Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 225 Luns, 18 de novembro de 1996 Páx. 10.336

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

DECRETO 399/1996, do 31 de outubro, polo que se regulan programas de control sanitario de moluscos bivalvos vivos.

Coa publicación do Real decreto 308/1993, do 26 de febreiro, polo que se aproba a Regulamentación técnico-sanitaria que fixa as normas aplicables á comercialización de moluscos bivalvos vivos, levouse a cabo a harmonización parcial da Directiva do Consello 91/492/CEE, do 15 de xullo, na que se fixan as normas sanitarias aplicables á producción e posta no mercado de moluscos bivalvos vivos.

Correspondendo á Comunidade Autónoma, conforme o artigo 33.1º do Estatuto de autonomía de Galicia, Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de sanidade interior, o Decreto 116/1995, do 31 de marzo, regulou o control de biotoxinas en moluscos bivalvos e outros organismos procedentes da pesca, marisqueo e a acuicultura e estableceu un reparto de competencias entre as autoridades da Admistración autonómica en materia de control sanitario da producción, transporte, manipulación e venda de moluscos bivalvos vivos, atribuíndo á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública, a vixilancia e control dos moluscos bivalvos, para efectos hixiénico-sanitarios, en tódalas fases de comercialización, transformación e mercados de venda e no transporte, nos supostos que o citado decreto sinala.

Por outra parte, o Real decreto 308/1993, do 26 de febreiro, obriga ós responsables dos centros a realizar análises periódicas para controla-la calidade sanitaria dos moluscos, antes e depois da súa manipulación, e comproba-la eficacia da depuración.

Tamén o Decreto 116/1995, no seu artigo 9.2 sinala que os centros de expedición, depuración e establecementos de transformación serán responsables de que os productos por eles tratados cumpran os requisitos que establece o dito decreto.

Dado que ás autoridades sanitarias lles corresponde velar porque as persoas que manipulen moluscos bivalvos vivos adopten as medidas necesarias para cumprir estas esixencias de calidade sanitaria, e co fin de proporcionar ós consumidores as máximas garantías da salubridade, procédese á regulación de programas de control sanitario que deben ser levados a cabo polos centros onde se manipulen estes productos.

Na súa virtude, cumprido o trámite de información pública previsto no artigo 130 da Lei de proce

demento administrativo, do 17 de xullo de 1958, por proposta do conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trinta e un de outubro de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O presente decreto ten por obxecto establecer garantías de control sanitario de biotoxinas e microbiolóxico nos centros de expedición, depuración, transformación e, en xeral, de manipulación de moluscos bivalvos vivos.

Artigo 2º.-Conceptos básicos.

Para os efectos de aplicación do presente decreto entenderase por:

1. Zona de producción ou subzona de control de biotoxinas: as clasificadas ou declaradas como tal pola consellería competente en materia de pesca, marisqueo e acuicultura.

2. Lote: cantidade de molusco bivalvo vivo extraído dunha mesma zona de producción ou subzona de control de biotoxinas, destinada a ser enviada a un centro de expedición, depuración, transformación ou manipulación.

3. Envío: cantidade de molusco bivalvo vivo da mesma especie, envasado nun centro de expedición na mesma data ou tratado nunha estación depuradora, destinado a un ou varios clientes.

Artigo 3º.-Sistema de identificación de lotes e envíos.

1. Cada lote deberá estar identificado polo número de documento de rexistro que, para o transporte e comercialización de moluscos bivalvos vivos, establece a Orde do 22 de febreiro de 1994, da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

2. Os envíos procedentes dun centro de depuración, levarán unha etiqueta que certifique que os moluscos foron depurados e na que debe consta-la súa data de expedición.

Identificaranse coa data de envasado que figura na etiqueta sanitaria, os envíos que procedan dun centro de expedición.

Artigo 4º.-Control de biotoxinas.

1. Os centros de expedición, depuración e establecementos de transformación son responsables, de que os productos por eles tratados ou elaborados cumpran os requisitos establecidos no artigo 1º do Decreto 116/1995, do 31 de marzo, polo que se regula o control de biotoxinas en moluscos bivalvos e outros organismos procedentes da pesca, o marisqueo e a acuicultura. Para garanti-lo dito cumprimento os establecementos antes mencionados serán responsables de que todos e cada un dos lotes manipulados, depurados ou transformados no seu establecemento, estean avalados por un control analítico que acredite que os niveis de biotoxinas están dentro dos límites legais establecidos.

Os documentos a que se refire o parágrafo anterior, deberán conservarse polo centro receptor, polo

menos durante 90 días, e ser postos a disposición das autoridades competentes cando estas o soliciten.

2. Non obstante o disposto no parágrafo anterior, será admisible que as empresas aseguren as condicións que esixe o Decreto 116/1995, do 31 de marzo, mediante programas de autocontrol que deberán ser aprobados pola autoridade sanitaria e cumpri-las condicións que establece a normativa vixente.

Artigo 5º.-Control microbiolóxico.

Os responsables dos centros de expedición e depuración deberán garantir que se tomen e analizen periodicamente un número representativo de mostras para exames de laboratorio, co fin de establecer un cadro cronolóxico, en función das zonas de orixe dos lotes, da calidade sanitaria dos moluscos bivalvos vivos antes e despois da súa manipulación.

No caso de que estas análises indicasen unha posible variación do status sanitario da zona de producción, o responsable do centro de expedición ou depuración informará do dito feito á autoridade competente.

Artigo 6º.-Técnicas analíticas.

1. As técnicas analíticas de control de biotoxinas realizaranse segundo o establecido nos anexos I e II do Decreto 116/1995, do 31 de marzo, da Xunta de Galicia, e as técnicas de control microbiolóxico deberán segui-las pautas establecidas na lexislación vixente.

2. As análises deberán realizarse nun laboratorio equipado con todo o material necesario para realizalas, sexa propio do centro ou exterior, e estarán referendadas por un técnico responsable coa cualificación profesional suficiente.

Artigo 7º.-Cumprimentación de libros de control.

Os centros de expedición e centros de depuración de moluscos bivalvos vivos, estarán obrigados a cubri-los libros de control de entradas, saídas e de laboratorio, segundo os modelos que se recollen no anexo deste decreto. Os datos anotaranse de xeito claro e lexible no mesmo día no que se obteñan os resultados ou teña lugar o feito que deba rexistrarse. Os libros de control estarán a disposición dos servicios de inspección cando estes o soliciten.

Artigo 8º.-Infraccións e sancións.

As infraccións ó disposto neste decreto serán sancionadas de acordo co establecido na Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, Lei 12/1984, do 28 de decembro, do estatuto galego do consumidor e usuario, Decreto 157/1985, do 11 de xuño, polo que se regulan as infraccións e sancións en materia sanitaria, e demais disposicións de xeral aplicación.

Disposicións derradeiras

Primeira.-O presente decreto entrará en vigor ós 3 meses da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Segunda.-Facúltase a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais para modifica-los libros de control de entradas e saídas e de laboratorio que se recollen no anexo deste decreto.

Santiago de Compostela, trinta e un de outubro de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

LIBRO DE LABORATORIO DE DEPURADORAS-CENTROS DE EXPEDICIÓN

FOLLA Nº

ANO:

MES:

CONTROL SALUBRIDADE DE MOLUSCOSCONTROL SALUBRIDADE DE AUGA DE MAR

Nº loteDíaBiotoxinasPredepuraciónTempoPostdepuraciónDíaCloro Resid.C.F.Salmo

DSPPSPC.F.E. Coli.Salm.C.F.E. Coli.Salm.

Razón social Nº R.S.

Dirección Provincia

INDICACIÓNS:

Na parte superior esquerda deste libro anotarase o ano e o mes no que se van cubri-los datos que virán a seguir e cada día un dos mes iniciarase unha nova folla.

O libro constará dos seguintes apartados:

Control de salubridade de moluscos.

-Nº de lote: corresponde ó número do documento de rexistro do producto.

-Día de realización da análise.

A seguir anotaranse os resultados das análises de biotoxinas e microbiolóxicos cando se lles realicen ós moluscos antes da depuración.

-Tempo: anotarase o tempo transcorrido desde o inicio da depuración ata a realización da análise.

A seguir anotaranse os resultados das análises microbiolóxicas dos moluscos despois da depuración.

Control de salubridade de auga de mar á entrada da piscina de depuración.

-Día de realización da análise.

-Cloro residual: anotarase, diariamente, a súa ausencia ou presencia, na auga que sae dos depósitos antes da súa decantación.

A seguir anotaranse os resultados das análises microbiolóxicas.

LIBRO DE ENTRADAS E SAÍDAS DOS CENTROS DE EXPEDICIÓN

FOLLA Nº

ANO:

MES:

ENTRADASSAÍDAS

DíaEspecieCantidadeProvedorZona/SubzonaRía/PaísDoc. Rex.Nº EnvíoCantidadeDoc. Rex.C. EtiquetasDestinos/s

Razón social Nº R.S.

Dirección Provincia

INDICACIÓNS:

Este libro será cuberto polos establecementos que sexan única e exclusivamente centros de expedición.

Na parte superior esquerda deste libro anotarase o ano e o mes no que se van cubri-los datos que virán a seguir e cada día un dos mes iniciarase unha nova folla.

O libro constará dos seguintes apartados:

-Día: día de entrada do producto no centro de expedición.

-Especie: especificarase a especie de producto do que se trate; por exemplo: ameixa fina, ameixa babosa...

-Cantidade: anotarase o número de quilos de cada especie entregados ó centro de expedición.

-Provedor: anotarase o establecemento de procedencia do producto.

-Subzona/zona: poñerase a subzona de control de biotoxinas no caso do molusco de batea e a zona cando se trate de molusco branco, así como a súa clasificación sanitaria (A, B, C).

-Ría/país: anotarase o nome da ría o do país no caso de tratarse de molusco que vén de fóra.

-Documento de rexistro: corresponderá ó número/s do documento/s de rexistro que acompañan ó producto ata o centro de expedición.

-Número de envío: anotarase a data de envasado que figura na etiqueta sanitaria, de tratarse de molusco.

-Cantidade: número de quilos dos que consta cada envío.

-Doc. rexistro: anotarase o/s número/s dos documentos de rexistro que compoñen cada envío.

-Control de etiquetas: anotarase a serie e a numeración.

-Destino: anotarase o destinatario e a localidade á que se dirixe o producto.

LIBRO DE SAÍDAS DE DEPURADORAS-CENTROS DE EXPEDICIÓN

FOLLA Nº

ANO:

MES:

Nº de envíoEspecieCantidade kgDestinoC. EtiquetasPiscina procedeExistencias

Razón social Nº R.S.

Dirección Provincia

INDICACIÓNS:

Na parte superior esquerda deste libro anotarase o ano e o mes no que se van cubri-los datos que virán a seguir e cada día un do mes iniciarase unha nova folla.

O libro constará dos seguintes apartados:

-Nº de envío: no caso de que o producto estea envasado e vaia destinado ó consumo humano directo anotarase a data de envasado que figura na etiqueta sanitaria. De tratarse de molusco destinado a un centro de expedición ou unha industria de transformación anotarase a data de saída (día/mes/ano) do dito envío.

-Especie: especificarase a especie da que se trate. (Por exemplo: ameixa fina, ameixa babosa).

-Cantidade: número de quilos de que consta cada envío.

-Destino: anotarase o destinatario e a localidade á que se dirixe o producto.

-Control de etiquetas: anotarase a serie e a numeración.

-Piscinas de procedencia: anotaranse os números das piscinas nas que estivo depurando o molusco que corresponde a cada envío.

-Existencias: tras o último envío, anotaranse os kg de moluscos que quedan en cada una das piscinas das que foi retirado producto durante esa xornada.

LIBRO DE ENTRADAS DE DEPURADORAS-CENTROS DE EXPEDICIÓN

FOLLA Nº

ANO:

MES:

DíaEspecieCantidade kgPiscinaZona/SubzonaRía/PaísNº de loteTempo depuración

Razón social Nº R.S.

Dirección Provincia

INDICACIÓNS:

Na parte superior esquerda deste libro anotarase o ano e o mes no que se van cubri-los datos que virán a seguir e cada día un do mes iniciarase unha nova folla.

O libro constará dos seguintes apartados:

-Día de entrada do producto no centro de depuración.

-Especie: especificarase a especie do producto do que se trate. (Por exemplo: ameixa fina, ameixa babosa...).

-Cantidade: anotarase o número de quilos de cada especie entregados ó centro de depuración.

-Piscina: número da piscina na que se instala o molusco.

-Subzona/zona: poñerase a subzona de control de biotoxinas no caso do molusco de batea e a zona cando se trate do molusco branco, así como a súa clasificación sanitaria (A, B, C).

-Ría/país: anotarase o nome da ría o do país no caso de tratarse de molusco que vén de fóra.

-Nº de lote: corresponderá o número do documento de rexistro que acompaña ó producto desde la zona de producción ata o centro de depuración.

-Tempo de depuración: anotarase o tempo transcorrido desde o inicio da depuración (enchido total da piscina) ata a saída da piscina do primeiro envío correspondente ó dito lote.

8342