Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 178 Venres, 15 de setembro de 1995 Páx. 6.991

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 247/1995, do 14 de setembro, polo que se desenvolve a Lei 3/1983, de normalización lingüística, para a súa aplicación ó ensino en lingua galega nas ensinanzas de réxime xeral impartidas nos diferentes niveis non universitarios.

1. A lingua constitúe unha das bases esenciais da identidade do pobo e o máis forte vencello de unión entre as súas xentes. A lingua propia de Galicia é o galego (Art. 5 do Estatuto de autonomía). Como un eido privilexiado da aprendizaxe da lingua é o ensino, cómpre arbitrar mandatos que garantan esa aprendizaxe e axuden a unha implantación de hábitos lingüísticos a prol do idioma galego, idioma que, co castelán, é oficial na Comunidade Autónoma, de acordo co estatuto (Art. 3 da Constitución).

2. O Parlamento de Galicia, con data do 15 de xuño de 1983, aprobou a Lei 3/1983, de normalización lingüística. A devandita norma revela o afán de xeneralizar no seo da Comunidade galega o uso do galego como idioma propio de Galicia, cooficial co castelán.

O artigo 1 da lei citada establece o dereito dos galegos a coñeceren e usaren a súa propia lingua. O artigo 2 declara a cooficialidade, para a Comunidade Autónoma, do galego e do castelán. O título III establece os principios xerais do ensino en lingua galega e determina (artigo 12) que o galego é tamén lingua oficial no ensino en tódolos niveis e que a Xunta de Galicia regulamentará a normalización do uso das linguas oficiais no ensino. Así mesmo o artigo 13 asegura o dereito de tódolos nenos e nenas a recibiren o primeiro ensino na súa lingua materna.

3. Os decretos 426/1991, do 12 de decembro, 245/1992, do 30 de xullo, 78/1993, do 25 de febreiro, e 275/1994, do 29 de xullo, polos que se establecen os currícula da educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria e bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia, determinan como unha das finalidades de cada nivel educativo a utilización, de xeito apropiado, das linguas oficiais no ensino.

É necesario adapta-la normativa da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, ó novo marco de aplicación da Lei 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, e seguir contribuíndo a que sexan realidade os obxectivos fixados na citada Lei de normalización lingüística, salientando o que dispón o artigo 14.3º: as autoridades educativas da Comunidade Autónoma garantirán que ó remate dos ciclos en que o ensino do galego é obrigatorio, os alumnos coñezan este, nos seus niveis oral e escrito, en igualdade co castelán.

Por todo o anterior, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, logo do dictame do Consello Escolar de Galicia e de deliberación

do Consello da Xunta de Galicia na súa sesión do catorce de setembro de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Capítulo I

O galego, lingua oficial da Administración educativa en Galicia.

Artigo 1º

1.-A Administración educativa de Galicia e os centros de ensino dela utilizarán a lingua galega e fomentarán o seu uso tanto nas súas relacións mutuas e internas como nas que manteñan coas administracións territoriais e locais galegas e coas demais entidades públicas e privadas de Galicia.

2.-Os documentos administrativos da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, das súas delegacións e dos centros de ensino dependentes dela faranse en galego, e neles constará o nome do centro e o topónimo do municipio ou entidade de poboación na súa forma oficial.

3.-As actuacións administrativas de réxime interno dos centros docentes, tales como actas, comunicados e anuncios, redactaranse en galego. Tamén se redactarán en galego as actuacións administrativas que se realicen a solicitude de persoa interesada, agás nos casos en que esta pida que se fagan en castelán.

4.-A documentación que teña que surtir efecto fóra da Comunidade Autónoma traducirase ó castelán, segundo se establece no artigo 36 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 2º

1.-A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Política Lingüística, é o departamento administrativo competente para organizar, coa colaboración - se é o caso - doutras institucións, especialmente da Escola Galega de Administración Pública, cursos de galego tanto para o persoal docente como non docente da Administración educativa, co fin de que acaden un grao de dominio da lingua galega que facilite o exercicio do dereito a usala, así como para facer un uso correcto dela dentro do ámbito académico e ademais para lles garantir satisfactoriamente ese dereito ás persoas que teñen relación coa Administración educativa.

Capítulo II

As linguas oficiais en Galicia como materia de ensino e o ensino en lingua galega.

Artigo 3º

1.-Nas ensinanzas de réxime xeral e de educación das persoas adultas, recollidas na Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, asignarase globalmente o mesmo número de horas ó ensino da lingua galega e da lingua castelá.

2.-Nas clases de lingua galega e literatura e lingua castelá e literatura, usarase respectivamente o galego

e o castelán, tanto por parte do profesorado como por parte do alumnado.

Artigo 4º

1.-Na etapa de educación infantil e no primeiro ciclo da educación primaria os profesores e profesoras usarán na clase a lingua materna predominante entre alumnos e alumnas, terán en conta a lingua ambiental e coidarán que adquiran de forma oral e escrita o coñecemento da outra lingua oficial de Galicia, dentro dos límites propios da correspondente etapa ou ciclo.

2.-Atenderase de xeito individualizado a aqueles alumnos e alumnas do grupo que non teñan coñecemento suficiente da lingua materna predominante, segundo se sinala no punto anterior.

3.-No segundo e no terceiro ciclos de educación primaria impartiranse en galego dúas áreas de coñecemento, cando menos, sendo unha delas a área de coñecemento do medio natural, social e cultural.

Artigo 5º

1.-Na educación secundaria obrigatoria impartirase en galego a área de ciencias sociais (xeografía e historia) e a área de ciencias da natureza.

2.-Das materias optativas impartiranse en galego as de ciencias medioambientais e da saúde e, se é o caso, a optativa ofertada polo centro.

Artigo 6º

1.-No primeiro curso de bacharelato impartirase en lingua galega como materia común a filosofía e como materias específicas de modalidade as seguintes: tecnoloxía industrial I (bacharelato de tecnoloxía); bioloxía e xeoloxía (bacharelato de ciencias da natureza e da saúde); historia do mundo contemporáneo (bacharelato de humanidades e ciencias sociais); debuxo técnico (bacharelato de artes).

2.-No segundo curso de bacharelato o alumnado recibirá o ensino en galego de historia, como materia común, e como materias específicas de modalidade: debuxo técnico, tecnoloxía industrial (bacharelato de tecnoloxía); ciencias da terra e medioambientais, debuxo técnico (bacharelato de ciencias da natureza e da saúde); xeografía, historia da arte, historia da filosofía (bacharelato de humanidades e ciencias sociais); historia da arte (bacharelato de artes).

3.-Así mesmo serán impartidas en galego as seguintes materias optativas: ética e filosofía do dereito, introducción ás ciencias políticas e socioloxía e historia e xeografía de Galicia.

4.-Na formación profesional específica de grao medio e superior o alumnado recibirá ensino en galego nas áreas de coñecemento teórico-práctico que faciliten a súa integración socio-laboral.

Artigo 7º

Segundo o disposto no artigo 13.3º da Lei de normalización lingüística, os alumnos e as alumnas non poderán ser separados en centros nin aulas diferentes por razón da lingua.

Artigo 8º

1.-Nas áreas ou materias impartidas en lingua galega débese procurar que os alumnos e as alumnas a utilicen nas manifestacións oral e escrita.

2.-Os materiais que se empreguen nas áreas ou materias ás que se refire o parágrafo anterior estarán escritos normalmente en galego, terán a calidade científica e pedagóxica adecuada e atenderán, sen prexuízo da súa proxección universal, ás peculiaridades de Galicia. Con este fin a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria fomentará a elaboración e publicación dos materiais curriculares correspondentes.

Artigo 9º

Nas áreas ou materias -distintas ás sinaladas nos artigos 4º.3, 5º e 6º- empregarase a lingua que se teña establecida no proxecto educativo de centro aprobado polo claustro e o consello escolar. En todo caso, no proxecto educativo do centro coidarase e respectarase o equilibrio entre as dúas linguas oficiais e nel constarán as oportunas medidas de apoio e reforzo para un correcto uso lingüístico escolar e educativo co fin de acada-lo obxectivo xeral establecido na Lei de normalización lingüística (Art. 14.3º).

Artigo 10º

En todo caso, para facer efectivo o dereito á educación, os profesores e profesoras adoptarán as medidas oportunas co fin de que os alumnos e alumnas que non teñan o suficiente dominio da lingua galega poidan seguir con proveito as ensinanzas que nesta lingua lles impartan.

Terase en conta o establecido no Decreto 253/1990, do 18 de abril, sobre exención da materia de lingua galega no ensino básico e medio, así como a orde que o desenvolve.

Artigo 11º

A inspección educativa velará polo cumprimento do establecido no presente decreto. Con tal fin os centros docentes públicos e privados que impartan ensinanzas de réxime xeral non universitarios remitirán á inspección educativa os horarios, áreas e materias impartidas en lingua galega, así como a relación dos materiais curriculares empregados nestas materias.

Disposicións transitorias

Primeira.-En canto non se extingan as ensinanzas de 7º e 8º de educación xeral básica, bacharelato unificado e polivalente, curso de orientación universitaria e formación profesional de primeiro e segundo grao, impartiranse en galego as áreas ou materias que se establecen no Decreto 135/1983, do 8 de setembro, polo que se desenvolve para o ensino, a Lei 3/1983, de normalización lingüística e a Orde do 1 de marzo de 1988 pola que se desenvolve o Decreto 135/1983, do 8 de setembro, sobre aplicación da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística.

Segunda.-Cando por razóns de organización do persoal docente dos centros existan dificultades xusti

ficadas no curso académico 1995-1996, para a aplicación inmediata do establecido nos artigos 4º.3, 5º e 6º do presente decreto, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá conceder-lo prazo de ata un ano para facer efectivo o disposto nos citados artigos.

Disposición derrogatoria

Única.-Queda derrogado o Decreto 135/1983, do 8 de setembro, sobre aplicación da Lei 3/1983, do 15 de xuño de normalización lingüística; a Orde do 1 de marzo de 1988, pola que se desenvolve o Decreto 135/1983, do 8 de setembro, sobre aplicación da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, así como cantas normas de igual ou inferior rango se opoñan ó disposto neste decreto, sen prexuízo do establecido na disposición transitoria deste mesmo decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para dicta-las disposicións necesarias para a execución e o desenvolvemento do establecido neste decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catorce de setembro de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

95-5970