Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Xoves, 23 de maio de 1996 Páx. 4.840

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 7 de maio de 1996 pola que se modifica a do 2 de xaneiro de 1995, pola que se establece a ordenación dos establecementos de turismo rural.

A Orde do 2 de xaneiro de 1995 sinala que os establecementos turísticos rurais comprendidos nos grupos A e B se poderán clasificar nas modalidades de residencia e hospedería.

A modalidade hospedería, tal e como se define nesa orde, refírese ó suposto de que o titular do establecementos como persoa física, e a súa familia compartan o uso da vivenda cos hóspedes en réxime de explotación familiar, e a súa oferta de servicios comprenda, como mínimo, a media pensión alimenticia.

Sen embargo, esa definición parece resultar insuficiente para determinar quen debe residir no establecemento cando a titularidade corresponda a unha persoa xurídica, aspecto este que cómpre clarificar.

Así mesmo, e debido ás dúbidas xurdidas con motivo da remisión xenérica que fai o artigo 17 á normativa turística vixente, é conveniente precisar algúns aspectos do réxime de funcionamento dos establecementos de turismo rural.

En consecuencia, de conformidade co Estatuto de autonomía de Galicia aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, que establece no artigo 27.21º a competencia exclusiva da Comuniade Autónoma de Galicia en materia de ordenación e promoción do turismo no seu ámbito territorial, e en virtude do establecido na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º

O artigo 3 da Orde do 2 de xaneiro de 1995 queda redactado como segue:

Pola súa vez os establecementos comprendidos nos anteditos grupos A e B poderán clasificarse nalgunha das seguintes modalidades:

a) Hospedería: cando o seu titular e os familiares que convivan con el compartan o uso da vivenda cunha zona dedicada a hóspedes en réxime de explotación familiar e a súa oferta de servicios comprenda, como mínimo, a media pensión alimenticia.

Se a titularidade correspondese a unha persoa xurídica, deberá residir na vivenda polo menos unha persoa física con poder dabondo para representala e xestiona-lo establecemento.

b) Residencia: cando os usuarios dispoñan das instalacións en réxime extrahoteleiro ou tamén cando, compartindo a vivenda cos seus titulares, a oferta de servicios do establecemento non comprenda, como mínimo, a media pensión alimenticia.

Artigo 2º

O artigo 7 queda redactado como segue:

En tódolos aloxamentos rurais identificarase o espacio e instalacións dedicadas de forma permanente a explotación turística. En particular, esa identificación deberá figurar no exterior das habitacións e poderá ser numérica ou nominal.

Así mesmo, no interior das habitacións deberase fixar nun lugar destacado e de fácil localización un impreso normalizado, segundo figura no anexo I da presente orde, no que constarán as súas características, e que lles será facilitado ós establecementos, debidamente selado polos correspondentes servicios provinciais de Turismo.

Artigo 3º

Engádese o artigo 7 bis, que queda redactado como segue:

En tódolos establecementos de turismo rural será obrigatoria a exhibición, xunto á entrada principal, do símbolo que figura no anexo II da presente orde.

Artigo 4º

Modifícase o apartado 3) do número 1 do artigo 14, que queda redactado como segue:

Fotocopia compulsada do título ou contrato que probe a libre disposición do establecemento por parte do solicitante.

Artigo 5º

Engádese ó artigo 14 número 1 o apartado 14) que queda redactado como segue:

Certificado municipal de empadroamento acreditativo da residencia habitual no establecemento tal e como o considera o artigo 3 apartado a).

Artigo 6º

Engádese o artigo 17 bis, que queda redactado como segue:

O prezo da unidade de aloxamento contarase por días, conforme o número de noites pasadas, sen que en ningún caso poida esixi-lo titular do establecemento unha estancia mínima superior a un día.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase ó secretario xeral para o Turismo para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións oportunas para o desenvolvemento desta disposición.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de maio de 1996.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

ANEXO I

Número ou denominación da habitación:

Tipo de habitación:

dobre p (1 cama p, 2 camas p)

sinxela p (1 cama)

outra p especificar

Nº de camas supletorias:

0 p

1 p

2 p

Nº de prazas autorizadas: (excluídas as camas supletorias)

Nº de prazas autorizadas: (incluídas as camas supletorias)

96-3772