Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Xoves, 18 de abril de 1996 Páx. 3.594

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 135/1996, do 29 de marzo, polo que se aproban o escudo heráldico e a bandeira do Concello de Baralla.

O Concello de Baralla considerou conveniente adopta-lo seu escudo heráldico e maila bandeira para perpetuar, con simboloxía adecuada e conforme as normas da heráldica, os feitos máis relevantes e peculiares do seu pasado histórico. Para iso, e de acordo coas facultades que lle confiren as disposicións vixentes, elevou o correspondente informe e memoria descritiva para a súa aprobación definitiva.

A competencia exclusiva en materia de adopción, modificación ou rehabilitación dos emblemas heráldicos e bandeiras dos concellos e doutras entidades locais, correspóndelle á Comunidade Autónoma galega, segundo o disposto polo artigo 27.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

O expediente instruíuse conforme as normas do procedemento establecidas na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, no Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das corporacións locais, aprobado polo R.D. 2568/1986, do 28 de novembro, e mais no Decreto 258/1992, do 10 de setembro, da Xunta de Galicia, polo que se regula o procedemento e normas heráldicas para a adopción, modificación ou rehabilitación dos escudos e bandeiras das corporacións locais e doutras entidades locais.

Na súa virtude, visto o informe emitido pola Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia, e por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintenove de marzo de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo primeiro.-Aproba-lo escudo heráldico do Concello de Baralla, que quedará organizado do seguinte xeito: De azur, e sobre ondas de prata e azur, un caldeiro de ouro sumado dunha cruz do mesmo e acompañado de catro torres de prata, aclaradas de azur. Ó timbre, coroa real pechada.

Artigo segundo.-Aproba-la bandeira do Concello de Baralla, que quedará organizada do seguinte xeito: Sobre pano azul, un caldeiro de amarelo, sumado

dunha cruz do mesmo e acompañado de catro torres brancas dispostas nos cantóns

Santiago de Compostela, vintenove de marzo de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

96-2814