Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 239 Venres, 15 de decembro de 1995 Páx. 9.384

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 20 de setembro de 1995 pola que se desenvolve o decreto sobre autorización a centros docentes privados, para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias.

De conformidade coas competencias que en materia de educación ten atribuídas a nosa Comunidade Autónoma e de acordo co disposto no artigo 23 da Lei orgánica 8/1985, do 3 de xullo, reguladora do dereito á educación, e tendo en conta o establecido no Real decreto 1004/1991, do 14 de xuño (BOE do 26), promulgouse o Decreto 133/1995, do 10 de maio (DOG do 22), que desenvolve o procedemento que deberá seguirse para que os centros docentes privados poidan impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias.

Establecidos os aspectos básicos do procedemento de autorización mencionado, a presente orde desenvolve aqueles de acordo coa facultade atribuída a ela polo Decreto 133/1995 na súa disposición derradeira segunda.

Na súa virtude esta consellería,

DISPÓN:

Primeiro.

1. O expediente de autorización administrativa para a apertura e funcionamento dun centro docente privado iniciarase a instancia de parte, mediante solicitude dirixida ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria a través da delegación provincial correspondente.

2. A solicitude, a que se refire o apartado anterior, axustarase ó modelo establecido no anexo I e conterá os seguintes datos:

a) Persoa física ou xurídica que promove o centro.

b) Denominación específica que se propón.

c) Localización xeográfica do centro.

d) Ensinanzas para as que se solicita autorización.

e) Número de unidades e postos escolares para os que se solicita autorización.

f) Declaración ou manifestación de que a persoa promotora do centro non se encontra incursa en ningún dos supostos previstos no artigo 3º do Decreto 133/1995, do 10 de maio.

3. Xuntarase á solicitude o proxecto das obras que teñan que realizarse para a construcción do centro. Se se trata de inmobles xa existentes, deberán presentarse os planos das instalacións no seu estado actual e, se é o caso, o proxecto das obras previstas para o seu acondicionamento. En calquera caso, achegarase o título xurídico que xustifique a posibilidade de utilización dos inmobles afectados.

Segundo.

A unidade técnica emitirá informe sobre o proxecto a que se refire o apartado anterior, tendo en conta os requisitos establecidos no R.D. 1004/1991, do 14 de xuño (BOE do 26), polo que se establecen os requi

sitos mínimos dos centros que impartan ensinanzas de réxime xeral non universitarias, coas modificacións introducidas na disposición adicional terceira do Real decreto 1487/1994 do 1 de xullo (BOE do 28 de xullo) e os decretos da F.P. específicos, se se tratase destas ensinanzas. De ser desfavorable o informe, deberá especificar de xeito pormenorizado os requisitos que non cumpre o devandito proxecto.

Terceiro.

A solicitude, acompañada da documentación indicada nos puntos anteriores, será elevada á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros que dictará resolución, á vista do informe emitido pola unidade técnica da delegación provincial respectiva, sobre a adecuación das edificacións propostas ós requisitos mínimos que, en canto a instalacións, sinala a lexislación vixente para as distintas ensinanzas, e logo da audiencia ó interesado, de se-lo caso.

Esta resolución que se dictará no prazo máximo de dous meses desde a data en que o promotor do centro completase a documentación á que se refire o punto primeiro desta orde, non porá fin á vía administrativa, e poderase interpoñer recurso ordinario ante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria.

Cuarto.

1. Aprobadas as edificacións propostas e realizadas, se é o caso, as obras necesarias, o interesado instará a autorización definitiva presentando na delegación provincial correspondente unha solicitude dirixida ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria. Engadirase á dita solicitude unha relación do persoal docente de que disporá o centro desde o momento do inicio da súa actividade, con indicación das súas titulacións respectivas.

A dita relación poderá ser substituída polo compromiso de ser achegada antes do inicio das actividades educativas e deberá ser aprobada expresamente pola delegación provincial correspondente, previo informe da Inspección Educativa.

2. A delegación provincial, logo das verificacións oportunas levadas a cabo pola unidade técnica e, de se-lo caso, pola Inspección Educativa, remitirá o expediente co seu informe, no prazo máximo de dous meses, á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros. Esta formulará proposta de resolución ante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria.

3. Unha vez cuberto, se procede, o trámite de vista e audiencia ó interesado, o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria concederá a autorización de apertura e funcionamento do centro sempre que as obras fosen realizadas conforme o proxecto aprobado pola Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros. Noutro caso, denegará a autorización mediante resolución motivada. A resolución do conselleiro, que deberá producirse no prazo máximo de tres meses a partir da recepción do expediente remitido pola delegación provincial, porá fin á vía administrativa.

Quinto.

1. No caso de que a resolución fose positiva, publicarase no Diario Oficial de Galicia e nela constarán os datos seguintes:

a) Titular do centro.

b) Domicilio, localidade, concello e provincia.

c) Denominación específica.

d) Ensinanzas que se autorizan.

e) Número de unidades ou postos escolares autorizados.

2. A modificación de calquera dos datos enumerados no apartado anterior requirirá a correspondente autorización administrativa, que deberá ser publicada no Diario Oficial de Galicia.

Sexto.

1. Nos casos de solicitude de autorización de centros de ensinanzas obrigatorias que manifesten o desexo de acceder ó réxime de concertos, a presentación dos proxectos ou planos das instalacións, poderá aprazarse ata que recaia a resolución á que se refire o apartado 3.

2. A delegación provincial elevará á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros, xunto coa solicitude de apertura e funcionamento do centro, o seu informe sobre a concorrencia neste das seguintes circunstancias:

a) Se o centro vai satisfacer necesidades de escolarización na zona na que se vai situar.

b) Se vai atender poboacións socioeconomicamente desfavorecidas.

c) Se propón a realización dalgunha experiencia de interese pedagóxico para o sistema educativo.

3. Remitido o informe, a dirección xeral, tendo en conta o establecido no artigo 21 do Real decreto 2377/1985, do 18 de decembro (BOE do 27), polo que se aproba o Regulamento de normas básicas sobre concertos educativos, resolverá sobre a procedencia de subscribi-lo concerto. A resolución dictarase á vista da concorrencia no centro proxectado das circunstancias ás que se refire o apartado anterior, dando, en todo caso, carácter preferente ós centros en réxime de cooperativa e de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias.

No caso de que a subscrición do concerto non resultase procedente, o promotor do centro poderá proseguir, non obstante, a tramitación do expediente de autorización, segundo o previsto nos artigos anteriores desta orde e sen prexuízo de solicita-lo acceso ó réxime de concertos conforme o disposto no artigo 19º e seguintes do referido Real decreto 2377/1985.

Sétimo.

1. A modificación da autorización procederá cando se dea algunha das seguintes circunstancias:

a) Cambio de denominación específica do centro.

b) Modificación das instalacións, tanto as que supoñan alteración das dimensións dos espacios, como o cambio no uso ou destino dos ditos espacios.

c) Ampliación ou reducción de unidades e postos escolares.

d) Modificación das ensinanzas cando se realice con carácter experimental, manténdose o mesmo ciclo, etapa ou nivel educativo para o que foi autorizado o centro.

e) Ampliación, reducción ou substitución de ensinanzas ou modalidades en centros que impartan formación profesional específica ou bacharelato.

f) Cambio de titularidade do centro.

2. Considéranse circunstancias que dan lugar a unha nova autorización as seguintes:

a) Cambio de domicilio do centro por traslado de instalacións.

b) Cambio de ciclo, etapa ou nivel educativo para o que foi autorizado o centro, salvo o disposto nos apartados 1. d) e 1.e) anteriores.

3. As solicitudes para a modificación da autorización tramitaranse segundo o modelo establecido no anexo II desta orde e presentaranse na delegación provincial correspondente.

As solicitudes de nova autorización tramitaranse segundo o punto 1 desta orde.

4. A delegación provincial elevará a solicitude de modificación da autorización, segundo os casos, acompañada dos informes da unidade técnica ou/e da Inspección Educativa, á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros; esta proporalle ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria a oportuna resolución.

5. A resolución, que poña fin ó expediente, logo da audiencia ó interesado, de se-lo caso, dictarase nun prazo máximo de tres meses, contados desde a presentación da solicitude ou, se é o caso, desde a rectificación dos reparos que se formulasen. Esta resolución porá fin á vía administrativa.

6. A resolución adoptada seralle notificada ó interesado e, de ser positiva, publicada nos termos que se establecen no punto quinto.1 desta orde.

7. A modificación que se aprobe dará lugar á correspondente modificación da inscrición do centro no rexistro de centros.

8. En ningún caso se poderán poñer en funcionamento novas unidades, sen contar coa oportuna autorización administrativa.

Oitavo.

A extinción da autorización poderá acordarse:

1. Por instancia do titular do centro. No suposto de estar acollido ó réxime de concertos educativos, non procederá a extinción solicitada ata a data da finalización do concerto, salvo acordo entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e o interesado.

2. Declararase de oficio pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, logo de audiencia ó interesado, cando un centro docente cesase de feito nas súas actividades durante os dous cursos inmediatamente anteriores á orde que se dicte.

O disposto neste apartado será de aplicación, no caso dos centros de formación profesional, respecto das ensinanzas que deixen de impartir. Neste suposto, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, de oficio, logo de audiencia ó interesado, procederá a modifica-la autorización excluíndo dela as ensinanzas non impartidas.

3. Por revogación expresa da Administración segundo o establecido nos artigos 18 e 20 do Decreto 133/1995, do 10 de xuño.

Consideraranse como incumprimento de normas de réxime académico, segundo o sinalado no artigo 20 citado, o non respecta-los decretos que establecen o currículo das distintas etapas educativas impartidas no centro, así como as ordes e resolucións que os desenvolven, referidas á implantación e desenvolvemento das ensinanzas e á avaliación destas. O incumprimento das ditas normas de réxime académico comunicaráselle ó interesado para a súa emenda. De non facelo así no prazo dun mes, iniciarase o procedemento de revogación da autorización, segundo o disposto no artigo 18 do Decreto 133/1995.

Noveno.

1. Na orde pola que se autorice o cesamento de actividades dun centro e na que se acorde a revogación da autorización, poderá establecerse que os efectos daquela sexan progresivos, a fin de que os alumnos matriculados no centro non sufran alteración na súa traxectoria educativa.

2. As ordes a que se refire o apartado anterior darán lugar á correspondente inscrición de baixa no rexistro de centros docentes.

Disposición adicional

O establecido na disposición adicional segunda do Decreto 133/1995, do 10 de maio, no caso dos centros de formación profesional, entenderase referido a cada unha das ensinanzas que impartan en réxime de concerto, non ó centro na súa totalidade.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros para dicta-las resolucións das solicitudes de modificación da autorización a que se refire o artigo 15 do Decreto 133/1995, do 10 de maio.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 1995.

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

9508125