Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 149 Venres, 04 de agosto de 1995 Páx. 6.250

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

UNIVERSIDADE DE VIGO

RESOLUCIÓN do 10 de xullo de 1995 pola que se convocan probas selectivas para a provisión de unha praza de titulado superior en actividades deportivas vacante no cadro de persoal laboral desta universidade.

Coa finalidade de atende-las necesidades de persoal de administración e servicios, este rectorado, en uso das atribucións conferidas polo artigo 18 en relación co artigo 3 e) da Lei 11/1983, do 25 de agosto (BOE do 1 de setembro), de reforma universitaria, así como nos estatutos desta universidade, resolve convocar probas selectivas para cubrir unha praza de titulado superior en actividades deportivas vacante no seu cadro de persoal laboral, con suxeición ás seguintes:

Bases da convocatoria

1.-Normas xerais.

1.1. Convócanse probas selectivas para cubrir con persoal laboral fixo unha praza de titulado superior

en actividades deportivas, incluída no grupo I do convenio colectivo para o persoal laboral das universidades públicas de Galicia (DOG do 3 de marzo de 1993), polos sistemas de promoción interna e de acceso xeral libre.

1.2. A cobertura da praza resérvase inicialmente á quenda de promoción interna.

1.3. Se a praza non fose cuberta pola anterior quenda, ofertarase para a súa provisión polo sistema de acceso xeral libre.

1.4. Os aspirantes só poderán participar en un dos dous sistemas de provisión, promoción interna ou acceso xeral libre.

2.-Procedemento de selección.

2.1. O procedemento de selección dos aspirantes será, en ámbolos dous sistemas de provisión, o de concurso-oposición, e as probas e valoración axustaranse ó que se específica no anexo I desta convocatoria.

2.2. No concurso, que non terá carácter eliminatorio, valoraranse os servicios efectivos prestados e recoñecidos en calquera das tres universidades públicas de Galicia e a posesión de titulacións específicas, de conformidade co anexo antes citado.

2.3. O programa que rexerá na fase de oposición especifícase no anexo II.

3.-Requisitos de admisión.

3.1. Para seren admitidos á realización das probas selectivas, os aspirantes deberán reuni-los seguintes requisitos:

a) Ser nacional dalgún dos estados membros da Unión Europea.

b) Ter cumpridos dezaoito anos e non exceder dos sesenta e cinco anos de idade.

c) Estar en posesión do título de doutor, licenciado, enxeñeiro ou arquitecto.

d) Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

e) Non estar despedido ou suspendido do servicio de calquera administración pública en virtude de expediente disciplinario, nin estar inhabilitado por sentencia firme para o exercicio da función pública.

3.2. Os aspirantes que concorran ás probas pola quenda de promoción interna deberán reunir, ademais, os seguintes requisitos:

a) Pertencer ó cadro de persoal laboral fixo de calquera das universidades públicas de Galicia.

b) Pertencer a categoría profesional distinta á da praza convocada na presente convocatoria.

3.3. Tódolos requisitos enumerados deberán posuírse, se é o caso, na data na que remate o prazo de presentación de solicitudes e mantelos ata o momento de formalización do contrato.

4.-Solicitudes.

4.1. Os que desexen tomar parte nestas probas selectivas deberán solicitalo ó rector da Universidade de Vigo en instancia segundo o modelo que figura como anexo IV a esta convocatoria, no prazo de vinte días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

4.2. Á instancia xuntaráselle fotocopia do DNI ou documento acreditativo de ser nacional dun estado membro da Unión Europea, así como os xustificantes que acrediten os méritos alegados nela, na seguinte forma:

4.2.1. Os servicios prestados en calquera das universidades públicas de Galicia acreditaranse mediante certificación da xerencia correspondente, referidos á data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

4.2.2. As titulacións alegadas acreditaranse mediante a presentación do título correspondente, copia compulsada ou certificación do órgano competente de estar en condicións de obtelas na data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

4.3. A presentación de solicitudes farase no rexistro xeral da Universidade de Vigo, ou nas restantes formas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro (BOE do 27), de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4.4. Os dereitos de exame serán de 8.660 ptas. que se ingresarán na conta corrente nº 22599.4 aberta na O.P. de Caixavigo coa referencia «Universidade de Vigo. Outros ingresos». Na solicitude debera figura-lo selo da entidade bancaria acreditativo do pagamento dos dereitos de exame; a súa falta determinará a exclusión dos aspirantes.

En ningún caso a mera presentación da solicitude e o pagamento na entidade bancaria suporá a substitución do trámite de presentación en tempo e forma ante o rectorado da universidade.

4.5. Os aspirantes con minusvalideces deberán indicalo na súa instancia e solicita-las posibles adaptacións, de tempos e medios, para a realización dos exercicios.

5.-Admisión de aspirantes.

5.1. Rematado o prazo de presentación de solicitudes, o rector da Universidade de Vigo, publicará no taboleiro de anuncios do rectorado no prazo de un mes, resolución pola que se aproba a lista provisional de admitidos e excluídos, na que consten as causas de exclusión e o prazo para emendalas.

Para corrixi-los defectos que motivaron a exclusión ou omisión, os aspirantes disporán dun prazo de dez días naturais contados a partir do da publicación da resolución. Os aspirantes que, dentro do prazo sinalado, non enmenden a exclusión ou omisión, serán definitivamente excluídos da realización das probas.

5.2. Só procederá a devolución dos dereitos de exame ós aspirantes que fosen excluídos definitivamente destas probas selectivas, e para tal efecto o reintegro realizarase de oficio.

6.- Tribunal.

6.1. O tribunal cualificador destas probas é o que figura no anexo III a esta convocatoria. Para efectos de comunicación e demais incidencias, o tribunal terá a súa sede no rectorado da Universidade de Vigo, rúa Oporto nº 1, 36201-Vigo (Pontevedra).

6.2. Os membros do tribunal deberán absterse de intervir notificándoo ó rector da universidade cando concorran neles as circunstancias previstas no artigo 28 da Lei 30/1992.

6.3. A partir da súa constitución, o tribunal, para actuar validamente, requirirá a presencia da maioría absoluta dos seus membros, titulares ou suplentes.

6.4. O tribunal resolverá tódalas dúbidas que puidesen xurdir na aplicación destas normas, así como o que se deba facer nos casos non previstos.

6.5. O tribunal poderá dispo-la incorporación ós seus traballos de asesores especialistas para as probas correspondentes dos exercicios que coide pertinentes, limitándose os ditos asesores a presta-la súa colaboración nas súas especialidades técnicas. A designación de tales asesores deberá comunicárselle ó rector da Universidade de Vigo.

6.6. O tribunal cualificador adoptará as medidas precisas naqueles casos nos que resulte necesario, de forma que os aspirantes con minusvalideces dispoñan de similares condicións para a realización dos exercicios que os demais participantes. Neste sentido, estableceranse para as persoas con minusvalideces que o soliciten na forma prevista na base 4.5., as adaptacións posibles en tempos e medios.

6.7. O tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios da fase de oposición que sexan escritos e non deban ser lidos ante o tribunal sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade dos aspirantes.

6.8. O tribunal que actúa nestas probas selectivas terá a categoría primeira das recollidas no Decreto 299/1990, do 24 de maio (DOG do 1 de xuño).

6.9. En ningún caso o tribunal poderá aprobar nin declarar que superaron as probas selectivas un número superior de aspirantes ó das prazas convocadas. Calquera proposta de aprobados que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

6.10. O tribunal, de conformidade co previsto no artigo 23.2º do convenio colectivo, poderá preve-la constitución de listas de espera, segundo a orde de puntuación acadada nas probas, cos aspirantes que non as superaran, coa finalidade de atender, mediante contratacións temporais, as vacantes e necesidades que poidan producirse ata a realización da próxima convocatoria.

7.-Desenvolvemento dos exercicios.

7.1. A orde de actuación dos opositores iniciarase alfabeticamente polo primeiro da letra R, de conformidade co establecido na resolución da Consellería da Presidencia e Administración Pública, do 9 de marzo de 1995.

7.2. En calquera momento os aspirantes poderán ser requiridos polo tribunal para que acrediten a súa identidade.

7.3. Os aspirantes serán convocados para cada exercicio nun só chamamento, sendo excluídos das probas aqueles que non comparezan, agás nos casos de forza maior debidamente xustificados e libremente apreciados polo tribunal.

7.4. O día, hora e lugar da realización do primeiro exercicio faranse públicos na resolución que aprobe a relación definitiva de aspirantes admitidos e excluídos.

7.5. A publicación dos anuncios de celebración dos demais exercicios efectuarase nos locais onde se fixese o anterior, así como no rectorado da universidade ou por calquera outro medio que se coide conveniente para asegura-la máxima divulgación, cunha antelación, polo menos, de corenta e oito horas á sinalada para a súa iniciación.

8.- Lista de aprobados.

8.1. Concluído cada un dos exercicios da fase de oposición, o tribunal cualificador fará pública a relación dos aspirantes seleccionados en cada un deles, con indicación da puntuación obtida.

8.2. A lista coa valoración de méritos da fase de concurso farase pública unha vez celebrado o derradeiro exercicio da fase de oposición.

8.3. A cualificación final do concurso-oposición virá determinada pola suma aritmética da correspondente á fase de oposición maila puntuación obtida na fase de concurso de méritos, na forma establecida no anexo I. O tribunal fará pública a lista de aspirantes seleccionados, que en ningún caso poderá conter un número de candidatos superior ó das prazas convocadas. A devandita relación, que será elevada polo tribunal ó rector da universidade xunto coa proposta de contratación a favor do aspirante que figure nela, será publicada no taboleiro de anuncios do rectorado.

8.4. O aspirante seleccionado deberá superar satisfactoriamente un período de proba de seis meses, de conformidade co previsto no artigo 14 do R.D.L. 1/1995 (BOE do 29 de marzo).

9.-Presentación de documentos.

9.1. O candidato seleccionado deberá presentar na xerencia da Universidade de Vigo, nun prazo de dez días naturais desde que se faga pública a lista de aspirantes seleccionados, os seguintes documentos:

a) Fotocopia do DNI ou documento equivalente acreditativo de ser nacional dalgún estado membro da Unión Europea.

b) Copia autenticada ou fotocopia compulsada do título académico esixido na convocatoria.

c) Certificado médico oficial acreditativo de non padecer enfermidade ou defecto físico que impida o desempeño das funcións correspondentes.

d) Declaración de non estar suspendido ou des

pedido, mediante expediente disciplinario de ningunha Administración pública, nin estar inhabilitado para o exercicio das funcións públicas. Os nacionais dos demais estados membros da Unión Europea deberán acreditar estes requisitos nos termos previstos pola Lei 17/1993, do 23 de decembro.

Se non se presenta a documentación sinalada no prazo fixado ou se fai de maneira incompleta, excepto en casos de forza maior, perderá os seus dereitos a ocupa-la praza.

10.- Norma derradeira.

A presente convocatoria e tódolos actos administrativos que se deriven dela e das actuacións dos tribunais poderán ser impugnados nos casos e nas formas establecidas na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Vigo, 10 de xullo de 1995

José Antonio Rodríguez Vázquez

Rector

ANEXO I

Denominación da praza: titulado superior en actividades deportivas.

Procedemento de selección.

O procedemento de selección será o de concurso-oposición.

A) Fase de oposición.

A fase de oposición constará dos cinco exercicios que a seguir se indican:

1. Primeiro exercicio, de carácter eliminatorio: consistirá en contestar por escrito a un cuestionario de preguntas tipo test con respostas alternativas das que só unha será válida e que versará sobre o contido da primeira parte do programa desta convocatoria.

Este exercicio será cualificado de 0 a 10, sendo necesario para aprobar obter un mínimo de 5 puntos.

2. Segundo exercicio, de carácter eliminatorio: consistirá en resolver supostos de carácter práctico propostos polo tribunal, que versarán sobre as funcións propias da praza convocada.

Este exercicio será cualificado de 0 a 10, sendo necesario para aprobar obter un mínimo de 5 puntos.

3. Terceiro exercicio, de carácter eliminatorio: consistirá en redactar e expoñer oralmente un proxecto sobre o deporte na Universidade de Vigo. Os membros do tribunal poderán realiza-las preguntas ou demanda-las explicacións que consideren convenientes en relación co dito proxecto.

Este exercicio será cualificado de 0 a 8, sendo necesario para aprobar obter un mínimo de 4 puntos.

4. Cuarto exercicio, de carácter eliminatorio: consistirá en contestar por escrito a un cuestionario de preguntas tipo test con respostas alternativas das que só unha será válida e que versará sobre o contido da segunda parte do programa desta convocatoria.

Este exercicio será cualificado de 0 a 5, sendo necesario para aprobar obter un mínimo de 2,5 puntos.

Desta proba estarán exentos os aspirantes por promoción interna.

5. Quinto exercicio, obrigatorio e non eliminatorio: consistirá na traducción dun texto proposto polo tribunal de castelán para o galego e outro de galego para o castelán.

Este exercicio cualificarase de 0 a 3 puntos.

B) Fase de concurso.

A valoración dos méritos relacionados na base 4.2 da convocatoria realizarase do seguinte xeito:

I) Antigüidade: máximo 2,5 puntos.

Promoción interna: 0,10 puntos por ano ou fracción de servicios prestados e recoñecidos nas universidades públicas de Galicia.

Acceso xeral libre: 0,20 puntos por mes ou fracción de servicios prestados en réxime de contratación laboral en calquera das universidades públicas de Galicia, en igual posto e categoría que a praza convocada.

II) Titulación: máximo 2 puntos.

-2 puntos por titulación específica de licenciado en educación física.

-1 punto por outra titulación superior específica e relacionada coa praza convocada.

C) Puntuación final.

A cualificación final das probas virá determinada pola suma das puntuacións obtidas na fase de concurso e na de oposición, sempre que os candidatos fosen declarados aptos na fase de oposición. Para determina-la puntuación da fase de oposición sumaranse as cualificacións obtidas en cada un dos exercicios.

Esta puntuación final determinará os candidatos declarados aptos que, en ningún caso, poderán supera-lo número de prazas convocadas, e ó mesmo tempo establecerá a orde definitiva dos aspirantes aprobados.

No caso de empate na puntuación final, dirimirase a prol do que obtivese a maior puntuación na fase de oposición, e de persisti-lo empate acudirase á puntuación obtida na fase de concurso; en último caso resolverase a prol do que obtivese maior puntuación no segundo exercicio da fase de oposición.

ANEXO II

Programa

Primeira parte:

1.-Lei xeral do deporte.

2.-Tipos de contratación administrativa nas administracións públicas.

3.-Asociacionismo, clubes deportivos, entes de promoción deportiva.

4.-Competencias das universidades no deporte.

5.-Deporte e actividade na universidade.

6.-Competencias e estructura dos servicios de deportes na universidade.

7.-Actividades físicas e deportivas na universidade.

8.-Planos de promoción deportiva na universidade.

9.-Sistemas de avaliación do desenvolvemento da actividade física e deportiva na universidade.

10.-Escolas deportivas na universidade.

11.-Organización de campionatos e ligas deportivas na universidade.

12.-Actividades na natureza dentro da oferta deportiva na universidade.

13.-Deportes individuais.

14.-Deportes colectivos.

15.-Deportes de adversario.

16.-Deportes alternativos.

17.-Instalacións deportivas cubertas.

18.-Instalacións deportivas descubertas.

19.-Vestiarios.

20.-Pavimentos deportivos.

21.-Salas multiuso e de musculación.

Segunda parte:

1.-Lei de reforma universitaria: creación, réxime xurídico, estructura, funcións e goberno das universidades.

2.-Estructura, órganos de goberno e servicios da Universidade de Vigo.

3.-O estudio, a investigación e a comunidade universitaria da Universidade de Vigo.

4.-O convenio colectivo para o persoal laboral das universidades públicas de Galicia.

5.-A actividade das administracións públicas: disposicións e actos administrativos, procedemento administrativo e recursos.

ANEXO III

Tribunal

Titular:

Presidente: Jesús Graña Nogueiras, xerente da Universidade de Vigo.

Vocais:

José Ángel Vázquez Barquero, vicerrector de Innovación Educativa e Estudiantes.

Enrique Mandado Pérez, coordenador de Deportes.

Ramón Barreiro García, en representación do Comité de Empresa.

Luis Pérez Gómez, en representación do Comité de Empresa.

Secretario: Manuel Castro Oliva, xefe do Servicio de Persoal.

Suplente:

Presidente: Augusto Viso Alonso, xefe do Servicio de Xestión Económica e Patrimonio.

Vocais:

José Barreiro Somoza, vicerrector de Planificación.

Carlos Martínez-Peñalver Freire, vicerrector de Organización Univeristaria.

Pablo Cabral Pedreira, en representación do Comité de Empresa.

Carlos Román Lago, en representación do Comité de Empresa.

Secretario: José Manuel Fernández Viña, xefe da Sección de Recursos Humanos.

5391