Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 149 Mércores, 31 de xullo de 1996 Páx. 7.296

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 314/1996, do 18 de xullo, polo que se establece a estructura orgánica da Secretaría Xeral para o Turismo.

O Decreto 261/1994, do 29 de xullo, establece a estructura orgánica dos centros directivos dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, entre os que figura a Secretaría Xeral para o Turismo como órgano superior dependente funcionalmente da Presidencia da Xunta de Galicia e organismos da Consellería da Presidencia e Administración Pública. No artigo 8.1º do mesmo decreto establécense as funcións que corresponden á Secretaría Xeral para o Turismo, e no apartado 2º a súa estructura. O Decreto 71/1995 engadiu un novo apartado ó artigo 8.2º do Decreto 261/1994, do 29 de xullo.

A experiencia acumulada durante o tempo transcorrido desde a entrada en vigor do devandito decreto aconsella dota-la Secretaría Xeral para o Turismo dunha nova estructura, que permita adecua-la actual a un mellor cumprimento das funcións atribuídas ó dito órgano directivo, seguindo os criterios de eficacia e eficiencia, o que permitirá unha mellor xestión e maior calidade no exercicio das súas funcións.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública, tralo informe da Consellería de Economía e Facenda, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaoito de xullo de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo primeiro.

Para o exercicio das súas funcións, a Secretaría Xeral para o Turismo estructúrase nas seguintes unidades administrativas:

1. Subdirección Xeral de Xestión do Turismo.

1.1. Servicio de Xestión Administrativa e de Persoal.

1.2. Servicio de Ordenación do Turismo.

1.3. Servicio de Inspección do Turismo.

2. Subdirección Xeral de Fomento e Cooperación Institucional.

2.1. Servicio de Supervisión de Proxectos e Contratación.

2.2. Servicio de Fomento e Promoción.

2.3. Servicio de Formación, Cooperación Institucional e Documentación.

Artigo segundo.

Ás unidades administrativas mencionadas no artigo anterior correspóndenlle-las seguintes funcións:

1. Subdirección Xeral de Xestión do Turismo:

a) A planificación, programación, xestión e execución das funcións que exerce a Secretaría Xeral para o Turismo en materia de xestión administrativa e de persoal, ordenación do turismo, así como de control e inspección.

b) A coordinación dos servicios provinciais de Turismo nas materias da súa competencia.

c) As propostas de gastos dos servicios que dela dependen.

1.1. Servicio de Xestión Administrativa e de Persoal:

a) A xestión do persoal e habilitación.

b) A xestión do control orzamentario.

1.2. Servicio de Ordenación do Turismo:

a) O estudio e preparación da regulación administrativa do sector turístico.

b) A tramitación dos expedientes administrativos relacionados coas empresas e actividades turísticas.

1.3 Servicio de Inspección do Turismo:

a) A comprobación e vixilancia do cumprimento das disposicións legais en materia de turismo.

b) A coordinación do labor inspector dos servicios centrais e provinciais.

2. Subdirección Xeral de Fomento e Cooperación Institucional:

a) A planificación, programación, xestión e execución das funcións que exerce a Secretaría Xeral para o Turismo en materia de fomento, cooperación institucional e contratación.

2.1. Servicio de Supervisión de Proxectos e Contratación:

a) As funcións das oficinas de supervisión de proxectos a que fai referencia o artigo 128 da Lei 13/1995, do 18 de maio, de contratos das administracións públicas, respecto ás obras que realiza a secretaría xeral, así como a xestión dos expedientes de contratación de obras e o seguimento delas.

2.2. Servicio de Fomento e Promoción:

a) A preparación da normativa sobre axudas e subvencións.

b) A tramitación dos expedientes de axuda e subvencións en colaboración cos servicios provinciais de Turismo.

c) A elaboración de informes por instancia doutros organismos, que teñan establecidas liñas de apoio ó turismo.

d) Outras actuacións encamiñadas a potenciar e promociona-los recursos turísticos de Galicia.

2.3. Servicio de Formación, Cooperación Institucional e Documentación:

a) Organización e mantemento dos fondos documentais.

b) Tramitación de solicitudes de declaración de interese turístico.

c) Tramitación de proxectos de convenios de cooperación ou colaboración con entes públicos ou privados.

d) Participación nas actividades de cooperación institucional.

e) Coordinación e realización de accións de formación e recursos dirixidos á mellora dos recursos humanos no sector.

Disposicións derrogatorias

Primeira.-Queda derrogado o artigo 8º do Decreto 261/1994, do 29 de xullo, así como o artigo 2º do Decreto 71/1995, do 10 de marzo.

Segunda.-Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior categoría se opoñan ó establecido no presente decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro da Presidencia e Administración Pública para dicta-las normas complementarias para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaoito de xullo de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

5727