Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 244 Luns, 16 de decembro de 1996 Páx. 11.449

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

ORDE do 5 de decembro de 1996 pola que se establecen axudas para viaxes colectivas de interese agrario.

A realización de viaxes de interese agrario permite contribuír a ampliar coñecementos e experiencias levadas a cabo noutros ámbitos xeográficos, mediante a posta en práctica na Comunidade Autónoma de Galicia de técnicas, equipos e métodos de traballo cos que se pode conseguir unha maior rendibilidade das explotacións, así como influír na innovación empresarial e tecnolóxica. Para facilitar estas actividades é necesario que a Administración sume ó seu esforzo o das diversas persoas ou colectivos do sector agrario, agroalimentario ou forestal.

En consecuencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Co fin de fomenta-las viaxes e visitas colectivas de grupos de agricultores e organizacións de agricultores legalmente constituídas, establécese unha liña de axudas regulada pola presente orde.

Artigo 2º

As axudas poderán chegar ata o 30% dos gastos da viaxe, concedéndose exclusivamente para gastos de desprazamento e de aloxamento, sen inclui-los gastos de alimentación.

En calquera caso, a subvención nunca excederá das 40.000 ptas. por persoa.

Artigo 3º

Para efectos de solicitude e pagamento, o grupo de agricultores interesados deberá designar unha comisión organizadora da viaxe. Esta comisión terá, como mínimo, tres membros, sendo un deles presidente e outro tesoureiro.

Artigo 4º

Poderán solicitar estas axudas as agrupacións de agricultores e as organizacións profesionais legalmente constituídas, sempre que teñan relación cos sectores que conforman o noso sistema agroalimentario e forestal.

1. As solicitudes serán dirixidas ó conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes, e presentaranse, ben directamente na Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, edificios administrativos de San Caetano, Santiago de Compostela, ou ben nalgunha das súas unidades periféricas.

2. A solicitude presentarase segundo modelo E debidamente cuberta, irá asinada polo presidente da comisión e a ela xuntarase a seguinte documentación:

-Datas e programa da viaxe.

-Breve memoria dos seus obxectivos.

-Relación de agricultores que se prevexa que van participar nela.

-Composición da comisión organizadora.

-Xustificante bancario de apertura dunha conta específica a nome da comisión organizadora, para efectua-lo pagamento.

-Orzamento da viaxe e o seu financiamento.

3. As solicitudes presentaranse cun mínimo de 15 días de antelación á viaxe. En calquera caso, non se admitirán solicitudes con data posterior ó 30 de xuño.

Artigo 5º

A Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, unha vez rematado o prazo de presentación de instancias, comunicará ós beneficiarios a concesión da axuda e a súa contía en función da documentación presentada, quedando supeditado o pagamento e a súa contía á xustificación.

Para a aprobación de solicitudes, consideraranse preferentes:

1. As viaxes promovidas por organizacións profesionais legalmente constituídas, en relación a grupos de agricultores creados para o efecto.

2. As viaxes promovidas por organizacións profesionais que veñan realizando actividades formativas consideradas de alto nivel pola Administración.

3. As viaxes promovidas por organizacións profesionais galegas en réxime de correspondencia con outras organizacións semellantes doutras rexións da Unión Europea, de terceiros países e incluso doutras rexións españolas.

Artigo 6º

1. As axudas económicas establecidas na presente orde imputaranse á aplicación orzamentaria 09.01.611A.481.0 «Axudas a estudios e traballos en temas agrarios» dos presupostos xerais da Comunidade Autónoma galega para 1997, por un importe máximo de 2.500.000 ptas. O pagamento da subvención farase unha vez realizada a viaxe e presentados os xustificantes oportunos (facturas orixinais debidamente conformadas).

A non presentación nun prazo máximo de 15 días a partir do remate da viaxe dos ditos xustificantes, suporá a perda da subvención aprobada.

Non se atenderán viaxes realizadas con posterioridade ó 31 de outubro.

2. A contía definitiva de axuda determinarase en función das xustificacións presentadas mediante facturas, nas que aparecerán perfectamente desagregados os gastos de aloxamento, manutención, desprazamento e medio de transporte utilizado.

A cantidade xustificada será como mínimo o triple do importe da subvención concedida, pois, en caso contrario, practicarase a reducción proporcional correspondente.

A concesión e/ou percepción desta axuda polo beneficiario é incompatible con calquera outra concedida pola Administración autonómica para a mesma finalidade.

Así mesmo, nas facturas deberán consta-los lugares e datas da viaxe e o número de persoas que a realizaron.

Disposición adicional

A adxudicación definitiva das axudas queda condicionada á aprobación dos presupostos xerais da Comunidade Autónoma para 1997, e á consignación neles de crédito suficiente na aplicación 09.01.611A.481.0.

Disposición derradeira

Facúltase o secretario xeral para dicta-las resolucións precisas para o cumprimento da presente orde, que entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 1996.

Tomás Pérez Vidal

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes

9213