Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Venres, 13 de decembro de 1996 Páx. 11.371

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 429/1996, do 29 de novembro, polo que se acorda a adscrición de parte do inmoble sito na rúa dos Irmandiños s/n, de Santiago de Compostela, a favor do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia.

A través do Real decreto 998/1984, do 23 de marzo, sobre valoración definitiva e ampliación de funcións e medios adscritos ós servicios traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de agricultura, foi transferido o inmoble coñecido como centro de inseminación artificial de Santiago, sito na rúa dos Irmandiños s/n, de Santiago de Compostela.

O Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia solicitou a adscrición da parte do dito inmoble que non foi obxecto de afectación secundaria a favor da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, mediante o Decreto 340/1990, do 14 de xuño, ampliada por Decreto 308/1991, do 12 de abril. A Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, que viña ocupando o resto do inmoble, informou favorablemente a adscrición solicitada polo Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia.

De conformidade co disposto nos artigos 13 da Lei 3/1985, do 12 de abril, do Patrimonio da Comu

nidade Autónoma de Galicia, e 18 e seguintes do seu regulamento, aprobado por Decreto 50/1989, do 9 de marzo, poderanse adscribir bens e dereitos demaniais a entidades públicas ou organismos autónomos, dependentes da Comunidade Autónoma, cando non sexan necesarios para o cumprimento dos seus fins, requiríndose, conforme os citados preceptos, decreto do Consello da Xunta de Galicia para realiza-la adscrición.

En virtude do anteriormente exposto, por proposta da Consellería de Economía e Facenda, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintenove de novembro de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Adscríbese ó Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia a parte do inmoble sito na rúa dos Irmandiños s/n, de Santiago de Compostela, que viña ocupando a Consellería de Agricultura Gandería e Montes.

Artigo 2º

O Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia desempeñará as facultades de administración, xestión e conservación da parte do inmoble adscrito.

Artigo 3º

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para dar efectividade ó disposto no presente decreto.

Santiago de Compostela, vintenove de novembro de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda