Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 228 Xoves, 21 de novembro de 1996 Páx. 10.475

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 22 de outubro de 1996 pola que se convocan bolsas-contratos en prácticas do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).

A Lei 5/1992, do 10 de xuño, de creación do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), establece como unha das funcións do Igape a de promover actividades creadoras de emprego, así como favorece-la modernización e innovación tecnolóxica e organizativa das empresas galegas. Con tal finalidade e atendendo a evidente necesidade das empresas, asociacións e fundacións de integrar nos seus cadros de persoal a un custo razonable persoal especializado con alta cualificación técnica, o Igape dispón do seu programa de bolsas-contratos en prácticas, co que tamén se alcanza a finalidade de promove-la consecución dun primeiro emprego para posgraduados, mellora-la súa formación práctica, así como favorece-la realización de actividades de investigación nas empresas. A presente orde regula a convocatoria e procedemento de concesión das ditas bolsas.

Polo que antecede, esta consellería,

DISPÓN:

Artigo 1º

Convócanse ata 100 bolsas-contratos en prácticas e apróbanse as bases polas que se rexerá a súa convocatoria que se inclúe como anexo I á presente orde.

Artigo 2º

O financiamento farase con cargo á partida 0114 37000 481 do orzamento do Igape para 1996.

Artigo 3º

Para os efectos establecidos no artigo 42.2º da Lei 30/1992, o prazo máximo para resolve-las solicitudes correspondentes ás bolsas especificadas nesta orde será de 9 meses; cumprido o dito prazo entenderanse desestimadas aquelas solicitudes sobre as que non recaese resolución expresa.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de outubro de 1996.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

ANEXO I

Bases da convocatoria

1. Requisitos dos solicitantes

-Entidades: poderán solicitar esta axuda aquelas empresas ou entidades que cumpran os seguintes requisitos:

A) Empresas que desenvolven a súa actividade no ámbito da Comunidade Autónoma galega e que conten cun mínimo de tres traballadores fixos. O requisito do emprego non será necesario nas empresas de nova creación, entendendo por estas as que non teñan máis dun ano de antigüidade.

B) Entidades representativas dos sectores ou subsectores empresariais que teñan o seu domicilio en Galicia (federacións, asociacións, fundacións).

-Titulados: poderán solicitar esta axuda aqueles titulados que cumpran os seguintes requisitos:

A) Ser nacional dun país membro da Unión Europea.

B) Terán que cumprir algunha das seguintes condicións:

-Ter veciñanza administrativa en Galicia.

-Ser natural de Galicia.

-Ser fillo de emigrantes galegos no exterior.

C) Non estar obrigado a realiza-lo servicio militar ou prestación social substitutoria durante o período de desfrute da bolsa.

D) Estar en posesión dunha titulación universitaria (superior ou media) outorgada por unha institución docente oficialmente recoñecida dalgún país membro da Unión Europea na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes e obte-lo título con posterioridade ó 30 de xuño de 1993 (salvo que se acredite ter autorizado o servicio militar obrigatorio ou prestación social substitutoria, neste caso ampliarase o prazo de finalización de estudios na mesma medida que a duración da prestación dos ditos servicios)

En caso de títulos expedidos por centros estranxeiros ou privados será preciso que estean homologados polo Ministerio de Educación e Ciencia, previamente ó remate do prazo de presentación de solicitudes.

E) Non ser adxudicatario dunha bolsa do Igape en anos anteriores.

F) Non ter 30 anos cumpridos na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

G) Non desempeñar con anterioridade algún traballo profesional para o que se requirise a mesma titulación esixida nesta convocatoria, en virtude de calquera tipo de contrato laboral de duración igual ou superior a 12 meses.

2. Documentación

Segundo anexos II (empresas e entidades) e IV (titulados).

3. Número

Establécese un número máximo de 100 bolsas para conceder segundo a presente convocatoria, das cales ata 80 poderán ser adxudicadas a favor das empresas sinaladas na base 1.1 A) e ata 20 poderán ser adxudicadas a favor das entidades sinaladas na base 1.1 B).

4. Instancias

Segundo anexo III para empresas ou entidades e segundo anexo V para titulados.

5. Duración e contía

A duración deste tipo de bolsas establécese en 12 meses, a partir da data da sinatura do contrato.

A contía máxima das bolsas será de 1.500.000 ptas. Esta cifra será a contía máxima que o Igape aboará á empresa ou entidade beneficiaria, sen prexuízo da obriga desta de aboar ó titulado, como mínimo, a retribución que fixe o convenio colectivo aplicable para os traballadores en prácticas. Cando este non regule a cuestión, a retribución do contratado en prácticas non poderá ser inferior ó 60% do salario fixado no convenio colectivo aplicable para un traballador que desempeñe o mesmo ou equivalente posto de traballo, sempre que iso non resulte inferior ó S.M.I., se se dá este caso, aplicarase a contía deste e minorarase proporcionalmente a contía da bolsa.

Se o convenio aplicable unha vez efectuada a reducción establece un salario bruto inferior a 1.500.000 ptas., o beneficiario poderá optar por acollerse a el, minorándose en tal caso o importe da bolsa na contía proporcional que resulte da diferencia entre o salario bruto aboado e 1.500.000 ptas.

No contrato deberase pacta-la xornada completa, salvo casos excepcionais de empresas que, con carácter xeral, teñan establecida unha reducción de xornada para a maioría dos traballadores da empresa. Neste último caso, o importe da bolsa reducirase na mesma proporción que a reducción da xornada.

6. Presentacion de solicitudes

6.1. Regras comúns:

As solicitudes, nos modelos oficiais que se publican no anexo III (empresas e entidades) e no anexo V (titulados) deberán ir inescusablemente acompañadas da documentación que se publica como anexo II (para empresas) ou anexo IV (para titulados) e presentaranse no Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), en calquera das súas oficinas de:

A) Santiago de Compostela: R/ Frai Rosendo Salvado, 16-baixo. C.P. 15701

B) Ferrol: Península da Cabana s/n. C.P. 15590

C) Vigo: R/ Príncipe, 43 - 2º E. C.P. 36202

Ou ben segundo o establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A documentación presentada non será devolta ó solicitante. A documentación redactada nunha lingua non oficial de Galicia deberá ir traducida por un intérprete xurado.

6.2. Presentación de solicitudes polas empresas ou entidades:

As empresas ou entidades terán un prazo de quince días desde o día seguinte á publicación no DOG destas bases para presenta-las súas solicitudes, indicando unha titulación e especialidade preferente, así como a localidade de destino do titulado no caso de resultar beneficiario.

Dentro dos dez días seguintes ó remate do prazo de solicitudes o Igape expoñerá nas súas dependencias a lista provisional de solicitudes de empresas ou entidades admitidas e excluídas, sinalando se é o caso as causas de exclusión, abríndose un prazo de dez días para que os interesados poidan emenda-la súa solicitude, achegando se é o caso a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen producirse a emenda procederase ó arquivo do expediente sen máis trámite.

Rematado o prazo de emendas, o Igape publicará nas súas dependencias unha lista definitiva de solicitudes de empresas ou entidades admitidas a selección, na que se fará consta-la localidade de destino dos titulados, a titulación e especialidade solicitada.

6.3. Presentación de solicitudes polos titulados:

Os titulados poderán presenta-la súa solicitude dentro dos quince días seguintes á publicación no Igape da lista definitiva de empresas ou entidades.

Unha vez rematado o prazo de solicitude de titulados e comprobado o cumprimento dos requisitos de admisión, o Igape expoñerá nas súas dependencias a lista provisional de solicitudes de titulados admitidas e excluídas, sinalando se é o caso as causas de exclusión, abríndose un prazo de dez días para que os interesados poidan emenda-la súa solicitude, achegando se é o caso a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen producirse a emenda procederase ó arquivo do expediente sen máis trámite.

Rematado o prazo de emendas, o Igape publicará nas súas dependencias unha lista definitiva de solicitudes de titulados admitidas a selección por titulación, especialidade e baremo.

7. Criterios de selección de empresas, entidades e titulados

7.1. Criterios de selección de empresas e entidades:

Terán preferencia as empresas ou entidades:

A) De nova creación.

B) Empresas ou entidades que no momento da súa solicitude se encontren desfrutando dun titulado asignado polo Igape e se comprometan a incorporalo ó seu cadro de persoal como personal fixo antes da resolución de concesión da bolsa.

C) Do número restante de bolsas estas adxudicaranse segundo o seguinte criterio:

1. Ata o 40% a empresas ou entidades ás que o Igape non asignase un titulado en convocatorias anteriores.

2. Ata o 40% a aquelas empresas ou entidades que tendo asignado un titulado en convocatorias anteriores, o incorporaran ó seu cadro de persoal con contrato indefinido.

3. Ata o 20% a aquelas empresas ou entidades que tendo asignado un titulado en convocatorias anteriores non o incorporasen ó seu cadro de persoal por causas imputables ó titulado ou o incorporaran como persoal temporal.

Para as empresas ou entidades enmarcadas no punto C e dentro deste segundo os criterios sinalados anteriormente, a selección farase tendo en conta:

-Número de traballadores fixos (con preferencia para os solicitantes con menor número de traballadores).

-Dificultades de acceso ó mercado laboral da titulación solicitada.

-Localidade de destino do titulado. Preferentemente os concellos que se relacionaban no Decreto 530/1992, de delimitación da Zona de Promoción Económica Especial de Galicia (publicado no BOE de 26-5-1992), concellos pertencentes ás provincias de Ourense e Lugo e aqueles concellos que aparecen como anexo no convenio Pemes 96 (DOG do 21 e 24 do xuño de 1996).

-Que a empresa ou entidade incida en actividades industriais relevantes do sector productivo galego.

A documentación acreditativa do punto 7.1.B e 7.1.C.2 será, en principio, unha declaración xurada. Unha vez comunicada a selección da empresa por parte do Igape e antes de emitirse resolución de concesión, a empresa deberá xustificalo achegando copia compulsada da modificación do contrato que acredite que o titulado contratado en prácticas pasa a ser contratado por tempo indefinido respectándoselle a súa categoría profesional.

7.2. Selección de titulados:

A selección de titulados faraa en primeira instancia o Igape, segundo a localidade solicitada, titulación, especialidade e puntuación obtida no seguinte baremo de autoavaliación:

Matrícula de honra: 4 puntos.

Sobresaliente: 3 puntos.

Notable: 2 puntos.

Aprobado: 1 punto.

Reducción ó mesmo número de materias =

(puntuación obtida x 10) / nº de materias

Proxecto fin de carreira,

Grao ou tese de licenciatura: 2 puntos.

Título de doutor: 4 puntos.

Unha vez feita esta primeira selección, remitirase a cada empresa ou entidade unha relación composta como máximo por 4 persoas co título solicitado por praza, non sendo nunca inferior a dous titulados por praza (salvo que para a dita titulación só existise unha solicitude de titulado), cos seus correspondentes currículums para que realicen, se o estiman necesario, as correspondentes entrevistas de selección, debendo no prazo de 10 días devolver esta relación ó Igape ordenada segundo a súa preferencia. No caso que non se remita a dita relación no prazo anteriormente dito, considerarase que renuncia á bolsa.

O Igape atenderá as peticións das empresas ou entidades por estricta orde de entrada no rexistro do Igape que deberán incluír unha relación de preferencia de titulados. As empresas ou entidades poderán envia-la dita petición por fax, aínda que posteriormente terán que remitila por correo.

8. Adxudicación e resolución

Unha vez realizada a selección, o director xeral do Igape resolverá a adxudicación da bolsa ás empresas ou entidades, asignándolle o/os titulados correspondente/s.

A cada unha das empresas ou entidades seleccionadas só se lles adxudicará un titulado, excepto as referidas na base 1.1.B), ás que excepcionalmente se lle poderán adxudicar 2 titulados.

Durante o seu período de vixencia, estas bolsas son incompatibles con outras bolsas ou axudas para o mesmo obxecto, que poidan ser concedidas por organismos públicos ou privados, nacionais ou estranxeiros.

9. Aceptacion da bolsa

O Igape comunicará ó beneficiario a concesión da bolsa, quen no prazo de dez días desde a súa notificación deberá aceptala nos seus termos e comprometerse a cumprir todas e cada unha das condicións recollidas nas presentes bases. Se no dito prazo non constase a súa aceptación expresa entenderase que renunciou ós seus dereitos, arquivándose o seu expediente sen máis trámite.

10. Formalización dos contratos

Unha vez aceptada a bolsa, o beneficiario dispoñerá de 15 días hábiles para formaliza-lo contrato de traballo co titulado asignado, segundo o modelo oficial aprobado por Real decreto 2317/1993, do

29 de decembro, onde deberá consta-la retribución salarial expresamente contificada en número, transcorrido o dito prazo entenderase que o beneficiario renuncia ós seus dereitos, arquivándose o expediente sen máis trámite. No caso de que o contrato non chegue a formalizarse por causas imputables ó titulado, este perderá os seus dereitos, podendo a empresa ou entidade comunicar por escrito ó Igape tal situación, solicitando que lle sexa asignado o titulado seguinte na orde de preferencia sinalada na súa lista de selección. Se non estivese dispoñible algún dos titulados preseleccionados, o Igape remitiralle unha nova lista de catro titulados para proceder a unha nova selección.

A empresa ou entidade remitirá ó Igape fotocopia compulsada dos contratos e da alta na Seguridade Social, así como os datos bancarios para o aboamento da bolsa, dentro dos 10 días seguintes á formalización do contrato, entendéndose a súa renuncia en caso de non recibirse esta documentación no Igape sen que mediase algunha xustificación escrita por parte da empresa ou entidade.

11. Obrigas das empresas ou entidades:

a) Formalizar co/s titulado/s asignado/s un contrato de traballo en prácticas segundo modelo oficial e mantelo vixente ó menos 12 meses ininterrompidos. No caso de cesamento da relación contractual por causa non imputable á empresa ou entidade beneficiaria, a bolsa reducirase proporcionalmente ó período contractual efectivamente realizado.

b) Aboar ó/os titulado/s asignado/s, como mínimo, a retribución de convenio que lle/s corresponda atendendo á súa categoría profesional e modalidade de contratación.

Sen prexuízo do anterior, deberán aboar ó titulado, en concepto de salario, un mínimo de 1.500.000 ptas. brutas anuais, salvo no caso de pactarse contractualmente unha xornada reducida ou que o convenio aplicable estableza un salario minimo inferior, minorándose en ámbolos casos a contía da bolsa.

c) Dar de alta o titulado no grupo de cotización que legalmente lle corresponda segundo a súa titulación e aboa-la cota empresarial da Seguridade Social.

d) Estar ó corrente nos pagamentos á Seguridade Social e Facenda, así como carecer de débedas coa Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Entregar ó Igape a seguinte documentación:

-Copia compulsada do contrato e alta na S.S.

-Datos bancarios.

-Copia das nóminas aboadas e dos boletíns de cotización á S.S.

-Memoria de actividades do titulado.

f) En xeral, cumprir coa normativa laboral vixente en materia de contratos en prácticas.

12. Réxime de pagos

Unha vez recibida no Igape a copia compulsada do contrato e a alta do titulado na Seguridade Social, así como os datos bancarios da empresa ou entidade, o instituto aboará o vinte por cento da bolsa.

Unha vez vencido cada trimestre, a empresa remitirá ó Igape copia das nóminas e dos boletíns de cotización á Seguridade Social correspondente ós traballadores que desfruten da bolsa de traballo en prácticas e unha vez comprobados estes será aboado o vinte por cento da bolsa.

Ó remata-lo período da bolsa, tanto a empresa ou entidade como o traballador terán que entregar no Igape copia das nóminas e dos boletíns de cotización á Seguridade Social correspondentes ós últimos tres meses, así como unha memoria das actividades realizadas durante o período da bolsa. As empresas ou entidades subvencionadas xuntarán a documentación citada no parágrafo anterior e unha vez recibida e comprobada no Igape aboaráselle-lo vinte por cento correspondente ó último trimestre.

13. Incumprimento

O incumprimento polo beneficiario de calquera das súas obrigas conforme a presente orde ou calquera outra disposición aplicable poderá dar lugar á supresión da axuda concedida e á reclamación das cantidades anticipadas. En calquera intre a Dirección do Igape poderá reclamar da empresa ou entidade de destino un informe sobre o traballo realizado polo titulado.

Non axustarse ós termos da convocatoria, o incumprimento dos requisitos nela establecidos, a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera manipulación da información solicitada será causa de incumprimento.

Así mesmo, procederá a revogación das axudas, o reintegro das cantidades percibidas e os xuros de demora correspondentes nos casos previstos no artigo 78.5º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

14. Incidencias

Calquera alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión das axudas poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión, ben por instancia do solicitante ou de oficio, polo Igape.

As renuncias de titulados que se produzan durante os tres primeiros meses desde a formalización do contrato, poderán ser substituídas pola Dirección Xeral do Igape de acordo coa lista de reserva, se a houbese. No novo contrato en prácticas, o bene

ficiario só recibirá bolsa do Igape polo tempo que reste para cumpri-los 12 meses de contrato.

A Dirección Xeral do Igape resolverá tódalas dúbidas e incidencias que puidesen xurdir na aplicación da presente convocatoria.

A concesión destas bolsas non implica vinculación nin laboral nin administrativa, entre o titulado e o Igape.

ANEXO II

Documentación empresas e entidades

-Instancia solicitude: anexo III.

-Fotocopia compulsada do DNI do solicitante.

-No caso de sociedades: copia compulsada de escritura de constitución e se é o caso adaptación á normativa vixente, debidamente inscrita no Rexistro Mercantil. Copia compulsada do poder de representación do asinante da solicitude inscrito no Rexistro Mercantil. Esta documentación deberá presentarse unha vez comunicada a selección da empresa por parte do Igape e antes de emitirse resolución de concesión.

-No caso doutras entidades: copia compulsada da acta de constitución e estatutos debidamente inscritos no rexistro oficial que corresponda, acompañada de poder de representación do asinante da solicitude. Esta documentación deberá presentarse unha vez comunicada a selección da empresa por parte do Igape e antes de emitirse resolución de concesión.

-Copia compulsada do último recibo do IAE.

-Acreditación dun mínimo de tres traballadores fixos: fotocopia compulsada do último TC2.

-Empresa de nova creación: copia compulsada alta IAE.

-Certificado actualizado de estar ó corrente nos pagamentos á Seguridade Social e obrigas tributarias.

-Certificado actualizado de non ter débedas coa Comunidade Autónoma de Galicia.

-Fotocopia do diario oficial donde se publicou o convenio aplicable ó/s titulado/s que solicita.

-Empresas ou entidades enmarcadas no punto 7.1.B: declaración xurada conforme a empresa ou entidade, no caso de ser seleccionada, se compromete a modifica-lo contrato do bolseiro actual e incorporalo ó seu cadro de persoal como persoal fixo antes da sinatura da resolución de concesión.

Se é seleccionada a empresa ou entidade, deberá presentar copia compulsada da modificación do contrato antes da sinatura da resolución de concesión.

ANEXO IV

Documentación titulados

-Instancia de solicitude: anexo V.

-Fotocopia compulsada DNI ou pasaporte e letra do NIF.

-Terán que cumprir algunha das seguintes condicións:

-Ter veciñanza administrativa en Galicia: acreditarase mediante un certificado de empadroamento.

-Ser natural de Galicia: fotocopia compulsada do D.N.I. ou pasaporte.

-Ser fillo de emigrantes galegos no exterior: fotocopia compulsada do DNI do pai que sexa galego.

-Non estar obrigado a realiza-lo servicio militar ou prestación social substitutoria durante o período de deisfrute da bolsa: xustificarase da seguinte forma:

-Ter realizado o servicio militar: fotocopia compulsada da cartilla militar ou documento pase á reserva.

-Realizando o servicio militar: certificado expedido polo xefe de unidade no que conste a data de remate do servicio militar. A dita data deberá ser anterior ó 30 de decembro de 1996.

-Non ter realizado o servicio militar: fotocopia compulsada do certificado de situación militar, onde conste a exención ou concesión de prórroga que cubra polo menos os 18 meses seguintes desde a finalización do prazo de presentación de solicitudes.

-Ter realizada a prestación social substitutoria: fotocopia compulsada do certificado de situación de reserva emitido polo Ministerio de Xustiza.

-Realizando a prestación social substitutoria: copia compulsada da acta de realización ou certificado conforme se está realizando. En ambos casos deberá consta-la compatibilidade coa bolsa, así como o horario de permanencia no centro onde se estea realizando a prestación .

-Non ter realizada a prestación social substitutoria: certificado de acreditación da condición obxector de conciencia e certificado de concesión de exención ou prórroga que cubra polo menos os 18 meses seguintes á finalización do prazo de presentación de solicitudes.

-Copia compulsada do título ou copia compulsada do resgardo de ter pagadas as taxas para a obtención del.

-Copia compulsada do expediente académico.

-No caso de títulos expedidos por centros estranxeiros será preciso que os acrediten cunha fotocopia compulsada da homologación, ademais da copia compulsada do expediente académico.

-Currículum vitae.

-Declaración xurada de non ter desfrutado dunha bolsa do Igape en convocatorias anteriores.

-Para xustificar puntuación sinalada no baremo de auto-avaliación: certificado que acredite especificamente a realización do proxecto fin de carreira, grao, tese de licenciatura ou o título de doutor.

96-8429