Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Martes, 28 de maio de 1996 Páx. 5.012

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 196/1996, do 17 de maio, polo que se aproba o escudo heráldico do Concello da Baña.

O Concello da Baña considerou conveniente adopta-lo seu escudo heráldico para perpetuar, con simboloxía adecuada e conforme as normas da heráldica, os feitos máis relevantes e peculiares do seu pasado histórico. Para iso, e de acordo coas facultades que lle confiren as disposicións vixentes, elevou o correspondente informe e memoria descritiva para a súa aprobación definitiva.

A competencia exclusiva en materia de adopción, modificación ou rehabilitación dos emblemas heráldicos e bandeiras dos concellos e doutras entidades locais correspóndelle á Comunidade Autónoma Galega, segundo o disposto polo artigo 27.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

O expediente instruíuse conforme as normas do procedemento establecidas na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, no Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das corporacións locais, aprobado polo Real decreto 2568/1986, do 28 de novembro, e mais no Decreto 258/1992, do 10 de setembro, da Xunta de Galicia, polo que se regula o procedemento e normas heráldicas para adopción, modificación ou rehabilitación dos escudos e bandeiras das corporacións locais e doutras entidades locais.

Na súa virtude, visto o informe emitido pola Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia, e por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezasete de maio de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aproba-lo escudo heráldico do Concello da Baña, que quedará organizado do seguinte xeito: De ouro, e sobre ondas de prata e azur, unha árbore da súa cor, terrasado de sinople e acompañado de cinco lanzas, postas en pao, tres á destra e dous á sinistra. Bordura de gules con quince crucetas de ouro. Ó timbre, coroa real pechada.

Santiago de Compostela, dezasete de maio de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

3900