Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Venres, 05 de xaneiro de 1996 Páx. 178

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 14 de novembro de 1995, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se ordena o rexistro e publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo interprovincial da empresa Cooperativa Farmacéutica Gallega Cofaga.

Visto o texto do convenio colectivo de ámbito interprofesional da emprsa Cooperativa Farmacéutica Gallega Cofaga, que se subscribiu con data do 15 de xuño de 1995, entre a representación da empresa e dos traballadores, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatutos dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo. A Dirección Xeral de Relacións Laborais,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do devandito convenio colectivo no rexistro xeral de convenios desta dirección xeral.

Segundo.-Remiti-lo texto orixinal ó correspondente servicio deste centro directivo.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 1995.

Juan Pedrosa Vicente

Director xeral de Relacións Laborais

Capítulo 1

Extensión, vixencia e denuncia

Artigo 1º.-Obxectivo do convenio.

O presente convenio ten por finalidade regula-las condicións económicas e sociais entre a empresa Cofaga e os seus traballadores.

Artigo 2º.-Ámbito territorial.

O presente convenio será de aplicación a todo o persoal que presta os seus servicios nos almacéns de distribución da empresa Cooperativa Farmacéutica Gallega (Cofaga.), que radican nas provincias da Coruña e Lugo.

Artigo 3º.-Ámbito persoal.

As normas do presente convenio regulan as relacións de traballo do persoal de Cofaga dos almacéns de distribución da Coruña e Lugo.

Artigo 4º.-Ámbito temporal.

A duración deste convenio fíxase desde o 1-1-1994 ata o 31-12-1995.

Artigo 5º.-Denuncia do convenio.

A denuncia do convenio deberá ser presentada ante a delegación da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, cunha anticipación mínima de tres meses, por calquera das partes, con previa comunicación entre ambas.

Capítulo 2

Condicións sociais

Artigo 1º.-Garantías persoais.

Respectaranse as condicións de traballo que sexan superiores ás establecidas no presente convenio, consideradas no seu conxunto e cómputo anual.

Artigo 2º.-Clasificación do persoal.

Revisión anual de categorías. Dentro dos dous primeiros meses do ano, publicarase no taboleiro de anuncios da empresa o escalafón daquelas, cerrado o 31 de decembro anterior; o persoal poderá formula-las reclamacións que sexan oportunas no prazo dun mes.

A) Ascensos: os ascensos rexerán para tódalas categorías e en igualdade de condicións e de criterios.

B) Ocupación de novos postos e vacantes: as vacantes e postos de nova creación seranlle anunciados ó persoal cunha anticipación mínima de quince días, salvo que o posto se vaia cubrir inmediatamente, para que, quen se considere apto, o poida solicitar e participar nun concurso de coñecementos, aptitudes e capacidades persoais. O traballador que sexa designado para o novo posto demostrará a súa adaptación a el en calidade de proba, podendo renunciar voluntariamente e, en caso de non supera-la proba ou renunciar, poderá recupera-lo seu antigo posto de traballo. Realizarase o cambio de categoría e de servicio en caso positivo, unha vez terminada a proba, logo de acordo co interesado. Do establecido neste artigo quedarán exceptuados os postos que impliquen mando. Cumprirase en todo momento a normativa de emprego. Os fillos dos traballadores que se xubilen ou falezan terán preferencia para ocupa-los postos vacantes ou de nova creación, en igualdade de condicións, se superaron as probas

selectivas obxectivas para a valoración dos ditos postos de traballo. Das ditas probas de aptitude daráselle coñecemento ó comité de empresa.

Artigo 3º.-Contrato de traballo para a formación.

Será sempre retribuído. Terá unha duración non superior ós dous anos e será computable para tódolos efectos para a antigüidade.

Contratos de aprendizaxe: a duración destes contratos establecerase segundo as seguintes categorías: conductores, 6 meses; dependentes, telefonistas e empaquetadoras, 2 anos; mecanización e administración, 3 anos. O salario destes contratos será o 85% do salario vixente para os dependentes.

Formación continua: ámbalas partes acordan aterse ó establecido nos proxectos presentados ó FORCEM, así como ó texto presentado pola parte social no anteproxecto do convenio.

Artigo 4º.-Calendario laboral.

Á vista do calendario laboral, a empresa, xunto cos delegados e o comité de empresa, estudiarán

a posibilidade e recuperación de pontes, segundo as necesidades do servicio.

Horas extras: terán o incremento do 75% sobre a hora ordinaria e poderanse compensar co tempo equivalente en descanso.

Artigo 4º bis.-Xornada laboral.

A xornada laboral será de 39 horas semanais, tanto para a xornada partida como continuada. Estas 39 horas de traballo efectivo serán de luns a sábado.

Artigo 5º.-Vacacións.

Os traballadores afectados por este convenio terán dereito a trinta días naturais de vacacións, que desfrutarán de forma ininterrompida. O período de vacacións non se poderá iniciar en sábado, domingo ou festivo. O período de vacacións fixarase anualmente no calendario de vacacións no primeiro mes do ano, en calquera caso, cunha anticipación mínima de dous meses ó inicio do desfrute.

Artigo 6º.-Bolsa de vacacións.

Os traballadores que desfruten as súas vacacións nos meses de xuño a setembro, ambos incluídos, percibirán a cantidade de 6.017 pesetas. Fóra destes meses, a bolsa de vacacións será de 22.914 ptas.

Artigo 7º.-Incapacidade laboral transitoria.

Os traballadores que se encontren en ILT percibirán o salario real ata os 18 meses (salario base, antigüidade, plus rendemento, plus convenio e plus transporte).

Artigo 8º.-Prestacións.

A empresa aboaralles ós traballadores que teñan fillos subnormais, diminuídos físicos ou minusválidos a cantidade de 19.409 pesetas por cada un deles e por mes.

A) Premio de permanencia: de acordo co convenio anterior, amplíanse as cantidades por este concepto ás seguintes contías:

-Por 20 anos de servicio: 94.135 pesetas.

-Por 40 anos de servicio: 198.920 pesetas.

B) Axudas escolares: a empresa facilitará bolsas anuais de axuda universitaria, para tódolos empregados e fillos de empregados que demostrasen a súa capacidade nos estudios cursados.

C) Servicio militar: respectarase o posto de traballo durante o período de servicio militar (obrigatorio ou voluntario). O traballador casado percibirá as catro pagas extraordinarias como se estivese traballando.

Artigo 9º.-Licencias, excedencias e cesamentos voluntarios.

A) Licencia: quince días laborables en caso de casamento, cinco días por falecemento do cónxuxe

ou fillo/a; tres días en caso de falecemento dos pais do traballador ou dos do seu cónxuxe, netos, avós ou irmáns, que se ampliarán a tres días máis en caso de desprazamento superior a 300 km. Cinco días ó ano para asuntos persoais, con previo aviso á empresa, sete días por parto de esposa ou filla solteira; dous días por traslado de domicilio habitual; un día natural en caso de casamento de fillos ou irmáns.

A empresa facilitará tódolos permisos xustificados para efectuar exames, co tempo que resulte necesario.

B) Excedencias: os traballadores cun ano de servicio na empresa poderán solicitar excedencia voluntaria por un período dun mes a cinco anos, ó cabo dos cales e cun previo aviso de un a tres meses de anticipación, terán dereito á integración ó seu posto de traballo anterior, sempre que exista vacante ou na primeira que se presente.

O tempo que o traballador estea en situación de excedencia non será computable para ningún efecto.

A empresa concederá excedencias obrigatorias sempre que medien razóns xustificadas, estudios, problemas familiares, etc.

As peticións de excedencia serán resoltas pola empresa, unha vez oído o comité de empresa.

As excedencias por cargos políticos ou sindicais poderán ser solicitadas polos traballadores sen que sexa necesario o ano de antigüidade, sempre que leven traballando un mínimo de seis meses.

C) Licencias especiais: os traballadores poderán solicitar, sen dereito a retribución ningunha, dúas licencias especiais ó ano, que non deberán exceder normalmente de 20 días entre ambas, sen que supoña exclusión do cómputo de antigüidade, sendo facultade da empresa a súa concesión.

D) Cesamentos voluntarios: o traballador poderá desistir da relación laboral en calquera momento, sen máis requisito que o aviso á empresa con quince días de anticipación.

Artigo 10º.-Xubilación anticipada.

Os traballadores que o desexen poderanse acoller ó sistema de xubilación anticipada ó cumpriren os 64 anos; a empresa cubrirá ata o cen por cento da pensión que lle puidera corresponder, ata cumpri-los 65 anos. A praza vacante será cuberta, sempre que a empresa non tivese perdas nos últimos anos.

Artigo 11º.-Xubilación voluntaria.

A xubilación será voluntaria ós 60 anos. Cando se asine este convenio, a empresa estará obrigada a negociar co comité de empresa, así como cos traballadores interesados individualmente, un plan de xubilación voluntaria.

Artigo 12º.-Compromiso de absentismo.

Acórdase referencialo ó estrictamente causado por forza maior; para isto acéptase rebaixa-los pará

metros que se establecen como obxectivo, que son o 1,5% para o ano 1995; no suposto de que non se reduza nesta porcentaxe asumiríase ó seguinte compromiso por parte dos traballadores:

a) Negociar a principios de 1996 a creación dun incentivo variable segundo a presencia na empresa. Este incentivo crearíase cunha porcentaxe sobre a masa salarial do incremento que corresponda para o ano 1996; esta porcentaxe establécese entre o 1% e o 3%.

b) Cando se produza o absentismo o traballador deixaría de percibi-lo dito incentivo cos seguintes criterios: primeira baixa médica, ningunha penalidade. Exclúense as baixas con hospitalización, maternidade, accidente laboral e as enfermidades profesionais.

c) O incentivo que deixasen de percibi-los traballadores que se ausenten repartirase ó final de ano sobre o conxunto do cadro de persoal, tendo en conta a presencia; para isto confeccionarase unha táboa proporcional ós días de presencia que racionalice o reparto.

Capítulo 3

Garantías sindicais

Os traballadores non poderán sufrir ningún tipo de represión ou discriminación polo feito da súa afiliación sindical.

As garantías recoñecidas ós representantes dos traballadores, referentes a despedimentos e sancións, serán mantidas durante dous anos despois de cesar no cargo.

Artigo 1º.-Dereitos da sección sindical.

Os traballadores afiliados a unha central sindical poderán constituír no seo da empresa a sección sindical da empresa. Cando a sección sindical teña unha afiliación equivalente ó dez por cento do cadro do persoal disporá dos seguintes dereitos e medios:

-Taboleiro de anuncios da súa central sindical, para propaganda desta.

-Dereito ó desconto en nómina das cotas sindicais ós interesados, sempre que o autorizasen por escrito e sendo unha cantidade fixa.

Artigo 2º.-Comité de empresa.

Recoñécese como único órgano representativo da empresa o comité elixido polos traballadores.

Os representantes dos traballadores disporán dun máximo de corenta horas mensuais remuneradas ó salario real, para actividades sindicais de toda índole. Non se deducirán destas as utilizadas a petición da empresa.

As ditas corenta horas entenderanse por cada un dos delegados e contabilizaranse colectivamente para a súa utilización. Para facer uso destas corenta horas só será necesaria a comunicación á dirección da empresa, con 48 horas de anticipación, sempre que sexa posible. Así mesmo, será o comité quen

controle o tempo sindical, xustificando o seu emprego cando o requira a empresa.

A empresa disporá de local para a actividade dos delegados do comité. A empresa habilitará un taboleiro de anuncios para o comité.

O comité de empresa poderá cumprir tarefas informativas no interior da empresa en horas de traballo, sen interromper nin prexudica-lo proceso de producción.

O comité de empresa estará debidamente informado do tema socioeconómico da empresa e de todo o que a lexislación vixente rexistra. A este respecto, a empresa informará trimestralmente sobre a situación económico-financeira desta ó comité de empresa.

A empresa informará trimestralmente ó comité de empresa sobre a realización de horas extraordinarias.

Cunha anticipación máxima de seis meses, a empresa deberá informa-lo comité, cando pretenda peches, absorcións, traslados, fusións, etc.

Se se producise desconformidade entre a empresa e traballadores en calquera centro de traballo que afecten a este convenio, antes de tomar calquera dilixencia parcial intentarase solucionar mediante unha reunión do comité intercentros (formado por tódolos delegados de persoal de tódolos centros de traballo) e a empresa, de non chegarse a un acordo, trasladarase á delegación da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, para que se resolva.

Axudas de custos do comité intercentros. A empresa aboaralles ós membros do comité intercentros, en concepto de axuda de custo de comida, a cantidade de 2.500 ptas., por cada un deles, así como a contía estipulada por km e autoestrada cando se desprazaren en vehículos propios, cun tope máximo de 4 reunións ó ano, excluíndose destes as reunións propias da negociación colectiva e os que se realicen na dirección da empresa.

O comité de empresa terá garantida a súa audición na comisión de organización de traballo, no establecemento das primas, ritmos, valoración de postos de traballo, duración de xornadas laborais, promocións e ascensos.

Así mesmo, o comité de empresa poderá convoca-las asembleas que necesite, nos locais da empresa, fóra de horas de traballo, logo de comunicación á dirección de empresa.

O conxunto do cadro de persoal disporá de doce horas anuais retribuídas para facer asembleas nos locais da empresa.

A convocatoria da asemblea será feita polo comité de empresa, o cal tamén presidirá a asemblea, logo de acordo coa dirección e sen prexuízo da producción.

Capítulo 4

Seguridade e hixiene

Artigo 1º

Establecerase un comité de seguridade e hixiene constituído por dous membros do comité de empresa e outros dous representantes nomeados pola empresa, coas funcións que lle asigne a lexislación vixente.

Artigo 2º.-Revisión médica.

Efectuaráselle unha revisión médica anual obrigatoria ó conxunto do cadro de persoal. A dita revisión será controlada polo comité de empresa e o de seguridade e hixiene.

Artigo 3º.-Roupa de traballo.

Os traballadores recibirán da empresa a roupa de traballo e calzado adecuado que coide necesario para o persoal de despacho, no desenvolvemento das súas funcións. Así mesmo, proveranse de roupa de auga os repartidores.

Capítulo 5

Condicións económicas

Artigo 1º.-Pagas extraordinarias.

Seguiranse mantendo as pagas establecidas, que se aboarán nas seguintes datas e cómputos: soldo, plus rendemento e antigüidade.

-1ª paga, día 15 de marzo.

-2ª paga, día 15 de xullo.

-3ª paga, día 15 de setembro.

-4ª paga, día 15 de decembro.

Artigo 2º.-Axuda por defunción.

En caso de falecemento do traballador con un ano, polo menos, de antigüidade na empresa, esta queda obrigada a satisfacerlles ós seus habentes dereito o importe de dúas mensualidades, iguais cada unha delas, á última que o traballador percibise, incrementada con tódolos emolumentos inherentes a ela.

Artigo 3º.-Condicións económicas.

a) Incremento ano 1994: con efecto retroactivo desde o 1-1-1994 incrementaranse tódolos conceptos salariais nas seguintes porcentaxes.

1. O IPC previsto (3,5%) a final de ano revisarase na mesma porcentaxe que o IPC real supere ó previsto.

2. Incremento de homologación: de maneira automática, tendo como referencia o incremento das vendas no mes de maio, 4,5%, incrementándose tódolos conceptos salariais con efecto retroactivo desde o 1-1-1994 na mesma porcentaxe que este crecemento supere o IPC previsto. Deste mesmo xeito procederase o 30-11-1994.

3. Establécese como máximo incremento salarial a mesma porcentaxe en que crezan as vendas, e nunca superará o IPC real máis o 5% de compromiso

de homologación. En caso de as vendas superaren esta porcentaxe, aplicaríase o incremento variable de acordo coa acta de compromiso de homologación.

4. No suposto de non alcanzar a final de ano o compromiso dos 5 puntos de homologación, ámbalas partes se comprometen a estudiar no primeiro trimestre de 1995 a posibilidade de incrementa-la partida de homologación, sempre tendo como parámetro prioritario o crecemento das vendas alcanzado no ano.

b) Incremento ano 1995: o incremento para o ano 1995 será do 6% (3,5% IPC+2,5% homologación). Ó final de 1995 aplicaranse igualmente os puntos 3 e 4 do ano 1994.

Cláusulas adicionais

Primeira.

Tódalas referencias deste convenio en relación co comité de empresa enténdense extensibles ós delegados de persoal.

Segunda.-Vinculación á totalidade.

O presente convenio forma un total indivisible, pois as condicións pactadas estimáronse globalmente; se a autoridade laboral competente non aprobase algunha das súas cláusulas, ou se indicase a introducción de modificacións que poidan alterar esta globalidade a que se fai referencia, o convenio reconsiderarase na súa totalidade.

Terceira.

O plus convenio e transporte non será computable para efectos do cálculo do importe da antigüidade.

Cuarta.-Garantías do posto de traballo.

Durante a vixencia deste convenio respectaranse os postos de traballo, salvo causas xustificadas.

Quinta.-Mobilidade de cadros de persoal.

A empresa poderá despraza-los traballadores afectos ó cadro dos seus centros de traballo, situados na Coruña, isto é, almacén de POCOMACO, fábrica de apósitos, durante o tempo que estrictamente sexa preciso e motivado por necesidade de servicio, sen que isto implique variación de horario que cada respectivo centro viña realizando e sen que os traballadores desprazados deixen de pertencer ós seus respectivos cadros de persoal. A dita mobilidade será informada favorablemente polo comité de

empresa cando, a criterio da dirección da empresa, o esixan as necesidades do servicio.

Sexta.-Comisión mixta paritaria.

Para cuestións de vixencia ou interpretación que se deriven da aplicación do presente convenio, constitúese unha comisión paritaria, composta por tres membros de cada parte, elixindo o presidente entre eles. Constituída pola parte económica: Ramón Sáez Oza, Luis Ramos Alba, José Ramón López Suárez, e pola parte social: Manuel Patiño Iglesias, Fco. Javier García Mejuto e Antonio Rey Souto.

Sétima.-Grupos profesionais e categorías.

Á sinatura do presente convenio ámbalas partes se comprometen a que no mes de outubro de 1995 se abra a mesa de negociación cos documentos que presenten ámbalas partes ata esa data.

Oitava.-Reducción de xornada.

O horario de saída os días 24 e 31 de decembro queda establecido ás 19 horas para a quenda de tarde.

Novena.-Plus de substitucións.

Co fin de compensar economicamente os traballadores que deben substituír durante períodos de tempo de máis de 15 días persoas que exerzan realmente como xefes de sección, servicio..., aboaráselle ó substituto a diferencia do soldo base e plus convenio de acordo coa categoría da persoa que se substitúa.

Décima.-Promoción interna da muller.

Ámbalas partes, de acordo coa directiva 76/207/CEE, promoverán a acción positiva como instrumento para a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres.

Décimo primeira.-Protección da dignidade do home e a muller no traballo.

Conforme a recomendación do C.E. (92/131) a empresa comprométese a previr e sancionar todo tipo de conductas que atenten contra este principio.

Décimo segunda.-Canle de información.

A partir da sinatura deste convenio, todo conflicto ou discrepancia non só con relación ó convenio, senón a tódolos que se susciten en calquera centro de traballo de Cofaga, será canalizado a través do Comité Intercentros para que este llo remita ó departamento de persoal, facendo así a comunicación máis fluída entre os representantes dos traballadores e a parte empresarial.

TÁBOA SALARIAL

CategoríaS. baseP. Rendim.P. Conv.P. Trans.S. anual

Director técnico130.84511.16322.8445.5882.613.312
Xefe persoal126.95911.16322.2105.5882.543.528
Xefe compras118.76411.16321.3795.5882.402.436
Xefe almacén110.56111.16320.5295.5882.260.988
Xefe sección105.23311.16319.9915.5882.169.284

CategoríaS. baseP. Rendim.P. Conv.P. Trans.S. anual

Depend. maior Esp.100.72611.16319.5285.5882.091.616
Depend. maior 98.26011.16319.2765.5882.049.136
Dependente 96.20611.16319.0645.5882.013.728
Axud. dependente 86.77511.16318.1005.5881.851.264
Aprendiz 16 anos 65.09811.16315.1575.5881.469.116
Aprendiz 17 anos 70.20111.16315.9005.5881.559.680
Mozo Especializ. 96.20611.16319.0645.5882.013.728
Mozo sereno Limp. 86.77511.16318.1005.5881.851.264
Prof. oficio 1ª 96.20611.16319.0645.5882.013.728
Prof. oficio 2ª 92.33511.16318.2865.5881.942.456
Recep. Telefón. 1ª 96.20611.16319.0645.5882.013.728
Recep. Telefón. 2ª 94.97511.16318.9365.5881.992.496
Xefe administrativo118.76411.16321.3795.5882.402.436
Xefe sección Administ.105.23311.16319.9915.5882.169.284
Contador 96.28711.16319.0825.5882.015.240
Secretaria 98.26011.16319.2765.5882.049.136
Oficial Administ. 1ª 98.26011.16319.2765.5882.049.136
Oficial Administ. 2ª 96.20611.16319.0645.5882.013.728
Auxiliar Administ. 93.55011.16318.7955.5881.968.004
Viaxante 97.43411.16319.1905.5882.034.888
Programador105.23311.16319.9915.5882.169.284

8384