Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 189 Xoves, 26 de setembro de 1996 Páx. 8.664

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 28 de agosto de 1996 pola que se regula o procedemento de elección dos órganos de goberno dos centros privados concertados.

A Lei orgánica 9/1995, do 20 de novembro, da participación, avaliación e goberno dos centros docentes, derroga expresamente o título III (Dos órganos de goberno nos centros públicos) da Lei orgánica 8/1985, reguladora do dereito á educación, e determina no apartado 4 da súa disposición derradeira primeira a composición dos consellos escolares dos centros concertados.

Pola súa parte, esta comunidade autónoma mediante o Decreto 324/1996, do 26 de xullo, polo que se aproba o Regulamento orgánico de institutos de educación secundaria modifica o Decreto 92/1988, do 28 de abril, polo que se regulan os órganos de goberno dos centros públicos de ensino non universitario.

Sobre estas bases e atendendo ó sinalado na disposición derradeira quinta da citada Lei orgánica 9/1995, procede que esta administración educativa estableza as regras concretas que deberán rexe-la elección, constitución e renovación dos consellos escolares, así como a designación e duración do mandato do director dos centros privados concertados, adaptándoa ó establecido na nova normativa.

Por todo isto, esta consellería,

DISPON:

Primeiro.

O procedemento electoral para os distintos sectores con representación no consello escolar dos centros docentes privados concertados realizarase de acordo co regulamentado nesta orde e nos aspectos non previstos nesta haberá que aterse ó establecido para os centros públicos no Decreto 92/1988, do 28 de abril, modificado polo Decreto 324 /1996, do 26 de xullo.

Segundo.

Nos centros de formación profesional constituirase necesariamente o consello escolar se teñen, cando menos, cinco unidades concertadas.

Terceiro.

1. Os centros concertados con máis dun nivel ou etapa financiado con fondos públicos poderán ter un único director, consello escolar e claustro de profesores para todo o centro.

2. No suposto previsto no apartado anterior, nos órganos colexiados de goberno participarán os pais e profesores de tódolas etapas ou niveis educativos, sostidos con fondos públicos.

Cuarto.

O consello escolar dos centros concertados estará constituído por:

-O director.

-Tres representantes do titular do centro.

-Catro representantes dos profesores.

-Catro representantes dos pais ou titores dos alumnos.

-Dous representantes dos alumnos, a partir do primeiro ciclo da educación secundaria obrigatoria.

-Un representante do persoal de administración e servicios. Nos centros específicos de educación especial considerarase incluído no persoal de administración e servicios o persoal de atención educativa complementaria.

Quinto.

Dos representantes que lles corresponden ós pais no consello escolar un será proposto pola asociación de pais máis representativa, os outros serán elixidos por votación ante a mesa electoral polos pais, nais ou titores de acordo co procedemento establecido no Decreto 92/1988, do 28 de abril.

Sexto.

Nos centros que impartan formación profesional específica poderase incorporar ó consello escolar, con voz pero sen voto, un representante proposto polas organizacións empresariais ou institucións laborais presentes no ámbito de acción do centro.

Sétimo.

1. A organización e supervisión do procedemento de elección dos membros do consello escolar correrá por conta da xunta electoral que se constituirá en cada centro e que estará integrada por: o director do centro, un representante do titular do centro, un pai, nai ou titor legal, un representante do profesorado, un alumno ou alumna a partir do primeiro ciclo da educación secundaria obrigatoria e un representante do persoal de administración e servicios, designados, os catro últimos, por sorteo.

2. A xunta electoral terá as seguintes competencias:

a) Aprobar e publica-los censos electorais que deberán reflectir, en todo caso, nome e apelidos dos electores.

b) Concreta-lo calendario electoral.

c) Ordena-lo proceso electoral.

d) Admitir e proclamar candidaturas.

e) Promove-la constitución das distintas mesas electorais.

f) Resolve-las reclamacións presentadas contra as resolucións das mesas electorais.

g) Proclama-las candidaturas elixidas e remiti-las correspondentes actas á delegación provin

cial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

h) Reclamar do titular do centro a designación dos seus tres representantes no consello escolar.

i) Reclamar da asociación de pais de alumnos o seu representante no consello escolar.

j) Reclamar, de se-lo caso, das asociacións empresariais un representante que actuará con voz e sen voto.

Oitavo.

1. Para efectos do contemplado no punto quinto, a xunta electoral solicitará, cando proceda, á asociación de pais de alumnos do centro, legalmente constituída, que teña maior número de asociados por proposta dun representante para o consello escolar, dando un prazo de 10 días para o efecto.

2. No caso de non existir proposta da asociación de pais de alumnos para ocupa-la praza que lle corresponde a esta, esa vacante cubrirase conxuntamente e co mesmo procedemento cos outros representantes dos pais. Para efectos de futura renovación parcial, asignarase a praza correspondente á proposta da asociación de pais de alumnos ó candidato máis votado.

Noveno.

1. Para efectos do contemplado no punto sexto a xunta electoral solicitaralles ás organizacións empresariais ou institucións laborais que prestan a súa colaboración para a realización do módulo de formación en centros de traballo a proposta dun representante para o consello escolar, con 15 días de antelación á constitución deste. Presentará nova petición cada dous anos, coincidindo coa renovación da metade dos membros do consello escolar.

2. As organizacións empresariais ou institucións laborais presentarán a súa proposta polo menos cinco días antes da constitución do consello escolar.

Décimo.

No consello escolar dos centros de nova creación, e na primeira convocatoria de eleccións ó consello escolar que se realice con posterioridade á publicación desta orde, cada sector da comunidade educativa elixirá a totalidade dos seus representantes.

Undécimo.

1. A elección dos membros do consello escolar e a constitución deste nos centros de nova creación efectuarase no mes de outubro.

2. A primeira renovación do consello escolar nos centros de nova creación producirase ó cabo dun ano ou dous, de maneira que coincida coa renovación do resto dos consellos escolares no ámbito da Comunidade Autónoma.

Duodécimo.

1. Sen prexuízo do establecido no punto anterior, dous anos despois de constituído o consello escolar de acordo co punto décimo, levarase a cabo a primeira renovación parcial de acordo co artigo 55 do Decreto 92/1988, do 28 de abril, na nova redacción dada polo Decreto 324/1996, do 26 de xullo, e serán substituídos os seguintes membros: dous profesores, dous pais e un alumno.

2. Dous anos despois desta primeira renovación parcial, substituiranse os membros non recollidos anteriormente, isto é: dous profesores, un alumno, o representante do persoal de administración e servicios e dous pais, un destes proposto pola asociación de pais de alumnos.

3. Na primeira renovación parcial do consello escolar á que fai referencia o apartado 1 deste punto, para efectos de determinar que membros do consello escolar deben continuar e cales deben ser substituídos, terase en conta a súa relación co centro nos anos seguintes; permanecerán no consello escolar os profesores, pais e alumnos que sigan vinculados a estes nos dous próximos cursos, e no seu defecto, os que continúen un curso.

De ser varios profesores, pais ou alumnos que reúnen estas condicións, valoraranse como criterios para permanecer no consello escolar:

a) Maior número de votos alcanzado no último proceso electoral.

b) Maior antigüidade no centro.

c) Maior idade.

Décimo terceiro.

Na primeria constitución e sempre que se produza unha renovación parcial a xunta electoral solicitará do titular a designación dos seus tres representantes para formar parte do consello escolar, sen prexuízo de que o titular designe as persoas que viñan obstentando esta representación anteriormente.

Décimo cuarto.

O quórum para a válida constitución dos órganos colexiados, para os efectos da celebración de sesións, deliberacións e toma de acordos, requirirá a presencia do presidente e do secretario ou, se é o caso, dos que os substitúan, e da metade polo menos, dos seus membros.

Se non existise quórum, o órgano constituirase en segunda convocatoria no seguinte día lectivo, no mesmo lugar e na mesma hora; neste caso será suficiente coa asistencia de tres membros dos relacionados na disposición cuarta desta orde.

Décimo quinto.

1. As reunións do consello escolar celebraranse en día e hora que posibiliten a asistencia de tódolos membros.

2. Os órganos colexiados reuniranse preceptivamente en sesión ordinaria unha vez por trimestre e sempre que os convoque o seu presidente ou o solicite un tercio, polo menos, dos seus membros. Neste último caso, o presidente realizará a convocatoria no prazo máximo de 20 días contados desde o seguinte día a aquel no que se presente a petición. A sesión celebrarase como máximo no prazo dun mes contado desde o día seguinte á entrega da petición de convocatoria.

En todo caso, reuniranse ó inicio e remate de curso.

3. Os profesores pertencentes ós órganos colexiados están obrigados a asistir ás reunións destes.

Décimo sexto.

A designación do director realizarase de acordo coas normas establecidas no artigo 59 da Lei orgánica 8/1985, do 3 de xullo, reguladora do dereito a educación.

2. Dentro dos dez días seguintes á designación, o titular do centro deberá comunicar ó delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria o nome do novo director.

3. A toma de posesión terá efectos do 1 de xullo do ano no que se efectúa o proceso electoral.

4. A duración do mandato do director será de catro anos.

Disposición adicional

Única.-Aplicarase con carácter supletorio o disposto no capítulo II, sobre réxime xurídico dos órganos colexiados, do título II da Lei 30/1992, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición transitoria

Única.-Para efectos da maioría absoluta do consello escolar prevista no artigo cincuenta e nove da LODE non serán computados os alumnos de primeiro ciclo de secundaria obrigatoria, dado que non participan no proceso de designación do director.

Disposicións finais

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros para dicta-las normas necesarias para a aplicación e desenvolvemento do establecido nesta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de agosto de 1996.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

6952