Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 189 Xoves, 26 de setembro de 1996 Páx. 8.670

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

ORDE do 18 de setembro de 1996 pola que se regula a colaboración coas entidades locais en materia de xestión de residuos sólidos urbanos.

Dentro dos obxectivos de actuación da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda figuran o da protección do medio ambiente e o da mellora da calidade de vida dos cidadáns.

Entre as medidas encamiñadas ó cumprimento destes fins, encóntranse, xa desde 1984, a concesión de axudas ás entidades locais destinadas a fomenta-la correcta xestión dos residuos sólidos urbanos, establecendo para isto convenios de colaboración coas ditas entidades.

De acordo con estes criterios distribuíronse entre as entidades locais dotacións de contedores convencionais, que practicamente cubriron, xunto cos adquiridos por estas, as necesidades de poboación de Galicia.

Pero chegou o momento de fomentar así mesmo, a recollida selectiva dos residuos como fase previa e imprescindible para unha adecuada reciclaxe de tódolos compoñentes destes que sexan susceptibles disto.

Resulta procedente polo tanto proporcionarlles axuda a aquelas entidades que, no exercicio das súas obrigas en relación cos residuos sólidos urbanos, decidan xestinalos dándolle-la debida preferencia á reutilización, reciclaxe e valorización dos seus compoñentes de acordo co expresado no Plan de Xestión de Residuos Sólidos de Galicia.

Con base no anteriormente exposto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Dentro do programa 342A, protección e mellora do medio ambiente, recollido na Lei 11/1995, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996, a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda dotará, dentro dos límites do orzamento ás entidades locais que o soliciten, de:

1. Recipientes normalizados (contedores) para a recollida selectiva dos seguintes residuos sólidos urbanos:

a) Papel.

b) Vidro.

c) Plásticos.

d) Pilas.

e) Metais.

2. Nos casos de carencia, debidamente xustificados, contedores para a recollida xenérica de R.S.U.

Artigo 2º

A Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda cederá en uso os ditos contedores. Na resolución de cesión estableceranse os termos desta colaboración para cada entidade local, conforme as estipulacións derivadas da aplicación desta orde.

Artigo 3º

No prazo de 30 días naturais contados a partir da entrada en vigor desta orde, as entidades locais que desexen acollerse ó sinalado nesta, deberán presenta-la correspondente solicitude (anexo I) nas delegacións provinciais da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, acompañándoa dos documentos seguintes:

1. Certificación do acordo plenario da entidade local polo que:

a) Se acorde solicita-los contedores aceptando integramente os termos e prescricións expresados na presente orde.

b) Se faculte o alcalde-presidente ou presidente da mancomunidade, se é o caso, para que, no suposto caso de resolución favorable, acepte a axuda e asine o convenio de cesión nas condicións que sexan establecidas pola consellería.

2. Memoria descritiva da situación actual e o proxecto de futuro da xestión dos R.S.U. no municipio ou municipios mancomunados, na que se especificará o tipo de recollida que se está realizando na actualidade, o número e características dos contedores de que se dispón, a súa antigüidade e vida útil, a xustificación das novas necesidades para completa-lo servicio e se se dispón ou non de equi

pos móbiles para recollida xenérica ou selectiva, con descrición do tipo de equipos, da súa capacidade e do sistema de elevación utilizado.

A memoria expresará, en todo caso, o número de unidades que se solicitan de cada un dos tipos de contedores a que se refire o artigo 1º desta orde.

3. Planos a escala como mínimo 1:10.000, nos que se sinale a distribución actual dos colectores existentes e, con grafía diferenciada, os que se consideren necesarios para completa-lo servicio.

Artigo 4º

A Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda resérvase a facultade de requirir aclaración ou ampliación da información recibida, así como de modificar, no caso de proporciona-la axuda solicitada, o proxecto de distribución presentado polos concellos ou mancomunidades.

Artigo 5º

Por proposta das delegacións provinciais, as solicitudes recibidas serán resoltas pola Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo e, en ningún caso, a ausencia de resolución implicará a estimación da solicitude por silencio administrativo.

Na notificación das resolucións faranse consta-las condicións particulares que, en relación coa actuación aprobada, deberá cumpri-la entidade solicitante, que serán incluídas nas actas de entrega e que, como mínimo, comprenderán:

a) O prazo máximo de posta en servicio dos contedores, unha vez recibidos do subministrador seleccionado pola Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

b) A obrigatoriedade de que a distribución se faga de acordo co establecido na memoria e planos presentados e aprobados ou modificados pola Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

c) A necesidade de que o conxunto do material se lave e hixienice interior e exteriormente cunha periodicidade mínima mensual e se manteña en perfecto estado de funcionamento.

d) O compromiso por parte do concello ou mancomunidade para que os equipos móbiles, propios ou contratados, sexan os adecuados co fin de non ocasionarlles unha anormal deterioración ós colectores.

e) As medidas adecuadas para que as operacións de mantemento, entretemento e limpeza sexan feitas de tal forma que a capacidade de almacenamento posta a disposición dos usuarios non se vexa afectada nin se perturbe a recollida.

Artigo 6º

O alcalde do concello ou presidente da mancomunidade beneficiaria disporá do prazo dun mes contado a partir da recepción da resolución, para comunica-la aceptación das condicións contidas nela.

Transcorrido ese prazo sen que se comunique a dita aceptación e, de non xustificarense suficientemente a concorrencia de circunstancias excepcionais que impidan facelo, a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda poderá deixar sen efecto a cesión.

Artigo 7º

O incumprimento de calquera das condicións fixadas nesta orde ou na resolución pola que se acorda a cesión, facultará a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda para deixar sen efecto esta última, coa obriga da entidade local beneficiaria de reintegrar á Consellería os bens cedidos en uso.

Disposición adicional

Autorízase a Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo a dicta-las resolucións necesarias para realizar novas convocatorias, en función das dispoñibilidades orzamentarias existentes, así como para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 25 de maio de 1994, pola que se regula a colaboración coas entidades locais en materia de xestión de residuos sólidos urbanos, sen prexuízo de que poidan seguirse rexendo por ela as situacións creadas ó seu abeiro.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de setembro de 1996.

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda

6853