O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º, atribúelle á Comunidade Autónoma a competencia exclusiva en materia de asistencia social, polo que, con base nesa atribución competencial, aprobouse a Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, que establece no seu artigo 26.8º, como unha competencia propia da Comunidade Autónoma, a protección e tutela dos menores que se atopen en situación de desamparo.
O Decreto 112/1995, do 31 de marzo, sobre medidas de protección de menores e a adopción, é a norma autonómica que desenvolve a Lei 21/1987 no ámbito da Comunidade Autónoma.
O Decreto 2/1994, do 13 de xaneiro, polo que se establece a estructura e competencias da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, atribúelle a esta consellería -a través da Dirección Xeral da Familia- a xestión da política autonómica en materia de acción social no sector da familia, infancia e menores, así como a protección e tutela dos menores desamparados nos termos establecidos na lexislación específica.
O convenio sobre protección de menores e cooperación en materia de adopción internacional, feito na Haia o 29 de maio de 1993 e ratificado por España o 30 de xuño de 1995, establece unhas garantías nos procesos de adopción de nenos e nenas de orixe estranxeira e un sistema de cooperación internacional en materia de adopción co obxecto de previ-la substracción, venda ou tráfico de nenos e nenas, en concordancia coa Convención de Dereitos do Neno, aprobada na ONU o 20 de novembro de 1989, que prevé a adopción como unha forma de protección da infancia.
O artigo 22 do Convenio da Haia prevé a posibilidade de que as funcións atribuídas á autoridade central, que na nosa Comunidade Autónoma e de acordo co instrumento de ratificación lle correponden á Dirección Xeral da Familia, poidan ser exercidas por organismos acreditados.
Na súa virtude, por proposta da Consellería de Familia, Muller e Xuventude e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día doce de xaneiro de mil novecentos noventa e seis,
DISPOÑO:
Capítulo I
Disposicións xerais
Artigo 1º.-Obxecto.
É obxecto do presente decreto o establecemento dos requisitos de habilitación das entidades cola
boradoras de adopción internacional que leven a cabo servicios de mediación e que teñan como finalidade a integración dos nenos e adolescentes nunha familia.
Artigo 2º.-Concepto de entidades colaboradoras de adopción internacional.
Terán a consideración de entidades colaboradoras de adopción internacional aquelas asociacións ou fundacións sen ánimo de lucro, legalmente constituídas, que nos seus estatutos teñan como fin a protección de menores e que, reunindo os requisitos previstos nesta norma, obteñan a correspondente habilitación da Dirección Xeral da Familia, para intervir en funcións de mediación en adopción internacional nos termos e condicións establecidas no presente decreto.
As entidades colaboradoras terán como referencia e respectarán na súa actuación o ordenamento xurídico español e a lexislación do país de orixe do neno e o que se establece no presente decreto.
Capítulo II
Ámbito de actuación e réxime xurídico
Artigo 3º.-Ámbito de actuación.
1.-O presente decreto regula as actuacións das entidades colaboradoras de adopción internacional que se leven a cabo no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.
2.-No estranxeiro a intervención de entidade colaboradora estará referida ó país ou países para os que fose habilitada pola Dirección Xeral da Familia, e autorizada polas autoridades competentes dos ditos países.
3.-A entidade colaboradora intervirá en funcións de mediación para a adopción internacional, solicitada por residentes no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia ó país ou países para os que sexa habilitada, para as actividades e nos termos e condicións establecidas pola Dirección Xeral da Familia.
Artigo 4º.-Réxime xurídico.
O procedemento de tramitación das adopcións internacionais e o funcionamento das entidades colaboradoras de adopción internacional axustaranse ó que establece a normativa internacional, estatal e autonómica aplicable, e o presente decreto, e especialmente ó Convenio da Haia do 29 de maio de 1993 sobre a protección do neno e a cooperación en materia de adopción internacional.
Capítulo III
Requisitos para a habilitación
Artigo 5º.-Requisitos.
A entidade colaboradora debe reuni-los seguintes requisitos:
1º Que se trate dunha asociación ou fundación constituída legalmente e inscrita no rexistro corres
pondente de acordo co seu ámbito territorial de actuación, así como no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servicios Sociais desta consellería.
2º Que teña como finalidade nos seus estatutos a protección de menores de acordo co previsto na lexislación española e os principios recollidos na Convención de Dereitos do Neno e demais normas internacionais aplicables.
3º Que persiga fins non lucrativos.
4º Que a súa traxectoria no desenvolvemento das actividades para a consecución dos obxectivos estatutarios sexa correcta e adecuada.
5º Que teña aptitudes para cumprir correctamente as funcións que vaia asumir.
6º Que no proxecto de actuación que presente quede suficientemente garantido o respecto ós principios e normas da adopción internacional e a debida intervención dos organismos administrativos e xudiciais competentes do país estranxeiro no que vai efectua-la súa actuación.
7º Que dispoña dos medios materiais necesarios para o desenvolvemento das súas funcións.
8º Que conte con equipos multidisciplinares, formados como mínimo por un licenciado en dereito, un psicólogo e un traballador social, competentes profesionalmente e con experiencia no ámbito da infancia, adolescencia e familia, así como coñecementos profundos das cuestións relativas á adopción internacional.
9º Que estea dirixida e administrada por persoas cualificadas pola súa integridade moral e pola súa formación e/ou experiencia para actuar no ámbito da adopción internacional.
10º Que teña o seu domicilio social en Galicia ou actúe a través de establecementos radicados nela e representación no país estranxeiro para o que solicita a habilitación.
11º Que recolla nos seus estatutos os principios e as bases segundo os cales pode facer repercutir nos solicitantes de adopción os gastos derivados da tramitación efectuada pola entidade colaboradora.
12º Que xustifique mediante estudio económico os custos e gastos directos, incluídos os honorarios profesionais, derivados da tramitación xurídico-administrativa das solicitudes e procesos de adopción internacional para acreditar que non poderán obter beneficios indebidos.
Capítulo IV
Procedemento para a habilitación
Artigo 6º.-Solicitude e documentación.
1.-A habilitación dunha entidade colaboradora para actuar en adopcións internacionais supón a previa vontade da mesma de solicitala en modelo nor
malizado, (anexo I), que deberá presentarse acompañado da seguinte documentación:
a) Acreditación da identidade do asinante da solicitude e, se é o caso, da representación que exerza.
b) Copia autenticada da acta ou acordo de creación da entidade e dos seus estatutos así como certificado de inscrición no rexistro ou rexistros correspondentes á súa natureza.
c) Copia da tarxeta de identificación fiscal.
d) Documento acreditativo da composición do órgano de dirección expresando o nome completo de cada membro e o seu documento nacional de identidade, así como do persoal que vai prestar servicios na entidade colaboradora co seu historial profesional.
e) Relación detallada dos medios materiais e patrimoniais dos que dispoñen para o desenvolvemento das súas funcións.
f) Documento que acredite a formación ou experiencia para actuar no ámbito da adopción internacional.
g) Proxecto de actuación con descrición das actividades planeadas, indicando a metodoloxía do traballo.
h) Plan económico sobre ingresos e gastos con indicación das percepcións que se prevén cobrar ós solicitantes de adopción ó longo de todo o proceso.
i) Declaración en que consten os motivos polos que desexa actuar en materia de adopción internacional no país para o que solicita a habilitación.
j) Declaración de que cumpre os requisitos previstos no presente decreto e mailas instruccións dictadas pola Consellería de Familia, Muller e Xuventude.
Toda esta documentación deberá presentarse debidamente compulsada.
2.-A solicitude e maila documentación dirixiranse á Dirección Xeral de Familia, e poderá presentarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
3.-Cando do exame da documentación presentada se apreciase falta ou defecto nela requirirase ó asinante para que nun prazo de 10 días emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que se así non o fixese se considerará desistido da súa petición e esta se arquivará sen máis trámite.
4.-A intervención en procesos de adopción de menores estranxeiros precisará de habilitacións diferentes con respecto a cada un dos países que a entidade colaboradora desexe intervir, para o que deberá presentar unha solicitude por cada un deles.
5.-O titular ou representante legal da entidade colaboradora deberá poñer en coñecemento da Dirección Xeral da Familia todas aquelas modifi
cacións que afecten ós datos sinalados no presente artigo.
6.-Unha vez concedida a habilitación pola Dirección Xeral da Familia, anotarase no correspondente rexistro de entidades prestadoras de servicios sociais da Consellería de Familia, Muller e Xuventude coa denominación de entidade colaboradora de mediación en adopción internacional.
Artigo 7º.-Resolución.
A Dirección Xeral da Familia, unha vez tramitado o oportuno expediente administrativo e comprobado de que se cumpren tódolos requisitos previstos neste decreto, dictará resolución outorgando a habilitación da entidade no prazo máximo de tres meses a partir da presentación da solicitude. Transcorrido o dito prazo sen dictarse resolución expresa entenderase desestimada a solicitude.
Artigo 8º.-Efectividade.
A habilitación outorgada á entidade colaboradora pola Dirección Xeral da Familia con respecto a un país estranxeiro, non será efectiva ata que sexa autorizada para actuar nese país polas súas autoridades competentes, mediante resolución formal.
Artigo 9º.-Duración.
1.-A habilitación terá unha duración de dous anos, e quedará prorrogada tacitamente por períodos anuais, agás que a entidade colaboradora solicite a súa baixa cun prazo de antelación de seis meses á data de vencemento; neste caso estará obrigada a finaliza-la tramitación de tódolos expedientes que iniciase con anterioridade á dita solicitude.
2.-Poderá ser causa para que non se produza a prórroga tácita o suposto previsto no artigo 11 deste decreto.
Artigo 10º.-Revogación.
A Dirección Xeral da Familia poderá, mediante resolución motivada, deixar sen efecto a habilitación, definitiva ou temporalmente, se a entidade colaboradora deixase de reuni-los requisitos e condicións exisidas, incumprise algunha norma legal ou as condicións e termos fixados polo órgano habilitante ou non tramitase ningún expediente de adopción internacional durante o período de dous anos.
Artigo 11º.-Limitación.
1.-Se algún dos países de orixe dos menores susceptibles de adopción establece un límite no número de entidades colaboradoras de mediación en adopción internacional para actuar no seu territorio, a Dirección Xeral da Familia cooperará cos órganos competentes das Comunidades Autónomas e do Ministerio de Asuntos Sociais para facer posible a habilitación do número máximo de entidades colaboradoras determinado polo límite referido, denegando as solicitudes das restantes entidades interesadas.
2.-Para tal efecto, poderase celebrar unha convocatoria pública simultánea, ou procedemento con
cursal axeitado, que permita a habilitación da entidade colaboradora que corresponda.
Capítulo V
Réxime de funcionamento
Artigo 12º.-Obrigas das entidades colaboradoras.
1.-A entidade colaboradora, unha vez habilitada pola Dirección Xeral da Familia, terá as seguintes obrigas:
1º Deberá ter coñecemento detallado e cumpri-la lexislación sobre protección de menores e adopción tanto española e autonómica, como do país estranxeiro para o que estea habilitada.
2º Deberá asegurarse da ausencia de compensación pola adopción do menor.
3º Deberá ter á disposición dos usuarios tanto as habilitacións concedidas como os prezos dos servicios que presta.
4º Informará mensualmente á Dirección Xeral da Familia sobre:
a) Os solicitantes que rexistre tanto de alta como de baixa.
b) Os expedientes que envíe a cada país.
c) Os menores adoptados ou tutelados co fin de adopción que chegaran a España, nos que intervira na súa tramitación, en favor de persoas ou familias residentes no territorio da Comunidade Autónoma.
5º Manterá reunións periódicas cos responsables de adopcións internacionais da Dirección Xeral da Familia e técnicos das delegacións provinciais, para os efectos de poder establecer criterios comúns de traballo.
6º Porá a disposición da Dirección Xeral da Familia, cando esta o requira, tódolos documentos que teñan que ver coa actividade para a cal foi habilitada.
7º Comunicaralle á Dirección Xeral da Familia calquera modificación dos datos relevantes achegados coa solicitude de habilitación ou proxecto de actuación, co fin de que, se é o caso, esta lle outorgue a oportuna autorización á modificación de que se trate.
8º Remitirá á Dirección Xeral da Familia unha memoria anual, antes do 31 de marzo, na que se incluirá:
a) Informe sobre as actividades realizadas e sobre a situación da entidade.
b) Copia dos balances e orzamentos.
c) Informe emitido por auditor autorizado.
d) Informe sobre a dispoñibilidade das contas correntes.
e) Informe sobre a situación contractual do persoal.
f) Calquera outra información que lle sexa requirida pola dirección xeral.
2.-Así mesmo a entidade colaboradora deberá informar ás autoridades competentes sobre calquera irregularidade, abuso ou ganancia indebida da que teña coñecemento, entendida esta última como beneficio financeiro distinto daqueles gastos que foran precisos para cubri-los estrictamente necesarios que poidan derivarse da adopción de nenos que residen noutro país.
Artigo 13º.-Réxime especial do persoal.
As persoas que presten servicios nunha entidade colaboradora estarán suxeitas ó seguinte réxime de actuación:
1º Estarán obrigadas a gardar segredo da información a que teñan acceso sobre adoptantes e adoptados.
2º Non poderán simultanea-la súa actividade con outra no sector público en traballos relacionados coas materias obxecto de actuación da entidade.
3º Non poderán facer uso dos servicios dela.
4º Non poderán intervir nas funcións de mediación de adopción internacional cando concorran as seguintes circunstancias:
a) Ter interese persoal no asunto tratado, ou noutro asunto que poida influír na resolución do primeiro.
b) Ter cuestión litixiosa pendente con algún interesado.
c) Ter parentesco de consanguineidade ata o cuarto grao ou afinidade ata o segundo grao, con calquera dos interesados, asesores, representantes legais ou mandatarios que interveñan no proceso de mediación, así como compartir despacho profesional ou estar asociado con aqueles para o asesoramento, a representación ou o mandato.
d) Ter amizade íntima ou inimizade manifesta con algunha das persoas mencionadas no apartado anterior.
e) Ter intervido como perito ou testemuña no proceso que é tratado.
f) Ter relación de servicio coa persoa interesada directamente no asunto, ou ter prestado servicios profesionais de calquera tipo ou en calquera circunstancia nos dous últimos anos.
Artigo 14º.-Particularidades da tramitación.
1.-A entidade colaboradora non poderá admitir a trámite nova solicitude daquelas persoas que xa teñen en trámite unha solicitude anterior de adopción internacional nesa ou noutra entidade colaboradora ou directamente a través da entidade pública.
2.-A entidade colaboradora non poderá tramitar un mesmo expediente en varios países á vez. Iniciados os trámites dunha solicitude, será necesario finalizar ou cancela-lo proceso de adopción para poder iniciar unha nova tramitación no mesmo ou noutro país.
3.-As solicitudes de adopción que se tramiten a través da entidade colaboradora deberán estar refe
ridas a menores susceptibles de adopción do país ou países para os que fose habilitada.
4.-Poderán intervir nos trámites tendentes á constitución de adopcións plenas, ou institucións xurídicas que posibiliten e autoricen expresamente a constitución da adopción plena en España cando a lexislación do país de orixe estableza unicamente esta posibilidade para a adopción por estranxeiros.
5.-Igualmente intervirán nos trámites conducentes á constitución no país de orixe dos menores de adopcións non plenas, naqueles supostos en que se prevé que posteriormente en España se pode constituí-la adopción plena dese menor.
Capítulo VI
Funcións e actuacións das entidades colaboradoras
Artigo 15º.-Actuacións previas á adopción.
Previamente á constitución da adopción as funcións da entidade colaboradora en España serán as seguintes:
1º Desenvolverá actividades de información e asesoramento.
2º Levará un rexistro das solicitudes de tramitación de adopción internacional recibidas, que inscribirá por orde de entrada, reflectindo a data de recepción do certificado de idoneidade dos adoptantes, así como, se é o caso, o compromiso de seguimento.
En todo caso, o certificado de idoneidade, que será emitido pola Dirección Xeral da Familia, e o seu correspondente informe psico-social, así como o compromiso da familia de someterse ó seguimento e o da Dirección Xeral da Familia de efectualo, serán remitidos directamente desde a correspondente delegación provincial á entidade colaboradora.
Se o certificado de idoneidade duns solicitantes foi enviado a unha entidade colaboradora, non se enviará a outra distinta mentres non se acredite pola primeira a finalización ou cancelación do proceso iniciado nela, coa correspondente baixa dos solicitantes.
3º Encargarase, a petición dos solicitantes, de completa-lo expediente de adopción internacional, para o que reclamará os documentos necesarios, procederá, se é o caso, á súa traducción, e efectuará as xestións necesarias para a súa legalización e autenticación.
4º Desenvolverá actividades de preparación e formación para a adopción internacional, se así se indica na resolución administrativa de habilitación, orientadas a persoas que están tramitando a adopción a través desa entidade colaboradora.
5º Remitirá a documentación que conforme o expediente, incluídos o certificado de idoneidade e o compromiso de seguimento emitidos pola Dirección Xeral da Familia, dirixíndoa ó seu representante no país de orixe do menor, informando disto á delegación provincial correspondente.
Artigo 16º.-Actuacións no país de orixe do menor.
As funcións e actividades da entidade colaboradora no país de orixe do menor serán as seguintes:
1º Fará chega-la documentación do expediente de adopción, a través do seu representante, á autoridade pública competente nese país ou ó organismo privado habilitado para o efecto polas autoridades deste e ante o que está autorizada a entidade colaboradora española para tramita-las solicitudes de adopción.
2º Seguirá e activará o procedemento de adopción, mantendo os oportunos contactos cos organismos públicos administrativos e xudiciais competentes na adopción. Para tal efecto, reclamará, cando sexa necesario, os documentos pertinentes dos organismos que correspondan.
3º Será informada periodicamente, a través do seu representante, sobre a situación da tramitación, co fin de poder manter informados ós solicitantes e á correspondente delegación provincial.
4º Recibirá do organismo oficial do país de orixe do menor, e a través do seu representante, o documento referente á preasignación do menor.
5º Comunicaralle esta preasignación á correspondente delegación provincial, que emitirá informe ó respecto e dará traslado á Dirección Xeral da Familia para que esta resolva motivadamente sobre a súa aprobación ou non á preasignación. Esta decisión determinará a continuación ou non do procedemento.
6º Igualmente, informará da preasignación e da decisión da Dirección Xeral da Familia ós interesados, facilitándolles tódolos datos dispoñibles sobre o menor de que se trate, solicitando a súa aceptación ou non para a adopción dese menor.
7º Presentará, a través do seu representante no organismo oficial do país de orixe do menor do que recibiu a preasignación, o documento de aprobación ou non aprobación da Dirección Xeral da Familia, e, se é o caso, o de aceptación dos solicitantes.
8º Xestionará, cando sexa necesario, o outorgamento de poderes por parte dos interesados para a actuación de avogados e procuradores ante os órganos xudiciais competentes do país de orixe do menor.
9º Será informada polo seu representante, se durante a tramitación se solicita, por parte das autoridades competentes do país de orixe do menor, algún novo documento ou a actualización dalgún dos xa presentados, a fin de poder comunicalo ós interesados. A petición destes, encargarase de reclamado, xestiona-la súa legalización e autenticación, e se é o caso, traducción, e presentarállelo ás autoridades que o solicitasen.
10º Asegurarase de que o menor reúne tódolos requisitos para a entrada e a residencia en España, e de que se dispoña de toda a documentación pertinente para o recoñecemento da eficacia da resolución estranxeira no noso país.
11º Informará ós interesados do momento en que poidan trasladarse ó país de orixe do menor para ultima-los trámites de adopción.
12º Axudará os interesados nas xestións de legalización, así como naqueloutras que deban realizarse ante as dependencias consulares españolas no país de orixe do menor.
Artigo 17º.-Actuacións posteriores á constitución da adopción.
Unha vez constituída a adopción, a entidade colaboradora terá as seguintes funcións e actuacións en España ou no país de orixe do menor adoptado:
1º Comunicaralle á correspondente delegación provincial a constitución da adopción, ou se é o caso, a tutela legal con fins de adopción en España, e a chegada do menor ó noso país, facilitando unha copia compulsada da resolución de adopción ou de tutela.
2º Remitirá ó organismo competente do país de orixe do menor, cando así o requira e coa periodicidade que se sinale, os informes de seguimento da adaptación do menor a súa nova familia emitidos pola correspondente delegación provincial.
3º Asesorará e instará ós adoptantes para que soliciten a inscrición da adopción no Rexistro Civil Central, no caso de que non se realizara a dita inscrición no consulado español no país de orixe do menor antes da súa partida del.
4º Preocuparase, nos supostos en que se constituira unha adopción non plena ou unha tutela legal con fins de adopción en España, que se lle propoña ó órgano xudicial competente español, pola correspondente delegación provincial ou directamente polo interesado, segundo proceda legalmente, a constitución da dita adopción.
5º Informará mensualmente á correspondente delegación provincial sobre os menores adoptados ou tutelados con fins de adopción que chegasen a España, e que foran tramitados a través da entidade colaboradora.
6º Comunicara á correspondente delegación provincial e ó organismo competente do país de orixe do menor que a resolución de adopción se inscribiu no Rexistro Civil central ou consular correspondente. Á delegación provincial facilitaralle unha copia da inscrición rexistral.
7º Prestará servicios de apoio ó menor adoptado e, se é o caso, tutelado con fin de adopción, e ós adoptantes.
Capítulo VII
Aspectos financeiros
Artigo 18º.-Disposición xeral.
Os ingresos da entidade colaboradora, tanto procedentes de subvencións de organismos públicos, cotas dos afiliados, percepcións por gastos de tramitación ou outros, non serán superiores ós gastos reais da mesma.
Artigo 19º.-Gastos.
1.-A entidade colaboradora poderá percibir dos solicitantes de adopción e para facer fronte ós gastos derivados da xestión específica de tramita-la adopción internacional, incluídos os honorarios profesionais, unha compensación económica polos seguintes conceptos:
1º Pola obtención, traducción, autenticación de documentos e xestións similares que, se é o caso, realice a entidade colaboradora, tanto en España como no estranxeiro.
2º Polos gastos de tramitación.
2.-Poderán facer repercutir nos adoptantes os gastos de manutención do menor, nos países en que a súa lexislación así o requira, non podendo ser anteriores á data en que o adoptante aceptou a preasignación do menor.
Artigo 20º.-Publicidade dos custos.
A entidade colaboradora informará ás persoas que soliciten o seu asesoramento, ou que demanden os seus servicios, do importe aproximado dos gastos que, salvo imprevisibles, ocasionarán os trámites de adopción. Igualmente, porá en coñecemento da Dirección Xeral da Familia as sucesivas actualizacións dos custos de tramitación.
Artigo 21º.-Retribucións do persoal.
O importe das retribucións do persoal non poderá ser superior ó que estea establecido, legal ou convencionalmente, de forma xeral no territorio e para a actividade que vaian desenvolver. En ningún caso percibirán as súas retribucións en función das tramitacións ou xestións realizadas.
Artigo 22º.-Conta corrente.
Terá aberta unha conta corrente única e independente en España para toda a xestión da entidade colaboradora, e se fose necesaria outra única no país estranxeiro.
Artigo 23º.-Contabilidade.
En todo caso, a súa contabilidade estará adecuada ó Plan Xeral Contable e ás normas que para o efecto poida dicta-la Comunidade Autónoma.
Capítulo VIII
Inspección
Artigo 24º.-Disposicións xerais.
1.-A inspección sobre estas entidades colaboradoras no referente ás súas actividades de mediación en adopcións de menores estranxeiros para as que foi habilitada, corresponderá ó órgano de inspección da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, de conformidade co previsto no presente decreto e no Decreto 176/1995, do 16 de xuño, polo que se desenvolve a Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, no relativo á inspección e réxime sancionador das entidades prestadoras de servicios sociais.
2.-Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, a Dirección Xeral da Familia efectuará a supervisión e control das entidades colaboradoras. Para tales efectos, levarase un rexistro de reclamacións formuladas polas persoas que acudan ás entidades colaboradoras habilitadas. Asi mesmo, informará á Dirección Xeral do Menor e a Familia do Ministerio de Asuntos Sociais, das entidades colaboradoras habilitadas para que pola súa vez o poña en coñecemento do órgano competente do país estranxeiro onde vaia actuar.
Artigo 25º.-Coordinación con outras comunidades autónomas
Cando a mesma entidade colaboradora sexa habilitada tamén noutra ou noutras comunidades autónomas a Dirección Xeral da Familia establecerá a oportuna coordinación cos órganos competentes delas para efectos deste control.
Disposicións derradeiras
Primeira.-Facúltase a conselleira de Familia, Muller e Xuventude, no exercicio das súas competencias, para o desenvolvemento do presente decreto.
Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, doce de xaneiro de mil novecentos noventa e seis.
Manuel Fraga Iribarne
Presidente
Manuela López Besteiro
Conselleira de Familia, Muller e Xuventude
212