Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 213 Mércores, 30 de outubro de 1996 Páx. 9.628

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, MULLER E XUVENTUDE

DECRETO 381/1996, do 17 de outubro, polo que se modifica o Decreto 313/1995, do 23 de novembro, polo que se regula o recoñecemento das escolas de tempo libre, se aproban os programas de formación que se van impartir e se establece a composición e o funcionamento do órgano de dirección da Escola Galega de Lecer e Tempo Libre.

O Decreto 313/1995, do 23 de novembro, (DOG nº 237, do 13 de decembro de 1995), regula e actualiza o procedemento de recoñecemento das escolas de tempo libre, así como os programas de formación que se van impartir, e establece a composición e funcionamento do órgano de dirección da Escola Galega de Lecer e Tempo Libre, refundindo nunha soa norma as distintas disposicións normativas que antes regulaban estas materias. Dada a gran importancia que, para a educación no tempo libre, sobre todo no mundo infantil e xuvenil, ten a existencia continuada dun continxente de educadores/as que conten coa preparación actualizada, específica e idónea, en función do colectivo á que vai ir orientada esa educación, supón, como contrapartida, a adopción daquelas medidas que contribúan a incrementa-la profesionalización destas entidades educativas, incidindo nos requisitos esixidos para o seu recoñecemento, en consonancia cos aplicados noutras comunidades autónomas cun nivel semellante á nosa en cursos

por ano e número de titulados en tempo libre.

Por outra banda, a proliferación de escolas de tempo libre na Comunidade Autónoma galega durante estes dous últimos anos, demanda propiciar unha equilibrada creación de escolas de tempo libre desde un criterio territorial, evitando así a excesiva aglomeración destas nun mesmo ámbito territorial, e favorecendo o acceso a este tipo de ensinanzas a tódolos mozos en toda Galicia.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Familia, Muller e Xuventude, oído o Consello da Xuventude de Galicia, e logo de deliberación no Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do dezasete de outubro de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo único.-Os artigos 5, 8, 10.1º, 11.2º, e 27 do Decreto 313/1995, do 23 de novembro, polo que se regula o recoñecemento das escolas de tempo libre, se aproban os programas de formación que se van impartir e se establece a composición e o funcionamento do órgano de dirección da Escola Galega de Lecer e Tempo Libre, quedan redactados na forma que a continuación se expresa:

«Artigo 5º

1. As modalidades de ensinanzas que poden imparti-las escolas de tempo libre son:

A. Primeiro nivel: monitores de tempo libre e especialistas.

A.1. Monitor de actividades de tempo libre.

A.2. Especialista en aire libre.

A.3. Especialista en natureza e medio ambiente.

A.4. Especialista noutras modalidades.

B. Segundo nivel: directores de actividades de tempo libre.

B.1. Director de actividades de tempo libre.

B.2. Director de campos de traballo.

2. Así mesmo, poderán realizar cursos de perfeccionamento ou especialización de carácter monográfico, de duración variable, que só conducirán á expedición dun certificado ou diploma de asistencia.

3. Con carácter xeral, establécese en vintecinco o número máximo de alumnos por curso de calquera das modalidades de ensinanzas recollidas nos apartados anteriores.

En consecuencia, as escolas de tempo libre deberán determinar para cada unha das modalidades de ensinanzas que se van impartir os criterios e requisitos previos de selección do alumnado, que se aplicarán nos cursos programados sempre que o número de solicitantes supere o máximo de alumnos establecido anteriormente.»

«Artigo 8º

As escolas de tempo libre recoñecidas estarán obrigadas:

1. A organizar cada ano, alomenos, un curso do primeiro nivel e cada dous anos un do segundo nivel.

2. A remitirlle á Dirección Xeral de Xuventude, no mes de xaneiro de cada ano:

a) Memoria detallada de actividades do ano anterior.

b) Programa de actividades do ano en curso.

c) Criterios e requisitos previos de selección que se van aplicar nos cursos programados nas distintas modalidades de ensinanzas.

d) Relación de profesores e as súas respectivas titulacións.

e) Calquera modificación dos datos que figuren no rexistro de escolas de tempo libre.

3. A comunicarlle á Dirección Xeral de Xuventude, con antelación suficiente, o lugar e maila data dos cursos que se van impartir.»

«Artigo 10º.-Iniciación.

1. Para o recoñecemento dunha escola e a súa inscrición no Rexistro de Escolas de Tempo Libre

da Comunidade Autónoma galega, o promotor ou promotores presentarán a correspondente solicitude conforme o modelo normalizado que se recolle no anexo I, xunto coa da documentación seguinte:

a) Titularidade do centro.

b) Proxecto educativo e sistema educativo da escola con especificación das modalidades de ensinanzas que solicite impartir.

c) Descrición detallada dos medios materiais e educativos dos que disporá. A este respecto, toda escola de tempo libre deberá contar cun local que como mínimo disporá dos seguintes espacios diferenciados: espacio de atención ó público, aula, espacio específico de arquivo, e sala de reunións para o profesorado.

d) Os programas específicos do centro para os diferentes niveis que se pretendan impartir.

e) Acreditación suficiente de que o director e o profesorado posúen as titulacións requíridas, conforme o disposto no artigo 7 deste decreto.

f) Xustificación razoada da necesidade da realización de cursos de titulados en actividades de tempo libre na área xeográfica na que pensa desenvolve-la súa actividade.

g) Estudio da demanda que a escola de tempo libre pensa atender e estudio económico que comprenderá, como mínimo, os tres primeiros anos de funcionamento.

h) Xustificación e documentación acreditativa das posibilidades de realización da fase de prácticas que a escola de tempo libre ofrecerá a tódolos seus alumnos.

i) Estatutos da escola, que conterán, polo menos, os seguintes datos:

-Denominación da escola, que non poderá coincidir nin ser similar, con outras xa inscritas.

-Domicilio social.

-Órganos de dirección, goberno e administración.

-O ámbito territorial en que desenvolve as súas actividades.

-Réxime económico con determinación da procedencia e destino dos seus recursos.

No caso de que o solicitante sexa unha persoa xurídica, a solicitude deberá ir asinada por quen ostente a representación legal do órgano de goberno ou polas persoas debidamente apoderadas para o efecto.»

«Artigo 11º.-Instrucción.

2. Efectuados os trámites sinalados no apartado anterior, o órgano competente que iniciou a instrucción remitirá, se é o caso, a solicitude e restante documentación á Dirección Xeral de Xuventude, onde se efectuará unha valoración dela, para o que deberá solicitar, con carácter preceptivo, o informe da Escola Galega de Lecer e Tempo Libre sobre a viabilidade do recoñecemento solicitado. Así mesmo, poderá solicitar cantos informes considere

necesarios para resolver, así como a modificación ou mellora voluntaria da solicitude naqueles aspectos en que o considere oportuno, de acordo co previsto no artigo 71.3º da lei 30/1992, do 26 de novembro.

Valorada a solicitude, o director xeral de Xuventude elevará a correspondente proposta de resolución ó órgano competente para resolver.»

«Artigo 27º

A Escola Galega de Lecer e Tempo Libre será a oficial da Comunidade Autónoma de Galicia, e ten como obxectivos:

1. Velar polo nivel técnico das ensinanzas impartidas polas escolas de tempo libre oficialmente recoñecidas nos diferentes graos de formación e titulación recollidos no presente decreto.

2. Avaliar e conforma-los cursos que imparten as escolas de tempo libre oficialmente recoñecidas.

3. Realizar cursos e actividades de formación complementarias ás realizadas polas diferentes escolas de tempo libre e, en especial, aquelas que teñan por obxecto a especialización en áreas concretas de coñecemento dos monitores, especialistas e directores de actividades de tempo libre.

4. Elaborar anualmente un plan de ordenación de ensinanzas en materia de tempo libre tendo en conta o número e distribución territorial das escolas de tempo libre existentes na Comunidade Autónoma de Galicia.

5. Emiti-los informes que lle solicite a Dirección Xeral de Xuventude, en relación ás materias reguladas no presente decreto.»

Disposicións transitorias

Primeira.-Os requisitos mínimos do local recollidos no apartado c do artigo 10.1 deste decreto, serán esixibles a tódalas escolas de tempo libre recoñecidas á entrada en vigor deste decreto, a partir do 1 de xaneiro de 1997.

Segunda.-O disposto no artigo 5.3 deste decreto será de aplicación para tódolos cursos que se programen a partir do 1 de xaneiro de 1997.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a conselleira de Familia, Muller e Xuventude para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución do presente decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezasete de outubro de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia, Muller e Xuventude

9607784