Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 214 Mércores, 08 de novembro de 1995 Páx. 8.187

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia.

Os precedentes lexislativos orientados á protección e conservación do patrimonio histórico, á marxe das súas profundas raíces que se afunden no mundo romano e percorren no tempo un longo periplo, teñen as súas pegadas máis recentes na sempre meritoria e respectada Lei do 13 de maio de 1933, fonte inesgotable cargada daquela de modernidade e á que as formulacións dos tempos chamaron axiña a un necesario relevo, impulsado sen dúbida polo nacemento da Constitución española de 1978, que subliña con vehemencia a obriga de protexer e difundi-lo patrimonio histórico ó tempo que consagra o Estado das autonomías e a subseguinte responsabilidade compartida en materia cultural.

Resultado de todo isto é a Lei 16/1985, do 25 de xuño, do patrimonio histórico español, herdeira pois da xa veterana normativa de 1933 e que, baseándose en conceptos e criterios enchidos dun fecundo alento, inicia un novo camiño. Xa pouco antes, o Estatuto de autonomía de Galicia de 1981 permitira o acceso dos poderes públicos á responsabilidade de conservaren e acrecentaren o seu patrimonio histórico, polo que o paso dos anos foi encargándose de proporcionar sólidos alicerces sobre os que levantar unha segura andamiaxe que permita construír unha lei filla da experiencia e da madurez.

A Lei do patrimonio cultural de Galicia é a expresión xurídica necesaria á especificidade que, como nacionalidade histórica, posúe en materia cultural, forxada a través dos séculos e precisada na actualidade de preservación, conservación, actualización e difusión para o seu desfrute social.

Preténdese con esta lei axeitar á realidade de Galicia e ás súas necesidades específicas en materia de patrimonio cultural a normativa legal pola que se rexerá a defensa, a protección, a conservación e mailas sancións contra as agresións de diversa índole que poida este sufrir. A lei parte dun concepto amplo do patrimonio cultural de Galicia, que engloba o patrimonio moble, o patrimonio inmoble e mailo patrimonio inmaterial, xa sexan de titularidade pública ou privada, ademais das manifestacións da nosa cultura tradicional e popular.

A presente Lei do patrimonio cultural de Galicia ten como finalidade esencial protexer, conservar e difundir un legado que o tempo irá acrecentando para transmitilo ó futuro. Así, tal como se desenvolve no título I, créanse tres categorías de bens: os declarados de interese cultural, os catalogados e os inventariados, definidoras da incidencia que cada un deles tivo no patrimonio de Galicia.

Namentres os primeiros representan o máis salientable dos bens mobles, inmobles e inmateriais, os cata

logados son aqueles que pola súa singularidade chegan a definir un territorio, e os bens inventariados, merecedores de seren conservados, pasan a integrar xunto cos anteriores o Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia.

O título II, dedicado ó réxime xeral de protección e conservación, establece tres graos diferentes, emanados das tres categorías establecidas, incidindo dun xeito máis notorio nos bens de interese cultural. Deste modo, os inmobles, especialmente os monumentos, enténdense integrados nun contexto que é o seu territorio, e non como elementos illados, da mesma forma que os proxectos de intervención se conformarán con informes pluridisciplinares dictados por profesionais das distintas materias para garanti-la conservación do ben, ó tempo que se dotan dun contido claro e específico os planeamentos dos conxuntos históricos.

No que respecta ós bens mobles, ponse unha énfase especial no control da súa conservación así como nos traslados e na regulación do seu comercio.

Dentro do título III, do patrimonio arqueolóxico, especifícanse e defínense as actividades arqueolóxicas e as responsabilidades das intervencións, do mesmo xeito que se fai incidencia nas actuacións urxentes, autorizacións e todo aquilo que afecta, entre outros, os conxuntos históricos e as zonas arqueolóxicas.

O título IV define especificamente o patrimonio etnográfico, e incide na especial protección dos bens inmateriais, así como naqueloutros relacionados coa actividade industrial.

Dentro do título V, dedicado ós museos, débese salienta-lo nacemento da colección visitable como categoría diferenciada dentro do sistema galego de museos, que tamén acolle unha trama diversa entendida como rede de museos. Cunha organización similar, o patrimonio documental e arquivos, xa no título VII, parte da súa definición establecendo a circulación e o ciclo vital dos documentos, sendo previamente o título VI o que describe o amplo e complexo patrimonio bibliográfico.

Son elementos esenciais, dentro das medidas de fomento que se desenvolven no título VIII, a investigación, conservación, difusión, adquisición e investimento, así como os beneficios fiscais.

Finalmente, a lei tamén regula, no título IX, o réxime sancionador, establecendo tres clases de infraccións, así como as responsabilidades e os órganos competentes para facelas efectivas.

A presente lei é tamén sensible ó importante papel que deben xoga-las corporacións locais en materia de patrimonio cultural, polo que recoñece expresamente as competencias que neste sentido lle determina a Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local. En canto á Igrexa católica, a presente lei considera que é depositaria dunha parte importantísima do patrimonio cultural de Galicia e nese sentido prevé unha relación de contraprestación mutua para coas administracións públicas galegas, a fin de garanti-la responsabilidade do seu coidado e a existencia dos medios necesarios para levalo a cabo.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo en nome de El-Rei, a Lei do patrimonio cultural de Galicia.

Título preliminar

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto.

1.- O patrimonio cultural de Galicia é constituído por tódolos bens materiais e inmateriais que, polo seu recoñecido valor propio, deban ser considerados como de interese relevante para a permanencia e a identidade da cultura galega a través do tempo.

2.- A presente lei ten por obxecto a protección, a conservación, o acrecentamento, a difusión e o fomento do patrimonio cultural de Galicia, así como a súa investigación e transmisión a xeracións futuras.

3.- Integran o patrimonio cultural de Galicia os bens mobles, inmobles e inmateriais de interese artístico, histórico, arquitectónico, paleontolóxico, arqueolóxico, etnográfico, científico e técnico. Tamén forman parte deste o patrimonio documental e bibliográfico, os conxuntos urbanos, os lugares etnográficos, os xacementos e zonas arqueolóxicas, así como os sitios naturais, xardíns e parques que teñan valor artístico, histórico ou antropolóxico.

4.- A Administración autonómica procurará o retorno a Galicia daqueles bens especialmente representativos do noso patrimonio cultural que se atopen fóra dela.

Artigo 2. Competencia.

1.- Correspóndelle á Comunidade Autónoma a competencia exclusiva sobre o patrimonio cultural de interese de Galicia.

2.- As distintas administracións públicas colaborarán para que as competencias respectivas se exerzan consonte o establecido nesta lei.

3.- As institucións públicas e privadas cooperarán á mellor consecución dos fins previstos nesta lei.

Artigo 3. Dos particulares.

1.- As persoas que observasen perigo de destrucción ou deterioración dun ben integrante do patrimonio cultural de Galicia deberán, no menor tempo posible, poñelo en coñecemento da Administración competente, que comprobará o obxecto da denuncia e actuará conforme o disposto nesta lei.

2.-Calquera persoa física ou xurídica está lexitimada para actuar en defensa do patrimonio cultural de Galicia ante as administracións públicas da Comunidade Autónoma e os tribunais de xustiza, en cumprimento do previsto nesta lei.

Artigo 4. Colaboración das corporacións locais.

1.- Os concellos teñen a obriga de protexeren, defenderen, realzaren e daren a coñece-lo valor cultural

dos bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia que radiquen no seu termo municipal.

2.- Correspóndelles, así mesmo, adoptar, en caso de urxencia, as medidas cautelares necesarias para salvagarda-los bens do patrimonio cultural de Galicia que visen o seu interese ameazado.

Artigo 5. Colaboración da Igrexa católica.

1.- A Igrexa católica, propietaria dunha boa parte do patrimonio cultural de Galicia, velará pola protección, a conservación, o acrecentamento e a difusión deste, colaborando a tal fin coa Administración en materia de patrimonio.

2.- Unha Comisión Mixta entre a Xunta de Galicia e a Igrexa católica establecerá o marco de colaboración e coordinación entrámbalas institucións para elaborar e desenvolver plans de intervención conxunta.

Artigo 6. Proxección exterior.

A difusión exterior do patrimonio cultural de Galicia será impulsada pola Xunta de Galicia, que fomentará os intercambios culturais que estime oportunos e promoverá, no ámbito das súas competencias, o establecemento de convenios ou acordos coas demais comunidades autónomas, así como cos estados nos que se atopen bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia.

Artigo 7. Órganos asesores e consultivos.

1.- Son órganos asesores da Consellería de Cultura en materia de patrimonio cultural:

a) A Comisión Superior de Valoración de Bens Culturais de Interese para Galicia.

b) A Comisión Mixta Xunta-Igrexa.

c) A Comisión do Patrimonio Histórico da Cidade e Camiño de Santiago.

d) As comisións territoriais do Patrimonio Histórico Galego.

e) A Comisión Técnica de Arqueoloxía.

f) A Comisión Técnica de Etnografía.

g) A Comisión Técnica de Arquivos.

h) A Comisión Técnica de Museos.

i) Cantos outros se considere necesario establecer con carácter xeral ou con carácter específico.

2.- Regulamentariamente establecerase a composición e o funcionamento dos órganos asesores da Consellería de Cultura.

3.- Terán a consideración de órganos consultivos da Consellería de Cultura en materia de bens culturais:

a) O Consello da Cultura Galega.

b) As reais academias.

c) As universidades de Galicia.

d) O Instituto de Estudios Galegos Padre Sarmiento.

e) Cantos outros se considere necesario establecer con carácter xeral ou con carácter específico.

Título I

Dos bens declarados, catalogados e do inventario xeral

Capítulo I

Dos bens de interese cultural

Artigo 8. Definición e clasificación.

1.- Os bens mobles, inmobles e inmateriais máis sobranceiros do patrimonio cultural de Galicia serán declarados bens de interese cultural mediante decreto da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Cultura, e inscribiranse no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia.

2.- Os bens mobles declarados de interese cultural poderano ser de forma individual ou ben como colección, entendida esta como o conxunto de bens agrupados de xeito misceláneo ou monográfico, logo dun proceso intencional de provisión ou acumulación.

3.- Os bens inmobles serán declarados de interese cultural atendendo ás seguintes clases: monumento, conxunto histórico, xardín histórico, sitio ou territorio histórico, zona arqueolóxica, lugar de interese etnográfico e zona paleontolóxica.

4.- Para os efectos da presente lei, teñen a consideración de:

a) Monumento, a construcción ou obra producto da actividade humana, de relevante interese histórico, arquitectónico, arqueolóxico, artístico, etnográfico, científico ou técnico, con inclusión dos mobles, instalacións e accesorios que expresamente se sinalen como parte integrante del, e que por si soa constitúa unha unidade singular.

b) Conxunto histórico, a agrupación de bens inmobles que forman unha unidade de asentamento, continua ou dispersa, condicionada por unha estructura física representativa da evolución dunha comunidade humana, por ser testemuño da súa cultura ou constituír un valor de uso e gozo para a colectividade, aínda que individualmente non teñan unha especial relevancia.

c) Xardín histórico, o espacio delimitado, producto da ordenación polo home de elementos naturais, ás veces complementado con estructuras de fábrica, e estimado de interese en función da súa orixe ou pasado histórico ou dos seus valores estéticos, sensoriais ou botánicos.

d) Sitio ou territorio histórico, o lugar ou paraxe natural vinculado a acontecementos ou recordos do pasado, creacións culturais ou da natureza, e a obras do home que posúan valores históricos ou técnicos.

e) Zona arqueolóxica, o lugar ou paraxe natural onde existen bens mobles ou inmobles susceptibles de seren estudiados con metodoloxía arqueolóxica, tanto se se atopasen na superficie coma no subsolo ou baixo as augas territoriais.

f) Lugar de interese etnográfico, aquela paraxe natural, conxunto de construccións ou instalacións vinculadas a formas de vida, cultura e actividades tradicionais do pobo galego.

g) Zona paleontolóxica, o lugar no que hai vestixios fosilizados ou non que constitúan unha unidade coherente e con entidade de seu.

5.- En tódolos supostos anteriormente citados, a declaración de ben de interese cultural afectará tanto o solo coma o subsolo.

6.- De xeito excepcional poderase declarar ben de interese cultural a obra de autores vivos, sempre e cando tres das institucións consultivas recoñecidas pola Consellería de Cultura emitan informe favorable e medie autorización expresa do seu propietario.

Artigo 9. Procedemento de declaración.

1.- A declaración de ben de interese cultural requirirá a previa incoación e tramitación do expediente administrativo pola Consellería de Cultura. A iniciación do expediente poderase realizar de oficio ou ben por instancia de parte por calquera persoa física ou xurídica.

2.- No caso de iniciarse por instancia de parte, a denegación da incoación será motivada e deberáselles notificar ós solicitantes.

3.- No expediente que se instrúa deberá constar informe favorable de dous dos órganos consultivos ós que se refire o artigo 7 da presente lei, e daráselles audiencia ós interesados.

Artigo 10. Notificación, publicación e efectos da incoación.

1.- A incoación seralles notificada tanto ós interesados coma ó Concello no que radique o ben.

2.- Sen prexuízo da súa eficacia desde a notificación, a resolución da incoación será publicada no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado. No caso de tratarse de bens inmobles daráselle audiencia ó Concello correspondente e abrirase un período de información pública por un prazo mínimo de un mes.

3.- A incoación dun expediente para a declaración dun ben de interese cultural determinará, respecto do ben afectado, a aplicación inmediata e provisional do réxime de protección previsto na presente lei para os bens xa declarados. No caso de bens inmobles, ademais, será aplicable o estipulado no artigo 35.1 da presente lei.

Artigo 11. Contido do expediente de declaración.

1.- No expediente de declaración dun ben de interese cultural obrarán as seguintes especificacións respecto del:

a) Descrición clara e exhaustiva do obxecto da declaración que facilite a súa correcta identificación e, no caso de inmobles, as partes integrantes, as pertenzas, os accesorios e os bens mobles e documentais que, pola súa vinculación co inmoble, deban ser obxecto de incorporación na declaración.

b) No caso de inmobles, ademais, deberán figurar perfectamente definidas as súas relacións coa área territorial á que pertence, así como a protección dos accidentes xeográficos e elementos naturais que con

formen o seu contorno, que aparecerá delimitado tamén graficamente, en atención á súa adecuada protección, contemplación e estudio.

2.- Igualmente deberá figurar no expediente a determinación da compatibilidade do uso coa correcta conservación do ben que se pretende declarar. No caso de que o uso a que se vén destinando o referido ben fose incompatible coa adecuada conservación deste, poderase establece-lo seu cesamento ou modificación.

3.- Así mesmo, información exhaustiva sobre o estado de conservación do ben, podendo incluírse na declaración os criterios básicos que rexerán as futuras intervencións.

Artigo 12. Declaración e conclusión.

1.- Correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia, por proposta do conselleiro de Cultura, acorda-la declaración de ben de interese cultural.

2.- O acordo de declaración describirá clara e exhaustivamente o ben obxecto da declaración. No caso dos inmobles describirá a súa delimitación gráfica, o contorno afectado, as partes integrantes, as pertenzas, os accesorios e os bens mobles e documentais que pola súa vinculación deban ser obxecto de incorporación na declaración.

3.- O expediente deberase resolver no prazo máximo de vinte meses, contado a partir da data na que foi incoado. Transcorrido este, producirase a caducidade do expediente se se solicita-lo arquivo das actuacións ou se dentro dos sesenta días seguintes non se dicta resolución. O expediente non se poderá volver iniciar nos tres anos seguintes, agás que tres das institucións consultivas recoñecidas pola Comunidade Autónoma o solicitaren ou o faga o propietario do ben.

Artigo 13. Notificación e publicación da declaración.

A declaración de ben de interese cultural seralles notificada tanto ós interesados coma ó Concello no que radique o ben, e será publicada no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.

Artigo 14. Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia.

1.- Os bens de interese cultural serán inscritos no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia. A cada ben daráselle un código para a súa identificación. Neste rexistro tamén se anotará preventivamente a incoación dos expedientes de declaración. Correspóndelle á Consellería de Cultura a xestión deste rexistro.

2.- O Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia terá por obxecto a anotación e a inscrición dos actos que afecten a súa identificación e localización, e reflectirá tódolos actos que se realicen sobre os bens nel inscritos cando afecten o contido da declaración e dará fe dos datos nel consignados.

3.- Calquera inscrición relativa a un ben, efectuada de oficio, seralle notificada ó seu titular, e será obriga deste a de comunicarlle ó rexistro tódolos actos xurídicos e técnicos que poidan afecta-lo dito ben.

4.- O acceso ó rexistro será público nos termos que se establezan regulamentariamente, sendo precisa a autorización expresa do titular do ben para a consulta pública dos datos relativos á:

a) Situación xurídica e valor dos bens inscritos.

b) Localización, no caso de bens mobles.

5.- Das inscricións e anotacións no Rexistro de Bens de Interese Cultural daráselle conta ó Registro General de Bienes de Interés Cultural del Estado, co fin de que se fagan as correspondentes inscricións e anotacións nel.

Artigo 15. Inscrición no Rexistro da Propiedade.

Cando se trate de monumentos e xardíns históricos, a Consellería de Cultura instará de oficio a inscrición gratuíta da declaración de ben de interese cultural no Rexistro da Propiedade.

Artigo 16. Procedemento para deixar sen efecto unha declaración.

1.- A declaración dun ben de interese cultural unicamente poderá deixarse sen efecto seguindo os mesmos trámites e requisitos necesarios para a súa declaración.

2.- Non poden invocarse como causas determinantes para deixar sen efecto a declaración dun ben de interese cultural as derivadas do incumprimento das obrigas de conservación e mantemento recollidas nesta lei.

Capítulo II

Da catalogación dos bens

Artigo 17. Catálogo do patrimonio cultural de Galicia. Definición.

1.- Os bens do patrimonio cultural de Galicia que, sen chegar a ser declarados de interese cultural, posúan especial singularidade, de acordo co establecido no artigo 1.3 da presente lei, serán incluídos no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia e gozarán da protección para os bens catalogados nesta lei.

2.- Créase o Catálogo do patrimonio cultural de Galicia como instrumento de protección dos bens mobles, inmobles e inmateriais nel incluídos, e con fins de investigación, consulta e difusión. O dito catálogo, no relativo ós bens inmobles, incluirá a regulación do réxime de protección previsto nesta lei.

3.- A inclusión poderase realizar de forma individual ou como colección, correspondéndolle a xestión do catálogo á Consellería de Cultura.

4.- Regulamentariamente establecerase o réxime do acceso público ó Catálogo do patrimonio cultural de Galicia, así como as determinacións a que se refire o apartado 2 deste artigo.

Artigo 18. Procedemento.

1.- A inclusión dun ben no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia requirirá a previa tramitación do expediente, iniciado de oficio ou por instancia do interesado, pola Consellería de Cultura, séndolle apli

cables as normas xerais do procedemento administrativo.

2.- A notificación ó titular ou posuidor da iniciación dun expediente para a inclusión dun ben no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia determinará a aplicación inmediata e provisional do réxime de protección previsto na presente lei para os bens xa catalogados. Ó mesmo tempo abrirase un período de información pública por un prazo mínimo de un mes mediante a publicación do acordo de iniciación do expediente no Diario Oficial de Galicia.

3.- Cando o expediente de catalogación afecte a un ben inmoble, daráselle ademais audiencia ó Concello no que radique.

4.- No caso de iniciarse por instancia de parte, a denegación da incoación para a inclusión dun ben no catálogo será motivada e deberáselles notificar ós solicitantes.

5.- Da iniciación do expediente para a catalogación dun ben moble daráselle conta ó Inventario General de Bienes Muebles da Administración do Estado para a correspondente anotación preventiva.

Artigo 19. Contido do expediente de catalogación.

O expediente de inclusión dun ben no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia recollerá polo menos:

a) A descrición do ben que facilite a súa correcta identificación, e no caso dun ben inmoble, ademais de todos aqueles elementos que o integran, o contorno afectado, considerado como un territorio graficamente delimitado no que os elementos xeográficos e naturais tamén gozarán de protección.

b) A determinación da compatibilidade do uso coa correcta conservación do ben catalogado.

Artigo 20. Catalogación e conclusión.

1.- Correspóndelle ó conselleiro de Cultura, por proposta do director xeral do Patrimonio Histórico e Documental, acorda-la inclusión dun ben no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia.

2.- O expediente deberase resolver no prazo máximo de vinte meses, contado a partir da data na que foi iniciado. Transcorrido este, producirase o arquivo do expediente.

3.- O acordo de catalogación seralles notificado tanto ós interesados coma ó Concello no que radique o ben, e publicarase no Diario Oficial de Galicia.

4.- Das inclusións de bens mobles no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia daráselle conta ó Inventario General de Bienes Muebles da Administración do Estado para que se fagan as correspondentes inscricións.

Artigo 21. Exclusión dun ben do catálogo.

A catalogación dun ben unicamente poderá deixarse sen efecto seguindo os mesmos trámites necesarios para a súa inclusión.

Capítulo III

Do inventario xeral

Artigo 22. O Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia. Definición.

1.- O Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia confórmano os bens declarados de interese cultural, os catalogados e aqueloutros ós que fai referencia o artigo 1.3 da presente lei e que, sen estaren incluídos entre os anteriores, merezan ser conservados.

2.- Créase o Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia, como instrumento básico de protección adscrito á Consellería de Cultura.

3.- O acceso ó Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia será público, na forma que regulamentariamente se estableza.

Artigo 23. Procedemento.

1.- A inclusión dun ben no Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia requirirá a previa tramitación do expediente pola Consellería de Cultura, séndolle aplicables as normas xerais do procedemento administrativo. Quedan excluídos da dita tramitación aqueles bens declarados de interese cultural e os catalogados que pola súa condición xa forman parte do Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia.

2.- A inclusión poderá ser realizada de forma individual ou colectiva.

3.- Correspóndelle ó director xeral do Patrimonio Histórico e Documental a inclusión dos bens no Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia.

Título II

Réxime xeral de protección e conservación do patrimonio cultural de Galicia

Capítulo I

Réxime de protección e conservación

Artigo 24. Protección xeral.

1.- Tódolos bens que integran o patrimonio cultural de Galicia gozarán das medidas de protección establecidas nesta lei.

2.- O patrimonio cultural de Galicia, conforme o disposto no título anterior, clasifícase en:

a) Bens declarados, que serán aqueles que se consideren como bens de interese cultural, logo da incoación do oportuno expediente.

b) Bens catalogados, aqueles que se incorporen ó Catálogo do patrimonio cultural de Galicia.

c) Bens inventariados, aqueles que, sen estaren incluídos entre os anteriores, merezan ser conservados e se inclúan no Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia.

Artigo 25. Deber de conservar.

1.- Os propietarios, posuidores e demais titulares de dereitos reais sobre bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia están obrigados a conservalos, coidalos e protexelos debidamente para aseguraren a súa

integridade e evitaren a súa perda, destrucción ou deterioración.

2.- Os poderes públicos garantirán a protección, a conservación e o enriquecemento do patrimonio cultural de Galicia.

Artigo 26. O acceso ó patrimonio cultural de Galicia.

1.- Os propietarios, posuidores e demais titulares de dereitos reais sobre os bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia facilitaranlle o acceso, con fins de inspección, á Administración competente. Igualmente, estarán obrigados a permitiren o acceso dos investigadores, logo de solicitude motivada, ós bens declarados ou catalogados. O cumprimento desta obriga só poderá ser dispensado pola Administración cando, en atención ás circunstancias concorrentes, entenda que existe causa suficientemente xustificada para iso.

2.- Para os efectos previstos nesta lei, a Administración competente poderá solicitar dos titulares de dereitos sobre os bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia o exame deles, así como as informacións pertinentes para a súa inclusión, se procede, no inventario xeral.

3.- Os propietarios, posuidores e demais titulares de bens declarados de interese cultural deberán facilita-la visita pública a estes nas condicións que se determinen, que en todo caso será gratuíta durante catro días ó mes, en días e horario prefixado.

Artigo 27. Dereitos de tanteo e retracto.

1.- Toda pretensión de alleamento ou venda dun ben declarado ou catalogado deberalle ser notificada á Consellería de Cultura, con indicación do prezo e das condicións nas que se propoña realizar aquela, sen prexuízo do establecido no artigo 38 da Lei 16/1985, do patrimonio histórico español.

Os poxadores deberán notificar igualmente cun prazo de antelación de dous meses as poxas públicas nas que se pretenda allear calquera ben declarado, catalogado ou calquera outro que, formando parte do patrimonio cultural de Galicia, regulamentariamente se esixa.

2.- No prazo de dous meses, o órgano competente da Xunta de Galicia poderá exerce-lo dereito de tanteo para si ou para outras institucións sen ánimo de lucro, obrigándose ó pagamento do prezo convido ou do de remate da poxa.

3.- Se a pretensión de alleamento ou venda e as súas condicións non fosen notificadas correctamente, poderase exercer, nos termos do apartado anterior, o dereito de retracto, no prazo de seis meses a partir da data na que se teña coñecemento acreditado da venda.

Artigo 28. Escrituras públicas.

Para a formalización de escrituras públicas de adquisición de bens declarados ou catalogados, ou de transmisión de dereitos reais de desfrute sobre estes bens, acreditarase previamente o cumprimento do establecido no artigo 27 da presente lei. Esta acreditación tamén é necesaria para a inscrición dos títulos correspondentes.

Artigo 29. Comercio.

1.- As persoas e as entidades que se dediquen habitualmente ó comercio de bens mobles integrantes do patrimonio cultural de Galicia levarán un libro de rexistro legalizado pola Consellería de Cultura no que constarán as transaccións efectuadas. Anotaranse no citado libro os datos de identificación do obxecto e as partes que interveñan en cada transacción.

2.- A Consellería de Cultura creará e levará un rexistro das empresas que se dediquen habitualmente ó comercio dos obxectos ó que se refire o apartado anterior. Será requisito indispensable estar incluído no mencionado rexistro para o exercicio desta actividade. Regulamentariamente determinarase o funcionamento do antedito rexistro.

Artigo 30. Limitacións á transmisión.

1.- Os bens declarados e catalogados que sexan propiedade da Comunidade Autónoma ou das entidades locais serán imprescritibles, inalienables e inembargables, agás as transmisións que poidan efectuarse entre entes públicos territoriais.

2.- Cando estes bens estean en posesión das institucións eclesiásticas, rexeranse pola lexislación estatal.

Artigo 31. Expropiación.

O incumprimento das obrigas de protección e conservación será causa de interese social para a expropiación forzosa dos bens declarados e catalogados pola Administración competente.

Artigo 32. Impacto ou efecto ambiental.

1.- A Consellería de Cultura deberá ser informada dos plans, programas e proxectos, tanto públicos coma privados, que pola súa incidencia sobre o territorio poidan implicar risco de destrucción ou deterioración do patrimonio cultural de Galicia.

2.- Para os efectos previstos no apartado anterior, a Consellería de Cultura deberá establecer aquelas medidas protectoras e correctoras que considere necesarias para a protección do patrimonio cultural de Galicia.

3.- Na tramitación de tódalas avaliacións de impacto ou efecto ambiental, o organismo administrativo competente en materia de medio ambiente solicitará informe da Consellería de Cultura e incluirá na declaración ambiental as consideracións e condicións resultantes do dito informe.

4.- Deberán ser incluídas tódalas figuras relativas ó planeamento urbanístico.

Capítulo II

Protección dos bens de interese cultural

Sección lª. Réxime xeral aplicable ós bens inmobles e mobles

Artigo 33. Réximede protección.

Os bens declarados de interese cultural gozarán da máxima protección e tutela, e a súa utilización quedará

subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa conservación. Calquera cambio de uso deberá ser autorizado polos organismos competentes para a execución desta lei.

Sección 2ª. Réxime aplicable ós bens inmobles

Subsección lª. Réxime xeral

Artigo 34. Definición.

Para os efectos previstos nesta lei teñen a consideración de bens inmobles, ademais dos enumerados no artigo 334 do Código civil, todos aqueles elementos que poidan considerarse consubstanciais cos edificios e formen parte deles ou a formasen outrora.

Artigo 35. Incoación e suspensión de licencias.

1.- A incoación dun expediente de declaración de ben de interese cultural respecto dun inmoble determinará a suspensión das correspondentes licencias municipais de parcelación, edificación ou demolición nas zonas afectadas, así como dos efectos das xa outorgadas. A suspensión dependerá da resolución ou caducidade do expediente incoado.

2.- As obras que, por causa de forza maior, interese xeral ou urxencia, deberen realizarse con carácter inaprazable precisarán, en todo caso, autorización dos organismos competentes da Consellería de Cultura.

Artigo 36. Desprazamento.

Un inmoble declarado ben de interese cultural é inseparable do seu contorno. Non se poderá proceder ó seu desprazamento agás que resulte imprescindible por causa de forza maior ou interese social, logo de informe favorable da Consellería de Cultura; neste caso, será preciso adopta-las cautelas necesarias naquilo que poida afecta-lo solo ou o subsolo. Para a consideración de causa de forza maior ou de interese social, será preceptivo o informe favorable de polo menos dúas das institucións consultivas previstas nesta lei.

Artigo 37. Autorización das intervencións.

Calquera intervención que se pretenda realizar nun inmoble declarado ben de interese cultural deberá ser autorizada pola Consellería de Cultura, previamente á concesión da licencia municipal, coa excepción que supón o previsto no artigo 47.2 da presente lei.

Artigo 38. Proxectos de intervención.

1.- Calquera proxecto de intervención nun ben inmoble declarado ben de interese cultural deberá incorporar un informe sobre a súa importancia artística, histórica e/ou arqueolóxica, elaborado por técnico competente en cada unha das materias. Do mesmo xeito, deberase incluír no dito informe unha avaliación da intervención que se propón.

2.- Unha vez rematada a intervención, a dirección facultativa realizará unha memoria na que figure, polo

menos, a descrición pormenorizada da obra executada e dos tratamentos aplicados, así como a documentación gráfica do proceso seguido.

Artigo 39. Criterios de intervención en inmobles.

1.- Calquera intervención nun inmoble declarado ben de interese cultural deberá ir encamiñada á súa conservación e mellora, de acordo cos seguintes criterios:

a) Respectaranse as características esenciais do inmoble, sen prexuízo de que poida autorizarse o uso de elementos, técnicas e materiais actuais para a mellor adaptación do ben ó seu uso e para valorar determinados elementos ou épocas.

b) Conservaranse as características volumétricas e espaciais definidoras do inmoble, así como as contribucións de distintas épocas. No caso de que excepcionalmente se autorice algunha supresión, esta quedará debidamente documentada.

c) Evitaranse os intentos de reconstrucción, agás nos casos en que a existencia de suficientes elementos orixinais así o permita.

d) Non poderán realizarse adicións miméticas que falseen a súa autenticidade histórica.

e) Cando sexa indispensable para a estabilidade e o mantemento do inmoble, a adición de materiais deberá ser recoñecible.

f) Impediranse as accións agresivas nas intervencións sobre os paramentos.

2.- Nos monumentos, xardíns, sitios ou territorios históricos, zonas arqueolóxicas situadas ou non en solo urbano, lugares de interese etnográfico e zonas paleontolóxicas non se poderá instalar publicidade, cables, antenas e todo aquilo que impida ou menoscabe a apreciación do ben dentro do seu contorno.

Artigo 40. Licencias.

1.- A obtención das autorizacións necesarias segundo a presente lei non altera a obrigatoriedade de obter licencia municipal nin as demais licencias ou autorizacións que fosen necesarias.

2.- Non poderán outorgarse licencias para a realización de obras que, conforme a presente lei, requiran calquera autorización administrativa, ata que esta fose concedida.

3.- As obras realizadas sen cumpriren o establecido no apartado anterior serán ilegais, e os concellos e, se é o caso, a Consellería de Cultura ordenarán, se fose preciso, a súa reconstrucción ou a súa demolición con cargo ó responsable da infracción.

Artigo 41. Declaración de ruína.

1.- Se a pesar do establecido no artigo 33 se chegase a incoar expediente de declaración de ruína dalgún inmoble declarado ben de interese cultural, a Consellería de Cultura poderá intervir como interesada no dito expediente, debéndolle ser notificada a apertura e as resolucións que nel se adopten. En ningún

caso poderá procederse á demolición sen autorización da Consellería de Cultura.

2.- No suposto de que a situación de ruína leve aparellado perigo inminente de danos a persoas, a entidade que incoase expediente de ruína deberá adopta-las medidas oportunas para evita-los ditos danos. Tomaranse as medidas necesarias que garantan o mantemento das características e dos elementos singulares do edificio, que non poderán incluír máis demolicións cás estrictamente necesarias, e ateranse ós termos previstos na resolución da Consellería de Cultura.

3.- A situación de ruína producida por incumprimento do previsto no apartado anterior levará consigo a reposición, por parte do titular da propiedade, do ben ó seu estado primixenio.

Artigo 42. Suspensión de intervencións.

A Consellería de Cultura impedirá os derrubamentos e suspenderá calquera obra ou intervención non autorizada nun ben declarado.

Subsección 2ª. Réxime dos monumentos

Artigo 43. Intervención en monumentos.

En ningún monumento poderá realizarse obra interior, exterior, sinalización, instalación ou cambio de uso que afecte directamente o inmoble ou a calquera das súas partes integrantes, pertenzas ou o seu contorno delimitado, sen autorización expresa da Consellería de Cultura.

Artigo 44. Contorno dos monumentos.

1.- O contorno dos monumentos estará constituído polos inmobles e espacios lindantes inmediatos e, en casos excepcionais, polos non lindantes ou arredados, sempre que unha alteración deles poida afecta-los valores propios do ben de que se trate, a súa contemplación, apreciación ou estudio.

2.- O volume, a tipoloxía, a morfoloxía e o cromatismo das intervencións no contorno dos monumentos non poden altera-lo carácter arquitectónico e paisaxístico da zona, nin perturba-la contemplación do ben.

3.- Poderán expropiarse, e proceder ó seu derrubamento, os inmobles que impidan ou perturben a contemplación dos monumentos ou dean lugar a riscos para estes.

4.- Para calquera intervención que se pretenda realizar, a existencia dunha figura de planeamento que afecte o contorno dun monumento non poderá escusa-lo informe preceptivo e vinculante da Consellería de Cultura.

5.- No caso do contorno dun monumento declarado de interese cultural, integrado nun conxunto histórico que conte cun plan especial de protección, rexerase polo establecido no artigo 47.2 da presente lei.

Subsección 3ª.- Réxime dos conxuntos históricos

Artigo 45. Conxuntos históricos. Planeamento.

1.- A declaración dun conxunto histórico determinará a obriga para o Concello no que se atope de redactar un plan especial de protección da área afectada. A aprobación definitiva deste plan requirirá o informe favorable da Consellería de Cultura, que se entenderá positivo transcorridos tres meses desde a súa presentación.

A obrigatoriedade da dita normativa non poderá escusarse na preexistencia doutro planeamento contradictorio coa protección nin na inexistencia previa de planeamento xeral.

2.- Calquera outra figura de planeamento que incida sobre a área afectada pola declaración dun conxunto histórico precisará, igualmente, informe favorable da Consellería de Cultura, nos termos previstos no apartado anterior.

Artigo 46. Contido do planeamento.

1.- O plan especial ó que se refire o artigo anterior establecerá para tódolos usos públicos a orde prioritaria da súa instalación nos edificios e espacios que fosen aptos para iso. Igualmente preverá as posibles áreas de rehabilitación integrada que permitan a recuperación da área residencial e das actividades económicas adecuadas.

Tamén conterá os criterios relativos á conservación de fachadas e cubertas e instalacións sobre elas, así como daqueles elementos máis significativos existentes no interior.

2.- Manteranse igualmente a estructura urbana e arquitectónica do conxunto histórico e as características xerais do ambiente e da silueta paisaxística. Non se permitirán modificacións de aliñacións, alteracións da edificabilidade, parcelacións nin agregacións de inmobles, agás que contribúan á conservación xeral do carácter do conxunto.

3.- Conterá un catálogo exhaustivo de tódolos elementos que conforman o conxunto histórico, incluídos aqueles de carácter ambiental, sinalados con precisión nun plano topográfico, naqueles casos onde fose preciso.

4.- No planeamento recolleranse normas específicas para a protección do patrimonio arqueolóxico, que preverán, polo menos, a zonificación de áreas de fertilidade arqueolóxica, solucións técnicas e financeiras.

5.- Na redacción do plan especial preveranse especificamente as instalacións eléctricas, telefónicas ou calquera outra, que deberán ser soterradas. As antenas de televisión, as pantallas de recepción de ondas e os dispositivos similares situaranse en lugares que non prexudiquen a imaxe urbana ou do conxunto. Só se autorizarán aqueles rótulos que anuncien servicios públicos, os de sinalización e os comerciais, que serán harmónicos co conxunto, quedando prohibidos calquera outro tipo de anuncios ou rótulos publicitarios.

Artigo 47. Conxuntos históricos. Autorización de obras.

1.- En tanto non se aprobe definitivamente a normativa urbanística de protección á que se fai referencia no artigo 45.1 da presente lei, a concesión de licencias ou a execución das xa outorgadas antes da declaración de conxunto histórico precisará resolución favorable da Consellería de Cultura. Non se admitirán modificacións nas aliñacións e rasantes existentes, incrementos ou alteracións do volume, parcelacións nin agregacións e, en xeral, cambios que afecten a harmonía do conxunto.

2.- Unha vez aprobado definitivamente o plan especial de protección, os concellos serán competentes para autoriza-las obras que o desenvolven, incluídas as dos contornos dos monumentos declarados, e deberanlle dar conta á Consellería de Cultura das licencias concedidas nun prazo máximo de dez días. En todo caso, as intervencións arqueolóxicas requirirán a autorización da Consellería de Cultura.

3.- As obras que se realicen ó abeiro de licencias contrarias ó plan especial aprobado serán ilegais e a Consellería de Cultura deberá ordena-la súa reconstrucción ou demolición con cargo ó Concello que as outorgase, sen prexuízo do disposto na lexislación urbanística.

Subsección 4ª. Réxime dos outros bens inmobles declarados

Artigo 48. Protección das outras clases de bens inmobles declarados.

1.- Os sitios ou territorios históricos, as zonas arqueolóxicas e os lugares de interese etnográfico ordenaranse mediante plans especiais de protección ou outro instrumento de planeamento que cumpra as esixencias establecidas nesta lei.

2.- Os xardíns históricos e as zonas paleontolóxicas poderanse ordenar mediante as figuras de planeamento previstas no apartado anterior.

3.- Calquera remoción de terras dunha zona arqueolóxica ou zona paleontolóxica deberá ser autorizada pola Consellería de Cultura, con independencia de que exista ou non un instrumento urbanístico de protección.

Sección 3ª. Dos bens mobles

Artigo 49. Definición.

Para os efectos previstos nesta lei, ademais dos enumerados no artigo 335 do Código civil, teñen a consideración de bens mobles aqueles de carácter e valor histórico, tecnolóxico ou material, susceptibles de seren transportados, non estrictamente consubstanciais coa estructura de inmobles, calquera que sexa o seu soporte material.

Artigo 50. Conservación.

1.- A tódolos bens que formen parte dun museo, colección visitable ou fondos dun arquivo, así como a aqueles que integren o patrimonio bibliográfico de

Galicia, seralles aplicable o sistema de protección establecido na presente lei para os bens declarados de interese cultural.

2.- Calquera modificación, restauración ou alteración doutro tipo sobrebens mobles declarados requirirá autorización previa da Consellería de Cultura.

Artigo 51. Traslados.

1.- O traslado de bens mobles declarados comunicaráselle á Consellería de Cultura para a súa anotación no Rexistro de Bens de Interese Cultural, indicando a súa orixe e destino, e se aquel traslado se fai con carácter temporal ou definitivo.

2.- Os bens mobles que fosen recoñecidos como inseparables dun inmoble declarado estarán sometidos ó destino deste, e a súa separación, sempre con carácter excepcional, esixirá a previa autorización da Consellería de Cultura.

Capítulo III

Dos bens catalogados

Artigo 52. Da protección dos bens inmobles catalogados.

1.- Os bens inmobles catalogados, así como o seu contorno, gozarán da protección prevista no artigo 17 da presente lei a través do correspondente catálogo, ó que deberá axustarse a planificación territorial ou urbanística. A súa aprobación precisará o informe favorable e vinculante da Consellería de Cultura.

2.- Calquera intervención nun ben inmoble catalogado e no seu contorno precisará a autorización previa da Consellería de Cultura. No caso de tratarse dun conxunto histórico con plan especial de protección, rexerá para o contorno o establecido no artigo 47.2 da presente lei.

3.- A Consellería de Cultura poderá suspender cautelarmente calquera obra ou intervención non autorizada nun ben inmoble catalogado para o cumprimento dos fins previstos na presente lei.

Artigo 53. Protección dos bens mobles catalogados.

1.- Calquera actuación sobre un ben moble catalogado rexerase polo establecido no artigo 50.2 da presente lei.

2.- Con carácter xeral, os bens mobles catalogados poderán ser obxecto de comercio de acordo coas normas que regulamentariamente se establezan e en todo caso co previsto no artigo 29 da presente lei.

3.- Para os efectos da súa posible inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia, os propietarios, os posuidores e as persoas ou entidades que exerzan habitualmente o comercio de bens mobles deberán comunicarlle á Consellería de Cultura a existencia destes antes de proceder á súa transmisión a terceiros, facendo consta-lo prezo convido ou valor de mercado, sempre que este sexa igual ou superior ó disposto pola lexislación estatal.

Capítulo IV

Dos bens inventariados

Artigo 54. Protección.

Os bens inventariados ós que se refire o artigo 22.1 gozarán dunha protección baseada en evita-la súa desaparición, e estarán baixo a responsabilidade dos concellos e da Consellería de Cultura, que deberá autorizar calquera intervención que os afecte.

Título II

I

Do patrimonio arqueolóxico

Artigo 55. Definición.

Integran o patrimonio arqueolóxico de Galicia os bens mobles e inmobles de carácter histórico, susceptibles de seren estudiados con método arqueolóxico, fosen ou non extraídos, e tanto se se atopan na superficie coma no subsolo ou nas augas. Forman parte así mesmo deste patrimonio os elementos xeolóxicos e paleontolóxicos relacionados coa historia humana, as súas orixes, os seus antecedentes e o desenvolvemento sobre o medio.

Artigo 56. Bens arqueolóxicos de dominio público.

1.- Para os efectos da presente lei teñen a consideración de dominio público tódolos obxectos e restos materiais de interese arqueolóxico descubertos como consecuencia de escavacións arqueolóxicas ou calquera outro traballo sistemático, remoción de terras, obras de calquera índole, ou de xeito casual.

2.- A Consellería de Cultura deberá ordena-la execución de intervencións arqueolóxicas en calquera terreo público ou privado onde se constate ou presuma a existencia dun xacemento ou restos arqueolóxicos. Para efectos da correspondente indemnización rexerá o disposto na lexislación vixente sobre expropiación forzosa.

3.- Como medida precautoria, a Consellería de Cultura deberá ordena-lo control arqueolóxico, entendido como a supervisión por un arqueólogo dun proceso de obras que afecten ou poidan afectar un espacio onde se presuma a existencia de restos arqueolóxicos. De ser así, a Administración competente determinará se procede paraliza-las obras ou remocións e ordenar algún tipo de intervención arqueolóxica.

Artigo 57. Actividades arqueolóxicas.

Será necesaria a autorización previa da Consellería de Cultura para a realización das seguintes actividades arqueolóxicas:

a) A prospección arqueolóxica, entendida como a exploración superficial e sistemática sen remoción, tanto terrestre coma subacuática, dirixida ó estudio e investigación para a detección de restos históricos ou paleontolóxicos, así como dos compoñentes xeolóxicos e ambientais con eles relacionados. Isto engloba a observación e o recoñecemento sistemático de superficie e tamén a aplicación das técnicas que a arqueoloxía recoñece como válidas.

b) A sondaxe arqueolóxica, entendida como aquela remoción de terras complementaria da prospección, encamiñada a comproba-la existencia dun xacemento arqueolóxico ou recoñece-la súa estratigrafía. Calquera toma de mostras en xacementos arqueolóxicos considerarase dentro deste apartado.

c) A escavación arqueolóxica, entendida como a remoción, no subsolo ou en medios subacuáticos, que se realice co fin de descubrir e investigar toda clase de restos históricos ou paleontolóxicos con eles relacionados.

d) O estudio da arte rupestre, entendido como o conxunto de tarefas de campo orientadas á investigación, á documentación gráfica por medio de calco e a calquera manipulación ou contacto co soporte dos motivos representados.

e) Os labores de protección, consolidación e restauración arqueolóxica, entendidos como as intervencións en xacementos arqueolóxicos encamiñadas a favorece-la súa conservación e que, en consecuencia, permitan o seu desfrute e faciliten o seu acrecentamento.

f) A manipulación con técnicas agresivas de materiais arqueolóxicos.

Artigo 58. Urxencias arqueolóxicas.

1.- As actuacións serán consideradas de urxencia cando exista risco de destrucción inmediata do xacemento e se esgotasen tódalas posibilidades para evita-la súa desaparición ou afectación.

2.- A Consellería de Cultura, mediante procedemento simplificado, poderá ordenar ou autoriza-la realización das intervencións necesarias sempre que concorran as circunstancias previstas no apartado anterior.

Artigo 59. Achados casuais.

1.- Para os efectos da presente lei, terá a consideración de achado casual o descubrimento de obxectos e restos materiais que posúan os valores que son propios do patrimonio cultural galego e fosen descubertos por azar ou como consecuencia de calquera tipo de remocións de terra, demolicións ou obras de calquera índole.

2.- O descubridor dun ben que teña a consideración de achado casual deberalle comunicar inmediatamente o seu descubrimento á Consellería de Cultura.

3.- No caso de bens mobles, unha vez comunicado o descubrimento, e ata que os obxectos sexan entregados á Consellería de Cultura, ó descubridor aplicaránselle as normas de depósito legal, agás que os entregue nun museo público, institución que deberá poñelo, así mesmo, en coñecemento da Consellería de Cultura, que decidirá a súa localización definitiva.

4.- A Consellería de Cultura ou, se é o caso, os concellos respectivos poderán ordena-la interrupción inmediata das obras no lugar obxecto dun achado casual, por un prazo máximo de un mes, co fin de levar a cabo os traballos arqueolóxicos que consideraren necesarios. A devandita paralización non com

portará dereito a ningunha indemnización. No caso de consideralo necesario, poderase dispoñe-la prórroga da suspensión das obras por tempo superior a un mes, quedando neste caso suxeitos ó disposto na lexislación vixente sobre expropiación forzosa.

Artigo 60. Dereito a premio.

1.- O descubridor e o propietario do terreo no que se atopase un achado casual terán dereito a percibir da Xunta de Galicia en concepto de premio unha cantidade igual á metade do valor que en taxación legal se atribúa, que se distribuirá entre eles por partes iguais. A valoración será realizada pola Comisión Superior de Valoración de Bens Culturais de Interese para Galicia. Polo que se refire a bens inmobles, estes non devengarán dereito a premio.

2.- O incumprimento das obrigas previstas no artigo anterior privará ó descubridor e, se é o caso, ó propietario do terreo do dereito a premio, e os obxectos quedarán depositados no museo que determine a Consellería de Cultura, con independencia das sancións que procedan.

Artigo 61. Requisitos e autorizacións.

1.- Os requisitos para realizar e dirixi-las actividades arqueolóxicas axustaranse ó establecido regulamentariamente. Requirirase a presentación dun proxecto que conteña un programa detallado e coherente, que acredite a conveniencia e o interese científico da intervención e avale a idoneidade técnica do arqueólogo director. Asemade as solicitudes presentadas por persoas físicas estranxeiras deberán estar avaladas por unha institución científica en materia de arqueoloxía radicada no seu país.

2.- As solicitudes deberán acompañarse da autorización do propietario do terreo.

3.- Na resolución pola que se concede a autorización indicaranse as condicións ás que deben suxeitarse os traballos así como o museo no que deberán depositarse os materiais e a documentación escrita ou gráfica complementaria correspondente, e concederase sen prexuízo doutras autorizacións ou licencias que fosen necesarias por aplicación da lexislación urbanística.

4.- A responsabilidade polos danos e perdas que puidesen resultar da execución de actuacións arqueolóxicas recaerá sobre o solicitante da autorización para a realización delas e, se é o caso, sobre outros posibles implicados.

Artigo 62. Responsabilidade na dirección e destino dos achados arqueolóxicos.

1.- O arqueólogo director dos traballos asumirá persoalmente a dirección daqueles.

2.- Os bens materiais procedentes das actuacións arqueolóxicas autorizadas, así como toda a documentación escrita e gráfica que permita o adecuado tratamento museográfico dos fondos, deberán ser depo

sitados nos museos que designe a Consellería de Cultura. Ata que os obxectos sexan entregados nos ditos centros, ó titular da autorización seranlle aplicables as normas de depósito legal.

3.- Unha vez depositados os materiais e presentada a memoria correspondente a cada actuación, estes quedarán á disposición do público en xeral, co fin de facilitar outros estudios e investigacións.

Artigo 63.

Intervencións arqueolóxicas por obras en conxuntos históricos, zonas arqueolóxicas ou xacementos catalogados ou inventariados.

1.- Cando, como requisito previo para a realización de calquera tipo de obra que afecte un conxunto histórico, zona arqueolóxica ou xacementos catalogados ou inventariados, a Consellería de Cultura ou a figura de planeamento vixente determine a necesidade de realizar intervencións arqueolóxicas, o promotor presentará un proxecto arqueolóxico de acordo co que se establece no artigo 61 da presente lei.

2.- Se se trata dun particular, a Consellería de Cultura colaborará no financiamento do custo da execución do proxecto. Se o promotor da obra é unha Administración pública ou concesionario, o custo das intervencións arqueolóxicas será asumido integramente pola entidade promotora.

Título IV

Do patrimonio etnográfico

Artigo 64. Definición.

Integran o patrimonio etnográfico de Galicia os lugares e os bens mobles e inmobles así como as actividades e os coñecementos que constitúan formas relevantes ou expresión da cultura e modos de vida tradicionais e propios do pobo galego nos seus aspectos materiais e inmateriais.

Artigo 65. Protección dos bens inmateriais.

Teñen valor etnográfico e gozarán de protección aqueles coñecementos, actividades, prácticas, saberes e calquera outra expresión que proceda de modelos, técnicas, funcións e crenzas propias da vida tradicional galega.

Cando estean en previsible perigo de desaparición, perda ou deturpación, a Consellería de Cultura promoverá e adoptará as medidas oportunas conducentes ó seu estudio, documentación científica e á súa recollida por calquera medio que garanta a súa transmisión e posta en valor.

Artigo 66. Bens inmobles de carácter industrial.

A tódolos bens de carácter etnográfico que constitúan restos físicos do pasado tecnolóxico, productivo e industrial galego que sexan susceptibles de seren estudiados con metodoloxía arqueolóxica seralles aplicable o disposto nesta lei para o patrimonio arqueolóxico.

Título V

Dos museos

Artigo 67. Definición e funcións dos museos.

1.- Os museos son institucións de carácter permanente, abertas ó público e sen finalidade de lucro, orientadas á promoción e ó desenvolvemento cultural da comunidade en xeral, por medio da recollida, adquisición, inventario, catalogación, conservación, investigación, difusión e exhibición, de xeito científico, estético e didáctico, de conxuntos e coleccións de bens patrimoniais de carácter cultural que constitúen testemuños das actividades do ser humano ou do seu contorno natural, con fins de estudio, educación, gozo e promoción científica e cultural.

2.- Son funcións dos museos:

a) A conservación, catalogación, restauración e exhibición ordenada das coleccións.

b) A investigación no ámbito das súas coleccións, da súa especialidade ou do seu respectivo contorno cultural.

c) A organización periódica de exposicións científicas e divulgativas de carácter temporal.

d) A elaboración e publicación de catálogos e monografías dos seus fondos.

e) O desenvolvemento dunha actividade didáctica respecto dos seus contidos.

f) Calquera outra función que nas súas normas estatutarias ou por disposición legal ou regulamentaria se lles encomende.

Artigo 68. Colección visitable.

Aquela colección que non reúna tódalas características e condicións que constitúen os requisitos necesarios para o seu recoñecemento como museo cualificarase como colección visitable sempre que os seus titulares faciliten, mediante un horario accesible e regular, a visita pública e o acceso dos investigadores, gozando os seus fondos das atencións básicas que garantan a súa custodia e conservación.

Artigo 69. Creación e regulamentación.

1.- A creación, autorización e cualificación dun museo ou dunha colección visitable farase por acordo do Consello da Xunta, e nel delimitarase o seu ámbito territorial e contido temático.

2.- Os organismos públicos e as persoas físicas ou xurídicas interesadas na creación de museos ou coleccións visitables promoverán diante da Consellería de Cultura a iniciación do oportuno expediente, no que se incorporará a documentación e o inventario sobre os fondos e patrimonio co que conta o promotor, así como o programa e proxecto museográfico, que incluirá un estudio das instalacións, medios e persoal, da forma que regulamentariamente se determine.

3.- Créase na Consellería de Cultura un rexistro xeral administrativo no que se inscribirán os museos e as coleccións autorizadas en virtude do disposto na presente lei, e no que se fará consta-la cualificación e a delimitación establecidas para cada centro.

4.- Correspóndelle á Consellería de Cultura, a través dos seus órganos específicos, a regulamentación, inspección e control de tódolos museos e coleccións visitables de Galicia.

Artigo 70. Sistema galego de museos.

1.- Constitúe o sistema galego de museos a estructura organizativa e funcional que regula a integración dos centros e redes museísticas de Galicia nun programa de vínculos institucionais que articulen de xeito operativo a xestión cultural e científica dos museos da Comunidade Autónoma. Os seus órganos rectores e o seu funcionamento estableceranse regulamentariamente pola Consellería de Cultura.

2.- Forman parte do sistema galego de museos tódolos museos e coleccións visitables que se atopen no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 71. Rede de museos.

Para os efectos da presente lei, enténdese por rede de museos a trama diversa de titularidades, ámbitos territoriais ou contidos temáticos que afectan os diferentes museos e coleccións de Galicia, e será establecida regulamentariamente pola Consellería de Cultura.

Artigo 72. Instrumentos e medios dos museos.

Tódolos museos radicados na Comunidade Autónoma de Galicia contarán cun rexistro para o tratamento administrativo dos fondos, que se reflectirá nun libro de inscrición. Do mesmo xeito contarán cun inventario e cun catálogo para o tratamento técnico-científico e a identificación, control, estudio e difusión do patrimonio moble neles albergado.

Tódolos museos integrados no sistema galego contarán cos medios humanos e técnicos suficientes para poderen desenvolve-las súas funcións de acordo coa estructuración en áreas e dotacións que regulamentariamente se establezan.

Artigo 73. Acceso ós museos.

1.- A Consellería de Cultura promoverá e garantirá o acceso de tódolos cidadáns ós museos públicos sen prexuízo das restriccións que, por mor da conservación dos bens neles custodiados, poidan establecerse.

2.- A Consellería de Cultura establecerá as condicións que rexerán o acceso e a visita pública ós museos do sistema galego e, de acordo cos titulares das diferentes redes, a outros museos e coleccións visitables, e regulará os horarios de apertura ó público, para facilita-lo coñecemento e desfrute dos bens culturais neles expostos, ou para a súa investigación, conforme os obxectivos e as funcións determinados nesta lei.

Artigo 74. Reproduccións.

1.- A Consellería de Cultura, respecto dos museos do sistema galego, establecerá as condicións para autoriza-la reproducción por calquera procedemento dos obxectos neles custodiados.

2.- Toda reproducción total ou parcial con fins de explotación comercial ou de publicidade de fondos

pertencentes a coleccións de museos de titularidade estatal xestionados ou de titularidade autonómica deberá ser formalizada mediante convenio entre as administracións implicadas.

Título VI

Do patrimonio bibliográfico

Artigo 75. Definición.

1.- Constitúen o patrimonio bibliográfico de Galicia os fondos e as coleccións bibliográficas e hemerográficas, e as obras literarias, históricas, científicas ou artísticas, impresas, manuscritas, fotográficas, cinematográficas, fonográficas e magnéticas, de carácter unitario ou seriado, en calquera tipo de soporte e independentemente da técnica utilizada para a súa creación ou reproducción, das que non conste a existencia de polo menos tres exemplares en bibliotecas ou servicios públicos.

2.- Así mesmo, forman parte do patrimonio bibliográfico de Galicia as obras con máis de cen anos de antigüidade, incluídos os manuscritos, así como os fondos que por algunha circunstancia formen un conxunto unitario, independentemente da antigüidade das obras que o conforman.

Título VII

Do patrimonio documental e dos arquivos

Artigo 76. Definición.

1.- Constitúen o patrimonio documental de Galicia tódolos documentos, fondos e coleccións de calquera época, reunidos ou non en arquivos existentes en Galicia e fóra dela, procedentes das persoas ou institucións de carácter público e privado, que se consideren integrantes del no presente título.

2.- Enténdese por documento, para os efectos da presente lei, todo testemuño de funcións e actividades humanas recollido nun soporte perdurable e expresado en linguaxe oral ou escrita, natural ou codificada. Exclúense os exemplares non orixinais de obras editadas ou publicadas.

3.- Enténdese por arquivo o conxunto orgánico de documentos producidos ou acumulados polas persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, no exercicio das súas funcións e actividades, e conservados como testemuño e garantía dos dereitos e deberes da Administración e dos cidadáns e como fonte de información xeral para a xestión administrativa e para todo tipo de investigación. Esta noción corresponde tamén á do fondo do arquivo. Igualmente, enténdese por arquivo a institución que reúne, custodia, comunica e difunde os fondos de arquivo e as coleccións documentais por medio dos métodos e das técnicas que lle son propias.

4.- Enténdese por colección documental, para os efectos da presente lei, o conxunto non orgánico de documentos reunido artificialmente en función de criterios subxectivos ou de conservación.

Artigo 77. Contido do patrimonio documental.

1.- Integran o patrimonio documental de Galicia:

a) Os documentos de calquera época xerados, conservados ou reunidos no exercicio da súa función por calquera organismo de carácter público existente en Galicia, así como por persoas privadas, físicas ou xurídicas, xestoras de servicios públicos.

b) Os documentos cunha antigüidade superior ós corenta anos xerados, conservados ou reunidos no exercicio das súas actividades polas entidades e institucións de carácter público, sindical ou relixioso e polas entidades, fundacións e asociacións culturais e educativas de carácter privado.

c) Os documentos cunha antigüidade superior ós cen anos xerados, conservados ou reunidos por calquera outra entidade ou persoa física.

2.- A Consellería de Cultura poderá declarar constitutivos do patrimonio documental de Galicia aqueles documentos que, sen alcanzaren a antigüidade indicada nos apartados anteriores, merezan esa consideración.

Artigo 78. Sistema de arquivos de Galicia.

1.- O sistema de arquivos de Galicia configúrase como o conxunto de órganos, centros e servicios encargados da protección, custodia, enriquecemento, comunicación e difusión do patrimonio documental de Galicia. Os seus órganos rectores e o seu funcionamento estableceranse regulamentariamente pola Consellería de Cultura.

2.- Tódolos arquivos integrados no sistema galego contarán cos medios humanos e técnicos suficientes para poder cumpri-las súas funcións propias establecidas na presente lei.

Artigo 79. Rede de arquivos.

Para os efectos da presente lei, enténdese por rede de arquivos a trama diversa de titularidades ou ámbitos territoriais que afecten os diferentes arquivos de Galicia, e será establecida regulamentariamente pola Consellería de Cultura.

Artigo 80. Ciclo vital dos documentos.

1.- A Consellería de Cultura regulará o ciclo vital dos documentos das distintas administracións públicas de Galicia, así como a circulación de documentos, as transferencias e a selección destes, a súa valoración e a posterior destrucción dos non chamados á conservación permanente.

2.- Os documentos dos arquivos integrados no sistema de arquivos de Galicia serán obxecto da pertinente selección para, unha vez rematado o prazo de vixencia administrativa, determina-la súa eliminación ou, pola contra, a súa conservación definitiva nun arquivo, de acordo cos seus valores administrativos, xurídicos, históricos e legais.

3.- Baixo ningún concepto se poderán destruí-los documentos mentres subsista o seu valor probatorio de dereitos e obrigas das persoas e dos entes públicos.

Artigo 81. Circulación dos documentos.

1.- O procedemento para o caso de entradas extraordinarias de documentos por calquera título nalgún dos arquivos do sistema e a súa adscrición en cada caso ó máis axeitado serán establecidos regulamentariamente.

2.- A saída dos documentos depositados nestes arquivos deberáselle comunicar á Consellería de Cultura como órgano competente en materia de arquivos e patrimonio documental.

Artigo 82. Acceso á documentación.

Tódalas persoas teñen dereito á consulta dos documentos constitutivos do patrimonio documental de Galicia e á obtención de información sobre o contido destes, de acordo coa lexislación aplicable na materia.

Título VIII

Das medidas de fomento

Artigo 83. Normas xerais.

1.- As axudas das administracións públicas para a investigación, documentación, conservación, recuperación, restauración e difusión dos bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia concederanse de acordo cos criterios de publicidade, concorrencia e obxectividade e dentro das previsións presupostarias.

2.- No outorgamento das medidas de fomento ás que se refire este título, fixaranse as garantías necesarias para evita-la especulación con bens que se adquiran, conserven, restauren ou melloren con axudas públicas.

3.- As persoas e entidades que non cumpran o deber de conservación establecido por esta lei non poderán acollerse ás medidas de fomento.

4.- A Xunta de Galicia pode propicia-la participación de entidades privadas e de particulares no financiamento das actuacións de fomento ás que se refire este título. Se se tratase dun particular, a Consellería de Cultura poderá colaborar no financiamento do custo da execución do proxecto, establecéndose regulamentariamente a porcentaxe e as fórmulas de colaboración convenientes.

5.- Cando se trate de obras de reparación urxente, a Consellería de Cultura poderá conceder unha axuda con carácter de anticipo reintegrable que será inscrita no Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural, no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia ou no Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia, segundo corresponda, e no caso de tratarse de bens inmobles, no Rexistro da Propiedade, nos termos que regulamentariamente se establezan.

Artigo 84. Investigación, conservación e difusión.

A Xunta de Galicia facilitará o financiamento da conservación, acrecentamento e rehabilitación, así como as actividades de estudio e difusión do seu patrimonio cultural, dándolle prioridade en todo caso a aquel que estea declarado de interese cultural ou catalogado.

Artigo 85. Adquisición.

A Xunta de Galicia poderá adopta-las medidas necesarias para o financiamento da adquisición de bens declarados de interese cultural e catalogados, co fin de destinalos a un uso xeral que asegure a súa protección. Así mesmo, adoptará as medidas necesarias para que tales bens teñan acceso preferente ó crédito oficial.

Artigo 86. Investimentos culturais.

1.- Para os efectos de concreta-las obrigas establecidas nesta lei, destinarase un mínimo do 0,15% dos presupostos xerais da Comunidade Autónoma para fins de conservación, restauración e rehabilitación do patrimonio cultural de Galicia, que será xestionado pola Consellería de Cultura.

2.- Os investimentos culturais que o Estado faga en Galicia en aplicación do 1% cultural determinado pola Lei do patrimonio histórico español faranse co informe previo da Consellería de Cultura sobre os sectores e ámbitos culturais que se consideren prioritarios en cada momento.

Artigo 87. Pagamentos con bens culturais.

O pagamento de tributos con bens do patrimonio cultural de Galicia nos impostos de sucesións e doazóns, e nos do patrimonio, levarase a cabo a través do réxime previsto na lexislación estatal.

Artigo 88. Beneficios fiscais.

Os bens declarados de interese cultural gozarán dos beneficios fiscais que estableza a lexislación correspondente.

Título IX

Do réxime sancionador

Artigo 89. Infraccións. Clases.

1.- Constitúen infraccións administrativas en materia de protección do patrimonio cultural de Galicia as accións ou omisións que supoñan incumprimento das obrigas establecidas nesta lei.

2.- As infraccións en materia de protección do patrimonio cultural de Galicia clasificaranse en leves, graves e moi graves.

Artigo 90. Infraccións leves.

Constitúen infraccións leves:

a) A simple falta de notificación á Consellería de Cultura de actos ou traslados que afecten os bens inscritos no Rexistro de Bens de Interese Cultural ou incluídos no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia.

b) A obstrucción da capacidade de inspeccionar que ten a Administración sobre os bens do patrimonio cultural de Galicia, agás os bens declarados de interese cultural.

c) O incumprimento do deber de permiti-lo acceso dos investigadores ós bens declarados de interese cultural, catalogados ou inventariados.

d) O incumprimento de calquera obriga de carácter formal contida nesta lei.

e) O outorgamento de licencias municipais sen a autorización preceptiva da Consellería de Cultura para obras en bens inventariados, incluído o seu contorno.

f) O incumprimento da suspensión de obras acordada pola Consellería de Cultura.

g) A realización de calquera intervención nun ben inventariado sen a preceptiva autorización da Consellería de Cultura.

Artigo 91. Infraccións graves.

Constitúen infraccións graves:

a) Non poñer en coñecemento da Consellería de Cultura, nos termos fixados no artigo 27, a transmisión onerosa da propiedade ou de calquera dereito real sobre bens declarados de interese cultural.

b) A obstrucción á facultade de inspeccionar que ten a Administración sobre os bens declarados de interese cultural.

c) O incumprimento do deber de conservación dos propietarios ou posuidores de bens declarados de interese cultural.

d) A inobservancia do deber de leva-lo libro de rexistro ó que fai referencia o artigo 29.1, así como a omisión ou inexactitude de datos que deben constar nel.

e) A retención ilícita ou o depósito indebido de documentos obxecto de protección nesta lei.

f) A separación non autorizada de bens mobles vinculados a bens inmobles declarados de interese cultural.

g) O incumprimento das obrigas de comunicación do descubrimento de restos arqueolóxicos e da entrega dos bens atopados.

h) A realización de calquera intervención nun ben declarado ou catalogado sen a preceptiva autorización da Consellería de Cultura.

i) O incumprimento da suspensión de obras con motivo do descubrimento de restos arqueolóxicos e das suspensións de obras acordadas pola Consellería de Cultura.

j) O outorgamento de licencias municipais sen a autorización preceptiva da Consellería de Cultura, para obras en bens declarados ou catalogados, incluído o seu contorno, ou aquelas outorgadas que contraviñeren o especificado nos plans especiais de protección e o incumprimento do establecido no apartado 2 do artigo 47 da presente lei.

k) A realización de actividades arqueolóxicas sen a preceptiva autorización da Consellería de Cultura, ou as realizadas contravindo os termos nos que foi concedida esta.

l) Non poñer en coñecemento da Consellería de Cultura a realización de poxas que afecten os bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia, agás os bens declarados de interese cultural.

m) O incumprimento dos deberes establecidos no artigo 29.1 para os comerciantes de bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia.

Artigo 92. Infraccións moi graves.

Constitúen infraccións moi graves:

a) O derrubamento ou a destrucción total ou parcial de inmobles declarados bens de interese cultural sen a preceptiva autorización.

b) A destrucción de bens mobles declarados de interese cultural ou catalogados.

c) Todas aquelas accións ou omisións que leven aparelladas a perda, destrucción ou deterioración irreparable dos bens declarados de interese cultural ou catalogados.

Artigo 93. As infraccións en función do dano causado.

Considéranse como infraccións leves, graves ou moi graves, en función do dano potencial ou efectivo ó patrimonio cultural de Galicia:

a) O cambio de uso en monumentos sen a previa autorización da Consellería de Cultura.

b) A realización de obras con remoción ou demolición nun lugar no que se realizase un achado casual.

c) A utilización sen a debida autorización de sistemas, técnicas e métodos de detección de bens integrantes do patrimonio cultural, tanto no solo coma no subsolo, en medio terrestre ou acuático.

Artigo 94. Responsabilidade.

Serán responsables das infraccións previstas na presente lei:

a) Os considerados de acordo coa lexislación penal como autores, cómplices ou encubridores, así como os que incumpran as obrigas que establece esta lei, para obteren un beneficio.

b) Os promotores das intervencións ou obras que se realicen sen autorización ou incumprindo as condicións desta.

c) O director das intervencións ou obras que se realicen sen autorización ou incumprindo as condicións desta.

d) Os funcionarios ou responsables das administracións públicas que por acción ou omisión permitan as infraccións.

Artigo 95. Sancións. Clases.

1.- Nos casos en que o dano causado ó patrimonio cultural de Galicia poida ser valorado economicamente, a infracción será sancionada con multa do tanto ó cuádruplo do valor do dano causado.

2.- Nos demais casos procederán as seguintes sancións:

a) Infraccións leves: sanción de ata 10.000.000 de pesetas.

b) Infraccións graves: sanción desde 10.000.001 pesetas ata 25.000.000 de pesetas.

c) Infraccións moi graves: sanción desde 25.000.001 pesetas.

3.- Sen prexuízo do disposto nos apartados anteriores, a contía da sanción non poderá ser en ningún caso inferior ó beneficio obtido como resultado da actuación infractora.

4.- A graduación das multas realizarase en función da gravidade da infracción, das circunstancias atenuantes ou agravantes que concorran, da importancia dos bens afectados, das circunstancias persoais do sancionado, do prexuízo causado ou que puido causarse ó patrimonio cultural de Galicia e do grao de malicia do interveniente.

5.- As multas que se impoñan a distintos suxeitos como consecuencia dunha mesma infracción terán carácter independente entre si.

Artigo 96. Órganos competentes.

1.- A competencia para a imposición das sancións previstas no artigo anterior correspóndelle:

a) Ó director xeral do Patrimonio Histórico e Documental: sancións de ata 10.000.000 de pesetas.

b) Ó conselleiro de Cultura: sancións comprendidas entre 10.000.001 pesetas e 25.000.000 de pesetas.

c) Ó Consello da Xunta de Galicia: sancións superiores a 25.000.001 pesetas.

2.- A Consellería de Cultura, sen prexuízo do disposto no presente artigo, emprenderá perante os órganos xurisdiccionais competentes as accións penais que corresponderen polos actos delictuosos en que puideren incorre-los infractores.

Artigo 97. Procedemento.

1.- A iniciación do procedemento sancionador, sen prexuízo da superior autoridade do conselleiro, realizarase por resolución da Dirección Xeral do Patrimonio Histórico e Documental, de oficio ou logo de denuncia de parte.

2.- A tramitación do expediente sancionador, no que, en todo caso, se lle dará audiencia ó interesado, rexerase polo disposto no título IX da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 98. Reparación e comiso.

1.- As infraccións das que se deriven danos ó patrimonio cultural de Galicia levarán consigo, sempre que sexa posible, a obriga de reparación e restitución das cousas ó seu debido estado, así como, en todo caso, a indemnización dos danos e perdas causados.

2.- En caso de incumprimento da dita obriga, a Consellería de Cultura realizará, sempre que posible, as intervencións reparadoras necesarias a cargo do infractor.

3.- O órgano competente para impoñer unha sanción poderá acordar como medida cautelar o comiso dos materiais e utensilios empregados na actividade ilícita, así como acorda-lo depósito cautelar dos bens inte

grantes do patrimonio cultural que se atopen en posesión de persoas que se dediquen a comerciar con eles se non poden acredita-la súa adquisición lícita.

Artigo 99. Prescrición.

As infraccións administrativas do disposto na presente lei prescribirán ós dez anos de se cometeren ou descubriren no caso das moi graves, e ós cinco anos nos demais supostos.

Disposición adicional primeira

Todos aqueles bens mobles e inmobles sitos no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia que fosen declarados de interese cultural con anterioridade á entrada en vigor desta lei pasarán a te-la consideración de bens de interese cultural e quedarán sometidos ó mesmo réxime xurídico de protección aplicable a estes.

Disposición adicional segunda

En virtude desta lei inclúense no Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia todos aqueles bens recollidos nos catálogos das normas complementarias e subsidiarias de planeamento das provincias da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, aprobadas pola Orde da Consellería de Ordenación do Territorio e Obras Públicas do 3 de abril de 1991, así como os contidos nos catálogos de calquera outra figura de planeamento.

Disposición adicional terceira

A Consellería de Cultura promoverá a preparación adecuada dos funcionarios encargados da administración e custodia do patrimonio cultural de Galicia.

Disposición adicional cuarta

O coñecemento do patrimonio cultural de Galicia será valorizado dentro do sistema educativo obrigatorio, nos seus diferentes niveis.

Disposición adicional quinta

A contía das sancións previstas nesta lei deberá actualizarse por decreto da Xunta de Galicia, de acordo co índice de prezos ó consumo.

Disposición adicional sexta

Créase un corpo de vixilancia e inspección do patrimonio cultural de Galicia, co fin de velar polo cumprimento do establecido nesta lei. As súas funcións determinaranse regulamentariamente.

Disposición transitoria primeira

A tramitación e os efectos dos expedientes de declaración de bens de interese cultural incoados con anterioridade á entrada en vigor da presente lei quedarán sometidos ó disposto por esta.

Disposición transitoria segunda

Cando, á entrada en vigor desta lei, o contorno dun inmoble catalogado non estea delimitado expresamente por unha figura de planeamento, será determinado

pola Consellería de Cultura, de acordo coa incidencia do ben nas áreas por el afectadas. En todo caso, terase en conta a lexislación xeral aplicable.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó disposto nesta lei.

Disposición derradeira primeira

Autorízase o Consello da Xunta para dicta-las normas necesarias para o desenvolvemento e a execución desta lei.

Disposición derradeira segunda

A presente lei entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta de outubro de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

9507195