Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 224 Venres, 15 de novembro de 1996 Páx. 10.283

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 397/1996, do 31 de outubro, polo que se acepta a cesión a título gratuíto dun terreo de 17.000 m sito no Camiño Real de Baño, na parroquia de Serres, termo municipal de Muros (A Coruña), para a construcción dun instituto de ensino secundario.

O Pleno da Corporación Municipal de Muros (A Coruña), reunido en sesión ordinaria o 22 de marzo de 1994 acordou a cesión á Xunta de Galicia dun terreo de 17.000 m para a construcción dun Instituto de ensino secundario.

Conforme os artigos 17.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega, e 34 do seu regulamento aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, a adquisición pura

e simple de bens a título gratuíto ou lucrativo requirirá Decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Economía e Facenda. Así mesmo, os artigos 23.1º da mesma lei e 38.1º do regulamento establecen que non se poderán adquirir bens ou dereitos a título lucrativo cando o valor dos gravames, cargas ou afeccións impostos sobre eles supere o seu valor intrínseco; aínda que non se considera carga, gravame ou afección os investimentos que teña que realiza-la Comunidade Autónoma para dá-lo destino de uso xeral ou servicio público da súa competencia que fixe o cedente ou doador.

Na súa virtude, de conformidade coa proposta da Consellería de Economía e Facenda, feita nos termos nos que o Concello de Tomiño acordou a cesión, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trinta e un de outubro de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acéptase a cesión gratuíta do terreo de 17.000 m pertencente ó concello de Muros, sito no Camiño Real de Baño, na parroquia de Serres, termo municipal de Muros (A Coruña), que linda:

Norte: con máis terreo do concello de Muros destinado á construcción dunha vía pública que será prolongación do Camiño das Insuas. Despois dese terreo están as leiras dos herdeiros de Ramón Lestón, de herdeiros de Isidro García, Xoán Lestón Lestón, Margarida Martínez Sendón, Teresa García García, Cecilio Brea Fernández, Emilia Tajes Caamaño e outros.

Sur:con máis terreo do concello destinado ós accesos desta parcela, vía pública e zona libre. Despois dese terreo municipal están o Camiño Real de Baño, casas de Francisco Lamela Lago e Eduardo Cabeza Pombo, Ramón Lestón Lestón e outros.

Leste: con máis terreo do concello destinado ós accesos desta parcela e á construcción dunha vía pública. Despois dese terreo están a casa de María do Pilar Lado Arijón e leiras de María do Carme Rei Martínez, José Martínez García, José Sestaio Martínez, Inocencio García Martínez, María-Anxeles Martínez Gómez, Manuel Fernández Caamaño e outros

Oeste: con máis terreo municipal destinado á unha vía pública e o Camiño das Insuas. Despois do terreo municipal están as leiras de Ramón Lestón Lestón, Manuel Fernández Caamaño e Marcelino Fiuza Caamaño.

O inmoble descrito atópase inscrito no Rexistro da Propiedade, no tomo 323, libro 75, folio 14, número 10.332, inscrición 1ª.

Artigo 2º

O inmoble cedido destinarase á construcción pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria dun instituto de ensino secundario.

Artigo 3º

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, procederá á formalización da cesión no correspondente documento público e á inscrición do ben no Rexistro da Propiedade a nome da Comunidade Autónoma.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade do presente decreto.

Santiago de Compostela, trinta e un de outubro de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

96-8255