Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 155 Xoves, 08 de agosto de 1996 Páx. 7.552

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 323/1996, do 26 de xullo, polo que se modifica o Decreto 205/1994, do 16 de xuño, de inspección técnica de vehículos.

Co fin de evita-la dispersión de normas e acomoda-la regulación da inspección técnica de vehículos ó proceso de racionalización e reforma administrativa, a Xunta de Galicia, no uso das atribucións que ten conferidas, aprobou o Decreto 205/1994, do 16 de xuño, polo que se refundía a normativa vixente na materia.

Con posterioridade á entrada en vigor do citado decreto, o Real decreto 2042/1994, do 14 de outubro, polo que se regula a inspección técnica de vehículos, establece na súa disposición adicional primeira dúas novas modalidades de inspección que han de incluírse dentro das enumeradas no artigo 7º do citado Decreto 205/1994, do 16 de xuño.

Por outra banda, a experiencia adquirida e a continua evolución da regulación vixente en materia de automóbiles, aconsellan adapta-lo proceso da inspección á demanda real destas, mediante a articulación dun procedemento que posibilite acomoda-la lexislación vixente ás necesidades reais que xurdan na prestación do servicio, en beneficio dos usuarios, regulándose un novo procedemento de supervisión administrativa das funcións inspectoras no artigo 7bis do Decreto 205/1994, do 16 de xuño, e derrogando en consonancia o apartado b) do parágrafo 4 do Art. 2º.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Industria e Comercio, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do vinteseis de xullo de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º

O artigo 7 do Decreto 205/1994, do 16 de xuño, polo que se refunde a normativa vixente en materia de inspección técnica de vehículos, queda redactado da seguinte forma:

1. A empresa concesionaria poderá realiza-las seguintes inspeccións e actividades:

a) Inspeccións técnicas periódicas dos vehículos automóbiles establecidas no texto articulado da Lei sobre tráfico, circulación de vehículos a motor e seguridade vial e nas súas disposicións complementarias.

b) As que lle sexan requiridas ó titular do vehículo por calquera dos organismos ós que a Lei sobre tráfico, circulación de vehículos a motor e seguridade vial e demais lexislación vixente lles atribúen competencias sobre esta materia.

c) As voluntarias solicitadas polos titulares dos vehículos.

d) Inspeccións previas á matriculación de vehículos correspondentes a tipos non homologados.

e) As realizadas con ocasión da execución de reformas de importancia, definidas regulamentariamente.

f) As que se realicen para a expedición do duplicado da tarxeta ITV, e/ou por cambio de destino do vehículo.

g) Inspeccións para a compatibilidade tractor-remolque.

h) Inspección e/ou verificación de tacógrafos, taxímetros e contaquilómetros.

i) Reacuñamento do número de bastidor.

j) Inspeccións previas para a cualificación da idoneidade dos autocares destinados a transporte escolar.

k) De vehículos abandonados.

l) De vehículos especiais.

m) As de vehículos en transferencia de propiedade, cando o dispoña a Administración con carácter específico ou xeral.

n) Pesada de vehículos por instancia dos axentes encargados da vixilancia do tráfico.

o) Inspeccións a vehículos reparados de danos importantes segundo establece o artigo 6º, parágrafo 5, do Real decreto 2042/1994, do 14 de outubro.

p) Aqueloutras que lle sexan encomendadas pola Administración e se establezan no correspondente contrato.

3. Tódalas inspeccións sinaladas no apartado primeiro deste artigo serán realizadas pola entidade concesionaria na rede de estacións de ITV e certificadas polos técnicos responsables das estacións de inspección.

As inspeccións que deban realizarse fóra da mencionada rede efectuaranse de acordo co procedemento que determine a Dirección Xeral de Industria.

4. O procedemento de tramitación e execución das inspeccións técnicas de vehículos, así como a supervisión que o personal da Administración designado realice nas estacións de ITV, axustarase en cada momento ás instruccións que sobre o particular dicte a Dirección Xeral de Industria.

Artigo 2º

Engádese o artigo 7 bis, redactado da seguinte forma:

1. Serán cometidos que deberá realiza-lo personal da entidade concesionaria en relación cos expedientes presentados os seguintes:

-Realiza-la inspección do vehículo.

-Estudio da correspondente documentación.

-Realización de consultas e envíos de comunicados de calquera tipo tendentes a aclarar e completa-los expedientes, tanto a outros organismos como a empresas e particulares.

-A dilixencia e sinatura de documentos, incluídas as tarxetas de inspección técnica de vehículos e as libretas de verificación de aparellos taxímetros.

-A entrega ou remisión de documentos ó interesado ou ó seu representante.

-A comunicación de presuntas infraccións ós organismos competentes.

2. Os expedientes serán tramitados pola entidade concesionaria, sendo de aplicación toda a normativa vixente en cada momento, o que se terá en conta polo personal que interveña no seu estudio e resolución, baixo a supervisión do representante da Administración, que poderá supervisar en calquera momento a tramitación e/ou inspección.

A entidade concesionaria terá centralizado para cada provincia un rexistro onde anotará as entradas e saídas de documentos, dilixenciado polo funcionario facultativo designado para o efecto.

O arquivo de vehículos será xestionado pola entidade concesionaria e estará á enteira disposición do funcionario técnico facultativo designado pola Administración. Para estes efectos, a entidade concesionaria será responsable do deber de custodia de documentos públicos.

A entidade concesionaria entregaralles ós peticionarios do servicio a documentación dilixenciada, unha vez aboadas as tarifas establecidas e, se procede, remitirá copia ós organismos públicos cando estes a precisen, de acordo coa regulamentación vixente.

3. A entidade concesionaria elaborará un informe ou folla de inspección do resultado de cada inspección realizada, axustándose o seu contido ó disposto no anexo III do Real decreto 1987/1985. O citado informe será asignado polo xefe de equipo ou polo encargado correspondente.

4. As anotacións necesarias sobre as tarxetas de inspección técnica de vehículos ou sobre os cadernos de verificación de aparellos taxímetros só poderán ser asinadas polas persoas designadas para o efecto, logo de autorización da delegación provincial correspondente. Calquera alteración nalgunha destas persoas deberá ser proposta pola empresa concesionaria e previamente autorizada pola citada delegación provincial.

5. Os expedientes tramitados con resultado favorable incluiranse nunhas «Relacións de conformidade de expedientes favorables». Virán numeradas e datadas, indicando por cada expediente tramitado: número, rexistro, matrícula, marca e número de bastidor do vehículo.

Estas relacións virán asinadas polo responsable técnico titulado correspondente e presentaránselle ó representante da Administración designado para o efecto.

6. O representantes da Administración, periodicamente, poderán cotexa-los expedientes presentados cos que figuran na relación e comprobarán cantos expedientes xulguen convenientes, exercendo as actuacións pertinentes a que haxa lugar.

O orixinal desta relación será arquivado na estación ITV e unha copia remitirase á delegación provincial correspondente.

7. Os expedientes tramitados serán enviados, periodicamente, ó arquivo xeral de automóbiles, unha vez obtido o visado na relación de conformidade por parte dos representantes da Administración.

Nas estacións ITV autorizadas manterase copia dos expedientes tramitados para as posteriores comprobacións que se é o caso poidan efectuarse, e para a utilización pola propia estación.

8. Contra o resultado das inspeccións realizadas poderase reclamar perante a delegación provincial correspondente.

Disposición derrogatoria

Derrógase o apartado b) do parágrafo 4 do artigo 2º do Decreto 205/1994.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publcación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinteseis de xullo de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

5794