Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 31 Martes, 13 de febreiro de 1996 Páx. 1.160

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA

ORDE do 18 de xaneiro de 1996 pola que se recoñece de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación do Santo Milagro do Cebreiro.

Visto o expediente de recoñecemento de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación do Santo Milagro do Cebreiro, con domicilio no Cebreiro (Lugo), Hospedería San Giraldo D'Aurillac.

Supostos de feito:

Primeiro.-O 21 de novembro de 1995 solicitouse o recoñecemento de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación do Santo Milagro do Cebreiro por medio de escrito presentado por Lauraine Diane Dennett, como secretaria da fundación.

Segundo.- A fundación constitúese en escritura pública, outorgada en Santiago de Compostela, o día 18 de novembro de 1995, ante o notario desta cidade José Antonio Montero Pardo, co número mil setecentos vinte do seu protocolo, por Fernando Imaz Marroquín, Ángel Fernández de Aranguiz Díaz de Otazu, Paolo Giuseppe Caucci Von Saucken e Robert Georg Plotz, todos eles no seu nome propio, e Fernando Imaz Marroquín, ademais, en representación de Lauraine Diane Dennett.

Terceiro.-A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública a proposta de clasificación como cultural da Fundación do Santo Milagro do Cebreiro, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a execución das facultades inherentes a aquel á Consellería de Cultura.

Cuarto. Á vista da proposta da Comisión de Secretarios Xerais pola orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 28 de decembro de 1995 (DOG do 16 de xaneiro) clasificouse como cultural a Fundación do Santo Milagro do Cebreiro, tendo en conta o disposto no artigo 32.3º.a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego.

Quinto.-Segundo consta no artigo 4 dos seus estatutos o obxecto e finalidade da fundación é o mantemento e a reparación da fábrica dos edificios do mosteiro antigo do Cebreiro (Lugo) composto pola Igrexa de Santa María a Real e a Hospedería «San Giraldo D'Aurillac».

Sexto.-Na escritura pública pola que se constitúe a fundación, constan, entre outros, os seguintes puntos: acreditación da personalidade dos fundadores, dotación inicial da fundación, estatutos nos que consta a denominación da fundación como Fundación do Santo Milagro do Cebreiro, enderezo e obxecto.

O padroado da fundación está integrado polos seguintes membros:

Presidente: Paolo Giuseppe Caucci Von Saucken.

Vicepresidente: Robert Georg Plotz.

Secretaria: Lauraine Diane Dennett.

Tesoureiro: Ángel Fernández de Aranguiz Díaz de Otazu.

Fundamentos de dereito:

Primeiro.-O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, de acordo coa lei. O artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia atribúelle a esta comunidade competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo.-Conforme o artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, así como o artigo 1 do Decreto 12/1990, é competencia desta consellería a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación do Santo Milagro do Cebreiro dado o seu obxecto, coincidente coas competencias desenvolvidas pola Consellería de Cultura, asumindo as funcións que en canto a protectorado lle corresponden á Xunta de Galicia.

Terceiro.-Ó amparo do disposto no artigo 7.5º da Lei 7/1983, do 22 de xuño, á realización da finalidade fundacional débense destinar, cando menos, o oitenta por cento das rendas que obteña a fundación e dos outros ingresos que non formen parte da dotación da fundación.

Cuarto.-A Lei 11/1991, do 8 de novembro, dálle nova redacción ó artigo 21.2º da Lei 7/1983, establecendo a obriga de, por unha banda, formular e presenta-lo orzamento de ingresos e gastos ó protectorado con anterioridade ó inicio do excercicio económico e, por outra, a de efectuar un inventario-balance, pechado na data da finalización do exercicio, unha memoria das actividades realizadas ó longo do ano e de xestión económica do patrimonio, así como a liquidación do orzamento de ingresos e gastos do ano anterior, que deberán presentarse ó protectorado no prazo de seis meses desde a data do peche do exercicio.

Este conxunto de obrigas débense entender asumidas pola fundación, aínda que non se recollan expresamente nos seus estatutos.

Quinto.-Á vista do exposto pódense entender substancialmente cumpridos os requisitos legais e regulamentarios para a declaración de interese galego e a súa inscrición no Rexistro de Fundacións, da

Sección de Fundacións da Consellería de Cultura segundo se desprende dos artigos 5, 6, 7, 8, 11.1. e 18 da Lei 7/1983, en relación cos artigos 2, 3, 4, 5 e 33 do Decreto 248/1992. Por todo isto,

DISPOÑO:

Primeiro.-Recoñecer e declarar de interese galego a Fundación do Santo Milagro do Cebreiro.

Segundo.-Ordena-la súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, Sección de Fundacións da Consellería de Cultura.

Terceiro.-Aproba-los seus estatutos e a formación do seu órgano de goberno.

Cuarto.-A dita fundación queda sometida ó disposto no resto da normativa de xeral aplicación, en especial á obrigación de lles da-la publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servicios, quedando obrigada a rende-las contas anualmente ó protectorado e a xustificar, a través dunha memoria anual, o cumprimento das cargas fundacionais, así como a presenta-lo proxecto de orzamento antes do último mes do exercicio económico anterior a aquel para o que se formula, debendo solicita-las preceptivas autorizacións do protectorado cando sexan necesarias.

Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 1996.

Víctor M. Vázquez Portomeñe

Conselleiro de Cultura

750