Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Venres, 13 de decembro de 1996 Páx. 11.381

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 27 de novembro de 1996 pola que se aproba a reordenación do polígono de viveiros denominado A, do distrito marítimo de Vigo, na provincia de Pontevedra.

O polígono de viveiros denominado A, situado no distrito marítimo de Vigo, foi creado por orde do Ministerio de Comercio do 14 de febreiro de 1974 (BOE do 28 de marzo).

O Real decreto 3318/1982, do 24 de xullo, transfírelle á Xunta de Galicia as competencias en materia de marisqueo e acuicultura co carácter de exclusivas, de acordo co artigo 27.15º do Estatuto de autonomía e o 148.1.11 da Constitución. No exercicio destas competencias e en cumprimento do disposto no artigo 1 do Decreto 197/1986, do 12 de xuño, e o artigo 3 do Regulamento para explotación de bateas situadas en zona marítima, aprobado polo Decreto 2559/1961, do 30 de novembro, a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, en virtude da Orde do 17-10-1986 (DOG nº 218), declara de interese marisqueiro e urxente execución a revisión e reordenación do polígono A do distrito marítimo de Vigo.

En consecuencia, unha vez redactado o proxecto e o acordo de reordenación, tramitados conforme co procedemento establecido no Decreto 197/1986, do 12 de xuño, e declarado firme o acordo de reordenación por resolución da Dirección Xeral de Marisqueo e Acuicultura do 19 de outubro de 1995, por proposta da Dirección Xeral de Marisqueo e Acuicultura, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro.-Queda constituído e delimitado o novo polígono A do distrito marítimo de Vigo, que substitúe o antigo A coa capacidade, situación e circunstancias que se indican no anexo desta orde.

Segundo.-As concesións administrativas de viveiros existentes no polígono obxecto de reordenación e pertencentes ós concesionarios recoñecidos nas bases de revisión, mantéñense nas mesmas condicións das súas respectivas ordes de outorgamento, agás no que se refire á cuadrícula ou punto de fondeo, que quedan anuladas pola presente orde e substituídas polas cuadrículas asignadas no acordo de reordenación.

Terceiro.-Os viveiros terán que axustarse ás determinacións do Decreto 406/1996, do 7 de novembro (DOG nº 228, do 21-11), e o prazo da concesión limítase a 30 anos, conforme coa Lei 6/1993, do 11 de maio.

Cuarto.-Os concesionarios de viveiros deberán traslada-los artefactos no prazo máximo de 3 meses, facendo efectiva a toma de posesión das novas cuadrículas. Transcorrido este prazo, a consellería incoará o correspondente expediente da caducidade por aplicación do Decreto 423/1993, do 17 de decembro, ás concesións dos viveiros que non estean no punto asignado no acordo de reordenación.

Quinto.-Os artefactos fondeados no polígono pertencentes a propietarios que non fosen recoñecidos como concesionarios nas bases de revisión e mailos de propietario descoñecido, serán considerados clandestinos, e procederase á súa retirada, en aplicación dos artigos 42 e 44 do Decreto 423/1993, do 17 de decembro.

Sexto.-As peticións de concesión administrativa de viveiros referentes a cuadrículas antes existentes no polígono obxecto de reordenación e que estean en tramitación no momento de entrar en vigor esta orde, quedan desestimadas en aplicación do artigo 24.3º do Decreto 423/1993, do 17 de decembro.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas tódalas disposicións de igual ou inferior categoría que se opoñan ó disposto na presente orde, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, especialmente a Orde do 14 de febreiro de 1974, no relativo ó polígono A do distrito marítimo de Vigo.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 1996.

Juan Caamaño Cebreiro

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura

ANEXO

Polígono A.

Situación xeográfica dos vértices, segundo as coordenadas obtidas da carta nº 9242 da ría e porto de Vigo, publicada polo Instituto Hidrográfico da Mariña.

LatitudeLonxitude

Vértice A42º 15' 58'' N08º 41' 34'' W

Vértice B42º 16' 23'' N08º 40' 49'' W

Vértice C42º 16' 12'' N08º 40' 39'' W

Vértice D42º 15' 47'' N08º 41' 24'' W

Consta de 42 puntos de fondeo ou cuadrículas, das cales se ocupan 32 con viveiros procedentes do antigo polígono A.