Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Mércores, 08 de maio de 1996 Páx. 4.258

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 16 de abril de 1996 pola que se lle outorga a Gas Galicia SDG, S.A. concesión administrativa para a prestación do servicio público de subministración de gas natural na Coruña, Arteixo e Culleredo.

A empresa Gas Galicia SDG, S.A., con domicilio social en Santiago de Compostela, rúa A Rosa, 16-3º B, solicitou concesión administrativa para o servicio público de subministración de gas natural para usos

domésticos, comerciais e industriais nos termos municipais da Coruña, Arteixo e Culleredo, na provincia da Coruña, así como para o almacenamento, distribución e subministración de aire propanado, intercambiable co gas natural, no termo municipal da Coruña.

A rede básica de distribución terá a súa orixe na rede industrial de Enagas, S.A., a través das correspondentes estacións de regulación e medida. Desta rede básica partirán as redes secundarias e as ramificacións precisas para atende-los diferentes puntos de consumo.

A planta de aire propanado, que se prevé instalar no concello da Coruña permitirá a subministración dun gas, totalmente intercambiable co gas natural, previo á interconexión das redes de Gas Galicia SDG, S.A. coa rede industrial de Enagas S.A.

As características principais das instalacións serán as seguintes:

A rede primaria operará a unha previsión máxima de 4 bar efectivos, e a rede secundaria operará, unha parte, á presión máxima de 4 bar e outra, á presión máxima de 0,4 bar, en función, especialmente, dos consumos demandados, das características urbanísticas dos núcleos de poboación e dos condicionantes das vías públicas e de edificación.

O caudal máximo que se vai vehicular será o necesario para atende-la demanda máxima prevista para os diferentes mercados dos termos municipais obxecto da concesión. Tomando como base os cálculos previstos, estímase en 4.250 Nm/h o caudal máximo a canalizar.

A lonxitude aproximada das tuberías que comporán a rede será:

-Rede primaria: 19.950 m.

-Rede secundaria: 188.225 m.

A planta de aire propanado, que se prevé instalar nunha primeira fase para a subministración de gas ós usuarios do termo municipal da Coruña, terá unha capacidade de producción de 4000 m(n) de aire propanado, de 13,5 terminas/m(n).

O orzamento total estimado ascende a tres mil setecentos corenta e un millóns vintecinco mil pesetas (3.741.025.000 pts.)

Cumpridos os trámites regulamentarios no expediente instruído para o efecto, de conformidade co previsto no Regulamento xeral do servicio público de gases combustibles, aprobado polo Decreto 2913/1973, do 26 de outubro, que continuará en vixencia de acordo co establecido na disposición transitoria primeira da Lei 10/1987, do 15 de xuño, de disposicións básicas para un desenvolvemento coordinado de actuacións en materia de combustibles gasosos, en tanto non se aproben as disposicións de desenvolvemento dela.

Considerando que a Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia é competente para outorga-la correspondente concesión administrati

va, de acordo co Estatuto de autonomía de Galicia; o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia; o Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas; o Decreto 209/1990, do 15 de marzo, modificado polo Decreto 140/1991, do 2 de maio, en relación coa Lei 10/1987, do 15 de xuño e o Decreto 2913/1973, do 26 de outubro e por proposta da Dirección Xeral de Industria,

RESOLVO:

Outorgarlle a Gas Galicia SDG, S.A. a concesión administrativa solicitada para o servicio público de subministración de gas natural para usos domésticos, comerciais e industriais nos termos municipais da Coruña, Culleredo e Arteixo, así como para o almacenamento, distribución e subministración de aire propanado, nunha primeira fase, no termo municipal da Coruña.

A presente concesión outórgase conforme as seguintes condicións:

Primeira.-Gas Galicia SDG, S.A. constituirá no prazo de dous meses, contado desde o outorgamento da concesión, unha fianza polo valor de 74.820.500 pesetas, importe do 2% do orzamento que figura no expediente, para garanti-lo cumprimento das súas obrigacións, conforme o artigo 7, apartado b) da Lei 10/1987, do 15 de xuño, e o artigo 13 do Regulamento xeral do servicio público de gases combustibles. A dita fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3º do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, fianza que será devolta unha vez que se formalice a acta de posta en marcha das instalacións.

Segunda.-A presente concesión outórgase deixando a salvo os dereitos concesionais recoñecidos con anterioridade a Enagas, S.A. para a subministración de gas natural para usos industriais en diversos termos municipais, entre os que figuran A Coruña, Arteixo e Culleredo por Orde do 12 de marzo de 1993 e Orde do 15 de abril de 1996, sen prexuízo dos acordos que se establezan entre Gas Galicia, SDG, S.A. e Enagas, S.A. para a subministración ós mercados industriais e para conseguir unha utilización óptima dos recursos e unha máis rápida penetración do gas natural.

A Consellería de Industria e Comercio reserva para si a aprobación ou arbitraxe, se é o caso, dos correspondentes criterios de ordenación do mercado de gas natural para usos industriais, de cara a unha utilización máis racional dos recursos e unha mellor calidade do servicio público.

Terceira.-Dentro do prazo de 12 meses, contado desde o outorgamento da presente concesión, Gas Galicia, SDG, S.A. deberá solicitar desta Consellería de Industria e Comercio a autorización para a mon

taxe das instalacións, presentando o proxecto detallado delas.

Cuarta.-Nas instalacións e nas súas montaxes deberase cumpri-lo establecido no Regulamento de redes e acometidas de combustibles gasosos, aprobado por orde do Ministerio de Industria do 18 de novembro de 1974, modificada polas ordes do 26 de outubro de 1983 e 6 de xullo de 1984. Estas instalacións deberán preverse para responder ós avances tecnolóxicos no campo do gas e lograr abastecementos flexibles e seguros.

O cambio das características do gas subministrado ou a substitución por outro intercambiable requirirá a autorización da Dirección Xeral de Industria da Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, de acordo co artigo 8 apartado c) do Regulamento xeral do servicio público de gases combustibles.

As instalacións receptoras de gas, a partir da acometida, tanto as comúns coma as individuais, deberán cumpri-lo disposto no Regulamento de instalacións de gas en locais destinados a usos domésticos, colectivos ou comerciais e normas complementarias.

Quinta.-O concesionario deberá manter unha correcta subministración e unha adecuada e eficiente conservación das instalacións, e será responsable da conservación e bo funcionamento deles. Así mesmo, queda suxeito a cantas prescricións se establecen no citado regulamento xeral e a cantas disposicións foran dictadas ou se dicten polo Ministerio de Industria e Enerxía ou a Xunta de Galicia sobre subministración de gases combustibles e as súas instalacións.

Sexta.-A determinación das tarifas de aplicación á subministración de gas rexerase polas disposicións vixentes no seu momento sobre a materia.

Sétima.-A presente concesión outórgase por un prazo de setenta e cinco anos. As instalacións obxecto desta concesión reverterán á Comunidade Autónoma de Galicia ó transcorre-lo prazo sinalado, de acordo co artigo 7º, apartado c) da Lei 10/1987, do 15 de xuño.

Oitava.-Gas Galicia SDG, S.A. poderá transferir en calquera momento a concesión, para o que se require a autorización previa desta Consellería de Industria e Comercio, e o novo titular subrogarase en tódalas obrigacións e dereitos do transmitente derivados da concesión.

Novena.-A Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña coidará do exacto cumprimento das condicións estipuladas por esta resolución. Os recoñecementos, ensaios e probas, de carácter xeral ou parcial, que segundo as disposicións en vixencia deban realizarse nas instalacións obxecto da concesión deberán ser comunicadas polo concesionario á citada delegación provincial coa debida antelación.

Décima.-En casos de incumprimento das obrigacións do concesionario que poidan afectar á continuidade e seguridade do servicio público, e co fin de garanti-lo mantemento do servicio ós seus usuarios, a Xunta de Galicia poderá acorda-la intervención da correspondente empresa concesionaria, de acordo co artigo 128 da Constitución, adoptando as medidas oportunas para mante-la subministración.

Undécima.-Serán causas de extinción da presente concesión, ademais das sinaladas no apartado e) do artigo 7 da Lei 10/1987, do 15 de xuño, as seguintes:

a) O incumprimento do apartado b), do artigo 7 da Lei 10/1987.

b) A introducción de calquera variación ou aplicación na execución dos proxectos non autorizadas pola Dirección Xeral de Industria, salvando as modificacións precisas para que se cumpran as disposicións vixentes.

c) Se non se levasen a cabo as instalacións de acordo coas condicións impostas na presente resolución e na autorización para a montaxe delas.

Sen embargo, se por evolución da técnica ou a distribución de gas, por utilización de diferentes materias primas ou por outras causas non fose adecuado o mantemento dalgunha ou algunhas das instalacións obxecto da presente resolución, Gas Galicia SDG, S.A. poderá solicitar desta Consellería de Industria e Comercio:

1. Autorización para a modificación ou substitución das instalacións, sen altera-las restantes condicións da concesión e coa mesma data de reversión cás instalacións substituídas, ou ben

2. O outorgamento da correspondente concesión para as novas instalacións, se pola importancia dos investimentos que estas supoñan non puidese obter unha compensación económica adecuada durante o prazo que faltase para a caducidade da concesión antes mencionada, tendo en conta sempre os dereitos que a Comunidade Autónoma de Galicia poida ter sobre os elementos cambiados.

Duodécima.-A concesión outórgase sen prexuízo de terceiros e deixando a salvo os dereitos particulares.

Decimo terceira.-Esta concesión outórgase sen prexuízo e independentemente das autorizacións, licencias ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros, necesarios para a realización das obras das instalacións de gas.

Contra a presente resolución, que é definitiva na vía administrativa, poderá interpoñerse, se é o caso, recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contado desde o día seguinte ó da súa publicación, logo de comunicación a esta consellería.

Santiago de Compostela, 16 de abril de 1996.

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

9602765