Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Xoves, 08 de maio de 1997 Páx. 4.346

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA E COMUNICACIÓN SOCIAL

DECRETO 104/1997, do 17 de abril, polo que se declara ben de interese cultural con categoría de monumento a Torre dos Moreno, no concello de Ribadeo, provincia de Lugo.

A Dirección Xeral de Patrimonio Histórico e Documental, por Resolución do 7 de agosto de 1995 (DOG do 21 de setembro) incoou expediente de declaración de ben de interese cultural con categoría de monumento, a favor da Torre dos Moreno, no concello de Ribadeo, provincia de Lugo.

A tramitación do expediente levouse a cabo de acordo co establecido na Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia (DOG do 8 de novembro), e demais disposicións vixentes.

Tendo en conta o disposto no artigo 12 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, por proposta do conselleiro de Cultura e Comunicación Social e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia e na súa reunión do día dezasete de abril de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Primeiro.-Declarar ben de interese cultural con categoría de monumento a Torre dos Moreno, no concello de Ribadeo, provincia de Lugo.

Segundo.-A zona afectada pola declaración é a comprendida na delimitación que consta no anexo I e no plano do anexo II.

Terceiro.-O presente decreto seralles notificado ós interesados, ó concello, ó Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural do Estado, e ó Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia.

Cuarto.-O presente decreto publicarase no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezasete de abril de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura e Comunicación Social

ANEXO I

«Comeza a liña no punto 1, situado na traseira do edificio nº 15 da rúa Amando Pérez Martínez, na medianeira co nº 17 e continúa polas traseiras dos edificios desde o nº 13 ata o nº 1 da mesma rúa.

Segue polas traseiras dos edificios da praza de España, desde o nº 19 ata saír á rúa Villafranca do Bierzo, onde se sitúa o punto 2. Desde aquí avanza pola diagonal da praza de España para enlazar coa rúa Clemente Martínez Pasarón e situa-lo punto 3 no vértice do convento de Santa Clara.

Xira en dirección nordés e segue pola liña de fachada do convento ata o punto 4, situado na traseira do edificio nº 8 da rúa Buenos Aires, xunto a medianeira co edificio nº 6. Rodea o edificio nº 8 ata saír á rúa Buenos Aires, onde se atopa o punto 5.

Atravesa a rúa Buenos Aires e segue pola Rúa Nova uns 45 m ata o punto 6 onde a liña xira en dirección noroeste para seguir polas traseiras das parcelas dos edificios da rúa Buenos Aires e do nº 1 da praza de España ata o punto 7.

No punto 7 a liña xira ó leste e polo linde da gardería infantil sae á rúa Ibáñez onde se sitúa o punto 8. Logo, pola medianeira dos edificios nº 11 e 13 da rúa Ibáñez atravesa o cuarteirón e sae á rúa Trinidade a través da medianeira dos edificios nº 8 e 10 da dita rúa, onde se atopa o punto 9.

Desde aquí a liña segue pola travesía da Paz cruzando a rúa Amando Pérez Martínez ata pecha-la delimitación no punto 1».

97-3394