A Fundación Galicia-Europa anuncia que a partir do mes de outubro do presente ano pon á disposición do persoal ó servicio das entidades membros desta institución (Xunta de Galicia, Banco Pastor, Caixa Galicia, Caixa Ourense, Caixa Pontevedra, Caixavigo e Cámaras de Comercio Galegas), a súa oficina en Bruxelas para acoller a persoas que traballen ó seu servicio.
A finalidade que se persegue é a de que, contando coa asistencia do persoal da fundación destinado en Bruxelas e dos contactos que a través del se poidan establecer coas institucións comunitarias, as persoas seleccionadas realicen traballos de investigación de investigación en relación con temas comunitarios que sexan de interese para as entidades das que dependan.
Requisitos:
-Formar parte do cadro de persoal dalgunha das entidaes membros do Padroado da Fundación Galicia-Europa.
-Acreditar ter realizados estudios universitarios completos de segundo ciclo, sancionados por un título universitario.
-Ter coñecemento profundo do francés ou do inglés.
-Daráselles preferencia a aqueles candidatos que se ocupen de funcións que demanden unha ampliación de coñecementos en relación con temas comunitarios e que acrediten estudios ou traballos realizados neste senso.
As entidades ás que pertenzan os candidatos faranse cargo dos gastos de desprazamento e de aloxamento en Bruxelas polo tempo que dure a estadía, que terá unha duración variable segundo cada caso, pero que por tempo medio será de 15 días.
As estadías realizaranse no período comprendido entre o 1 de outubro de 1996 e o 30 de xuño de 1997.
Os interesados deberán presenta-la súa solicitude na sede da Fundación Galicia-Europa, sita na Casa da Parra, praza da Quintana, Santiago de Compostela, teléfono 54 58 29.
A documentación que se presentará constará dos seguintes documentos:
-Solicitude dirixida ó director da Fundación Galicia-Europa, no que se fagan consta-las razóns polas que se solicita a estadía e o obxecto do traballo que se vai realizar. Así mesmo, indicaranse as datas máis convenientes para realiza-la estadía e a súa previsible duración.
-Autorización asinada pola autoridade de quen dependa o candidato e compromiso de facerse cargo dos correspondentes gastos.
-Os documentos acreditativos do cumprimento dos requisitos da convocatoria así como unha fotografía tipo carné.
Prazo. a documentación deberá entregarse antes do 15 de setembro de 1996.
Santiago de Compostela, 24 de xuño de 1996.
José Antonio Orza Fernández
Secretario xeral da Fundación Galicia-Europa
AVISO PARA OS ANUNCIANTES
PREZOS PARA A PUBLICACIÓN DE ANUNCIOS
NO DOG A PARTIR DO 1 DE XANEIRO DE 1996
(Decreto 289/1995, do 3 de novembro,
DOG do 9 do mesmo mes)
-Tramitación ordinaria: 445 pesetas/liña de 54 espacios.
-Tramitación urxente: 890 pesetas/liña de 54 espacios.

