Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 199 Martes, 17 de outubro de 1995 Páx. 7.666

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 9 de outubro de 1995 pola que se regula a coordinación da atención urxente extrahospitalaria da Comunidade Autónoma de Galicia.

O Decreto 172/1995, do 18 de maio, polo que se aproba o Plan de Urxencias Extrahospitalarias da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 121, do 26 de xuño), senta as bases para a implantación dun modelo de organización da atención primaria no que se asume que a prestación de servicios sanitarios con homoxeneidade e calidade esixe unha atención continuada e eficiente naquelas situacións que non admiten demora. Para garantir e facilita-lo desenvolvemento deste decreto, resulta necesario poñer en marcha unha Central de Coordinación de Urxencias Médicas, á que poderán dirixirse telefonicamente os usuarios demandantes de asistencia sanitaria urxente. A central avaliará estas peticións e coordinará os recursos dispoñibles mobilizando, de ser preciso, o que resulte máis idóneo.

En consecuencia, en virtude do disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Ley 11/1988, do 22 de outubro, e da autorización concedida na disposición derradeira primeira do devandito Decreto 172/1995, do 18 de maio,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Central de Coordinación de Urxencias Médicas.

1. A atención urxente extrahospitalaria na Comunidade Autónoma de Galicia coordinarase a través dunha Central de Coordinación de Urxencias Médicas, á que corresponderá xestiona-las demandas de asistencia sanitaria que formulen os usuarios do Servicio Galego de Saúde, os centros sanitarios e, se é o seu caso, as entidades e organismos públicos por razóns de protección civil e seguridade das persoas.

2. A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, divulgará entre a poboación, para tales efectos, un único número telefónico de fácil memorización para as demandas de atención das urxencias médicas extrahospitalarias en toda a Comunidade Autónoma.

Artigo 2º.-Xestión da Central de Coordinación.

A Central de Coordinación de Urxencias Médicas poderá ser xestionada directamente polo Servicio Galego de Saúde ou mediante réxime de concerto a través dunha entidade en toda caso de natureza pública, que depende funcionalmente da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Servicio Galego de Saúde, a través da Subdirección Xeral de Atención Primaria.

Artigo 3º.-Funcionamento da Central de Coordinación.

1. A Central de Coordinación de Urxencias Médicas avaliará as demandas de asistencia urxente e ofrecerá ó usuario en relación con estas os seguintes servicios:

a) Sen mobilización de recursos:

-Consello médico telefónico.

-Derivación ó centro sanitario máis adecuado.

b) Con mobilización de recursos:

-Atención ás emerxencias.

-Coordinación de visitas domiciliarias.

-Envío de transporte sanitario urxente.

2. A Central de Coordinación de Urxencias Médicas funcionará durante as 24 horas do día, os 365 días do ano e ofertará cobertura a toda a Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Para o cumprimento das súas funcións a Central de Coordinación de Urxencias Médicas contará con persoal de recepción de chamadas (teleoperadores), de mobilización de recursos (radioperadores) e médicos coordinadores que dirixirán toda a actividade.

Á fronte da central haberá un director como responsable máximo do seu funcionamento.

Artigo 4º.-Obrigas do persoal sanitario.

1. Todo o persoal do Servicio Galego de Saúde que teña algunha implicación na prestación da asistencia ás urxencias, tanto en xornada de garda como ordinaria, terá a obriga de atende-los requirimentos que, no exercicio das súas funcións, proveñan dos médicos coordinadores da central, a través do sistema establecido na presente orde.

A Central de Coordinación solicitará o servicio facendo consta-la totalidade de datos dispoñibles da urxencia -entre eles a localización exacta, presunción de diagnóstico e gravidade- ó persoal sanitario que lle corresponda prestalo.

2. Cando as circunstancias o demanden, como en caso de emerxencia vital, se por parte da Central de Coordinación non é posible a utilización dun transporte sanitario dotado de persoal facultativo, poderase requirir ós profesionais sanitarios de garda os seus servicios no vehículo sanitario apropiado mobilizado pola Central de Coordinación.

Artigo 5º.-Apoio ó persoal sanitario.

Os profesionais sanitarios que, conforme o disposto no artigo anterior, deban prestar asistencia sanitaria urxente, poderán en todo momento solicitar da Central de Coordinación de Urxencias Médicas as xestións e recursos que estimen necesarios.

Artigo 6º.-Comunicación coa Central de Coordinación de Urxencias Médicas.

1. Para a adecuada organización e óptimo funcionamento na atención das urxencias extrahospitalarias, o Servicio Galego de Saúde facilitará o sistema de comunicación coa Central de Coordinación a todo o persoal sanitario que realice gardas na atención pri

maria, de tal xeito que poidan atende-las indicacións da central e, ó mesmo tempo, solicita-lo apoio permanente desta na procura da idónea prestación da atención urxente.

2. O sistema de comunicación que se facilite será o axeitado ás características da zona coa utilización ben dun terminal portátil de radio (vía rede troncal da Xunta de Galicia), ou dun teléfono móbil (TMA). Excepcionalmente, en tanto non estea garantida a cobertura polos sistemas de comunicación anteriormente citados, poderase utilizar, sempre con carácter temporal, o sistema de mensaxería electrónico.

Os profesionais terán a obriga e a responsabilidade de mante-lo sistema de localización e comunicación entregado en perfecto estado de funcionamento, salvo a concorrencia de avarías non motivadas pola súa actuación intencionada ou neglixente.

3. Na relación da central cos centros hospitalarios -derivación de pacientes de atención primaria, transporte secundario- a comunicación será vía telefónica co responsable designado en cada hospital dentro do Servicio de Urxencias.

Artigo 7º.-Información á Central de Coordinación de Urxencias Médicas.

1. Coa finalidade de poder avaliar, de xeito idóneo, o volume e características de cada atención urxente, e sen prexuízo do cumprimento da normativa vixente de protección de datos de carácter persoal, a Central de Coordinación de Urxencias Médicas poderá solicitar, nos centros de atención primaria, información relativa a:

-Momento de chegada á asistencia.

-Diagnóstico in situ.

-Manobras que hai que realizar ou xa realizadas.

-Valoración.

-Terapéutica.

-Se é o caso, derivación ó hospital ou a outro centro.

2. Así mesmo na atención hospitalaria a Central de Coordinación poderá requirir información referente a:

-Diagnóstico hospitalario.

-Datos administrativos que se consideren precisos.

Artigo 8º.-Funcións das Xerencias de Atención Primaria.

Corresponderá ás Xerencias de Atención Primaria:

a) A distribución, mantemento e supervisión dos equipos de localización-comunicación, que deban facilitarse ós profesionais sanitarios da súa área.

b) A supervisión da correcta realización das quendas de garda, comunicando á Central de Coordinación calquera modificación na súa zonificación ou cambio dos puntos de atención de xeito inmediato.

c) Resolve-las incidencias que poidan acontecer en relación á atención das urxencias coordinadas pola central.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase os directores xerais de Asistencia Sanitaria e de Recursos Humanos do Servicio

Galego de Saúde para adopta-las medidas necesarias para a execución da presente orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 1995.

José Manuel Romay Beccaría

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

95-06566