Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 213 Martes, 07 de novembro de 1995 Páx. 8.158

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 6 de outubro de 1995 pola que se regulan as adaptacións do currículum nas ensinanzas de réxime xeral.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo propugna un ensino comprensivo. Este principio demanda unha educación integradora que recoñeza a diversidade da poboación escolar e lle dea resposta mediante a adaptación ós diferentes estilos e ritmos de aprendizaxe dos alumnos e das alumnas. Esta atención diversificada pode ser efectuada para a maioría deles no ámbito das actuacións pedagóxicas que configuran a maneira habitual de proceder dos equipos educativos nos centros escolares e nas aulas. En ocasións, sen embargo, as necesidades educativas dalgúns alumnos e alumnas requiren a adopción dunha serie de actuacións, tanto de carácter pedagóxico, curricular e organizativo como relativas á utilización de recursos específicos, que difiren das habituais.

Os decretos 426/1991, 245/1992 e 78/1993, polos que se establecen respectivamente os currículum de educación infantil, educación primaria e educación secundaria obrigatoria, establecen igualmente a realización de adaptacións curriculares para aqueles alumnos e alumnas con necesidades educativas especiais, tanto polas dificultades de aprendizaxe amosadas como polas súas características excepcionais, co obxecto de que poidan acada-lo máximo desenvolvemento dentro das súas capacidades.

O Decreto 275/1994, do 29 de xullo, establece o currículum do bacharelato ó que poderán accede-los alumnos e alumnas capacitados para seguir estas ensinanzas. Así pois, os centros deberán articula-las actuacións pedagóxicas e os medios extraordinarios necesarios para atende-las necesidades educativas especiais daqueles alumnos e alumnas que, estando capacitados intelectualmente para accederen ó ensinano secundario postobrigatorio, necesitan aborda-lo correspondente currículum desde parámetros distintos da maioría, debido tanto a condicións persoais de sobredotación como a condicións igualmente persoais dalgunha discapacidade.

En consecuencia, e en virtude das atribucións outorgadas nas disposicións derradeiras dos devanditos decretos, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria,

DISPÓN:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

1. O obxecto desta orde é a regulamentación das condicións para a adaptación do currículum ós alumnos e alumnas que o precisen. Así, o currículum poderá

ser modificado en tódolos seus elementos: obxectivos, contidos, métodos pedagóxicos e criterios de avaliación, para lles dar resposta ás diferentes necesidades educativas dos alumnos e das alumnas.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

A presente orde será de aplicación en tódolos centros educativos, tanto públicos como privados, da Comunidade Autónoma de Galicia que impartan as ensinanzas de educación infantil, educación primaria e educación secundaria.

Artigo 3º.-Exencións.

Nos centros educativos que impartan ensinanzas de réxime xeral non haberá exencións en ningunha das áreas curriculares ou materias para os alumnos e alumnas con necesidades educativas especiais, agás nos casos previstos no Decreto 79/1994, do 8 de abril, sobre a exención da lingua galega no ensino básico e medio.

Capítulo II

As adaptacións do currículum na educación infantil e no ensinanzo básico

Sección primeira

Medidas de reforzo educativo

Artigo 4º.-Definición e condicións.

1. O reforzo educativo é unha medida ordinaria de atención á diversidade que afecta a elementos non prescritivos do currículum, é dicir, á secuencia de contidos, ás formas e instrumentos de avaliación, á organización da aula, ós agrupamentos de alumnos e a todo aquilo incluído dentro do ámbito da metodoloxía.

2. As medidas de reforzo educativo non suporán necesariamente medidas extraordinarias nin necesitarán de autorización para ser levadas a cabo, e realizaranse segundo se establece a continuación:

a) Estarán dirixidas a aqueles alumnos e alumnas que coa modificación de elementos non prescritivos do currículum poden segui-lo proceso ordinario de ensino-aprendizaxe.

b) Serán elaboradas polo profesor ou profesora que imparte a área ou materia na que o alumno necesita a medida de reforzo, co coñecemento do titor ou titora. Este comunicarallo ó equipo directivo e á familia do alumno ou alumna.

c) O seu desenvolvemento levarase a cabo no contexto escolar ordinario e polo profesor ou profesora do alumno que imparte a área ou materia, coa colaboración, se é o caso, doutros profesionais. Esta colaboración non poderá substituír en ningún caso a actuación habitual do profesor.

3. As medidas de reforzo educativo reflectiranse no expediente académico do alumno como reforzo educativo. Faranse constar cun comentario no informe correspondente ás familias e non terán constancia no libro de escolaridade.

4. A constancia do reforzo educativo e a valoración da súa utilidade para o alumno obxecto de medidas

de reforzo serán un requisito previo para a participación deste nun programa de diversificación curricular na Educación Secundaria Obrigatoria.

Sección segunda

As adaptacións curriculares

Artigo 5º.-Definición.

1. Para os efectos da presente orde, entenderase por adaptacións curriculares as modificacións dun ou de máis elementos prescritivos do currículum, como son os obxectivos, os contidos e os criterios de avaliación, para atende-las necesidades educativas dun alumno ou alumna motivadas tanto por unha determinada dificultade persoal como polas súas capacidades excepcionais.

2. O referente de toda adaptación curricular serán os obxectivos xerais de etapa, concretados no proxecto curricular do centro para cada ciclo ou, no caso do 2º ciclo da educación secundaria obrigatoria, para cada curso.

Os obxectivos poderán pertencer, se é o caso, a outro ciclo ou etapa distinto do que curse o alumno obxecto de adaptación curricular.

3. Decidirase a conveniencia de elaborar unha adaptación curricular para un alumno determinado, unha vez esgotadas outras medidas ordinarias de intervención educativa.

4. A elaboración e o desenvolvemento da adaptación curricular, agás casos excepcionais, levarase a cabo no contexto educativo ordinario.

Artigo 6º.-Condicións.

As adaptacións curriculares precisarán a autorización da inspección educativa correspondente. As condicións de realización serán as seguintes:

a) Serán elementos do currículum susceptibles de modificación os obxectivos, que poderán ser reaxustados, reducidos, suprimidos, complementados ou ampliados, se é o caso; os contidos, que tamén poderán ser modificados, complementados e mesmo suprimidos; e os criterios de avaliación, que poderán ser adaptados, complementados, modificados e mesmo suprimidos.

b) Estarán dirixidas a alumnos e alumnas que por diversas razóns educativas, sociais, culturais, por padecer déficit de calquera índole ou por posuír cualidades excepcionais, non poden segui-lo proceso ordinario de ensino aprendizaxe sen medidas de modificación esencial do currículum de referencia.

c) O seu deseño e desenvolvemento será responsabilidade do profesor ou profesora que imparte a área ou materia ó alumno, coa colaboración do seminario ou departamento didáctico, co asesoramento do responsable da orientación educativa do centro, se existe, ou do equipo psicopedagóxico de apoio de sector e, se é o caso, de calquera outro profesional que participe na atención ó devandito alumno.

d) Terán unha duración mínima dun ciclo educativo, agás no 2º ciclo da educación secundaria obrigatoria no que poderán desenvolverse só nun curso.

e) O seu desenvolvemento realizarase integrado, na medida do posible, nas accións educativas ordinarias do grupo de alumnos de referencia.

Artigo 7º.-Proceso de elaboración.

1. Para levar a cabo a adaptación curricular en calquera das áreas ou materias do currículum, os centros deberán realizar unha avaliación diagnóstica na que se recollerán datos relevantes sobre a situación socio familiar do alumno ou alumna e sobre o seu proceso de aprendizaxe, aportados tanto polo equipo educativo responsable do alumno ou alumna, como polo orientador do centro, se existe, o equipo psicopedagóxico de apoio ou calquera outro profesional que estea participando na atención ó devandito alumno.

2. Os centros deberán realizar unha reunión coordinada polo xefe de estudios á que asistirán o titor, os profesores que imparten as áreas ou materias que se consideran obxecto de adaptación curricular e os profesionais que participaron na avaliación diagnóstica. Nesta reunión decidirase a pertinencia da adaptación curricular, así como aqueles elementos do currículum que, se é o caso, deberán ser modificados.

3. Elaborarase a adaptación do currículum de referencia nas áreas ou materias acordadas, segundo o establecido na presente orde.

4. Os datos obtidos na avaliación diagnóstica establecida no apartado 1 do presente artigo reflectiranse nun documento de adaptación curricular no que se que consignará, segundo o modelo do anexo I da presente orde, a información relativa a:

-Datos persoais do alumno ou da alumna.

-Datos físicos e de saúde.

-Datos psicosociais máis relevantes.

-Datos do contorno sociofamiliar.

-Datos do contorno escolar.

-Datos pedagóxicos.

-Profesionais participantes.

Artigo 8º.-Solicitude e autorización.

O director ou directora do centro enviará a proposta de adaptación curricular ó correspondente servicio provincial de inspección, que emitirá un informe segundo o anexo II da presente orde.

Artigo 9º.-Rexistro.

A avaliación diagnóstica, o documento de adaptación curricular e o informe do servicio da inspección educativa formarán parte do expediente do alumno ou da alumna e terán carácter confidencial.

Artigo 10º.-Avaliación.

1. A avaliación do alumno que siga unha adaptación curricular farase en función dos criterios de avaliación individualizados establecidos nela, sen prexuízo de que para efectos de promoción o referente sexan sempre os obxectivos establecidos para a etapa correspondente.

2. A adaptación curricular reflectirase como AC (adaptación curricular) no expediente académico do alumno ou alumna, no informe ós pais ou responsables legais e no libro de escolaridade do ensinanzo básico, neste consignarase nas páxinas 12 e 13 para a educación primaria e na páxina 19 para a educación secundaria obrigatoria.

Artigo 11º.-Revisión.

As adaptacións curriculares revisaranse periodicamente, polo menos unha vez ó remate de cada curso. As posibles modificacións só requirirán unha nova autorización no caso de que se produzan en referencia ós obxectivos e ós criterios de avaliación do ciclo ou curso sobre o que se elaborara a adaptación.

Sección terceira

Promoción

Artigo 12º

1. Ó finaliza-lo ciclo ou curso para o que se realizara unha adaptación curricular, o titor ou titora, xunto co profesorado que impartira as áreas ou materias obxecto de adaptación, oídos os pais ou responsables legais do alumno, determinarán a pertinencia da promoción de ciclo ou de curso, a necesidade dalgunha adaptación curricular no curso seguinte e, de se-lo caso, as liñas xerais da mesma.

2. Cando un alumno ou alumna permaneza un ano máis nun ciclo ou curso, segundo o establecido para o efecto para as diversas etapas, deberá seguir medidas de reforzo ou adaptacións curriculares, de xeito que en ningún caso se reproduzan as condicións educativas que presumiblemente provocaron os desaxustes detectados no alumno.

Capítulo III

As adaptacións curriculares no bacharelato

Artigo 13º.-Definición e condicións.

1. Para os efectos da presente orde, entenderase por adaptacións curriculares as modificacións dun ou de máis elementos prescritivos do currículum, como son os obxectivos, os contidos e os criterios de avaliación, para atende-las necesidades educativas dun alumno ou alumna debidas tanto a condicións persoais de sobredotación como a condicións igualmente persoais dalgunha discapacidade.

2. Os alumnos e alumnas con necesidades educativas das establecidas no apartado anterior e que cursen as ensinanzas de bacharelato terán dereito ás adaptacións pertinentes que faciliten o seu proceso educativo.

3. O profesor que imparta a materia, coa colaboración do seminario ou departamento didáctico e dos profesionais de orientación psicopedagóxica, efectuará a adaptación curricular.

4. As adaptacións curriculares necesitarán a autorización da inspección educativa correspondente.

5. As adaptacións curriculares terán unha duración mínima dun curso e estarán integradas, na medida do posible, nas accións educativas ordinarias do grupo de alumnos de referencia.

6. O proceso de elaboración, solicitude, autorización e rexistro da adaptación curricular para un alumno ou alumna que curse esta etapa axustarase ó establecido nos artigos 7º, 8º e 9º da presente orde.

Artigo 14º.-Avaliación.

1. A avaliación destes alumnos e alumnas realizarase, con carácter xeral, de acordo co establecido na Orde do 1 de marzo de 1995 pola que se regula a avaliación e a cualificación no bacharelato. Non obstante, a avaliación daqueles alumnos e alumnas con problemas graves de audición, visión ou motricidade para os que non sexa posible a adaptación curricular sen afectar ós obxectivos estará baseada nos obxectivos previstos para eles. Estes obxectivos non poderán, en ningún caso, pertencer a outra etapa. Así mesmo, deberase adapta-la duración e as condicións de realización de probas específicas ás características destes estudiantes.

2. A adaptación curricular que afecte os obxectivos deberá ser consignada na páxina 20 do libro de cualificacións do bacharelato.

Capítulo IV

Relación coas familias

Artigo 15º

As familias dos alumnos ou alumnas que sigan algunha adaptación curricular recibirán a información pertinente das decisións adoptadas sobre a mesma. No caso de desacordo poderán reclamar perante o director ou directora do centro e, de persistir na súa desconformidade, perante o servicio de inspección correspondente, que deberá resolver.

Disposición adicional

Única.-Os alumnos e alumnas que cursen as ensinanzas de formación profesional terán dereito ás adaptacións curriculares pertinentes segundo o establecido no artigo 14 do Decreto 239/1995, do 28 de xullo, e de acordo co procedemento establecido na presente orde.

Disposición derradeira

Autorízase a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros para dicta-las normas que sexan precisas para a execución do establecido na presente orde.

Santiago de Compostela, 6 de outubro de 1995.

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

Sr. Director Xeral de Ordenación Educativa e Centros

ANEXO I

ADAPTACIÓN CURRICULAR

1. Datos persoais do alumno ou alumna.

(Nome e apelidos, data e lugar de nacemento, etapa, curso e ciclo no que está escolarizado, currículum de referencia, período de tempo para o que se propón a adaptación curricular, ...).

2. Datos físicos e de saúde.

(Características físicas e sensoriais, enfermidades padecidas ou crónicas, ...).

3. Datos psicosociais.

(Nivel intelectual e aptitudinal, trazos de personalidade, intereses manifestados, adaptación persoal e social, ...).

4. Datos do contorno sociofamiliar.

(Profesión dos pais, número de membros da unidade familiar, expectativas familiares, relacións, ...).

5. Datos do contorno escolar.

(Formas organizativas do centro, formas organizativas da aula, relacións e participación dos distintos servicios educativos, ...).

6. Datos pedagóxicos.

(Competencias xa adquiridas respecto do currículum de referencia, necesidades educativas respecto das capacidades establecidas no currículum de referencia, ...).

a) Áreas curriculares adaptadas.

(Obxectivos que se pretenden acadar, contidos necesarios para acada-los obxectivos e criterios de avaliación).

b) Recursos que se van empregar.

(Materiais, humanos).

c) Planificación do seguimento da adaptación curricular.

(Data, persoas que interveñen, rendemento do alumno ou alumna, adecuación dos recursos, adecuación da programación...ó remate do primeiro curso do ciclo e ó remate do segundo curso do ciclo).

7. Profesionais participantes.

(Director, xefe de estudios, titor, profesores de área ou materia, orientador, equipo psicopedagóxico de apoio, outros).

Lugar e data.

Visto e prace

O director/a do centroO profesor titor/a

Asdo.:Asdo.:

95-7225