O artigo 29 do Decreto 299/1990, do 24 de maio, sobre indemnizacións por razón do servicio ó persoal con destino na Administración autonómica de Galicia, establece a posibilidade de aboar asistencias pola colaboración, con carácter non permanente nin habitual, nas actividades por conta da Escola Galega de Administración Pública nas que se imparten ocasionalmente conferencias ou cursos, así como nos congresos, relatorios, seminarios e actividades análogas incluídas no programa de actuación da citada escola, dentro das dispoñibilidades orzamentarias para tales atencións e sempre que o total de horas do conxunto das devanditas actividades non supere individualmente o máximo de setenta e cinco ó ano.
O artigo 1 da Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, establece que esta é un organismo autónomo de carácter administrativo, e o artigo 9.2º dispón que os membros integrantes do persoal docente que non formen parte do cadro de persoal da Academia Galega de Seguridade terán a condición de colaboradores temporais e o dereito a percibi-las compensacións económicas que lles correspondan por asistencia, horas lectivas, conferencias, seminarios ou traballos determinados.
Co fin de que a Academia Galega de Seguridade poida desenvolve-la súa actividade, considérase necesario establecer expresamente a aplicación ó devandito organismo do artigo 29 do decreto 299/1990.
Na súa virtude, oída a comisión de persoal, por iniciativa da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, e por proposta das consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Eco
nomía e Facenda, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trinta e un de outubro de mil novecentos noventa e seis,
DISPOÑO:
Artigo único.-Modifícase o artigo 29 do Decreto 299/1990, do 24 de maio, sobre indemnizacións por razón do servicio ó persoal con destino na Administración autonómica de Galicia, ó que se lle engade o seguinte parágrafo:
O disposto neste precepto será tamén de aplicación á Academia Galega de Seguridade.
Disposición derradeira
Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela o trinta e un de outubro de mil novecentos noventa e seis.
Manuel Fraga Iribarne
Presidente
Dositeo Rodríguez Rodríguez
Conselleiro da Presidencia e Administración Pública
96-8233

