Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 239 Luns, 09 de decembro de 1996 Páx. 11.103

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 13 de novembro de 1996 que modifica a Orde do 24 de xullo de 1996 pola que se convocan axudas á cooperación empresarial.

A execución da Orde do 24 de xullo de 1996 pola que se convocan axudas á cooperación empresarial (DOG nº 155, do 8 de agosto de 1996) puxo de manifesto a conveniencia de modificar algúns aspectos desta coa finalidade de mellora-la súa operatividade. En consecuencia, ó abeiro do artigo 13 do Decreto 309/1995, do 23 de novembro de 1995, (DOG nº 233, do 5 de decembro de 1995),

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícase a Orde do 24 de xullo de 1996 pola que se convocan axudas á cooperación empresarial, que pasará a te-la seguinte redacción nos artigos e anexos que se indican a continuación:

1. Artigo 7º, parágrafo primeiro:

«Poderán subvencionarse os seguintes custos e gastos en que incorra/n o/os solicitante/s a partir da data de presentación da solicitude da axuda e con carácter previo á sinatura do contrato ou acordo de cooperación...».

2. Artigo 8º, parágrafos primeiro, segundo e terceiro:

«A subvención a fondo perdido poderá chegar a cubrir ata o 75% dos custos e gastos nos que se incorra para a suscrición e acordos ou contratos de cooperación que considere incentivables o Igape.

A subvención concedida para cada beneficiario non poderá exceder de dezaseis millóns de pesetas por proxecto presentado.

A porcentaxe subvencionada de custos e gastos aprobada reducirase automaticamente á metade no caso de que o proxecto de cooperación non teña éxito e non se concrete nun acordo definitivo de cooperación».

3. Artigo 9º, apartados 3) e 4):

«3) No caso de persoas xurídicas, certificación dos administradores ou do secretario do Consello de Administración, co visto e prace do presidente, na que figure: a composición actual do consello, o detalle de accionistas con participación superior ó 10%, con indicación do nome ou razón social e da porcentaxe de participación, o número de traballadores actuais, o volume de negocios, o inmobilizado neto e o activo total neto correspondente á data de peche do último exercicio.

4) No caso de solicitudes presentadas por empresas participadas por sociedades en porcentaxe superior ó 25%, certificación das sociedades participantes, emitida por representante con poder bas

tante, na que figure o seu número de traballadores actuais e o volume de negocios, o inmobilizado neto e o activo total neto correspondente á data de peche do último exercicio».

4. Artigo 10º, parágrafo terceiro:

«Igualmente, a resolución establecerá a automática reducción á metade da porcentaxe subvencionada de custos e gastos aprobados nos casos en que, pese a teren acreditada os beneficiarios a realización das accións de cooperación aprobadas, estas non cristalizasen nun acordo formalizado segundo algunha das fórmulas anteditas».

5. Artigo 12º, parágrafo primeiro:

«Para o cobramento da subvención os beneficiarios deberanlle presentar ó Igape, xunto cos documentos que xustifiquen o cumprimento das condicións impostas na resolución individual de concesión, de acordo co exposto no artigo 11º, unha solicitude de cobro segundo modelo que figura como anexo II da presente orde».

6. Anexo I substitúese polo anexo I que se achega.

7. Engádese a continuación do anexo I, o anexo II que se xunta.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 1996.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

9017