Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 1 Xoves, 02 de xaneiro de 1997 Páx. 6

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 445/1996, do 13 de decembro, polo que se crea o conservatorio de música de grao profesional na cidade de Ferrol, e polo que se suprime o conservatorio de música non estatal de grao medio dependente do Concello de Ferrol, creado polo Decreto 284/1990.

O Estatuto de autonomía para Galicia establece, no seu artigo 31, a competencia plena desta comunidade para o regulamento e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades; e no seu artigo 27 dispón a súa competencia exclusiva en materia de conservatorios de música.

Pola súa parte, o Real decreto 389/1992 determina os requisitos mínimos dos centros para imparti-las ensinanzas artísticas regradas no capítulo primeiro, do título II, da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo; e no Decreto 346/1996, do 13 de setembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, disponse no seu artigo 1 que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia ó que lle corresponden as competencias e funcións en materia de planificación, regulación e administración do ensino regrado, en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades.

Finalmente, tendo en conta senllos acordos plenarios do Concello de Ferrol con data 27 de setembro de 1996.

Por todo iso, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día trece de decembro de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Créase o conservatorio de música de grao profesional na cidade de Ferrol, con capacidade para 260 postos escolares e no que se impartirán as ensinanzas correspondentes ós graos elemental e medio; ten como situación provisional o colexio Juan de Lángara, de Ferrol.

Artigo 2º.-Suprímese o conservatorio de música non estatal de grao medio dependente do Concello de Ferrol, constituído polo Decreto 284/1990, do 27 de abril, quedando revogada-la autorización para impartir tal ensino no citado conservatorio.

Artigo 3º.-A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria queda facultada para adopta-las medidas necesarias para o cumprimento do anteriormente sinalado, e determinará os cadros de persoal docente, administrativo e subalterno necesarios para o eficaz desenvolvemento das actividades docentes no conservatorio que esta disposición crea.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 284/1990, do 27 de abril, polo que se crea o conservatorio de música non estatal de grao medio dependente do Concello de Ferrol.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trece de decembro de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

9582