Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 47 Luns, 10 de marzo de 1997 Páx. 2.125

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA E COMUNICACIÓN SOCIAL

ORDE do 20 de febreiro de 1997 pola que se recoñece de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego a Fundación Xosé Neira Vilas.

Visto o expediente de recoñecemento de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións de

Interese Galego da Fundación Xosé Neira Vilas, con domicilio en Gres, Vila de Cruces, Pontevedra.

Supostos de feito:

Primeiro.-Xosé Neira Vilas na súa calidade de presidente do padroado da fundación, en escrito de tres de xaneiro de 1997, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Segundo.-A fundación constitúese en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela, o día vintesete de maio de 1993, ante o notario do Colexio da Coruña Juan José Ecenarro y Anzorandia, co número mil catrocentos corenta e dous bis do seu protocolo e corrixida por outra posterior outorgada en Santiago de Compostela, o día vintetrés de decembro de mil novecentos noventa e seis, ante o notario do Colexio da Coruña, José Antonio Montero Pardo, co número dous mil trescentos trece do seu protocolo, outorgada polo conselleiro de Cultura e Comunicación Social da Xunta de Galicia, o presidente da Deputación Provincial de Pontevedra, o director xeral do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Comunicación Social da Xunta de Galicia, o alcalde-presidente do Concello de Vila de Cruces, o presidente da Asociación de Veciños da Parroquia de Gres, o presidente da Comisión de Cultura da Deputación Provincial de Pontevedra, os cónxuxes José Santiago Neira Vilas e Anisia Miranda

Fernández, Isaac Díaz Pardo, Cesáreo Sánchez Iglesias e Álvaro Rodríguez Carballo, intervindo o primeiro en nome e representación da Xunta de Galicia, o segundo en nome e representación da Deputación Provincial de Pontevedra, o terceiro, no exercicio do seu cargo, o cuarto en nome e representación do Concello de Vila de Cruces, o quinto en nome e representación da Asociación de Veciños de Gres, o sexto en representación da Comisión de Cultura da Deputación Provincial de Pontevedra e os demais comparecentes interveñen no seu propio nome e dereito, e José Santiago Neira Vilas, ademais, en representación de Jesús Neira Vilas e Daniel Barata Quintas.

Terceiro.-A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública a proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Xosé Neira Vilas, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1 e 2 do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura e Comunicación Social.

Cuarto.-Á vista da proposta da comisión de secretarios xerais, pola orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública, do 22 de xaneiro de 1997 (DOG do 28 de xaneiro) clasificouse como de interese cultural a Fundación Xosé Neira Vilas, tendo en conta o disposto no artigo 32.3.a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego.

Quinto.-Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, o obxecto da fundación é, entre outros, promover e divulga-la cultura galega nos seus máis diversos aspectos, en tódalas facetas da cultura universal que incidan no patrimonio cultural de Galicia.

Sexto.-Na escritura pública pola que se constitúe a fundación constan, entre outros, os seguintes puntos: acreditación da personalidade dos fundadores, dotación inicial da fundación, estatutos nos que consta a denominación da fundación como Fundación Xosé Neira Vilas, capacidade xurídica, enderezo e obxecto.

O padroado da fundación estará constituído polas persoas indicadas no artigo 11 dos estatutos da fundación.

Fundamentos de dereito:

Primeiro.-O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei e o artigo 27. 26 do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo.- Conforme o artigo 32.3 a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, así como o artigo 1 do Decreto 12/1990, é competencia desta consellería a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Neira Vilas, dado o seu obxecto, coincidente coas competencias desenvolvidas pola Consellería de Cultura e Comunicación Social, asumindo as funcións que en canto a protectorado lle corresponden á Xunta de Galicia.

Terceiro.-Ó abeiro do disposto no artigo 7.5 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, á realización da finalidade fundacional débense destinar, cando menos, o oitenta por cento das rendas que obteña a fundación e dos outros ingresos que non formen parte da súa dotación.

Cuarto.-A Lei 11/1991, do 8 de novembro, dá nova redacción ó artigo 21. 2 da Lei 7/1983, establecendo a obriga de, por unha banda, formular e presenta-lo orzamento de ingresos e gastos ó protectorado con anterioridade ó inicio do exercicio económico e, por outra, a de efectuar un inventario-balance, pechado na data da finalización do exercicio, unha memoria das actividades realizadas ó longo do ano e de xestión económica do patrimonio, así como a liquidación do orzamento de ingresos e gastos do ano anterior, que deberán presentarse ó protectorado no prazo de seis meses desde a data do peche do exercicio.

Este conxunto de obrigas débense entender asumidas pola fundación, aínda que non se recollan expresamente nos seus estatutos.

Quinto.-Á vista do exposto pódense entender substancialmente cumpridos os requisitos legais e regulamentarios para a declaración de interese galego e a súa inscrición no Rexistro de Fundacións da Sección de Fundacións da Consellería de Cultura e Comunicación Social segundo se desprende dos artigos 5, 6, 7, 8, 11.1 e 18 da Lei 7/1983, en relación cos artigos 2, 3, 4, 5 e 33 do Decreto 248/1992.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Primeiro.-Recoñecer e declarar de interese galego a Fundación Xosé Neira Vilas.

Segundo.-Ordena-la súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, Sección de Fundacións da Consellería de Cultura e Comunicación Social.

Terceiro.-Aproba-los seus estatutos e a formación do seu órgano de goberno.

Cuarto.-A dita fundación queda sometida ó disposto no resto da normativa de xeral aplicación, en especial á obriga de da-la publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servicios, quedando obrigada a rende-las contas anualmente ó protectorado e a xustificar, a través dunha memoria anual, o cumprimento das cargas fundacionais, así como a presenta-lo proxecto de orzamento antes do último mes do exercicio económico anterior a aquel para o que se formula, debendo solicita-las preceptivas autorizacións do protectorado cando sexan necesarias.

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 1997.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura e Comunicación Social

1629