vocal en representación das federacións e clubs náutico-deportivos galegos.

Estes vocais serán nomeados polo Consello da Xunta de Galicia por proposta do presidente do ente público da seguinte forma:

-Cada unha das federacións provinciais de confrarías de pescadores e asociacións de productores proporanlle ó presidente un máximo de dous vocais. Naquelas provincias en que non exista federación provincial, os vocais proporanse por acordo maioritario entre as confrarías correspondentes.

-Cada unha das cámaras de comercio das provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra proporanlle ó presidente polo menos un vocal, ou ben unha terna na que figure un representante de cada un dos indicados na anterior alínea 4.

-As federacións e clubs náutico-deportivos galegos poderán proporlle cadanseu vocal.

5. Os vocais representantes das administracións locais serán nomeados polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta do presidente do ente público e corresponderá un a cada provincia costeira.

A proposta ó presidente efectuarase mediante acordo adoptado por maioría simple entre os concellos que teñan no seu territorio algún porto integrado no ente público, propondo un vocal ou unha terna de vocais o conxunto dos concellos pertencentes a cada unha das provincias costeiras.

6. O vocal representante do persoal formará parte del e será nomeado polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta do presidente do ente público de entre a terna proposta polo órgano ou órganos representantes do persoal.

7. En ausencia de propostas dos organismos e entidades a que se refiren as anteriores alíneas 4 a 6, o presidente do ente público poderá elevar directamente ó Consello da Xunta de Galicia as pertinentes propostas.

8. Os vocais ós que se refire a alínea 2, letras d), e) e f), desempeñarán o seu cargo durante catro anos agás nos seguintes supostos:

-Renuncia anticipada do vocal.

-Perda da condición que habilitou ó vocal para ser proposto.

-Concorrencia dunha causa sobrevida de incompatibilidade.

-Proposta de cesamento emanada do presidente, por iniciativa propia ou das institucións, corporacións ou organismos que propuxeron o nomeamento.

9. As vacantes que se produzan no Consello de Administración serán cubertas no mes seguinte á data na que se produciu a vacante, polo procedemento previsto nas alíneas anteriores e polo tempo que falte para completa-lo mandado de quen causou a vacante.

10. Os vocais ós que se refire a alínea 2, letras d) e e), anovaranse por metades cada dous anos e poderán ser reelixidos unha soa vez ó finalizaren o seu mandado.

11. O Consello de Administración nomeará o secretario a proposta do presidente entre o persoal do ente público.

Asistirá ás sesións do consello con voz, pero sen voto, e corresponderalle prepara-las sesións, comunica-la convocatoria destas e levantar acta delas, dando fe dos seus acordos e tramitándoos para seren executados.

Artigo 11º.-Substitucións.

A substitución dos membros do Consello de Administración en caso de ausencia ou enfermidade do seu titular efectuarase da seguinte forma:

-O presidente será substituído por un vocal designado para o efecto polo conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

-Os vocais representantes da Administración autonómica e os referidos nas letras d) e e) da alínea 2 do artigo 10º, serán substituídos polo vocal no que deleguen expresamente ou, no seu defecto, polo de máis idade de entre os designados polas respectivas consellerías ou institucións, corporacións ou organismos que propuxeran o nomeamento daqueles.

-Os substitutos do director e do secretario serán designados, só no caso da súa participación nas sesións do Consello de Administración, polo presidente do ente público.

-O vocal ó que se refire o artigo 10º, alínea 2, letra f), será substituído polo suplente designado de acordo coa proposta formulada polo órgano representante do persoal.

Artigo 12º.-Responsabilidades.

Os membros do Consello de Administración incorrerán solidariamente na responsabilidade que se poida derivar dos acordos adoptados nas sesións nas que participaren, agás que voten en contra ou se absteñan.

Artigo 13º.-Competencias do Consello de Administración.

Compételle ó Consello de Administración o exercicio das seguintes facultades:

a) Controla-lo cumprimento das directrices aprobadas pola Xunta de Galicia.

b) Aproba-las normas de réxime interno do ente público, así como a organización dos servicios administrativos e dos portos.

c) Aproba-la dotación de persoal do ente público e o seu réxime de retribucións, logo de informe favorable conxunto das consellerías de Economía e Facenda e da Presidencia e a Administración Pública.

d) Elabora-las tarifas por servicios portuarios para a súa posterior elevación ó Consello da Xunta de Galicia, logo de informe da Consellería de Economía e Facenda e por proposta da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

e) Propor ós órganos competentes da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Territorial,

Obras Públicas e Vivenda, a aprobación dos plans xerais de obras, de instalacións dos portos e das súas ampliacións, así como dos programas especiais de ordenación portuaria unha vez elaborados pola presidencia do ente, de acordo co previsto na alínea e) do artigo 8º do presente regulamento.

f) Aproba-la xestión anual e o balance, así como a conta de resultados e a memoria de cada exercicio económico.

g) Acorda-lo exercicio de toda clase de pretensións, accións e recursos ante calquera órgano da Administración do Estado, da Comunidade Autónoma e das administracións locais, así como ante os xulgados e tribunais de xustiza de calquera grao e xurisdicción, desistir dos formulados ou interpostos e transixi-las cuestións litixiosas, conferindo para estes efectos os poderes oportunos.

h) Elabora-las cláusulas ou estipulacións xerais rectoras da contratación e os pregos de condicións para a tramitación e outorgamento de concesións.

i) Delegar nas comisións delegadas ou no presidente as facultades que coide oportunas, agás as referidas nas letras c) e f).

j) Velar polo cumprimento da Lei de creación do ente público, do presente regulamento e das disposicións que se dicten para o seu desenvolvemento e a súa execución.

k) Exerce-las demais funcións atribuídas polo presente regulamento e as súas disposicións de desenvolvemento.

Artigo 14º.-Funcionamento do Consello de Administración.

1. O Consello de Administración reunirase logo de convocatoria do presidente, efectuada a iniciativa deste ou a petición de, polo menos, un tercio dos seus membros, tantas veces como sexa necesario para o bo funcionamento do ente público e como mínimo catro veces ó ano.

2. A convocatoria cursarase cunha antelación mínima de cinco días, que se reducirán a dous en caso de urxencia apreciada polo presidente. Á convocatoria xuntarase a orde do día.

3. O presidente fixará a orde do día na que poderá incluí-los asuntos que propoñan os membros do Consello de Administración con anterioridade á convocatoria.

4. Cando na orde do día se inclúan asuntos que afecten de forma directa, a xuízo do presidente, a institucións ou sectores non representados no consello, poderá ser convocado un representante deles só para a deliberación do asunto en cuestión tomando parte na sesión con voz, pero sen voto.

5. Non será necesaria a convocatoria previa do consello para que este se reúna se, atopándose presentes tódolos seus membros, decidisen por unanimidade celebra-la sesión.

6. En ausencia do presidente, o consello será convocado polo substituto ó que se refire o artigo 11º.

7. O Consello de Administración quedará validamente constituído cando asistan á reunión a metade máis un dos seus compoñentes.

De non existir quorum de asistencia o consello reunirase en segunda convocatoria vintecatro horas despois da fixada para a primeira, sendo daquela válida a constitución calquera que sexa o número de asistentes.

8. As sesións non serán públicas, e os acordos adoptaranse por maioría absoluta dos asistentes. En caso de empate o voto do presidente será de calidade.

Os membros discrepantes dos acordos da maioría poderán formular voto particular por escrito polo que o presidente lles concederá un prazo de corenta e oito horas para a súa preparación e presentación. Os votos particulares así presentados incorporaranse á acta da reunión.

9. Non poderán adoptarse acordos sobre asuntos que non estean incluídos na orde do día, agás que sexan declarados de urxencia polo voto favorable das dúas terceiras partes dos membros presentes, que deberán constituír en todo caso a maioría absoluta dos compoñentes do consello.

Artigo 15º.-Comisións delegadas.

1. O Consello de Administración poderá constituir comisións delegadas, nas que delegará parte das súas facultades, dentro dos límites previstos no apartado i) do artigo 14º, fixando ó constituílas o alcance desta delegación, o número de vocais que terán que formar parte delas e a frecuencia mínima coa que se deben reunir.

2. O funcionamento das comisións delegadas rexerase polo disposto no artigo anterior para o Consello de Administración.

3. O Consello de Administración poderá en calquera momento acorda-la extinción das comisións delegadas ou a modificación dos termos da delegación.

Artigo 16º.-Xuntas territoriais de traballo.

1. Para o estudio dos problemas concretos que afecten a cada fachada marítima o Consello de Administración poderá acorda-la creación de xuntas territoriais de traballo, que actuarán con funcións consultivas e informativas.

Poderase someter á deliberación e informe de devanditas xuntas territoriais de traballo calquera cuestión relativa ás necesidades dun porto ou grupo de portos, ou á súa planificación, mantemento, funcionamento e explotación.

2. As xuntas territoriais de traballo estarán presididas por un técnico designado polo Consello de Administración, a proposta do presidente.

Os seus restantes membros serán designados polo Consello de Administración, a proposta do presidente, e representarán aqueles sectores, entidades e organismos nos que se aprecie un interese relevante nas cuestións que en cada caso se someten á consideración da Xunta Territorial de Traballo ou que poden contribuír eficazmente ó seu exame e deliberación.

Entre outros poderán estar representados os seguintes sectores, entidades e organismos:

a) As confrarías de pescadores.

b) Os consignatarios de buques.

c) As cooperativas de armadores.

d) As asociacións de mexilloeiros.

e) As capitanías marítimas.

f) Federacións e clubs náutico-deportivos.

3. O acordo de creación das xuntas territoriais de traballo determinará o seu ámbito territorial, os membros que as integran, os estudios e informes que lles encomenden, o prazo en que deberán elaboralos e as súas normas de funcionamento.

Artigo 17º.-O director.

1. O director é o órgano de xestión do ente público, baixo a directa dependencia do presidente do Consello de Administración.

2. Será nomeado polo conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, a proposta do presidente da entidade, entre funcionarios con experiencia en técnicas de xestión portuaria, e exercerá as funcións que lle atribúe o artigo 9.3º da lei.

Artigo 18º.-O xerente.

1. Baixo a dependencia directa do director do ente poderá o presidente designar un xerente, para desenvolve-las funcións ordinarias de impulso e coordinación de tódolos servicios do ente.

2. En particular competeranlle as seguintes funcións:

a) Exerce-la xefatura superior de tódolos servicios.

b) Exerce-la administración e xestión ordinaria do patrimonio.

c) Executa-los acordos do Consello de Administración e do presidente do ente público, adoptando para o efecto as medidas pertinentes.

d) Vixia-lo cumprimento das normas de réxime interno dictadas polo Consello de Administración.

e) Substituí-lo director en caso de vacante, ausencia ou enfermidade.

f) Exercer cantas funcións lle sexan delegadas polo Consello de Administración ou polo presidente.

Capítulo III

Relacións coa Administración autonómica

Artigo 19º.-Competencias do Consello da Xunta de Galicia.

Compételle ó Consello da Xunta de Galicia o exercicio das seguintes funcións:

a) A alta inspección e vixilancia do funcionamento do ente público, dictando para estes efectos as oportunas directrices.

b) Aproba-los plans de obras e instalacións, os programas xerais de investimentos e o seu financiamento.

c) A alta política en materia de ordenación e coordinación do tránsito e dos transportes portuarios no ámbito das súas competencias.

d) O nomeamento e a destitución do presidente e dos vocais do Consello de Administración, así como a fixación do réxime retributivo dos membros do Consello de Administración.

e) En caso de emerxencia, poderá adoptar medidas especiais, incluso deixando en suspenso a actuación do Consello de Administración polo tempo que coide conveniente, cando existan, ó seu xuízo, graves razóns de interese público que así o aconsellen. Neste caso asumirá as funcións do Consello de Administración un comité nomeado para o efecto.

f) Aproba-lo proxecto de orzamento de explotación e capital e o programa de actuacións, investimentos e financiamento, así como, se é o caso, os convenios ou contratos-programa que propoña o ente.

g) Aproba-las tarifas polos servicios portuarios e os cánones por ocupación do dominio público portuario adscrito á Comunidade Autónoma; así como as súas modificacións e revisións.

h) Adopta-los acordos sobre tráfico xurídico do dominio público portuario adscrito ó ente, nos casos nos que esta facultade lle sexa reservada pola Lei do patrimonio da Comunidade Autónoma e o seu regulamento, e, en especial, no relativo á incorporación de novas infraestructuras portuarias.

i) Exerce-las demais funcións que lle atribúen o presente reglamento e as súas disposicións de desenvolvemento.

Artigo 20º.-Competencias da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

Son atribucións da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda:

a) O desempeño das funcións de inmediata relación de Portos de Galicia co Goberno e coa Administración autonómicos, especialmente para os efectos de actuacións polas facultades enumeradas no artigo anterior.

b) Emitir informe sobre os proxectos e plans xerais en materia financeira e de infraestructuras, e, en xeral,

sobre tódolos programas, proxectos ou actuacións que, por proposta da Consellería de Economía e Facenda, deban someterse ó exame e aprobación do Consello da Xunta de Galicia.

c) Elevar ó Consello da Xunta, logo do informe da Consellería de Economía e Facenda e das consellerías competentes en materia de industria e comercio e de pesca, a proposta sobre política de tarifas portuarias.

d) Exercer nos termos previstos na lexislación vixente as facultades de expropiación forzosa que sexan precisas para o cumprimento dos fins do ente e promove-la entrega dos bens expropiados a Portos de Galicia, propoñendo a súa afectación, nos termos regulados pola Lei do patrimonio da Comunidade Autónoma e o seu regulamento.

e) Outorga-las concesións e autorizacións por ocupación de dominio público adscrito á Comunidade Autónoma dentro do recinto portuario e aplica-los correspondentes cánones sen prexuízo do disposto no artigo 3.3º da lei fundacional.

f) Propo-la actualización da contía das tarifas portuarias de acordo coa variación do custo dos servicios, producida pola alteración nos índices de prezos.

g) Exerce-las demais funcións atribuídas polo presente regulamento e as súas disposicións de desenvolvemento.

As facultades anteriormente enumeradas, agás as da alínea d) poderán delegarse no presidente do ente.

Artigo 21º.-Competencias da Consellería de Economía e Facenda.

No non previsto expresamente na lei de creación do ente público e no presente regulamento, é competencia da Consellería de Economía e Facenda:

a) A alta supervisión da aplicación polo ente dos proxectos e programas financeiros e dos seus orzamentos e, en xeral, de canto ten que ver coa orde financeira de Portos de Galicia.

b) Presentarlle ó Consello da Xunta de Galicia os programas económicos e orzamentarios de Portos de Galicia e emitir informe sobre a súa aplicación e liquidación.

c) Presenta-las actuacións que en materia financeira teñan que se someter ó Consello da Xunta de Galicia.

d) O exercicio das competencias que, verbo do dominio público portuario, lle son atribuídas pola Lei do patrimonio da Comunidade Autónoma e o seu regulamento.

e) Exercer tódalas demais competencias que a Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia lle outorga á Conselllería de Economía e Facenda no ámbito das empresas públicas.

f) O exercicio das atribucións previstas na Lei de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

g) Propo-lo nomeamento do seu representante no Consello de Administración do ente público.

h) Exerce-las demais funcións atribuídas polo presente regulamento e as súas disposicións de desenvolvemento.

Artigo 22º.-Competencias doutras consellerías.

Será competencia das respectivas Consellerías a proposta de nomeamento e destitución dos seus representantes no Consello de Administración do ente público, de conformidade co artigo 10º.3 do presente regulamento, así como a emisión dos informes ós que se refire o seu artigo 21º.c)

Capítulo IV

Normas particulares de xestión e explotación empresarial

Artigo 23º.-Conservación, ampliación e amortización do material e das instalacións.

1. Portos de Galicia adoptará as medidas axeitadas para garantir que as instalacións e infraestructuras portuarias ou os seus servicios e actividades accesorias e complementarias, así como o material confiado á súa custodia e explotación, sexan construídos, conservados e renovados conforme as necesidades do tránsito portuario e progreso da técnica.

2. A atribución ó ente da xestión das instalacións, dos servicios ou das actividades ós que se refire o parágrafo anterior comprende o outorgamento implícito de tódalas autorizacións, permisos ou licencias administrativas de competencia da Administración autonómica que resulten necesarios para as obras de conservación, mantemento e reposición das instalacións e para as demais actividades auxiliares directamente relacionadas coa explotación portuaria, sen prexuízo das autorizacións ou dos títulos administrativos propios da competencia local ou estatal cando resulten esixibles.

Artigo 24º.-Condicións xerais de contratación.

O ente público elaborará as cláusulas ou estipulacións xerais rectoras da súa contratación, que aprobará o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda. Os procedementos terán en conta, en todo caso, os principios de publicidade e concorrencia, propios da contratación do sector público.

Artigo 25º.-Condicións de outorgamento de autorizacións e concesións.

O ente público elaborará pregos de condicións xerais para o outorgamento de concesións e autorizacións, que terán que ser aprobados polo conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

Nos devanditos pregos indicaranse expresamente os prazos máximos de duración, que non superarán os trinta anos para as concesións e os tres para as autorizacións.

Artigo 26º.-Actividade inspectora.

Portos de Galicia exercerá a inspección dos servicios portuarios, co fin de garanti-la súa seguridade, a súa eficacia, ou cumprimento por parte das empresas explotadoras e dos usuarios das obrigas que lles corresponden, e a observancia das normas técnicas e comerciais de carácter xeral á que se teñan que suxeita-la explotación dos bens, das instalacións ou das actividades.

Artigo 27º.-Regulamentación específica.

Portos de Galicia poderá aprobar para a súa aplicación en cada porto ou conxunto de portos regulamentos específicos de inspección e policía que conterán as prescricións relativas ó control de funcionamento dos diferentes servicios e operacións.

Artigo 28º.-Sociedades mercantís dependentes de Portos de Galicia.

1. O Consello da Xunta de Galicia poderá autoriza-la creación de sociedades mercantís dependentes do Ente Público para a xestión empresarial singularizada de actividades portuarias que non comporten o exercicio das funcións públicas propias do ente.

2. O ente público terá participación maioritaria no capital das sociedades referidas no número anterior, ás que lle aplicará a lexislación autonómica sobre réxime financeiro e orzamentario.

Capítulo V

Facenda e patrimonio

Artigo 29º.-Facenda.

1. Constitúe a facenda de Portos de Galicia o conxunto dos seus bens, dereitos e obrigas.

2. Os recursos económicos de Portos de Galicia comprenderán:

a) Os productos, rendas e incrementos do seu patrimonio.

b) Os ingresos ordinarios e extraordinarios obtidos no exercicio das súas actividades.

c) Os productos das tarifas por servicios e dos cánones que lle corresponda percibir á Comunidade Autónoma por concesións e autorizacións sobre o dominio público adscrito ó ente público.

d) O importe das multas e indemnizacións por infraccións relativas ó uso do porto ou ó exercicio das actividades que se desenvolvan nel.

e) As dotacións ou subvencións que se consignen nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

f) O importe das operacións crediticias que concerte.

g) As subvencións, contribucións e doazóns de todo tipo que poida recibir.

h) Os demais ingresos de dereito público ou privado que se autoricen nas leis de orzamentos da Comunidade Autónoma ou outras leis do Parlamento de Galicia.

Artigo 30º.-Efectividade dos créditos e sancións.

1. O ente público Portos de Galicia poderá empregar para a efectividade dos seus ingresos de dereito público, e a través dos servicios da Tesourería Xeral da Comunidade Autónoma, o procedemento administrativo de constrinximento na forma prevista no Regulamento xeral de recadación.

2. Para os efectos do parágrafo primeiro, consideraranse ingresos de dereito público os resultantes das sancións pecuniarias que impuxese, os derivados da aplicación de tarifas e cánones e, en xeral, todos aqueles ós que o ordenamento xurídico confira este carácter.

Artigo 31º.-Patrimonio.

1. O ente público Portos de Galicia disporá para o cumprimento dos seus fins dun patrimonio propio, distinto do da Comunidade Autónoma, formado polo conxunto dos seus bens e dereitos.

2. Para o desempeño das súas funcións adscríbense a Portos de Galicia os bens e dereitos que integran o dominio público portuario autonómico no momento da entrada en vigor da presente lei, así como os posteriores incorporados a este por calquera título.

3. A adscrición implica a transferencia ó ente público das facultades de uso, xestión, administración e explotación vencelladas ós fins deste, sen cambio de titularidade ou cualificación xurídica dos bens e dereitos cedidos.

4. Cando os bens e dereitos de dominio público portuario adscritos ó ente público deixen de ser necesarios para o cumprimento dos fins que lle son propios, producirase a súa reversión segundo a forma prevista pola lexislación que en cada caso sexa aplicable.

A declaración de innecesariedade dos ditos bens será efectuada polo Consello de Administración.

5. Portos de Galicia poderá realizar todo tipo de actos de xestión e aproveitamento de bens demaniais que tivese adscritos e estean directamente relacionados co servicio e o tránsito portuarios, e exerce-las facultades de recuperación, investigación e deslinde de acordo coa Lei de patrimonio da Comunidade Autónoma galega.

O Consello de Administración, sen necesidade de previa declaración de desafectación do servicio, poderá acorda-lo desmantelamento e alleamento dos demais bens mobles, e aplicará o seu producto ás atencións propias do ente.

6. O Consello da Xunta de Galicia dictará, logo de proposta da Consellería de Economía e Facenda e do informe emitido pola Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, as normas para a formación e permanente actualización do inventario de bens e dereitos de Portos de Galicia, que se axustarán ás prescricións da Lei do patrimonio da Comunidade Autónoma e do seu regulamento.

Artigo 32º.-Proposta de expropiación e condición de beneficiaria.

O ente público poderá propor á Administración en cada caso competente a expropiación de bens e dereitos de ser necesario para o cumprimento dos seus fins e ostentará, para tales efectos, a condición de beneficiaria.

Capítulo VI

Réxime financeiro

Artigo 33º.-Equilibrio económico-financieiro e formas para o seu control.

1. O réxime de control financeiro e contabilidade pública, así como o orzamento de Portos de Galicia, axustarase ó disposto sobre a materia pola Lei de réxime financieiro e orzamentario de Galicia.

2. A xestión dos orzamentos de Portos de Galicia desenvolverase de acordo co principio de equilibrio económico-financeiro.

Para tal efecto, xunto cos programas de actuación, investimentos e financiaciamento e os orzamentos de explotación e capital que se elaboren anualmente, deberá remitirse á Consellería de Economía e Facenda informe de auditoría, segundo as regras usuais das empresas mercantís, sobre o balance e resultados do exercicio anterior.

3. As variacións dos orzamentos de explotación e capital que se refiran a gastos de personal, investimentos reais ou financeiras e débeda neta serán autorizadas polo conselleiro de Economía e Facenda cando o seu importe non exceda do 10% de cada unha das clases de gastos antes indicados que se propoñan modificar, e polo Consello da Xunta de Galicia nos demais casos.

Cando as modificacións non supoñan incremento de gasto nin afecten ós mencionados no parágrafo anterior poderán ser autorizados polo Consello de Administración do ente público.

4. Compensarase a Portos de Galicia, na forma que anualmente se determine nas leis de orzamentos da Comunidade Autónoma, polos gastos inherentes ó cumprimento das obrigas de servicio impostas pola Xunta de Galicia no exercicio das funcións de alta dirección institucional do ente.

Artigo 34º.-Tarifas portuarias e outros ingresos de explotación.

As tarifas, os cánones e os demais ingresos da explotación deberán cubrir, como mínimo, os seguintes gastos:

a) Explotación, conservación e depreciación do material e das instalacións portuarias, así como das infraestructuras que sirvan ós seus fins accesorios ou complementarios.

b) Os gastos xerais que se consideren para cada instalación portuaria ou para os seus servicios ou actividades accesorias ou complementarias, dentro do

límite máximo que se determine en virtude do decreto aprobado polo Consello da Xunta de Galicia.

c) Os impostos esixibles.

d) As cargas económicas, administrativas e financeiras, incluíndo o reembolso de préstamos derivados da explotación e o pagamento de xuros.

Artigo 35º.-Réxime tributario.

Portos de Galicia, como entidade de dereito público, gozará das exencións e beneficios fiscais establecidos no ordenamento xurídico.

Capítulo VII

Persoal

Artigo 36º.-Réxime de persoal.

1. O persoal do ente público Portos de Galicia estará vinculado a el en réxime de dereito laboral, sen prexuízo do previsto nas disposicións transitorias sexta e sétima.

2. O persoal de Portos de Galicia será contratado polo presidente, dentro dos límites das relacións ou dos cadros de persoal aprobados de acordo coas previsións dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

3. O ingreso deste persoal con carácter fixo no ente público realizarase mediante a convocatoria pública das correspondentes probas selectivas que deberán ter en conta, en todo caso, os principios de mérito e capacidade.

Capítulo VIII

Réxime de policía e sancións

Artigo 37º.-Infraccións, réxime sancionador e procedemento.

No que se refire ás medidas para garanti-la actividade portuaria, concepto e clasificación de infraccións, prescrición e responsables, sancións e indemnizacións, procedemento, medios de execución e medidas cautelares, e mentres non exista lexislación autonómica aplicable observarase o disposto na vixente Lei 27/1992, do 24 de novembro, de Portos do Estado e da Mariña Mercante, distribuíndose a competencia para impor sancións na forma establecida no artigo 41º do presente regulamento; sen prexuízo da aplicación dos principios xerais do procedemento sancionador administrativo que se establecen na Lei 30/1992.

Artigo 38º.-Regulamento de servicio e policía.

O ente público Portos de Galicia elaborará un Regulamento de servicio e policía dos portos que regulará o funcionamento dos seguintes servicios e operacións e será elevado, para a súa aprobación, á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

Artigo 39º.-Competencia sancionadora.

1. A competencia para a imposición das sancións previstas neste regulamento corresponderá:

a) Ó director do ente público para os supostos de infraccións leves sancionadas con contías inferiores a cen mil pesetas.

b) Ó presidente do Consello de Administración para as restantes infraccións leves.

c) Ó conselleiro competente en materia de portos, por proposta do ente público no ámbito das súas competencias nos casos de infraccións graves.

d) Ó Consello da Xunta de Galicia en caso de infraccións moi graves.

2. Estes límites, así como a contía das multas, poderán ser actualizados ou modificados polo Consello da Xunta de Galicia, de acordo coas variacións que experimente o índice de prezos ó consumo, conxunto nacional.

3. Corresponderalle ó director do ente público a incoación dos expedientes sancionadores.

4. O importe das multas e indemnizacións por infraccións relativas ó uso de porto e ó exercicio das actividades que se prestan nel, considerarase ingreso propio do ente público.

95-5375