Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 154 Mércores, 07 de agosto de 1996 Páx. 7.533

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 24 de abril de 1996, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón a inscrición e a publicación do convenio colectivo de ámbito provincial da empresa Ourense de Transportes, S.A. de Ourense.

Visto o texto do convenio colectivo da empresa Ourense de Transportes, S.A. (código nº 3200622) de Ourense, con entrada nesta delegación provincial, subscrito en representación da parte económica pola empresa e da parte social polo comité da dita empresa, en representación dos traballadores, en xuntanza celebrada o 10 de abril de 1996, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Estatuto dos traballadores, texto refundido aprobado por Real decreto 1/1995, do 24 de marzo, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do dito convenio no rexistro de convenios colectivos desta delegación provincial, con notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación desta delegación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Ourense, 24 de abril de 1996.

Manuel López Casas

Delegado provincial de Ourense

Convenio colectivo da empresa Ourense de Transportes, S.A.

Artigo 1º.-Ámbito funcional.

O presente convenio regula as relacións laborais entre a empresa Ourense de Transportes, S.A. e o seu persoal.

Artigo 2º.-Vixencia e duración.

O presente convenio entrará en vigor o día da súa sinatura, se ben os efectos económicos se aplicarán a partir do 1 de xaneiro de 1996. En canto á duración será dun ano, desde o 1-1-1996 ó 31-12-1996, prorrogándose pola tácita de ano en ano ata que algunha das partes o denuncie con tres meses de antelación, como mínimo, ó termo da súa vixencia.

Tódalas cláusulas deste convenio son normativas polo que seguirán vixentes ata que se asine outro que o subtitúa.

Artigo 3º.-Comisión paritaria.

Crearase unha comisión paritaria como órgano interpretativo para a vixilancia e cumprimento do convido, integrada polos membros da comisión negociadora do presente convenio.

Artigo 4º.-Condicións máis beneficiosas.

Tódalas melloras contidas neste convenio teñen o carácter de mínimas. Dentro das condicións pactadas respectaranse as situacións que impliquen para o traballador condicións máis beneficiosas cás convidas, manténdose ad personam en canto excedan das pactadas.

Artigo 5º.-Organización do traballo.

A organización técnica e práctica do traballo corresponderá á empresa dentro das normas e orientacións das disposicións legais vixentes.

Non poderá adoptarse ningún sistema de traballo que poida prexudica-la formación profesional e técnica do persoal, antes ben, este ten o deber, e a empresa facilitarlle o medio para iso conducente, de completar e perfecciona-los seus coñecementos.

Artigo 6º.-Período de proba.

Poderá concertarse por escrito un período de proba que, en ningún caso, poderá exceder de seis meses para os técnicos titulados e de tres meses para os demais traballadores, agás para os non cualificados; neste caso, a duración máxima será de quince días laborais.

O empresario e o traballador están respectivamente obrigados a realiza-las experiencias que constitúan o obxecto da proba.

Durante o período de proba o traballador terá os dereitos e obrigas correspondentes á súa categoría profesional e ó posto de traballo que desempeñe, como se fose do cadro de persoal, agás os derivados da resolución da relación laboral que poida producirse por pedimento de calquera das partes durante o seu transcurso.

Transcorrido o período de proba sen que se producise o desestimento, o contrato producirá plenos efectos, computándose o tempo de servicios prestados na antigüidade do traballador na empresa. A situación de incapacidade laboral transitoria que afecte ó traballador durante o período de proba interrompe o cómputo do dito período.

Artigo 7º.-Ascensos.

Aplicarase o disposto na lexislación vixente.

Artigo 8º.-Traballos de categoría superior.

O traballador que realice funcións de categoría superior ás que correspondan á categoría profesional que tivese recoñecida por un período superior a seis meses durante un ano, ou oito meses durante dous anos, consolidará a devandita categoría.

Cando se desempeñen funcións de categoría superior, pero non proceda legalmente o ascenso, o traballador terá dereito á diferencia retributiva entre a categoría asignada e a función que efectivamente realice.

Artigo 9º.-Xornada laboral.

A xornada laboral será de corenta horas semanais.

Considerase traballo efectivo o traballo de conducción e tempo de presencia: as esperas, expectativas de servicio, servicio de garda, viaxes sen conducción para a toma de posesión, avarías, comidas en ruta, e outros semellantes.

Cando se fala de traballo efectivo deberá tenerse en conta:

1. Non se poderá conducir máis de nove horas diarias.

2. O descanso entre xornadas non será inferior a doce horas diarias.

Artigo 10º.-Permiso de conducir.

Os conductores ós que como consecuencia de conducir un vehículo da empresa, por orde e conta dela, se lles retira o permiso de conducir por tempo

non superior a seis meses, serán acoplados durante este tempo a outro traballo, aínda que sexa de categoría profesional inferior, nalgún dos servicios que dispoña a empresa e seguirán percibindo o salario correspondente á súa categoría.

O disposto no presente artigo non será de aplicación nos casos de reincidencia dentro da vixencia do convenio, quedando excluídos deste beneficio os conductores que se visen privados do permiso de conducir a causa do consumo de drogas ou a inxestión de bebidas alcohólicas.

No caso de que un empregado sufra prisión por causa de accidente involuntario no servicio da empresa, esta estará obrigada a defendelo perante os tribunais e a xestiona-la súa liberdade prestando a fianza que para iso fose necesaria.

Será voluntario, por parte da empresa, o pagamento das retribucións ós empregados que non poidan traballar no suposto expresado no artigo anterior, se ben, unha vez dictado auto de sobresemento ou sentencia absolutoria, seranlles aboados tódolos atrasos a teor do salario máis antigüidade.

Artigo 11º.-Recibo de liquidación.

Todo traballador ó cesar na empresa poderá somete-lo recibo de liquidación ou documento que poña fin á relación, antes de asinalo, á supervisión do comité de empresa ou sindicato ó que estea afiliado.

Artigo 12º.-Salario base.

O salario base que corresponde ó persoal afectado polo presente convenio aboarase por día natural na contía recollida no anexo que se achega.

Artigo 13º.-Paga de beneficios.

Tódolos traballadores da empresa terán dereito ó percibo dunha paga de beneficios consistente en 30 días de salario base máis antigüidade. A paga de beneficios aboarase por anos vencidos, antes do 15 de marzo. Os traballadores que a 31 de decembro leven menos dun ano ó servicio da empresa, terán dereito á parte proporcional correspondente ó tempo traballado, computándose sempre este en días naturais. Unicamente non se computarán, para os efectos de participación en beneficios, as excedencias voluntarias, permisos sen soldo e ausencias inxustificadas. A devandita paga poderá ser aboada de forma proporcional ó longo das distintas nóminas mensuais.

Artigo 14º.-Antigüidade.

Os traballadores desfrutarán como complemento persoal de antigüidade dun aumento periódico polo tempo de servicios prestados á empresa, consistente como máximo en dous bienios e cinco quinquenios da contía que despois se expresará.

O módulo para o cálculo e aboamento do complemento persoal de antigüidade, será ó último salario base percibido polo traballador, servindo o citado módulo non só para o cálculo dos bienios e quinquenios de novo vencemento, senón tamén para os dos xa consolidados. As contías do complemento persoal de antigüidade serán do 5% para os dous primeiros bienios e do 10% para os quinquenios.

A data inicial do cómputo de antigüidade será a do ingreso do traballador na empresa. Así mesmo, será computable o tempo de excedencia forzosa por nomeamento para un cargo político ou sindical, así como no caso de prestación do servicio militar. Pola contra, non se considerará o tempo que permanece en excedencia voluntaria.

Estes aumentos computaranse en razón dos anos de servicio na empresa, calquera que sexa o grupo profesional ou categoría en que se encontre encadrado, considerándose, así mesmo, os servicios prestados no período de proba e polo persoal interino, eventual ou complementario, cando estes pasen a ocupar en cadro de persoal fixo.

Os aumentos por ano de servicio comenzarán a percibirse a partir do día primeiro do mes seguinte no que se cumpre o bienio ou quinquenio. O traballador que cese definitivamente na empresa e posteriormente ingrese de novo nela, só terá dereito a que se lle compute a antigüidade desde a data deste novo ingreso, perdendo tódolos dereitos de antigüidade anteriormente obtidos.

Artigo 15º.-Horas extraordinarias.

Haberá que aterse á normativa vixente en cada momento sobre o réxime de horas extraordinarias no sector do transporte.

Artigo 16º.-Pagas extraordinarias.

As gratificacións extraordinarias de xullo a decembro aboaranse na contía de 30 días de salario base máis antigüidade.

Artigo 17º.-Traballos de categoría inferior.

Se por conveniencia da empresa se destina a un traballador de inferior categoría a aquela na que está adscrito, sen que iso prexudique a formación profesional, única forma admisible en que pode efectuarse, o traballador conservará o xornal correspondente á súa categoría.

Artigo 18º.-Persoal con capacidade diminuída.

A empresa deberá acopla-lo persoal con capacidade disminuída pola idade ou outras circunstancias antes da súa xubilación ou retiro, destinándoo a outros traballos adecuados ás súas con

dicións e sempre que haxa prazas vacantes. O persoal acollido a esta situación non excederá do 5% do total da categoría respectiva.

Artigo 19º.-Compensación no caso de baixa por accidente ou enfermidade.

A empresa completará a diferencia entre a compensación percibida con cargo á Seguridade Social, por incapacidade laboral transitoria e o salario real deste convenio, cando aquela estea motivada por accidente de traballo con hospitalización. No suposto de non producirse hospitalización, o devandito complemento aboaráselle ata un máximo de 45 días.

No caso de baixa por enfermidae, a empresa completará ata o 100% do salario dos traballadores desde o día 16 ata os 60 como máximo, ámbolos dous inclusives.

Cando a xuízo da empresa existan indicios razoables para presumir algunha irregularidade na situación de baixa por accidente ou enfermidade común, poderá requirírselle ó traballador que se someta ó recoñecemento do facultativo que a empresa designe, e serán a cargo desta os gastos que se orixinen por tal motivo.

Artigo 20º.-Roupa de traballo.

Establécese a obrigatoriedade da empresa de dota-lo persoal das seguintes roupas de traballo e uniforme:

-Persoal de movememento (uniforme de verán):

Un pantalón (cada dous anos).

Unha cazadora (cada tres anos).

Unha carteira (cada tres anos).

Dúas camisas manga curta (cada dous anos).

-Persoal de movemento (uniforme de inverno):

Dúas camisas (cada dous anos).

Un pantalón (cada dous anos).

Un xersei (cada dous anos).

Unha gravata (cada dous anos).

Un anorak (cada tres anos).

-Persoal do taller:

Dous buzos (cada ano).

Un par de botas (cada ano).

Roupa de auga (segundo necesidades das funcións que se van realizar).

Elementos de limpieza (segundo necesidades).

Un anorak, para o persoal que realice traballos nocturnos (cada dous anos).

A data de entrega das roupas de uniforme será antes do 30 de abril, para as de verán e do 30 de setembro para as de inverno.

Artigo 21º.-Vacacións.

Todo o persoal ó servicio da empresa desfrutará dun período de vacacións anuais de 30 días naturais, retribuídos a razón de salario base máis antigüidade e gratificación de actividade. Neste caso a gratificación por actividade será aboada por 25 días.

O período de desfrute fixarase de común acuerdo entre a empresa e o comité de empresa.

O traballador coñecerá as datas que lle correspondan dous meses antes, alomenos, do comezo do desfrute e o calendario será fixado pola empresa no taboleiro de anuncios, para o coñecemento de todo o persoal.

Artigo 22º.-Gratificación de actividade.

Todo o persoal afectado polo presente convenio percibirá unha gratificación de actividade coa contía fixada no anexo que se achega.

Artigo 23º.-Traballo nocturno.

As horas traballadas entre as doce da noite e as seis da mañá, levarán unha recarga do 25% do salario base. Exclúese do cobro do devandito suplemento o persoal que realiza as súas funcións durante o noite e que sexa contratado expresamente para traballar durante esta.

Artigo 24º.-Permisos e licencias.

Concederanse os seguintes días de permiso:

a) 15 días naturais, no caso de matrimonio.

b) 2 días, no caso de nacemento de fillos ou falecemento de perantes ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade. Cando por tal motivo, o traballador necesite facer un desprazamento superior a 100 km. O prazo será de 4 días.

c) 1 día por traslado de domicilio habitual.

d) Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber de carácter público ou persoal.

e) As traballadoras, por lactancia dun fillo menor de nove meses, terán dereito a unha hora de ausencia do traballo, qu se poderá dividir en dúas fraccións de media hora. A muller, pola súa vontade,

poderá substituír este dereito por unha reducción da xornada normal nunha hora, coa mesma finalidade.

f) Quen por razón de garda legal teña ó seu coidado directo algún menor de seis anos ou a un diminuído físico ou psíquico que non realice outra actividade retribuída, terá dereito a unha reducción da xornada de traballo entre un tercio e un máximo da metade da duración daquela, coa diminución proporcional do salario.

Artigo 25º.-Dereitos sindicais.

A empresa poderá deducir a través da nómina, as cotas correspondentes ós afiliados ás centrais sindicais. Os interesados deberán solicitarllo por escrito á dirección da empresa. Os importes retidos seranlles entregados ás persoas ou entidades que designe a central sindical correspondente.

A empresa disporá dun taboleiro de anuncios para comunicados sindicais; estes comunicados deberán leva-la sinatura do comité de empresa ou representantes do sindicato correspondente.

Os traballadores poderán reunirse no centro de traballo en horas fóra de servicio.

A empresa reunirase bimensualmente, con carácter ordinario, co comité de empresa.

Artigo 26º.-Excedencias.

1. A excedencia poderá ser voluntaria ou forzosa. A forzosa, que dará dereito á conservación do posto de traballo e ó computo da antigüidade da súa vixencia, concederase pola designación ou elección para o cargo público que imposibilite a asistencia ó traballo. O reingreso deberá ser solicitado dentro do mes seguinte ó cesamento no cargo público.

2. O traballador cunha antigüidade na empresa de alomenos un ano, teren dereito a que se lle recoñeza a posibilidade de situarse en excedencia voluntaria por un prazo non menor de dous anos e non maior de cinco. Este dereito só poderá ser exercitado cada vez por un traballador, se transcorren catro anos desde o remate da anterior excedencia.

3. Os traballadores terán dereito a un período de excedencia voluntaria non superior a tres anos para atender o coidado de cada fillo contados desde a data de nacemento deste. Os sucesivos fillos darán dereito a un novo período de excedencia, que, se é o caso, porán fin ó que viñese desfrutando. Cando o pai ou a nai traballen, só un deles poderá exercitar este dereito.

4. Así mesmo poderán solicita-lo seu paso á situación de excedencia na empresa os traballadores que exerzan funcións sindicais de ámbito provincial ou superior mentres que dure o exercicio do seu cargo representativo.

5. O traballador excedente só conserva o dereito perferente ó reingreso nas vacantes de igual ou similiar categoría á súa que producise na empresa.

6. Quedan excluídos os traballadores contratados eventuais con contrato igual ou inferior a dous anos.

Artigo 27º.-Seguro de accidente.

A empresa concertará póliza de seguro que cubra os casos de morte, incapacidade permanente, absoluta ou invalidez do traballador, derivada de accidente laboral. A contía da póliza será de 3.500.000 pesetas.

Artigo 28º.-Quebranto da moeda.

Establécese polo quebranto da moeda unha cantidade que vén recollida na táboa anexa correspondente ós conceptos salariais.

Táboa salarial 1996

Conductor-perceptor e inspectores PrezoConcepto convenio

Salario base2,851Por nº días naturais

Actividade11,385Fixo

Plus perceptor570Por nº días traballados

Horas estructurais750Por nº horas traballadas

Quebranto de moeda2,700Fixo

Mecánico Of. 1ª PrezoConcepto convenio

Salario base2,874Por nº días naturais

Actividade11,385Fixo

Horas estructurais750Por nº horas traballadas

Mecánico Of. 2ª PrezoConcepto convenio

Salario base2,847Por nº días naturais

Actividade11,385Fixo

Horas estructurais750Por nº horas traballadas

Mecánico Of. 3ª PrezoConcepto convenio

Salario base2,798Por nº días naturais

Actividade11,385Fixo

Horas estructurais750Por nº horas traballadas

Lavacoches PrezoConcepto convenio

Salario base2,783Por nº días naturais

Actividade11,385Fixo

Horas estructurais750Por nº horas traballadas

Auxiliar administrativo PrezoConcepto convenio

Salario base2,855Por 30 días

Actividade11,385Fixo

ANEXO II

Cómputo de xornada

Control de horas.

Mes 31 días 175 horas.

Mes 30 días 171 horas.

Mes 29 días 165 horas.

Mes 28 días 159 horas.

Festivo desfrutado 6 horas.

Festivo traballado 6 horas + quenda correspondente.

Laborais:

Quenda mañá 8.1/2 horas.

Quenda tarde 9.1/2 horas.

Domingos e festivos:

Quenda mañá: 7.1/2 horas.

Quenda tarde: 9.1/2 horas.

5891