Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Luns, 23 de setembro de 1996 Páx. 8.561

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 343/1996, do 13 de setembro, polo que se aproba o escudo heráldico e maila bandeira do Concello de Vedra.

O concello de Vedra considerou conveniente adopta-lo seu escudo heráldico e maila súa bandeira para perpetuar con simboloxía adecuada e conforme as normas da heráldica, os feitos máis relevantes do seu pasado histórico. Para iso, e de acordo coas facultades que lle confiren as disposicións vixentes, elevou o correspondente informe e memoria descritiva para a súa aprobación definitiva.

A competencia exclusiva en materia de adopción, modificación ou rehabilitación dos emblemas heráldicos e bandeiras dos concellos e doutras entidades locais, correspóndelle á Comunidade Autónoma galega, segundo o disposto polo artigo 27.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

O expediente instruíuse conforme as normas do procedemento establecidas na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, no Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das corporacións locais, aprobado polo Real decreto 2568/1986, do 28 de novembro, e mais no Decreto 258/1992, do 10 de setembro, da Xunta de Galicia, polo que se regula o procedemento e normas heráldicas para a adopción, modificación ou rehabilitación dos escudos e bandeiras das corporacións locais e doutras entidades locais.

Na súa virtude, visto o informe emitido pola Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia, e por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trece de setembro de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo primeiro.-Aproba-lo escudo heráldico do concello de Vedra, que quedará organizado do seguinte xeito: De ouro (amarelo), un pao de sinople (verde), cargado de doce vieiras de ouro (amarelo), e flanqueado de dous dragóns de sinople, afrontados e linguados e unllados de gules (vermello). Ó timbre, coroa real pechada.

Artigo segundo.-Aproba-la bandeira do Concello de Vedra, que quedará organizada do seguinte xeito: partida ó centro, de verde ó batente e de amarelo á hasta, cun dragón verde, linguado e unllado de vermello.

Santiago de Compostela, trece de setembro de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

6819