Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190 Venres, 27 de setembro de 1996 Páx. 8.704

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 30 de xullo de 1996 pola que se convocan axudas para cursar estudio de formación profesional en ramas con escasa demanda por parte do alumnado durante o curso 1996-1997.

O Estatuto de Autonomía de Galicia, no seu artigo 31, asígnalle á Comunidade Autónoma a competencia plena na regulación e administración da ensinanza en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias e sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que o desenvolven.

O Real decreto 1763/1982, do 24 de xullo, ó abeiro das normas constitucionais, estatutarias e legais correspondentes, traspásalle á Comunidade Autónoma funcións e servicios da Administración do Estado en materia de educación.

O Decreto 232/1994, do 14 de xullo, atribúelle á Dirección Xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos o establecemento das normas e orientacións precisas para a efectividade das ensinanzas de formación profesional.

A escasa participación da xuventude en certas profesións e especialidades das ensinanzas reguladas de formación profesional fai que en moitos casos a demanda laboral de titulados de certas ramas non sexa atendida.

Co obxecto de corrixir esta desviación e propiciar que os rapaces e as rapazas coñezan e asuman as tendencias actuais do mundo laboral, convócanse axudas que estimulen a elección de opcións mediante as que poderán incorporarse con máis facilidade ó primeiro emprego. Por outro lado, trátase de propicia-la incorporación da muller a sectores laborais con posibilidades de emprego inmediato.

Este propósito está en consonancia coas directrices emanadas do plan para a igualdade de oportunidades das mulleres galegas e co plan de emprego xuvenil da Xunta de Galicia e entra dentro das accións de orientación propostas no programa operativo de Galicia, F.S.E. 1994-1999.

Na súa virtude, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria,

DISPÓN:

Primeiro.

Convócanse axudas para alumnos e alumnas que desexen iniciar, durante o curso académico 1996-97, estudios de formación profesional de primeiro e segundo grao nas profesións ou especialidades das ramas: Agraria, Construccións e Obras e Moda e Confección.

Así mesmo, poderán optar a estas axudas os alumnos e alumnas matriculados por primeira vez nos módulos profesionais de nivel dous e tres relacionados coas devanditas ramas que se impartan na Comunidade Autónoma.

Segundo.

Serán condicións para solicitar estas axudas ó estudio as seguintes:

1. Estar matriculado por primeira vez no primeiro curso de F.P.1, primeiro curso de F.P.2 ou módulos profesionais, en centros de formación profesional, públicos ou privados concertados, dependentes desta Comunidade Autónoma e nas ramas indicadas no artigo primeiro.

2. Ter aprobadas tódalas asignaturas cursadas no ano académico 1995-1996 ou, no seu defecto, do último curso realizado. Os alumnos procedentes da E.S.O. deberán acreditar estar en condicións de obte-lo título de graduado en Educación Secundaria, así como as excepcións resoltas pola Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros, segundo o que se establece na Orde do 7 de setembro de 1994 (BOE do 17 de agosto).

Terceiro.

As axudas serán concedidas con cargo ó concepto orzamentario 07.04.322S.481.00 da Dirección Xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos, por un importe máximo de 14.000.000 de ptas. Deste importe, un 60% destinarase para iniciar estudios de formación profesional de primeiro grao e o 40% restante para inicia-los estudios de formación profesional de segundo grao. Para estes efectos, as axudas solicitadas para cursar módulos profesionais de nivel dous serán computadas dentro das destinadas para iniciar estudios de F.P.1, e as solicitadas para cursa-los módulos profesionais de nivel tres serán computadas dentro das destinadas para iniciar estudios de F.P.2.

Se unha vez concedidas tódalas axudas solicitadas nun dos niveis de estudios citados quedase crédito, o saldo resultante destinarase á adxudicación de axudas noutro nivel.

O número de axudas concedidas virá condicionado, en cada caso, polo importe destas e a dispoñibilidade orzamentaria, non sendo renovables nos cursos sucesivos para o mesmo curso que xa se disfrutara.

Cuarto.

O tipo e contía das axudas serán os seguintes:

Tipo A: axudas para inicia-los estudios de formación profesional de primeiro grao ou módulos profesionais de nivel dous, por importe único de 40.000 pesetas.

Tipo B: axudas para inicia-los estudios de formación profesional de segundo grao ou módulos profesionais de nivel tres, cun importe que poderá comprende-los seguintes conceptos:

b.1: axuda para gastos determinados por razón da distancia entre o domicilio familiar do beneficiario e o centro de formación profesional onde realice os estudios. A contía máxima adxudicada por este concepto será de 80.000 pesetas.

b.2: axuda para gastos de material escolar necesario para os estudios. A contía única adxudicada por este concepto será de 30.000 pesetas.

Quinto.

Para ter dereito á axuda por razón de distancia será condición indispensable estar matriculado no centro de formación profesional dependente da Comunidade Autónoma máis próximo ó domicilio familiar do solicitante que imparta as ensinanzas que solicita cursar.

Sexto.

A contía da axuda será igual á suma de conceptos á que teña dereito cada alumno segundo as normas contidas nos artigos seguintes.

Sétimo.

A contía por razón de distancia en transporte calcularase de conformidade con:

DistanciaContía

De 5 a 10 km25.000 pesetas

De máis de 10 a 30 km35.000 pesetas

De máis de 30 a 50 km55.000 pesetas

Máis de 50 km80.000 pesetas

Oitavo.

No suposto de que houbese máis peticionarios con dereito a axuda que crédito dispoñible, farase unha selección de aspirantes en función da puntuación total alcanzada ó aplica-los baremos dos apartados décimo e décimo primeiro desta orde. A dita puntuación será a suma das obtidas por renda familiar per capita e por rendemento académico. En caso de igualdade de puntuación total, considerarase preferente a condición de ser muller.

Noveno.

A renda familiar per capita calcularase dividindo o rendemento neto da unidade familiar declarado no imposto sobre a renda das persoas físicas no ano 1994 (ingresos menos gastos) polo número de membros da unidade familiar que figuren con dereito a deducción na propia declaración.

No suposto de que os cónxuxes fixesen a declaración da renda individualmente, o rendemento neto da unidade familiar obterase sumando o rendemento neto resultante en cada unha delas.

Décimo.

A puntuación que se lles adxudicará ós solicitantes por renda familiar per capita será a seguinte:

-Ata 600.000 pesetas: 10 puntos.

-De 600.001 a 850.000 pesetas: 8 puntos.

-De 850.001 a 1.100.000 pesetas: 6 puntos.

-De 1.100.001 a 1.500.000 pesetas: 4 puntos.

-De 1.500.001 a 2.000.000 de pesetas: 2 puntos.

-Máis de 2.000.000 de pesetas: 0 puntos.

Décimo primeiro.

A puntuación por rendemento académico será a media resultante de aplica-los seguintes valores ás cualificacións do último curso:

-Sobresaliente: 10 puntos.

-Notable: 8 puntos.

-Ben: 6 puntos.

-Suficiente: 5 puntos.

Décimo segundo.

1. As solicitudes de axuda ó estudio presentaranse entre o 1 de setembro e o 15 de outubro de 1996, segundo modelo que se recolle no anexo I desta orde, ó que se acompañará:

-Fotocopia cotexada da declaración da renda do ano 1994.

-Certificación académica dos estudios realizados no curso 1995-1996 ou, no seu defecto, do último curso realizado.

-Certificación de empadroamento no concello de residencia do solicitante.

Os solicitantes con pais que non estean obrigados a efectuaren declaración por teren ingresos inferiores ó mínimo exento, presentarán na secretaría do centro unha certificación de Facenda conforme non teñen a obriga de realizala.

2. As devanditas solicitudes presentaranse no centro de formación profesional onde os solicitantes vaian cursa-los estudios.

3. As secretarías deses centros remitirán á Dirección Xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos, rúa San Lázaro 107, 15771 Santiago de Compostela, dentro dos 10 días seguintes ós da finalización do prazo, as solicitudes de axudas, ás que acompañarán certificación de que o alumno quedou matriculado no curso para o que solicita axuda e de que os datos académicos e administrativos son certos.

Décimo terceiro.

A selección das peticións levarase a efecto por unha comisión integrada por:

-O director xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos.

-O subdirector xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos, que substituirá o director xeral en caso de ausencia.

-O xefe de Servicio de Ensinanzas Profesionais.

-Un membro dos servicios de Inspección designado polo inspector xefe.

-Un director dun centro de formación profesional, designado pola Dirección Xeral de Ensinanzas Profesionais.

-Un funcionario da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que actuará como secretario con voz e sen voto.

Os membros da comisión poderán percibir asistencias, axudas para gastos e locomoción por concorrer ás sesións, conforme o Decreto 299/1990, do 24 de maio (DOG do 1 xuño).

Décimo cuarto.

A comisión, vistas as solicitudes presentadas e o crédito dispoñible, fará a correspondente proposta

de adxudicación de axudas á Dirección Xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos, que dictará a oportuna resolución.

Décimo quinto.

A Dirección Xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos, antes do 20 de novembro, comunicaralles ós interesados a concesión ou denegación da axuda, abríndose un prazo de reclamación de 15 días. As reclamacións serán resoltas no prazo dun mes pola Dirección Xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos.

Décimo sexto.

Resoltas as reclamacións formuladas, as adxudicacións terán carácter definitivo. Contra esta resolución cabe o recurso ordinario previsto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e o procedemento administrativo común, ante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria.

Décimo sétimo.

As solicitudes entenderanse desestimadas de non dictarse resolución expresa no prazo de tres meses desde a finalización do prazo da súa presentación.

Décimo oitavo.

As axudas efectuaranse nun só pagamento, a través de conta ou cartilla de aforro abertas a nome dos beneficiarios ou da persoa que ostente a súa representación legal.

O pagamento da axuda require a aceptación previa por parte do beneficiario e o compromiso de que seguirá as avaliacións continuas durante o curso 1996-1997. No caso de non ser así, decaerá no seu dereito á axuda debendo reintegra-lo importe recibido.

Décimo noveno.

O desfrute destas axudas é compatible con outras de carácter xeral a cargo de fondos públicos.

Vixésimo.

A falsidade dos datos ou falsificación de documentos que se presenten, calquera que sexa o momento en que se demostre a inexactitude, terá como consecuencia a perda de tódolos dereitos do solicitante e, en consecuencia, a devolución total da cantidade percibida, sen prexuízo doutras responsabilidades ás que houbera lugar, logo da apertura do correspondente expediente.

Vixésimo primeiro.

Autorízase á Dirección Xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos a desenvolve-lo disposto nesta orde, que entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 1996.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

Sr. Director Xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos

6763