Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 226 Martes, 19 de novembro de 1996 Páx. 10.395

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 13 de setembro de 1996, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, depósito e publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo do sector de exportadores de peixe fresco.

Visto o expediente do convenio colectivo para o sector de exportadores de peixe fresco, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 12-9-1996, subscrito en representación da parte económica pola Asociación de Comercializadores de peixe de Vigo, e da parte social, pola central sindical CC.OO, o día 4-9-1996, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónomade Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, desta

delegación provincial e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (S.M.A.C.)

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 13 de setembro de 1996.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo de traballo para as empresas exportadoras de peixe fresco da provincia de Pontevedra

I. Condicións xerais

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

Nos seus aspectos territorial, funcional e persoal, o presente convenio colectivo afecta ás empresas que teñan como actividade o comercio por xunto de peixe fresco da provincia de Pontevedra. Afectará a todo o persoal que preste os seus servicios nas citadas empresas e nos seus distintos postos de traballo.

Artigo 2º.-Vixencia e duración.

Entrará en vigor ós 20 días do seu asinamento, independentemente da súa publicación no BOP.

A súa duración establécese para os anos 1996 e 1997, e os seus efectos económicos enténdense retrotraídos ó día 1 de xaneiro de 1996.

Artigo 3º.-Denuncia.

O convenio entenderase prorrogado tacitamente por un ano, salvo que sexa denunciado por algunha das partes nos tres últimos meses da súa duración.

Artigo 4º.-Condición máis beneficiosa.

Tódalas melloras obtidas neste convenio establécense con carácter de mínimas. Os pactos actualmente existentes en calquera empresa ou costume máis beneficioso sobre condicións de traballo serán respectados.

Artigo 5º.-Absorción e compensación.

Terán carácter de absorbibles aquelas melloras existentes pactadas ou que durante a vixencia do convenio, por disposicións legais, se puidesen establecer.

Artigo 6º.-Comisión mixta de vixilancia.

Para unha mellor interpretación e cumprimento do texto articulado do presente convenio constitúese a comisión mixta de vixilancia, composta por 3 vocais e igual número de suplentes, por cada unha das partes, que velará polo estricto cumprimento da lexislación laboral vixente; ámbalas partes, logo de acordo, designarán o presidente e secretario desta comisión mixta de vixilancia.

II. Condicións laborais.

Artigo 7º.-Xornada de traballo.

A xornada será de 36 horas semanais de traballo efectivo, de luns a sábado, ambos incluídos, e comezará á hora establecida para a poxa de peixe, actualmente fixada ás 7.30 horas.

Calquera modificación que haxa na hora da poxa implicará, de forma previa a calquera modificación no inicio da xornada, o seu debate na comisión mixta de vixilancia do convenio.

Por ser xornada continua, establécese un descanso de 30 minutos que desfrutarán os traballadores entre as 9 e as 12 horas, logo de acordo en cada caso coa respectiva empresa.

Sen prexuízo da xornada exposta, páctase a flexibilidade no sentido de que, unha vez finalizadas as tarefas, se entenderá igualmente finalizada a xornada, contándose as horas non traballadas unicamente para os efectos das horas extraordinarias.

Artigo 8º.-Vacacións.

O descanso anual retribuído do persoal comprendido no presente convenio é de 30 días naturais, establecéndose a data para o seu desfrute desde o 15 de xuño ó 15 de setembro, sempre que fose posible. Con tal fin confeccionarase unha lista de vacacións, que deberá estar exposta nas empresas antes do 31 de marzo e fixarase no primeiro trimestre do ano, por orde de antigüidade e orde rotativa nos

sucesivos anos. Se non hai acordo, o empresario sinalará quince días e o traballador outros quince.

Artigo 9º.-Licencias con soldo.

Todo traballador terá dereito a licencia retribuída polas circunstancias e días naturais que se indican:

a) Por matrimonio, 20 días.

b) Por falecemento de cónxuxe, ascendentes, descendentes, irmáns, sogros e cuñados, 5 días. Por falecemento de avós políticos, 1 día.

c) Por enfermidade grave dos familiares anteriormente citados, a excepción do avó político, así como por nacemento de fillo, de 2 a 5 días, dependendo das circunstancias e especialmente do desprazamento a que o tal feito dea lugar.

d) Por cambio de domicilio, 1 día.

Artigo 10º.-Incorporación ó servicio militar.

Durante o tempo que o traballador permaneza incorporado ó servicio militar, reservaráselle a praza que viña desempeñando ata dous meses despois do seu licenciamento. Contarase o tempo que permaneza no servicio militar para efectos de antigüidade, e durante a súa permenencia nel aboaránselle as pagas extraordinarias que se estipulen no presente convenio.

Artigo 11º.-Compensación por vestiario.

Co obxecto de que todo o persoal adquira e use a roupa, luvas e calzado adecuados ó traballo que realicen, aboarase en nómina, calquera que sexa a súa xornada laboral e baixo o epígrafe de vestiario a cantidade de 2.475 ptas. mensuais. Para o ano 1997, esta cantidade incrementarase no IPC previsto polo Goberno para este ano máis 1 punto. O dito complemento non se percibirá en vacacións, enfermidade, accidentes de traballo e pagas extraordinarias, tendo carácter extrasalarial para tódolos efectos.

Artigo 12º.-Día da patroa.

Establécese como día festivo non recuperable o día 16 de xullo, día da Virxe do Carme, sempe e cando se chegue ó acordo e descansen os traballadores de Coia.

III. Condicións económicas

Artigo 13º.-Retribucións.

O persoal afectado por este convenio percibirá, segundo a súa categoría laboral, o salario base que se especifica na táboa salarial anexa.

O pagamento dos atrasos correspondentes por aplicación da dita táboa desde primeiros de ano serán aboados no mes de setembro de 1996. Para o ano 1997, a táboa salarial anexa incrementarase no IPC previsto polo goberno para este ano máis 1 punto.

Revisión salarial. Producirase o primeiro ano de vixencia se o IPC o 31-12-1996 rexistrase un incremento superior ó 4%; o segundo ano, se o IPC o

31 de decembro de 1997 excedese do previsto polo Goberno en 0,5 puntos, para o cal servirá como base de cálculo a mesma táboa salarial utilizada para realiza-los aumentos pactados no presente convenio.

Artigo 14º.-Gratificacións extraordinarias.

O persoal afectado polo presente convenio percibirá tres pagas extraordinarias, baixo a denominación de xullo, nadal e beneficios, consistentes en 30 días de salario máis antigüidade e que se farán efectivas os días 15 de xullo, 20 de decembro e 31 de marzo, respectivamente.

Artigo 15º.-Antigüidade.

En concepto de antigüidade aboaranse cuadrienios, que se acumularán a todo productor ata a súa xubilación. O valor de cada cuadrienio fíxase nun 6% sobre a remuneración que corresponde a cada categoría.

Artigo 16º.-Horas extraordinarias.

Consideraranse horas extraordinarias aquelas que superen as 36 horas de traballo efectivo no seu cómputo semanal, téndose en conta, por tanto, o pactado ó respecto sobre flexibilidade de xornada, sen que isto signifique variación ou deterioración do disposto legalmente de considerarse hora extraordinaria aquela que supere as 9 horas de traballo efectivo diario.

Fíxase un incremento do 100% para as dúas primeiras horas extraordinarias e do 200% para as restantes.

Artigo 17º.-Axudas de custo.

Cando por necesidade do traballo o traballador teña que comer ou cear fóra do domicilio, a empresa estará obrigada a lle aboa-lo importe de 2.000 ptas. por cada unha delas.

Artigo 18º.-Prima en especie.

Respectarase, onde exista, o costume de lles facilitar peixe ós traballadores para o seu consumo propio.

Artigo 19º.-Plus de transporte.

Os traballadores afectados polo presente convenio percibirán por tal concepto, calquera que sexa a súa xornada laboral, a cantidade de 12.378 ptas. mensuais. Para o ano 1997 esta cantidade incrementarase no IPC previsto polo Goberno para ese ano máis 1 punto. O dito complemento non se percibirá en vacacións, enfermidade, accidentes de traballo e pagas extraordinarias, tendo carácter extrasalarial para tódolos efectos.

Artigo 20º.-Complementos, prestacións, seguridade social.

As empresas aboaranlles ós seus traballadores en situación de incapacidade laboral transitoria (ILT) a diferencia entre as prestacións económicas da

Seguridade Social que lle correspondan e o seu salario máis antigüidade.

En evitación de absentismo fraudulento ou reiterado, a comisión mixta constituirase en comisión de vixilancia, actuando por denuncia do empresario, e quedando facultada para anularlle este beneficio ó traballador en cada caso concreto.

Artigo 21º.-Negociación colectiva.

O texto do convenio colectivo de ámbito provincial para as empresas que teñan como actividade a do comercio de exportación por xunto de peixe fresco da provincia de Pontevedra é subscrito pola Asociación de Comercializadores de Peixe de Vigo, ACOPEVI, e Comisións Obreiras , CC. OO, de conformidade co disposto no artigo 85, alínea a da Lei do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores.

Artigo 22º. Recoñecementos médicos.

Tódalas empresas vinculadas polo presente convenio colectivo estarán obrigadas a facilita-la realización dun recoñecemento médico con carácter anual, que se efectuará nas respectivas entidades aseguradoras de cada empresa. O tempo empregado en cada recoñecemento será contado como tempo de traballo.

Artigo 23º.-Formación profesional.

Establecerase unha comisión paritaria de formación, con funcións de planificación, negociación e xestión dos cursos de formación; e aprobarase un plan de formación do sector, pactado cos representantes dos traballadores.

IV. Disposicións derradeiras

Primeira. En todo o non previsto no presente convenio aplicarase o que dispón a Ordenanza de traballo de comercio, Estatuto dos traballadores e normas complementarias.

Segunda. No caso de que, por incremento do salario mínimo interprofesional garantido se modificasen os correspondentes a algunha ou algunhas categorías laborais, manteranse as diferencias absolutas existentes no momento da súa entrada en vigor entre as categorías laborais

Táboa salarial

Empresas comercializadoras de peixe fresco por xunto.

1. Xefe administrativo: 91.307

2. Oficial administrativo: 84.712

3. Auxilar administrativo: 74.937

4. Comprador/a: 91.226

5. Encargado/a: 91.226

6. Conductor/a: 87.969

7. Mozo/a: 85.479

8. Empacador/a: 85.052

8376