Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Martes, 25 de marzo de 1997 Páx. 2.722

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DE BUEU

BASES para a provisión dunha praza de oficial albanel, grupo D persoal funcionario vacante correspondente á oferta de emprego público do ano 1996 polo sistema de promoción interna.

Primeira.-Obxecto da convocatoria.

A provisión en propiedade dunha praza de oficial de albanel polo sistema de promoción interna contida na oferta de emprego público de 1996 enmarcada no grupo D escala de Administración especial, subescala de servicios especiais, persoal de oficios, reservadas a funcionarios de carreira.

Segunda.-Sistema de selección.

Establécese como procedemento de selección o concurso-oposición entre funcionarios de carreira do concello pertencentes ó grupo E.

Terceira.-Publicidade das bases e convocatoria.

As bases específicas das probas selectivas así como as correspondentes convocatorias publicaranse no BOP, Diario Oficial de Galicia e no taboleiro de edictos da Casa do Concello, debendo efectuarse anuncio das convocatorias no Boletín Oficial del

Estado computándose o prazo para a presentación de solicitudes a partir da publicación no BOE.

Cuarta.-Admisión de aspirantes.

Rematado o prazo de presentación de solicitudes, publicarase no BOP, e exporase no taboleiro de anuncios da Casa do Concello, no prazo dun mes, resolución pola que se aproba a lista de admitidos e excluídos. Na devandita resolución indicarase o lugar e data de realización do primeiro exercicio, designación do tribunal, así como a relación de aspirantes excluídos, con expresión das causas e prazo de corrección de defectos. Para corrixi-lo defecto que motivara a súa exclusión das relacións de admitidos e excluídos, os aspirantes disporán dun prazo de dez días naturais, contados a partir do seguinte ó da publicación da citada resolución.

Os aspirantes que dentro do prazo sinalado non corrixan a exclusión ou aleguen a omisión, xustificando o seu dereito a ser incluídos na relación de admitidos, serán definitivamente excluídos da realización das probas.

Finalizado o prazo dos vinte días naturais fixado para a presentación de solicitudes, a alcaldía dictará resolución que aprobe a lista de aspirantes admitidos e excluídos con especificación, se é o caso, dos motivos de exclusión, designando o tribunal cualificador e fixando a data e lugar para a celebración das probas selectivas de cada praza.

A lista de admitidos e excluídos maila composición do tribunal cualificador así como o sinalamento da data para a celebración das probas publicaranse no BOP e no taboleiro de anuncios da Casa do Concello.

Quinta.-Sistema de selección.

En canto ó sistema de selección será o de concurso-oposición, debendo os aspirantes presentar xunto coa solicitude a documentación acreditativa dos méritos alegados, en todo caso, antes de finalización do prazo sinalado para a admisión de instancias.

No suposto de que os méritos que se pretendan alegar procedan doutras administracións e non se puidesen presentar no prazo de solicitude, xuntarase copia compulsada da súa solicitude así como declaración na que se compromete a presentalos antes da data sinalada para a celebración do concurso. En todo caso, o tribunal non procederá á valoración daqueles que non estivesen xustificados con anterioridade á data da convocatoria da reunión para tal fin.

Sexta.-Presentación de solicitudes.

As solicitudes para participar nas probas selectivas convocadas dirixiranse ó alcalde-presidente do Concello de Bueu xuntando fotocopia do DNI e, se é o caso, a documentación acreditativa dos méritos alegados, axustándose ás seguintes normas:

a) O prazo de presentación de solicitudes será de vinte días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial del Estado.

b) A presentación de solicitudes poderá facerse no rexistro xeral do Concello de Bueu ou en calquera das formas establecidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sétima.-Condicións dos aspirantes.

a) Ser funcionario de carreira do Concello de Bueu en situación de servicio activo, pertencente á escala de Administración especial, grupo E, debendo contar con polo menos dous anos de servicios ininterrompidos no concello na referida subescala.

b) Estar en posesión do título de graduado escolar ou primeiro curso de formación profeisonal de primeiro grao ou equivalente.

Tódolos anteriores requisitos deberán posuírse no momento de finaliza-lo prazo de presentación de solicitudes.

Oitava.-Fase de concurso: baremo para puntuación de méritos.

A fase de concurso maila súa valoración é previa á fase de oposición.

-Por cursos relacionados coa área de xardinería, fontanería, albanelería e carpintería impartidos ó abeiro de organismos públicos oficiais: 0,5 puntos ata un máximo de 2 puntos.

-Experiencia no desempeño de traballos correspondentes á praza convocada ou de grupo superior por un tempo non inferior a seis meses no seu cómputo total: 1 punto.

-Por te-lo permiso de conducción clase C-1: 2 puntos.

Novena.-Fase de oposición.

Esta fase constará dun único exercicio teórico-práctico, dividido nas seguintes partes:

-Unha primeira parte escrita que consistirá en responder a un cuestionario test que versará sobre as materiais do programa anexo durante un máximo de quince minutos.

-Unha segunda parte de carácter práctico que consistirá na realización dun traballo manual en relación cos servicios municipais tendente a acredita-los coñecementos dos aspirantes maila súa formación profesional en relación coas tarefas propias da praza convocada.

Esta fase terá carácter eliminatorio, puntuándose o exercicio globalmente de 0 a 10 puntos sendo preciso acadar un mínimo de 5 puntos para supera-la fase de oposición.

Programa anexo.

1. O servicio municipal de vías e obras: medios humanos e materiais. A súa organización.

2. Dereitos e deberes dos funcionarios. Incompatibilidades.

3. Cometidos propios da brigada municipal de obras e distribución do traballo.

4. Sumidoiros. Conceptos e tipos.

5. Rede de augas fecais. Unidades de obra que comprende.

6. Rede de augas pluviais. Unidades que comprende.

7. Forma de execución para instalación de tubos de rede de sumidoiro.

8. Esquema xeral para instalación de servicios dunha beirarrúa (augas, sumidoiros, electricidade, teléfono...).

9. Avarías máis correntes en redes de saneamento e medidas para a súa corrección.

10. Tipos de fábricas de ladrillo. Materiais e formas de execución.

11. Encofrados, entubacións e apeos.

12. Organización municipal: órganos básicos, alcalde, comisión de goberno, pleno.

13. Organización complementaria municipal.

14. Organización administrativa do concello: secretaría, intervención, tesourería, servicios especiais.

15. O servicio municipal de augas: a rede de conducción de augas, conservación.

16. O servicio municipal de augas: apertura de gabias para instalación de redes de distribución: conexións e formas de realización.

17. Arquetas e pozos de rexistro. Tipos de construcción e necesidades de instalación.

18. Danos e perdas na rede viaria urbana: tipoloxía xeral. Medidas para o seu arranxo.

19. Danos e perdas nas instalacións municipais. Tipoloxía xeral. Medidas para o seu arranxo.

20. Ferramentas axeitadas para os traballos de albanelería e a súa utilización.

Puntuación final: a puntuación do proceso selectivo será o resultado de suma-la puntuación da fase de concurso coa media aritmética da fase de oposición. Será proposto para a praza convocada o aspirante que acade a maior puntuación.

Décima.-Tribunal.

Os méritos estarán xulgados por un tribunal integrado por membros con igual ou superior titulación á das prazas convocadas e estará integrado polos seguintes membros:

Presidente: o da corporación ou concelleiro en quen delegue.

Secretario: o da corporación ou funcionario en quen delegue.

Vocais:

-O concelleiro delegado de persoal ou concelleiro en quen delegue.

-Un funcionario da área de servicios especiais con titulación e especialización superior ou igual á praza convocada que será designado polo alcalde.

-O arquitecto técnico municipal do concello.

-Un representante da Administración autonómica.

Así mesmo, poderá ser convocado un representante-delegado de persoal do concello con voz, pero sen voto.

Décimo primeira.-Lista de aprobados, presentación de documentos e nomeamento.

O tribunal fará pública no lugar da celebración do último exercicio a relación de aprobados por ode de puntuación e proporá o nomeamento daquel que acade maior puntuación.

O aspirante proposto aportará ante a secretaría da corporación dentro dos vinte días naturais seguintes os documentos acreditativos das condicións e requisitos esixidos na base segunda tralos cales será nomeado e deberá tomar posesión do posto de traballo dentro dos trinta días hábiles contados partir da notificación do nomeamento.

Décimo segunda.-Incidencias.

A convocatoria e mailas súas bases e cantos actos administrativos se deriven desta e da actuación do tribunal poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma prevista na Lei de procedemento administrativo.

O tribunal queda autorizado para resolver cantas dúbidas se presenten e toma-los acordos necesarios para a boa orde do concurso-oposición e todo o non previsto nestas bases.

Bueu, 10 de febreiro de 1997.

Xosé Novas Piñeiro

Alcalde-presidente

1346