Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 244 Venres, 22 de decembro de 1995 Páx. 9.581

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 328/1995, do 7 de decembro, de cooperación coas entidades locais para 1996.

O proxecto de Lei de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996 ten prevista a cantidade de 3.100.000.000 de ptas. con destino á cooperación da Xunta de Galicia coas entidades locais na corrección dos desequilibrios intrarrexionais existentes, tanto en infraestructuras físicas, económicas e sociais, como en dotación de servicios, que faciliten o desenvolvemento da actividade económica rexional.

Á política de cooperación que a Xunta de Galicia véen desenvolvendo ininterrompidamente coas entidades locais, a través do financiamento de investimentos nos distintos municipios, uniuse a posta en marcha da acción «Potenciación do desenvolvemento local» incluída no Programa Operativo de Galicia 1994-1999, e dirixida a: abastecementos de auga, saneamentos, vías e accesos a núcleos de poboación, iluminación pública e recollida e tratamento de residuos sólidos urbanos. O investimento total do programa para o período sinalado é de 27.002.730.000 ptas., sendo cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder).

Con estes obxectivos e no que respecta á distribución territorial do crédito, cómpre a posta en coñecemento anticipada da participación dos concellos beneficiarios no fondo para 1996, o que permitirá a súa aplicación nos correspondentes orzamentos para 1996 e facilitará, deste xeito, a programación de investimentos previstos no Programa Operativo de Galicia.

Doutro xeito, para lograr unha maior axilidade e eficacia na tramitación deste fondo, resulta conveniente formular un procedemento eficiente de xestión e seguimento que, dentro do marco legal establecido para a xestión dos fondos públicos, permita facilita-lo control dos investimentos que se financien.

Para tal fin, a Xunta de Galicia considera necesario establecer unha norma con rango de decreto que, por un lado, fixe os criterios de distribución do fondo tomando como base o acordo adoptado polo Parlamento de Galicia na súa Comisión 3ª de Economía, Facenda e Presupostos, ademais dos aprobados pola Comisión Galega de Cooperación Local en exercicios precedentes e aplicados ás pequenas infraestructuras e equipamentos locais e, por outro, recolla as experiencias obtidas en anteriores fases da cooperación local, poñendo en práctica un procedemento que estableza medidas de racionalidade, axilidade e eficacia, facilitando a cooperación entre administracións.

Ó presente decreto élle de aplicación o previsto para a tramitación anticipada de gastos en xeral e maila orde da Consellería de Economía e Facenda do 2 de xuño de 1986 (DOG nº 118 do 19 de xuño), en particular.

Na súa virtude, oída a Comisión Galega de Cooperación Local, na súa reunión do 30 de novembro de 1995, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día sete de decembro de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Finalidade.

O presente decreto ten como finalidade regular, na anualidade de 1996, o Fondo de Cooperación coas Entidades Locais aplicado ó programa de pequenas infraestructuras e equipamentos locais, para a xestión e seguimento dos proxectos de cara ó fomento e potenciación do desenvolvemento local previsto no Programa Operativo de Galicia 1994-1999.

Artigo 2º.-Obxectivos.

As actuacións previstas neste decreto teñen como obxectivo xeral compensa-los desequilibrios internos de Galicia en infraestructuras básicas de carácter local e, en particular, incrementar estas achegando os servicios públicos locais de Galicia á media do Estado, facilitando ó mesmo tempo o apoio á actividade económica nos núcleos e zonas menos desenvolvidas da Comunidade Autónoma.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Serán beneficiarios os municipios cunha poboación non superior ós 50.000 habitantes. Os concellos poderán agruparse para realizar proxectos que afecten conxuntamente o seu territorio; neste caso terán prioridade na asignación dos créditos que se xeren como créditos libres con posterioridade á distribución a que fai referencia o apartado 4 do artigo 6º deste decreto.

Artículo 4º.-Financiamento.

1. As iniciativas que se leven a cabo co programa de pequenas infraestructuras e equipamentos locais, instrumentaranse financeiramente a través do crédito de 3.100.000.000 de ptas., inicialmente consignado na aplicación orzamentaria 05.06.811B.760.0, do proxecto de Lei de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996.

2. Os proxectos que se consideren como iniciativas dentro do programa poderán acadar un financiamento da Xunta de Galicia de ata o 100% do investimento.

O total elixible poderá incluí-lo custo de honorarios de redacción do proxecto, se así se manifesta expresamente na solicitude.

3. Co obxecto de garanti-la eficacia do investimento e reduci-la xestión administrativa dos expedientes, o custo individual dos proxectos que se aproben será, como mínimo, de 3.000.000 de ptas.

4. O financiamento previsto pola Xunta de Galicia non poderá utilizarse para substituí-lo esforzo de investimento que os orzamentos provinciais ou municipais teñan que realizar para participar no cofinanciamento doutros plans.

Artigo 5º.-Comisión Galega de Cooperación Local.

Para tódolos efectos deste decreto, o órgano permanente de cooperación e coordinación entre as administracións públicas será a Comisión Galega de Cooperación Local establecida no Decreto 146/1994, do 2 de xuño. Os seus órganos, composición e competencias serán os recollidos nos artigos 5º a 9º, ámbolos dous inclusive, da citada norma.

Os órganos da Comisión Galega de Cooperación Local poderán delegar na Dirección Xeral de Planificación Económica e Relacións coa UE, as competencias recollidas no Decreto 146/1994 do 2 de xuño e, máis concretamente, as establecidas no artigo 8.d) e apartados c, d e e) do artigo 9.

Artigo 6º.-Programa de pequenas infraestructuras e equipamentos locais.

1. As iniciativas amparadas polo programa de pequenas infraestructuras e equipamentos locais, teñen como obxectivo xeral o desenvolvemento local e o apoio á actividade económica a través da creación ou establecemento de servicios públicos de carácter infraestructural básico.

2. Poderanse acoller a este programa os municipios que, cumprindo o requisito establecido no artigo 3º, se relacionan no anexo do presente decreto, onde se asignan as porcentaxes e importes correspondentes a cada provincia e municipio.

3. O orzamento previsto pola Xunta de Galicia para a cobertura das actuacións que se leven a cabo dentro do programa supón a contía de 3.100.000.000 de ptas.

4. A distribución territorial do crédito realízase de acordo cos criterios xerais adoptados no seu momento polo Parlamento de Galicia na súa Comisión 3ª de Economía, Facenda e Presupostos, así como os aprobados en distintos plenos da Comisión Galega de Cooperación Local.

Artigo 7º.-Actuacións subvencionables.

Para efectos deste decreto, considéranse actuacións subvencionables as dirixidas ó establecemento dos servicios públicos seguintes:

-Abastecemento de auga.

-Saneamento.

-Vías e accesos a núcleos de poboación.

-Iluminación pública.

-Recollida e tratamento de residuos sólidos urbanos.

Exclúense deste concepto as obras de reforma, reparación menor, conservación e mantemento de servicios existentes.

A natureza do proxecto definirá unha actuación única e referirase necesariamente a obra completa, no sentido establecido pola Lei de contratos do Estado, e demais normativa concordante de aplicación.

Artigo 8º.-Solicitude e prazos.

1. As corporacións locais presentarán na Dirección Xeral de Planificación Económica e Relacións coa UE da Consellería de Economía e Facenda, antes do prazo máximo improrrogable de dous meses, contado dende a entrada en vigor deste decreto, as solicitudes integradas polos seguintes documentos:

a) Instancia cuberta no modelo normalizado que se xunta como modelo 1.

b) Proxecto técnico, con informe de viabilidade do técnico municipal competente ou, no seu defecto, dun colexiado, segundo modelo 2.

c) Certificado de acordo plenario ou do órgano municipal competente, segundo modelo 3.

As solicitudes confeccionaranse tendo en conta o importe asignado na cooperación financeira da Xunta de Galicia e recollido no anexo referido no artigo 6º.2.

2. A Consellería de Economía e Facenda, no prazo de 20 días hábiles despois de concluí-lo sinalado no punto anterior, presentaralle ó Comité da Comisión Galega de Cooperación Local unha proposta de actuacións en relación coas solicitudes recibidas.

O comité, unha vez analizada a proposta, elevaralla ó Pleno coas observacións que se consideren.

3. Aprobados polo Pleno os proxectos e o seu financiamento, a Consellería de Economía e Facenda notificarállelo ás entidades locais afectadas e tramitará os correspondentes expedientes contables para a súa fiscalización.

Artigo 9º.-Licitación e contratación das obras.

O proceso de licitación, contratación e execución dos proxectos contidos no programa, será realizado pola entidade local beneficiaria, de acordo coa súa propia normativa. Non obstante o anterior, deputacións e concellos poderán acordar mutuamente que aquelas asuman o dito proceso.

Neste último caso, as deputacións presentarán no comité a que se refiere o punto 2 do artigo anterior a relación de obras das que se fan cargo directamente e os acordos adoptados neste sentido por ámbalas dúas administracións.

Artigo 10º.-Prazo de execución das obras do programa

1. De acordo coa finalidade e cos obxectivos previstos neste decreto, e para as obras que se fagan con cargo ó programa, deberá terse formalizado o

contrato con anterioridade ó 31 de maio de 1996 e terán un prazo de execución non superior a un ano. Durante 1996 remitiráselle á Dirección Xeral de Planificación Económica e Relacións coa UE certificacións de obra por importe non inferior ó 50% do total do investimento.

En función do anterior, nos proxectos técnicos, documentos de licitación e contratos figurarán expresamente estas condicións.

2. No suposto de que os concellos non poidan cumpri-los prazos establecidos neste decreto, solicitarán unha ampliación deles xustificando as causas dos incumprimentos. Conforme as razóns expostas, a Comisión Galega de Cooperación Local resolverá sobre a aprobación da prórroga.

Non obstante o anterior, non poderán ser obxecto de financiamento, e, se é o caso, prorrogarse os prazos, os proxectos que, por estaren suxeitos a situacións tales como expropiación de terreos, non poidan cumprir cos obxectivos previstos para a cooperación local.

Artigo 11º.-Procedemento de aboamentos.

1. Os aboamentos relacionados co programa efectuaranse de acordo coas previsións que ó respecto establece o proxecto de Lei de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996 e co regulado no presente decreto.

Os aboamentos derivados da execución dos proxectos realizaranse contra certificacións de obra executada ou xustificantes de subministración realizada.

O máximo de solicitudes de aboamento será de seis:

1.1. O primeiro aboamento documentarase con:

a) Modelo 4: datos da adxudicación.

b) Modelo 5: datos da contratación e acta de replanteo.

c) Modelo 6: instancia de solicitude de aboamentos.

d) Modelo 7: certificación de obra.

e) Modelo 7 bis: relación valorada da obra executada.

f) Xustificante do custo de honorarios de redacción do proxecto, se é o caso.

1.2. Da segunda á quinta certificación, que non poderán superar, acumuladas á primera, o 80% do total do custo financiado:

a) Modelo 6: instancia de solicitude de aboamentos.

b) Modelo 7: certificación de obra.

c) Modelo 7 bis: relación valorada da obra executada.

1.3. Para a derradeira ou única, certificación cubriranse os:

a) Modelo 6: instancia de solicitude de aboamentos.

b) Modelo 7: certificación de obra.

c) Modelo 7 bis: relación valorada da obra executada.

d) Modelo 8: acta de recepción.

No caso de subministración, a certificación de obra substituirase pola correspondente factura, aprobada polo órgano competente.

Ós documentos que integran o único aboamento ou liquidación da subvención, incorporarase un informe sobre a execución da obra subvencionada, realizado polo técnico competente da empresa designada pola Dirección Xeral de Planificación Económica e Relacións coa UE, e contratada pola Consellería de Economía e Facenda.

2. Os aboamentos libraranse mediante transferencia bancaria á entidade financeira e á conta designada pola entidade local aberta, para tal efecto, coa denominación de «Cooperación Local», da que só se dispoñerá para o aboamento de certificacións de obra, facturas de subministracións e, se é o caso, honorarios de redacción de proxecto.

3. Tódolos documentos e modelos que están previstos neste artigo e nos 8º e 10º deberán ser remitidos en triplicado exemplar, orixinal ou copia debidamente dilixenciada, á Dirección Xeral de Planificación Económica e Relacións coa UE da Consellería de Economía e Facenda.

Queda exento deste requisito o proxecto técnico esixible no artigo 8º, que poderá ser presentado en duplicado exemplar.

Artigo 12º.-Seguimento e control.

1. A Consellería de Economía e Facenda, como órgano competente do programa, queda obrigada a darlle conta do seguimento e control deste á Comisión Galega de Cooperación Local e ó Comité de seguimento do Programa Operativo de Galicia 1994-1999.

2. Con independencia da obriga de xustifica-lo emprego do financiamento recibido durante a execución e ó seu remate, e dos sistemas de control esixidos pola súa propia normativa ós órganos contratantes, a Consellería de Economía e Facenda e a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma poderán realizar controis de calquera tipo e solicita-la documentación que xulguen conveniente para o seguimento dos créditos recibidos.

Artigo 13º.-Publicidade nas obras.

O concello adoptará as medidas e disposicións necesarias para garantir unha adecuada publicidade dos proxectos incluídos no programa. Para tal efecto, nas obras colocaranse, con cargo á empresa adxudicataria, carteis que se axusten ás características xerais que determine a normativa vixente

da UE, por seren obras cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder).

Artigo 14º.- Incumprimento.

O incumprimento de calquera dos requisitos esixidos na presente norma poderá orixinar un expediente de incumprimento que motivará a perda da subvención ou, se é o caso, o reintegro total ou parcial das cantidades recibidas polo concello, xunto cos xuros correspondentes segundo o previsto na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, e disposicións regulamentarias que se dicten para o efecto.

Artigo 15º.-Remanentes de crédito.

Os remanentes de crédito que se produzan como consecuencia da contratación do programa, execución ou variación das obras incluídas nel, reintegraranse como remanente dispoñible, para a súa utilización polos mesmos concellos que así o soliciten e o apliquen ás obras en execución.

Os créditos non utilizados polo programa por non presentarse solicitudes por parte das entidades ou non aprobarse os proxectos seleccionados nelas, así como as cantidades non comprometidas no presente exercicio, reintegraranse como remanente libre para a súa utilización en novas previsións do Fondo de Cooperación coas Entidades Locais.

Disposicións finais

Primeira.-Queda facultado o conselleiro de Economía e Facenda para dicta-las disposicións pertinentes en desenvolvemento do presente decreto.

Segunda.-O presente decreto queda condicionado á aprobación da Lei de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996 e entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, sete de decembro de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economia e Facenda

DISTRIBUCIÓN DO P.I.E.L. 1996 POR PROVINCIAS E CONCELLOS

ANEXO

A CORUÑA

8128